Complementarias e extraescolares

I COPA DE XADREZ E ENTREGA DE PREMIOS

Rematou o curso e remataron os torneos de Xadrez. Este ano fixemos dous, o Campionato, que durou dende marzo ata maio, e a Copa, que foi un intensivo que realizamos entre a semana pasada e este último martes.

Do Campionato de Xadrez xa demos conta nun artigo anterior.

Na I Copa de Xadrez participaron 22 alumnos, dos cales 12 fixeron unha ronda previa que permitiu que seis deles pasasen a oitavos de final. Este martes, día 20 de xuño, realizáronse todas as eliminatorias e a final, na que saíu vitorioso Samuel Pichel (que xa quedara terceiro no Campionato) en dura loita con Martín Fernández (gañador do mesmo).

Carmen Gamarra, directora do IES Martaguisela, fíxolles entrega dos premios aos gañadores dos torneos o último día lectivo do curso.

Os premios consistían nun taboleiro e todas as pezas de xadrez feitas coa impresora 3D mais un diploma para o primeiro clasificado do Campionato, e unha mochila/saco de deportes mais un diploma para o finalista e os semifinalistas do Campionato. O campión da Copa recibiu un trofeo feito tamén coa impresora 3D.

Agardamos que o curso que vén sexan máis os alumnos participantes e que poidamos seguir facendo Campionatos e Copas.

Parabéns aos gañadores e a todos os participantes!

Fai clic aquí para ver máis fotos da Copa e da entrega de trofeos.

O ALUMNADO DE 4º ESO DO IES MARTAGUISELA VISITOU LOURENZÁ, VILA NATAL DE DON FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, AUTOR HOMENAXEADO NO DÍAS DAS LETRAS GALEGAS

O alumnado de 4º ESO do IES Martaguisela despois de participar no concurso de podcast das Letras Galegas “Don Paco en liña” organizado pola Concellería de Cultura do concello do Barco de Valdeorras e de ter gañado, gozaron do premio que consistía nunha viaxe a Lourenzá o pasado martes, día 13 de xuño de 2023.

Pola mañá percorreron a vila natal de don Francisco Fernández del Riego, Lourenzá, acompañados dunha guía coa que descubriron a igrexa de Santa María, o museo dos xoguetes e o mosteiro de san Salvador no que se ubica o Centro de interpretación da faba que tamén tiveron ocasión de visitar.

Despois de xantaren, deron un paseo pola vila antes de regresar cara ao Barco de Valdeorras.

Nesta ocasión o grupo de 4º ESO foi acompañado polas profesoras de Música, Marta Cortés, e de Lingua Galega, Luisa Rigueira.

Deixámosvos máis fotografías da xornada.

O ALUMNADO DE 2º E 3º ESO DO IES MARTAGUISELA PARTICIPOU NO OBRADOIRO INICIACIÓN SEGURA Á PEGADA DIXITAL E ÁS REDES SOCIAIS DA DIRECCIÓN XERAL DE ORDENACIÓN E INNOVACIÓN EDUCATIVA

O 12 de xuño, impartido por un especialista da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), realizouse o obradoiro “Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais”, co obxectivo de Capacitar ao alumando no uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

De forma amena e moi participativa por parte do noso alumnado tratáronse os seguintes obxectivos:

  • Reforzar a competencia básica do alumnado en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais.
  • Explicar a dixital e a importancia da pegada dixital.
  • Afondar na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre nenos e nenas.
  • Ofrecer aos e ás menores ferramentas e recursos aos que poder acudir cando teñan algunha dúbida sobre o uso seguro da tecnoloxía.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos do obradoiro.

O ALUMNO DE 1º ESO DO IES MARTAGUISELA, LEO GONZÁLEZ LÓPEZ, RESULTOU GAÑADOR DO I CERTAME GALEGO DO CONCURSO Mi libro preferido

O martes, día 6 de xuño de 2023, o alumnado de 1º ESO A acompañou o seu compañeiro, gañador do concurso Mi libro preferido, Leo González López, quen participou co traballo sobre o libro A nena do vestido de flores de Manuel Fontemoura.

A gala de entrega de premios tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela onde acudiron acompañados das profesoras Andrea Méndez de Lingua Castelá e María Domínguez de Educación Plástica e Visual e onde estaban presentes o Conselleiro de Educación, Don Román Rodríguez e o escritor Manel Loureiro, entre outros.

