Xornada de portas abertas para as familias interesadas en coñecer o centro

O mércores 15 de Marzo, a partir das 16:30, as familias que o desexen poderán achegarse ao noso instituto para coñecelo máis de preto. O equipo directivo informaralle das características do centro e da oferta educativa (ofrecemos catro modalidades de bacharelato); poderán ver as instalacións e plantexar todas aquelas dúbidas que poidan ter de cara a unha posible solicitude de praza (o prazo está aberto ata o 20 de marzo).

Visita a Padrón do alumnado de 1º de Bacharelato

   O pasado martes 28 de febreiro o alumnado de 1º de bacharelato realizou unha saída didáctica cos departamentos de LLG e de Bioloxía. Puideron visitar a Casa Museo de Rosalía Castro, onde recibiron unha breve explicación e realizaron unha visita guiada e lectura de textos. Tamén fixeron unha visita ao Xardín Botánico situado dentro da alameda padronesa. Este punto de conservación de especies particulares vén de recibir a cualificación de Destino Observer pola súa riqueza como patrimonio científico e cultural.

Gañadores do X concurso de micropoemas e microrrelatos.

O xurado do X concurso de micropoemas e microrrelatos dos centros educativos da Estrada, Dinamizaestrada, vén de outorgar os seguintes premios a alumnos/as do noso centro:

  •   MICROPOEMAS: Noa Rico Serantes (1ºESO), Iago Durán Castro (3ºESO) e Soledad Zixia Chedas Ferrín (1ºBach).
  •   MICRORRELATOS: Estela Riera Vázquez (2ºESO), Elías Pérez Rodrigo (4ºESO) e Soledad Zixía Chedas Ferrín (1ºBach).
Parabéns  polo traballo e os premios logrados!.

Alumn@s do MGB na Masterclass Europea de Física de Partículas

   Os alumnos de 2º Bacharelato-A do noso centro:  Carlota Brea Martínez, Miguel Ángel Gómez Rey e Manuel Míguez Sangiao  participarán o venres 3 de marzo na MASTERCLASS EUROPEA de FÍSICA (“Física de Partículas coas mans”), organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.

   É unha xornada na que profesores do Dpto. de Física de Partículas da Facultade de Física da USC, en colaboración co CERN, tentarán achegar o mundo das partículas elementais a estudantes de último curso de Bacharelato.

   Os detalles da xornada poden consultarse facendo clic na imaxe.

Homenaxe a Rosalía de Castro

   O xoves 23 de febreiro (186 aniversario do seu nacemento) celebrouse a homenaxe a Rosalía de Castro no Teatro Principal.
   Como vén sendo habitual, neste acto participou alumnado representante de todos os centros da Estrada recitando poemas da escritora. Por parte do noso instituto colaboraron Noa de Oliveira e Manuel Verde (ambos de 2º ESO), que realizaron un magnífico labor. 
Parabéns aos dous polo seu esforzo e polo seu bo facer.

Campionato Provincial XOGADE de Campo a Través en Vigo

   O alumnado clasificado na fase zonal da proba de campo a través do XOGADE tivo a oportunidade de participar, o pasado domingo 12 de febreiro, na fase provincial en Vigo.

   Na categoría cadete asistiron Noa de Oliveira, Noa Ortega e Manuel Souto, e na categoría infantil Lidia Calviño e Carla Pintor, estas dúas últimas clasificadas para o Campionato Galego Escolar que se disputará o vindeiro 4 de marzo na Pobra do Caramiñal.

   Parabéns a todos pola súa participación e agradecer o esforzo das familias para que o alumnado puidese partipar neste evento.

11 de Febreiro, día internacional da nena e a muller na ciencia

   O mércores 8 de Febreiro, o noso alumnado máis científico de 2º Bacharelato e 4º ESO, participou na III Edición de CONÓCELAS. Este ano contamos coas científicas-

divulgadoras Aurora Gómez (xefa de grupo no CIMUS), Cristina de Jesús (investigadora no CIB) e Cristina Cardona (doctoranda no CIB), que nos explicaron as

súas motivacións para loitar contra o cancro e orientarnos na decisión de continuar os nosos estudos.

Grazas ASEICA polo voso esforzo en mellorar a sociedade.

Viaxe a Santiago EASD Mestre Mateo, Expos IMAXINARIA e Sempre Máis

   O Martes 7 de Febreiro, o alumnado de Artes do IES participou en Santiago nas seguintes actividades:

  • Visita guiada á Escola de Artes e Deseño Mestre Mateo. 
  • Visita a dúas exposicións que había na cidade: a primeira foi a Exposición "Imaxinaria" IV Mostra internacional de Ilustración Contemporánea na sede de ABANCA na rúa do Vilar, e a seguinte a de Sempre Máis co gallo do 20 aniversario do afundimento do Prestige.

