Recollida solidaria

O alumnado de 1º BAC A en colaboración con Cáritas A Estrada está a realizar unha recollida solidaria no centro. Ata o 18 de decembro podedes traer alimentos non perecedoiros, xoguetes e libros en bo estado. Moitas grazas pola vosa colaboración!

Xornada de formación do Alumnado Axudante á convivencia

   Xa temos Equipo de Alumnado Axudante de Convivencia do curso 2023-24!
   O luns 20 e o martes 28 de novembro o alumnado de 1º, 2º e 3ºESO, seleccionado pola súa clase, participou nunhas xornadas de formación na AGASP, requisito imprescindible para poder formar parte deste equipo. Ao rematar fíxose a entrega de diplomas.
   Agradecemos a Jennifer Herbón ter transmitido tanto en tan pouco tempo e de forma tan divertida e ao alumnado terse involucrado na formación como o fixo. 

Carteis 25N

A biblioteca tamén quere participar na conmemoración do 25N e propón "Dálle a volta", unha serie de 52 cartulinas tras as que poderás acceder a información actual.

Mes da Ciencia en Galego

Novembro é o Mes da Ciencias no IES García Barros e como parte desta efeméride o traballo conxunto do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, Biblioteca e Equipo de Normalización Lingúística, culminou hoxe 23 de novembro cunha mañá chea de experimentos e experiencias científicas relacionadas coas Ciencias da Saúde onde o alumnado de 1º Bacharelato (Bacharelato científico), fixo demostracións variadas ao alumnado de 2º e 3º da ESO.
Demostracións como extracción de ADN, visualización de amidón presente nos alimentos, valoración de Vitamina C en diferentes froitas ou experiencias para poñer a proba os nosos sentidos, convertiron a biblioteca escolar e a sala de usos múltiples nun laboratorio didáctico e divertido durante a mañá.

EDUsaúde. Formación do profesorado en técnicas de respiración e relaxación.

No marco do contrato programa de EDUsaúde, no que está implicado a maioría do profesorado do noso centro, o mércores 8 de novembro tivo lugar a primeira xornada de formación sobre técnicas de respiración e relaxación.
Durante o curso 2023-2024 pretendemos ampliar o ámbito e intervención  do proxecto EDUsaúde dos pasados anos, que estivo centrado na promoción da actividade física, a alimentación saudable, o risco do consumo de bebidas enerxéticas..., incorporando o descanso e tamén os hábitos saudables que axudan á nosa saúde mental.
A experiencia resultou moi positiva e esperamos darlle continuidade, aplicándoa co alumnado nas aulas e con outras actividades formativas no futuro.

III Liga Maker Drone - 1ª Xornada de Formación

O pasado venres, 10 de novembro, o grupo de alumnas e alumnos que participan este curso na III Liga Maker Drone, recibiron a 1ª formación e instrucción de voo de drones, impartida por persoal da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Máis imaxes na galería Flickr.

Charlas "Plan Director"

O pasado xoves, 9 de novembro, o alumnado de 2º e 3º da ESO asistiron a unhas charlas sobre riscos de Internet e acoso escolar, respectivamente. Foron impartidas por axentes da Garda Civil e enmarcadas dentro do Plan Director, para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e na súa contorna.

Máis imaxes na galería Flickr

DIGITAL, LEGAL, EMOCIONAL..."TODOS MIS YOS"

A realidade da vida descóbrenos actuacións e situacións que nunca serían elixidas para enfrontar novos retos versados na carencia humana e as novas tecnoloxías.

Sempre implicados desde a Prevención e a Educación do noso alumnado arriscamos en actuacións que deben abrir os nosos ollos ás realidades que acontecen...á reflexión dos porqués e á autocrítica e responsabilidade.

Este mércores día 8 de novembro o noso centro en colaboración con ACROFAM organizou "Digital, Legal, Emocional...todos mis YOs"

O feedback do noso alumnado e o profesional docente que asistiu, vén confirmar que estamos no camiño correcto.

