Saltar navegación.
Inicio

Novas

Proba para a obtención do título de Bacharel para maiores de 20 anos: data e lugar de publicación das listaxes de cualificacións

Publicada a Resolución do 21 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se modifica a Resolución do 15 de febreiro de 2021 pola que se convoca a proba para a obteción do título de Bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización. 

A citada resolucion ten por obxecto modificar a data e o lugar de publicación das listaxes coas cualificacións provisionais e definitivas da proba. 

Listaxe de cualificacións provisionais: publicarase o 11 de maio de 2021 no portal educativo https://www.edu.xunta.gal

Listaxe de cualificacións definitivas: publicarase o día 20 de maio de 2021 no portal educativo https://www.edu.xunta.gal

Información completa na ligazón

TI© EMPRENDES: Venda de produtos e servicios turísticos

 

Aínda estás a tempo de inscribirte no curso "Venda de produtos e servicios turísticos", que se realiza de forma online a través dunha aula virutal e en horario de mañá.

Poderán participar aquelas persoas xóvenes desempregadas e empadroadas nalgún dos seguintes concellos: O Rosal, Oia, As Neves, Arbo, Crecente, A Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Fornelos de Montes, A Lama, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Cerdedo- Cotobade, Campo Lameiro, Moraña, Barro, Meaño, Meis, Portas, Illa de Arousa, Catoira, Valga, Cuntis, Pontecesures, Forcarei, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón.

Cunha duración de 185 horas, preténdese dotar dunha formación especializada na área do Turismo, ademais de facilitar orientación para a inserción no mercado laboral, tanto por conta allea como propia. 

 

 

Probas libres para a obtención de títulos de FP (LOE). Curso 2020-2021

A Consellería de Educación ven de publicar no día de hoxe o calendario e actualización de información das Probas libres para a obtención de títulos de FP (LOE) no curso actual.

As probas libres teñen por finalidade permitir ás persoas participantes a obtención directa dos títulos de técnico ou técnico superior de formación profesional, sempre que demostren ter alcanzados os obxectivos establecidos na LOE e no currículo respectivo.

As persoas interesadas en participar no procedemento deben presentar a solicitude de admisión, xerada mediante asistente informático, en calquera centro público no que se oferten probas libres, no prazo que abrangue entre o 19 e 30 de abril ata as 13:00 horas. Resoltas as listaxes de persoas admitidas, o prazo de matrícula abranguerá do 12 a 14 maio de 2021.

Consulta os requisitos esixidos, calendario de admisión con prazos e datas de interese, cuestións relativas á presentación de solicitudes e listaxes na ligazón.

16 másteres de Formación Profesional

A Xunta de Galicia impulsa a oferta de 16 másteres de Formación Profesional no sistema educativo galego a partir do próximo curso 2021/2022, cunha duración entre 300 e 720 horas.

Trátase dun proxecto pioneiro que pretende a especialización da formación do alumnado titulado na FP, favorecendo a súa empregabilidade e dando resposta a novos retos sociais.

Consulta no documento adxunto os cursos de especialización que se ofertarán, ou ben nesta ligazón, que dá acceso a máis información. 

Guía de estudos superiores 2021 - A Voz de Galicia

Que estudar despois do Bacharelato? O pasado 21 de marzo A Voz de Galicia incluía unha Guía de estudos superiores que se poden realizar na nosa comunidade, clasificados por cores segundo a rama de coñecemento para unha fácil e rápida identificación (Magenta para Ciencias, azul para Ciencias Sociais e verde para Artes-Humanidades). 

O documento inclúe información sobre estudos superiores de Formación Profesional, graos universitarios, graos en ensinanzas artísticas superiores, másteres e escolas de negocios. Trátase dun documento moi completo no que se indica como acceder aos distintos estudos, onde cursalos, saídas profesionais...e ademais, inclúe información sobre o aloxamento nos sete campus galegos e un resumo das principais becas, entre outros aspectos. 

Esta guía está dispoñible en formato impreso e para a súa consulta no departamento de orientación do centro.

Asemade, o xornal tamén ofrece a posibilidade de realizar búsquedas de forma interactiva sobre os distintos estudos. Para isto, só tedes que premer nesta ligazón ou na imaxe que aparece a continuación, e poderedes aplicar distintos filtros para localizar a información que vos interese.