Alén disto, aproveitaron para pasear e coñecer as instalacións da Cidade da Cultura.

Parabéns, Leo!!

Deixámosvos máis fotografías da xornada.

 

 

O ALUMNADO DE 1º e 2º ESO DO IES MARTAGUISELA PARTICIPOU NO I CERTAME GALEGO DO CONCURSO Mi libro preferido

No mes de maio, as alumnas e os alumnos de 1º e 2º da ESO participaron no primeiro certame en Galicia do concurso Mi libro preferido.

O concurso consistía en realizar unha redacción reflexionando sobre os temas tratados no seu libro favorito. O alumno Leo González López de 1ºA foi o seleccionado na provincia de Ourense polo seu traballo sobre A nena do vestido de flores onde reflexiona sobre o respecto á diversidade.

O día 6 de xuño irá a Santiago de Compostela xunto coa súa clase e as profesoras Andrea Méndez de Lingua Castelá e María Domínguez de Educación Plástica e Visual.

Cruzamos os dedos para que sexa o gañador!

Moita sorte!!!

O ALUMNADO DE 1º ESO DO IES MARTAGUISELA SAIU FACER O ÚLTIMO TRAMO DO CAMIÑO DE INVERNO COMO ACTIVIDADE FINAL Á MATERIA DE PROXECTO COMPETENCIAL

O día 1 de xuño o alumnado de 1º ESO das materias de Proxecto Competencial
e Relixión xunto cos seus profesores Martá Cortés, Álex Caruncho e Miguel  Martínez fixo o último tramo do Camiño de Inverno no que estiveron a traballar durante todo o curso.

Comezaron a ruta co reparto das cunchas como bos peregrinos.

Os tramos percorridos foron:

  • Outeiro-Rubial.
  • Rubial-A Susana.
  • A Susana - Piñeiro
  • Piñeiro- Santiago.

A andaina de 16 Km aproximadamente permitiulle ao alumnado gozar da paisaxe, da natureza e do espírito do Camiño.

Ao chegaren a Compostela, entraron pola rúa do Sar, para seguir pola porta de Mazarelos, Praza de Universidade e rúa de Calderería, Praza de Praterías e obxectivo cumprido, chegaron ao Obradoiro e visitaron a Catedral.

Por último, para repoñer forzas achegáronse ao Centro Comercial As Cancelas, onde xantaron e gozaron de tempo libre.

Unha recompensa ben merecida polo esforzo, pero iso é o camiño! Xa pola tarde regresaron cara ao Barco de Valdeorras.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos da xornada.

O ALUMNADO DE 2º ESO DO IES MARTAGUISELA GOZA DA SÚA EXCURSIÓN A MADRID

Día 1:

O 31 de maio o alumnado de 2º ESO en compañía das súas profesoras titoras, Pilar Rodríguez e Ana Quiroga emprendeu a súa viaxe de curso cara a Madrid moi cedo.

Segundo chegaron á capital entorno ás 11:50h realizaron unha visita panorámica á cidade en compañía da guía María José Bernal, percorreron Gran Vía, Callao, Plaza España, Sol, el Retiro, Bernabeu, Plaza Mayor, Puerta Alcalá ... xantaron ao aire libre con vistas ao Palacio Real e aos Xardíns de Sabatini.

Ás 16:00h asistiron ao Musical do Rei León de onde saíron entusiasmados e abraiados da representación, posteriormente tiveron tempo libre para iren de tendas e mercar lembranzas para a familia, e mesmo se atoparon con algún famoso!!

Despois da cea, deron un paseo para coñecer a cidade coa súa iluminación nocturna e xa era hora de descansar para recuperar forzas e así poder gozar do intenso día que lles quedaba no Parque Warner.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos da xornada.

Día 2:

Durante este segundo día de excursión en Madrid o alumnado de 2º ESO desfrutou de montañas rusas, loops e atraccións de auga no Parque Warner.

Foi un día cheo de emocións que para o alumnado, coma sempre, se fixo moi curto. Pasárono moi ben.

A última hora da tarde, emprenderon viaxe cara ao Barco de Valdeorras onde, de madrugada, os estaban agardando os seus familiares.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos da xornada.