Viaxe á estación de esquí Valgrande-Pajares do alumnado de 3ºESO.

   Despois duns anos nos que non puidemos facer viaxes á neve, por mor das restriccións para a prevención da COVID-19, neste ano 2023 retomamos estas viaxes para iniciar ao alumnado na práctica de deportes de neve.
   O alumnado de 3º da ESO puido disfrutar de 3 días na Estación Invernal de Valgrande-Pajares, aloxados ao pé da pista e aproveitando ao máximo a neve, que neste caso non faltou.
   As condicións climatolóxicas non foron as mellores, tendo dous días a zona alta da estación pechada, pero a actitude positiva e as gañas de aprender do noso alumnado fixo que a experiencia resultase excelente.
   Gustaríanos trasmitir os nosos parabéns aos participantes e as súas familias pola colaboración e por ter participado nesta actividade organizada polo departamento de educación física do IES.

A ODISEA 2023 DO MGB: "A auga en Grecia e Roma"

   Un ano máis non fomos quen de chegar ao desempate, pero no MGB tamén temos campións. Hoxe 2 de Febreiro, no 2º recreo, tivemos a entrega de premios de Odisea na MeGaBiblio.

Estes foron os equipos e alumnos premiados:

1º PREMIO - HISPANIA REGNAT - 4ºESOA/B

  • GARCÍA SECO, RODRIGO
  • FERREIRO LEMOS, ANDREA
  • FERNÁNDEZ LOUZAO, MATEO

2º PREMIO - OS LADRÓNS DE COBRE - 2ºBAC-C

  • VIGO LÓPEZ, SAMUEL
  • IGLESIAS CARRAZÓN, ADRIÁN

3º PREMIO - PANATENEAS - 2ºBAC-C

  • MONTERO RAMOS, ARACELI
  • ESPIÑO MÍGUEZ, LAURA

FOLIADA INTERCENTROS 22/12/2022

   O 22 de decembro o alumnado de 1ºESO participou nunha foliada organizada polo concello onde puideron disfrutar de música tradicional galega tocada por alumnado dos tres institutos de A Estrada e poñer en práctica os pasos de baile aprendidos nas clases de EF. O profesor e bailador Manolo, un curso máis, foi quen ensinou ao alumnado os pasos básicos para poder realizar esta actividade. Agradecemos o seu esforzo e bo facer.

27 de Xaneiro: día internacional da Shoá

      Co gallo da conmemoración da liberación de Auschwitz, o centro internacional de Yad Vashem cedeunos unha exposición que aborda o tema dos nenos e nenas na Shoá. Tres alumnos e alumnas de 1º de bacharelato, Damián Bermejo, Ángela Caeiro e Isaura Mera recibiron formación para guiar a exposición aos seus compañeiros/as.

Campo a través, 12 de Xaneiro do 2023

   O pasado 12 de xaneiro o alumnado de 1° e 2° da ESO do noso centro participou na fase zonal da proba de campo a través do XOGADE. Disfrutaron dunha mañá de actividade deportiva con centros de toda a comarca e acadaron uns resultados excelentes logrando a clasificación para a proba provincial nenos e nenas de todas as categorías nas que participabamos. Pode consultarse nova en prensa aquí.

24 de xaneiro, terceira reunión do club de lectura.

   Corredoiras e Autoestradas, os dous grupos de club de lectura NA Estrada - 525, reuníronse o martes 24 de xaneiro para compartir as súas impresións, ideas e impresións ao redor do libro Golpes de luz de Ledicia Costas e Mamá, quero ser Ziggy stardust de Iria Misa. Ademais de compartir as nosas lecturas, compartimos un rato de risos, rosca da casa e convivencia na MeGaBiblioteca do centro.
Os vindeiros libros serán:
Caperucita en Manhattan de Carmen Martín Gayte para o grupo de Corredoiras.
Nada de Carmen Laforet para o grupo de Autoestradas.

Visita a Gadisa o 25 de Xaneiro

   O mércores 25 de xaneiro, os/as alumnos/as de Economía de 1º e 2º de bacharelato acudiron a Betanzos para coñecer as instalacións da empresa GADISA. Durante a visita participaron nunha sesión formativa sobre o funcionamento da área de aprovisionamento e loxística, departamento de marketing, as liñas de negocio e a RSC da empresa, rematando cun percorrido polas inmensas instalacións do almacén. Non podíamos deixar a cidade sen visitar o seu casco antigo, declarado conxunto histórico-artístico no ano 1970.

Distribuir contido