 

Xornada de portas abertas da Universidade da Coruña

O vindeiro xoves 8 de abril, a UDC (Universidade da Coruña), celebrará unha xornada virtual de portas abertas, para dar a coñecer ao futuro estudantado a oferta de titulacións de Grao e a vida universitaria, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. A xornada terá lugar a través de Teams e poderedes acceder nesta ligazón.

Poderanse manter videoconferencias simultáneas en vivo, por cada rama de coñecemento, onde se tratará información sobre:

  • Perfil de ingreso
  • Por que estudar ese Grao na UDC
  • Contido da titulación
  • Saídas profesionais

Ao final das sesións proporcionarase un enderezo electrónico de contacto para posteriores consultas sobre as titulacións.

Poderedes conectarvos directamente na ligazón que figurará ao lado de cada titulación no horario que se indique, sen necesidade de inscripción previa nin ter instalado o Teams. Tamén poderedes interactuar cos relatores para aclarar as dúbidas, visitar virtualmente os centros e instalacións da UDC, visualizar testemuños de alumnado matriculado e egresado e participar en retos e obradoiros para conseguir agasallos.

Instrucións para conectarse: todas as videoconferencias/chats en vivo realizaranse a través de Microsoft Teams. Para uniser a elas basta con premer na ligazón "Unirse a..." na titulación de interese e, de non ter instalado Teams (segundo o navegador) poderase escoller continuar nese explorador sen instalar, logo premer en "Unirse ahora". Para unirse ás videoconferencias dende o móbil ou tablet é posible que se necesite telo instalalo (<https://products.office.com/es-es/microsoft-teams/download-app>)

 A xornada incluirá videoconferencia sobre a ABAU e preinscripción en horario de mañá e tarde  e un punto de información atendido polo persoal de Servizo de Estudantes durante toda a xornada.

ABAU 2021. Toda a información

 
(Última actualización 27-05-2021)

Encontros virtuais na zona USC. Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC.

Os próximos días 23, 24 e 25 de marzo terán lugar os “Encontros Virtuais na Zona USC” dirixidos ao estudantado de Ensino Medio, a través dos cales a Universidade de Santiago de Compostela se achega ao alumnado, e aos que se pode acceder a través da páxina web https://www.usc.gal/gl/encontros-virtuais

Na páxina anterior, xa operativa e en continua actualización, poderase enlazar con todas as páxinas dos Encontros. Na mesma tamén se colocarán os enlaces para seguir en directo os actos de inauguración (martes 23 de marzo ás 12 h. nesta ligazón) e clausura (xoves 25 de marzo ás 18 h. nesta ligazón) a  través da canle de Youtube da USC. 

Dende a páxina de entrada indicada poderase enlazar coas páxinas dos centros (facultades e escolas). Nestas páxinas  haberá vídeos explicativos da oferta da USC, así como das ABAU e do Acceso: 

  • Presentacións das titulación
  • Opinión dos estudantes sobre a titulación
  • Pílulas relacionadas coa titulación
  • Enlaces para conectarse por VIDEOCONFERENCIA con profesorado e estudantado de cada titulación.

A través dos enlaces poderase falar por VIDEOCONFERENCIA cos/as responsables e estudantes da titulación para aclarar as dúbidas nos horarios indicados. En cada enlace figurarán os horarios de cada unha destas videoconferencias.

Suspendidas as probas de aptitudes para o acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte no curso 2021-2022

As dúas universidades galegas nas que se imparte o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Universidade de Vigo e Universidade de Coruña), publicaron unha resolución reitoral na que se informa da suspensión das probas de aptitudes para o acceso ao grao a efectos de admisión no curso 2021-2022 a causa da COVID-19. 

A situación actual de pandemia e sanitaria, con condicións e medidas cambiantes, dificulta a organización das probas, motivo polo que as dúas universidades decidiron suspender a convocatoria das mesmas neste ano 2021. 

Como consecuencia desta suspensión o acceso ao Grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte será como no resto dos graos, é dicir, basearase unicamente na nota de admisión dos solicitantes, e segundo as normas xerais de acceso á universidade informadas pola CIUG. 

Esta medida é excepcional e só será vixente para o acceso ao grao durante o próximo curso 2021-2022.

Probas para a obtención do título de Bacharel para maiores de 20 anos. Convocatoria 2021

A Consellería de Educación publica hoxe a Resolución do 15 de febreiro de 2021, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de 20 anos e se dan instrucións para a súa realización. 

O periodo de inscrición na proba abrangue dende o 3 ao 10 de marzo de 2021.

Para máis información, consulta no departamento de orientación ou preme na ligazón.

Distribuir contido