Complementarias e extraescolares

O ALUMNADO DE 2º e 3º ESO DO IES MARTAGUISELA GOZOU DO ENCONTRO CON SERGIO CASTRO @profesor10demates

O pasado mércores, 24 de maio, recibimos a visita de Sergio Castro (@profesor10demates) que veu ao noso instituto a presentarnos o seu libro de Experimentos Abracadabrantes Hugo Comas.

Nesta ocasión, a actividade foi dirixida ao alumnado de 2° e de 3° ESO.

Foi unha experiencia moi interesante e interactiva na que o alumnado puido participar activamente, aprendendo a mandar mensaxes secretas, a desafiar á lei de gravidade de Newton e a como gañarlle ás calculadoras. En definitiva, ensinounos que, ás veces, a maxia pode ter parte de química e de física.

Queremos darlle ás grazas a Sergio pola súa visita e polos libros dedicados dos que poderemos gozar na biblioteca do centro.

 Deixámosvos máis fotografías da xornada. 

OS ALUMNOS DO CENTRO IES MARTAGUISELA, MARIO PRADA E MIGUEL PALMER, VEÑEN DE GAÑAR A III EDICIÓN DO CONCURSO INFORMATÍZATE.

A Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) e o Departamento de Electrónica e Computación,da USC, veñen de outorgar os premios da terceira edición do concurso de videos Informatízate.

O concurso ten por obxecto promover a divulgación das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), ao mesmo tempo que contribuír ao cambio dos estereotipos sociais que asocian o traballo en TIC co xénero masculino, utilizando o galego como medio de transmisión do coñecemento, e estimulando a creatividade do estudantado cos medios audiovisuais.

Todas as edicións foron gañadas por alumnos do Centro. En todas elas participou Mario Prada e, nas últimas dúas, tamén Miguel Palmer.

Parabéns aos dous!!

Enlace á páxina da USC onde figuran os gañadores.

Aquí tedes o enlace ao vídeo gañador de Mario e Miguel: "Radia Joy Perlman, A Nai do Internet"

Tamén os enlaces aos vídeos gañadores de 2022 e 2021:

2022 1º Premio: Gladys West A revolucion do GPS

2021 1º Premio: A compiladora de Código

O ALUMNADO DE 4º ESO A DO IES MARTAGUISELA ANDA A ESTUDAR O RÍO SIL AO SEU PASO POR VALDEORRAS

O alumnado de 4 ESO A da materia de Bioloxía e Xeoloxía en compañía das súas profesoras, Elena Mondelo e Sabela Domínguez están inmersos nun novo estudo dun tramo do río Sil nas proximidades do instituto.

Estes dous días comezamos por coñecer un pouco de cerca das características da ribeira do río, facendo unha cartografía, empregando unha simboloxía estandarizada pola NRA (National Rivers Authority) para representar a vexetación, as rochas, as estruturas e as características da canle.

Continuamos investigando!!!

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos da xornada.

O ALUMNADO DE 2º BAC DO IES MARTAGUISELA VÉN DE CELEBRAR O SEU ACTO DE GRADUACIÓN

O pasado xoves, día 18 de maio, o alumnado de 2º BAC celebrou o seu acto de graduación no Salón de Actos do IES Martaguisela. Unha tarde chea de emocións, lembranzas e, como non, diversión.

O fío condutor veu da man de Lara Poncelas e Lucca Pizcueta que reflexionaron acerca dos momentos vividos no centro educativo durante estes últimos anos, agradecendo, en todo momento, o labor e apoio recibido tanto por parte dos familiares como do profesorado. Momento emotivo que se acrecentou coa intervención da profesora de Lingua Castelá, Manuela Álvarez, sumada a de Antela Roo e Mirian Méndez, como representantes do alumnado.

 

Pero isto foi só o comezo. Alicia Trincado, Javier Fernández e Judith Rodríguez, alumnos do Conservatorio Municipal e do bacharelato de artes do IES Martaguisela, interpretaron a canción Merry Go Round of Life da película El castillo ambulante. E, por otra banda, Antela Roo fíxonos vibrar cunha peza musical do folclore galego, acompañada do seu acordeón.

