Xesús Ferro Couselo

As Letras Galegas e Xesús Ferro Couselo.

As Letras Galegas e Don Xesús Ferro Couselo

Xesús Ferro Couselo
Xesús Ferro Couselo
Ata este ano, as persoas honradas nese día foran fundamentalmente escritores, pero con Ferro Couselo rachouse a tradición, pois este home, natural de Cordeiro-Valga (Pontevedra), foi sobre todo un historiador que dedicou a súa vida intelectual a recupera-lo pasado da cidade e da provincia na que se asentou, Ourense. Esta cidade foi tamén a receptora da maioría das súas grandes creacións, entre elas a organización do Museo Arqueolóxico Provincial (1953), a Agrupación Cultural Auriense (1967) e o Boletín Auriense (1971).
A súa producción en lingua galega é cativa. Dos 121 traballos que compoñen a súa bibliografía hai 5 escritos en portugués e 14 en lingua galega; os restantes están redactados en castelán. Entre os escritos en galego sobresaen "O Xénesis e as primeiras dispersións dos pobos" (1931-32), "Grandeza e fin da case e torre de Marceo" (1952), "O deus de Bandúa da Veiga" (1957), "O Magosto do Señor San Martiño" (1967), etc.

A súa producción en lingua galega é cativa. Dos 121 traballos que compoñen a súa bibliografía hai 5 escritos en portugués e 14 en lingua galega; os restantes están redactados en castelán. Entre os escritos en galego sobresaen "O Xénesis e as primeiras dispersións dos pobos" (1931-32), "Grandeza e fin da case e torre de Marceo" (1952), "O deus de Bandúa da Veiga" (1957), "O Magosto do Señor San Martiño" (1967), etc.

Na extensa obra de Ferro Couselo salientan dous traballos dedicados á lingua galega. O máis importante deles foi a publicación no 1967 dos dous volumes de "A vida e a fala dos devanceiros". Trátase da edición dun total de 604 documentos escritos en galego entre os séculos XIII e XV nas terras ourensás. Segundo consta na nota introductoria do primeiro volume a intención inicial que perseguía o autor era "abrir un roteiro para dar a coñecer os máis importantes documentos en galego que se gardan nos arquivos. Escomenzamos polos das terras de Ourense, porque foron os que mais á man tivemos. Esperamos que a serie haberá de continuarse polas terras de Santiago, Tui, Lugo e Mondoñedo. Custión de tempo, vagar e folgos". O tempo, o vagar e os folgos fallaron porque a edición de textos doutros lugares diferentes de Ourense non se chegou a producir, como tampouco se realizou un terceiro volume que o autor pensaba realizar.

Con anterioridade á publicación desta obra, no 1958, Fero Couselo editara un traballo que tiña como obxecto de estudio o galego, o artigo "Cómo e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego". Nas escasas tres páxinas deste estudio aparecen tres informacións básicas para a correcta análise da historia externa do idioma. A primeira fai referencia ós ámbitos de uso do galego durante a Idade Media, tanto nas súas manifestacións orais -"o galego entón é a fala dos vasalos e dos señores, dos cregos e dos labregos e óucese o mesmo nos concellos que nas eirexas, misturado co latín nas prédicas e cerimonias"-, coma na súa presencia no nivel escrito -"os nosos escribanos encheron cunha fala a veces requintada os formularios de Dereito. E hastra poderíamos traguer exempros nos que a Santa Tioloxía, con verbas outas e sinxelas, desce a encamiñar a 'postrumeira voontade' de quen no intre derradeiro sospira a un tempo polo que deixa e polo que espera". A segunda das informacións importantes é a relativa a como o castelán se foi introducindo na vida galega medieval e cal foi a cronoloxía desa introducción. Na súa opinión, a chegada ó poder no 1369 da casa de Trastámara, con Henrique II, tivo como consecuencia inmediata que en Galicia se producise unha chegada masiva de estranxeiros que ocuparon postos de poder e que influíron dun xeito notable na castelanización da nosa lingua. O outro momento que Ferro considera fundamental para o afianzamento do castelán en Galicia é a época dos Reis Católicos que potenciaron o envío ó antigo reino de castelanfalantes que condicionaron coa súa escolla lingüística e co seu poder os galegofalantes, que se viron obrigados a usa-lo castelán nas súas relacións cos foráneos.

A terceira das informacións contidas neste artigo, se cadra a máis importante de todas, sérvelle ó historiador de Cordeiro para nega-lo argumento, moi espallado entre os autores que se ocuparon da historia externa do galego dende o Rexurdimento, de que os Reis Católicos dictaran unha pragmática en contra do galego. As súas investigacións permítenlle ser contundente ó respecto: "afellas que non se atopa por ningures". Despois desta negación, o autor comenta a existencia dunha "lei dada en 1480, a petición dos procuradores das Cortes de Toledo, pola que se manda que de entón en diante non se dea tídoo de escribano sin ensame e sin licencia do Real Consello. Destoncias os escribanos de Galicia tiveron que deixar os seus formularios pra adeprender os alleos".

A parte das obras citadas, Ferro Couselo contribuíu á difusión da cultura e da lingua galega a través doutros medios. Neste sentido cómpre lembrar que participou na creación da primeira editorial que se creou en Galicia para editar libros en galego despois da guerra civil, a editorial Galaxia, que dictou nas décadas dos 60 e 70 algunhas conferencias en lingua galega, que foi profesor, xunto con Blanco-Amor, dos primeiros cursos de galego que se impartiron en Ourense durante a dictadura e que promoveu, xunto con outros galeguistas cristiáns, no ano 1968, a celebración de misas en galego na capela do Santo Cristo de Ourense.

En definitiva, Ferro Couselo, non posúe obra escrita para te-la consideración de mestre das letras galegas, pero si posúe unha biografía que o fai acredor dunha homenaxe da cultura galega.

 

Xesús Ferro Couselo
Distribuir contido