Receitas de Lectura

   Dende a MeGaBiblioteca queremos contribuír á mellora da saúde de toda a comunidade escolar facéndovos chegar a primeira dunha serie de "Receitas de Lectura", que cunha periodicidade mensual serán publicadas e distribuídas por todo o Centro. Neste mes de novembro será o departamento de Latín e Grego o encargado de abrir a rolda de propostas con esta receita que nos invita á lectura de "Circe", a historia daquela famosa feiticeira que convertera aos compañeiros de Odiseo en animais.   

Inspección do río Barranqueira de Ponte Nova

O 3 de outubro o alumnado de bioloxía, xeoloxía e ciencias ambientais de 1º de bacharelato participou na inspección do estado do río Barranqueira da Ponte Nova, situado preto do instituto. Con esta actividade o noso centro colabora no Proxecto Ríos, unha iniciativa que pretende concienciar e educar na defensa dos nosos ríos. 
Os alumnos e alumnas analizaron parámetros físico-químicos e fixeron unha recollida e identificación de macroinvertebrados, animais bioindicadores que se empregan para determinar a calidade ecolóxica do río.
     

XORNADA DE COSMOLOXÍA!

   Na mañá do venres 3 de novembro contamos coa presenza do físico-teórico José Luis Bernal Mera quen coas súas explicacións conseguiu achegarnos a esta parte da astronomía que estuda as leis xerais, a orixe e a evolución do universo.

   José compartiu co alumnado de ciencias, tanto de Bacharelato como de 4ºESO, a súa experiencia investigadora nos Institutos de Ciencias do Cosmos da Universidade de Barcelona e no Max Planck de Astrofísica de Munich.

  ¡ Alegrámonos que grazas a unha beca Ramón y Cajal esté de volta no noso país traballando na Universidade de Santander!

Día das bibliotecas escolares

   A MeGaBiblio acolleu este pasado venres 27 de outubro o acto de entrega de diplomas aos estudantes que o curso pasado participaron no programa Voluntariado nas Bibliotecas Escolares, promovido pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura e Educación e a Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social. A ex profesora do centro, Noni Araújo, exerceu de mestra de cerimonias nun acto no que tamén se deu a benvida aos novos  voluntarios deste curso. Podedes ler a nova publicada na Voz de Galicia

III Liga Maker Drone

Un grupo de 9 alumnas e alumnos do IES Manuel García Barros forman o equipo que participará, xunto con outros 17 equipos de centros de toda Galicia, na III Liga Maker Drone, competición organizada pola Fundación Barrie de la Maza e o Instituto Tecnológico de Galicia e na que deberán deseñar un drone que resolva un problema real.

O pasado venres, 27 de outubro, asistiron á Xornada de Presentación na Cidade das TIC en A Coruña. Nesta xornada presentaronse todos os equipos participantes e realizaron diversos obradoiros: pilotaxe de drones, realidade virtual, drone finder, programación, circuítos electrónicos e robótica. Para finalizar o evento coa presentación do recto desta edición: neutralizar niños de velutinas.

         

Máis imaxes do evento nesta ligazón.

Novas na prensa:

Día das Bibliotecas Escolares, 27* de outubro

   A celebración do Día das Bibliotecas Escolares (24 de outubro) foi adiada para o venres 27. Neste día:
  
   – No primeiro recreo, entregaranse os diplomas da Consellería ao alumnado axudante do curso pasado. 
  
   – No segundo recreo, enroscarémosvos á lectura. 
  
O luns 23, comezará a colaborar o alumnado axudante deste curso e viaxará ás casas a mochila viaxeira.

Fase zonal do Campo a través XOGADE 2023

   O mércores 11 de outubro o alumnado de 1º e 2º da ESO participou dunha xornada deportiva nas instalacións das pisicinas municipais da Estrada, compartindo as carreiras de campo a través co alumnado dos centro educativos de primaria e secundaria da nosa contorna.
   O noso centro contou cunha ampla representación e estiveron acompañados tamén por unha boa parte do profesorado do centro, co que puideron disfrutar dunha xornada lectiva diferente na que a climatoloxía tamén axudou.
   Destacar os bos resultados dos nenos e nenas do noso centro en todas as categorías, grazas ao seu esforzo e participación, que lles permitirá clasificarse para participar nas seguintes fases das probas de XOGADE, na modalidade de campo a través.

Distribuir contido