 

A continuación, o prato forte que os fai refrescar a memoria, o visionado do vídeo que recolle as súas vivencias tanto no centro como fóra del, cuxa elaboración correu a cargo do profesor de Matemáticas, Manolo Barreiro.

Xa case rematando, o alumnado de 2º BAC foi agasallado cunha banda conmemorativa, diploma e orlas da man das súas titoras, Luisa Rigueira e Manuela Álvarez que ao mesmo tempo recibiron un recoñecemento por parte dos seus titorandos.

 

  

E, por último, clausurando o acto, a directora e profesora de Bioloxía, Carmen Gamarra, foi quen dedicou unhas palabras a todos os presentes, para recordarlles que agora forman parte dunha gran familia que é o IES Martaguisela onde sempre atoparán as portas abertas.

Deixámosvos máis fotografías da xornada (clicando aquí) e os enlaces aos vídeos do Acto e o creado polo Centro para os nosos alumnos.

Vídeo do Acto

Vídeo do Centro

O ALUMNADO DE 4º ESO DO IES MARTAGUISELA GAÑOU O CONCURSO DUN PODCAST SOBRE A FIGURA DE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO NA CATEGORÍA DE 15 MINUTOS

O alumnado de 4º ESO do IES Martaguisela participou no concurso das Letras Galegas Don Paco en liña organizado pola Concellería de Cultura do concello do Barco de Valdeorras e este xoves, día 18 de maio, no Teatro Lauro Olmo asistiron á gala de entrega de premios acompañados da profesora de Música, Marta Cortés.

O grupo gañador está formado por India López Arias, Sandra Mallo Sastre, Borja González Paradelo, Natalia Teresa Brasa Díaz, María Carrillo de la Fuente e Rebecca María Martínez Ferrari.

O premio consistía nunha viaxe a Lourenzá, terra natal do homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2023, don Francisco Fernández del Riego.

Deixámosvos máis fotografías da xornada.

Tamén poderás escoitar o podcast gañador do concurso clicando aquí.

O ALUMNADO DE 4º VISITOU AS INSTALACIÓNS DA XUNTA DE GALICIA E DO PARLAMENTO GALEGO O DÍA 10 DE MAIO

O alumnado de 4º ESO do IES Martaguisela acompañado polos profesores Aitor Freán, Alberto Pungín e Pilar López participou no programa didáctico “Coñece as túas institucións” que organiza o Parlamento de Galicia o pasado mércores, día 10 de maio de 2023. Esta actividade foi organizada polo Departamento de Xeografía e Historia.

Ás 10:00h da mañá era o turno das instalacións da Xunta de Galicia en San Caetano, que acompañados dunha guía moi atenta nos foi conducindo polas diferentes estancias deste Edificio Administrativo.

O alumnado tivo ocasión de ocupar o asento dos Secretarios Xerais e dos Conselleiros e Conselleiras do goberno galego, pois nestes dous espazos a guía foilles explicando as funcións e as tarefas que desenvolven.

Ás 11:30h era a hora da visita ao Parlamento Galego, nesta ocasión tamén acompañados dunha guía, fomos recibindo explicacións sobre esta institución, a súa composición, as súas funcións e a súa organización. Ademais o alumnado puido acceder á tribuna e presenciar durante uns minutos o pleno que se estaba a celebrar nese momento, onde saíron saudar dous parlamentarios valdeorreses.

Unha vez vistas estas dúas instalacións continuamos a visita compostelá pola Praza do Obradoiro subindo á cuberta da Catedral e o Pórtico da Gloria.

Deixámosvos máis fotos da actividade.

O ALUMNADO DE 1º ESO DO IES MARTAGUISELA GOZA DA EXCURSIÓN POR CAMBADOS, O GROVE, VILANOVA DE AROUSA E PADRÓN

DÍA 1: 08 DE MAIO 

O luns, día 08 de maio, o alumnado de 1º ESO emprendía viaxe cara a Cambados en compañía das súas profesoras e titoras, Sabela Domínguez,  Andrea Méndez e Marta Castro.

O primeiro día, pola mañá, guiados polas mariscadoras de Cambados aproveitaron para coñecer de primeira man o traballo deste colectivo, así como as normas para recoller ameixas e os seus depredadores.

Xa pola tarde, embarcaron rumbo á Illa de Sálvora, onde gozaron da viaxe en barco e das explicacións da guía turística.