MIGUEL PALMER VÉN DE RECOLLER NA USC, O PRIMEIRO PREMIO DO CONCURSO DE VÍDEOS IMFORMATÍZATE QUE GAÑOU XUNTO CON MARIO PRADA

O alumno de 3º de ESO, Miguel Palmer, vén de recoller na Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC, o primeiro premio da terceira edición do concurso de vídeos Informatízate, organizada por esa Escola Técnica e o Departamento de Electrónica e Computación da mesma Universidade.

O vídeo gañador, que realizou xunto co seu compañeiro Mario Prada, titúlase ”Radia Joy Perlman, A Nai do Internet”. (podedes ver o vídeo gañador se clicades no nome do vídeo).

O xurado destacou o dinamismo entre Mario e Miguel, o enfoque que lle deron, a calidade da edición e a calidade da exposición.

Nesta ocasión, Mario Prada non puido achegarse persoalmente a recoller o premio por atoparse de excursión nas illas Ons, dende onde se conectou por videoconferencia.

Os seus compañeiros de clase puideron seguir a entrega de premios vía OnLine.

Parabéns aos dous!!

Deixámosvos máis fotografías e vídeos do acto.

O ALUMNADO DE 3º ESO DO IES MARTAGUISELA GOZA ESTES DÍAS DA PAISAXE DAS ILLAS ONS

Día 1:

O alumnado de 3º ESO en compañía dos profesores de Educación Física, David Ramos e Álex Caruncho, e a profesora de Matemáticas, Belén Lombardía, emprendeu a súa viaxe de curso cara ao Parque Nacional das Illas Atlánticas nas illas Ons.

 Saíron do centro educativo ás 07:15h dirección a Portonovo. Ás 11:00 colleron o barco cara ás illas. 

Ao chegaren á illa, os participantes de 3º ESO recibiron as instrucións de seguridade e as normas a seguir. Repartiron as tendas e comezaron co primeiro xogo de presentación cos monitores Pablo e Elisa.

Despois de xantar foron á praia onde fixeron moitos xogos e gozaron dunha tarde chea de diversión.

No ultimo momento da tarde, aseo e volta ao restaurante onde desfrutaron da cea. A volta ao cámping, a velada nocturna transcorreu con máis xogos antes de durmir.

 Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos da xornada.

Día 2:

Neste segundo día de excursión polo Parque Nacional das Illas Atlánticas nas illas Ons.

Pola mañá realizaron unha ruta de sendeirismo cara ao Furado do inferno e despois de xantar estiveron na praia de Melide, onde gozaron de varios xogos e tempo libre.

Foi unha xornada na que o tempo meteorolóxico os respectou durante todo o día.

Despois da cea, unha nova velada temática e a durmir para mañá recoller todo e voltar cara ao Barco de Valdeorras. 

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos da xornada.

Día 3:

Neste terceiro e último día de excursión polas Illas Ons o alumnado comezou a xornada recollendo as tendas e facendo as maletas antes do paseo matutino para ir almorzar.

A continuación aproveitaron para xogar na praia durante toda a mañá, xantar, un pouco máis de tempo de diversión e xa de volta cara a casa. Sobre as 17:00h embarcaron cara a Portonovo e de aí en autobús ata o centro educativo onde os agardaban os seus familiares.

Foi unha viaxe marabillosa onde apreciaron a beleza do Parque Natural das illas Atlánticas.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos da xornada.

FINAL DO CAMPIONATO DE XADREZ NO IES MARTAGUISELA ENTRE DOUS ALUMNOS DE 1º BACHARELATO

Martín Fernández e Óscar Árias, ambos de 1º de bacharelato, foron os protagonistas da final do VI Campionato de Xadrez que se celebrou o 25 de maio no Salón de Actos do IES Martaguisela.

Tras unha dura loita, diante de moitos alumnos do Centro, que puideron seguir a partida a través da proxección nunha pantalla, resultou gañador Martín.

O Campionato comezou no mes de marzo, con trinta e seis participantes, aínda que son moitos máis os que asisten á Aula de Xadrez nos recreos a xogar, mirar ou aprender.

Toda a comunidade educativa puido seguir a evolución do campionato a través da páxina Web do IES, xa que nela figuran todos os resultados, posición dos participantes e as partidas que lles quedan por xogar.

Parabéns aos dous finalistas!!

Martín e Óscar

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos do campionato.

Powered by Drupal - Design by artinet