Visita ao centro loxístico de PULL&BEAR

O pasado venres 3 de febreiro, o alumnado do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais visitou o centro loxístico da empresa téxtil Pull&Bear, pertencente ó grupo Inditex, situado no Polígono industrial Rio do Pozo de Narón.

Nun percorrido de cerca de catro  horas, guiado de xeito moi ameno por Marta e Laura, tivemos a oportunidade de coñecer as particularidades e requirimentos loxísticos dunha actividade comercial permanentemente conectada coas máis  de 900 tendas que a firma ten en todo o  mundo.

Comezamos a visita na área de aprovisionamento, recepción e expedición de mercancías, nave completamente robotizada e dotada de alta tecnoloxía. Continuamos polas oficinas centrais, ubicadas nunha moderna e ecoeficiente edificación, que alberga as áreas de administración, deseño e patronaxe, marketing e comunicación. Tamén visitamos a tenda piloto onde se determinan as implatacións de produtos, departamento de e-commerce e plató de fotografía e gravación. 

A actividade foi moi aproveitada polo alumnado que tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento dunha das maiores empresas galegas, con gran presenza internacional.