Pola noite, despois de cearen, era hora de descansar no albergue de Vilanova de Arousa.

DÍA 2: 09 DE MAIO

O martes, día 09 de maio, o alumnado de 1º ESO xunto coas súas titoras desprazouse ata o Acuario do Grove onde observou as diferentes especies mariñas.

 Xa pola tarde, emprendía viaxe de volta e aproveitaron a ocasión para ir divertirse un pouco no parque de multiaventura de Padrón, Galipark. A verdade é que o pasaron moi ben.

Deixámosvos algunhas fotografías das xornadas.

O IES MARTAGUISELA CELEBRA O DÍA DO LIBRO

 

Para conmemorar o Día Internacional do Libro decidimos facer que colaborasen todos los cursos da ESO en diferentes proxectos para gozalos todos.

Así, en 1º de ESO levouse a cabo o deseño e a posterior elaboración física de marcapáxinas con citas de autores e autoras que inspiran ao noso alumnado.

En 2º da ESO realizamos un photocall. Grazas ao departamento de Debuxo e ao alumnado de Deseño de 2º de Bacharelato puidemos festexar este día cun libro xigante onde o noso alumnado de 2º de ESO dispuxo citas de autores e autoras, así como debuxos. O alumnado de 2º de ESO tamén foi o creador de carteis cos que puidemos sacar algunha foto para lembrar este día.

 

O alumnado de 3º de ESO compartiu as súas mellores lecturas mediante a creación dunha reseña literaria daqueles libros que máis lles gustaran, mentres que o alumnado de 4º de ESO aproveitou a súa faceta máis creativa para elaborar manualidades relacionadas con esta conmemoración: rosas de papiroflexia, anxos de papel, etc.

  

Na biblioteca do noso centro tamén se expuxeron os traballos de lectura do segundo trimestre feitos por algúns alumnos e alumnas de 2º e 3º da ESO. Menuda creatividade teñen!

 

 

Ademais diso, algúns alumnos e alumnas de 2º de ESO participarán na primeira edición do certame ‘Mi libro preferido’.

Moita sorte a todas as persoas participantes!

Deixámosvos máis fotografías da celebración.

 

O ALUMNADO DE 1º e 2º ESO DO IES MARTAGUISELA ASISTIU A UNHA CHARLA DA CULTURA INGLESA IMPARTIDA POLA EDITORIAL BURLINGTON O DÍA 04 DE MAIO DE 2023

 O alumnado de 1º e 2º  ESO do IES Martaguisela asistiu este xoves, día 4 de maio, a unha presentación dinámica e moi divertida sobre a cultura dos países de fala inglesa: Canadá, Inglaterra, Gales, Irlanda, EEUU e Escocia impartida pola editorial Burlington e organizada polo Departamento de Inglés.

A rapazada tivo ocasión de aprender a orixe da bandeira británica (“Union Jack”), os seus símbolos culturais, a comida e as bebidas tradicionais, a familia real británica, a música e as celebrities actuais como Harry Styles, Ed Sheeran, Billie Eilish, e as cidades e monumentos máis representativos.

A charla incluíu varios concursos interactivos do estilo “Who Wants to be a Millionaire?” (Quen quere ser millonario?) nos que todo o alumnado puido participar, levando un pequeno obsequio como lembranza desta interesante charla.

Deixámosvos máis fotografías da actividade.

 

O ALUMNADO DE 3º ESO DO IES MARTAGUISELA REALIZOU UNHA RUTA DE SENDEIRISMO POLA ZONA DO RÍO FARELOS EN ARCOS O DÍA 04 DE MAIO DE 2023

O alumnado de 3º ESO do IES Martaguisela realizou este xoves, día 04 de maio, unha ruta de sendeirismo duns 14 Km de distancia pola zona do río Farelos en Arcos e aproveitaron para visitar a aldea de Córgomo, lugar de nacemento de Florencio Delgado Gurriarán.  Os profesores acompañantes foron David Ramos, Álex Caruncho e Sabela Quiroga.

Foi unha xornada na que ademais de pasalo ben e gozar da natureza o alumnado aproveitou para realizar actividade física e mesmo bailar, tal como podemos ver nalgún vídeo.

Esta actividade enmárcase dentro do Plan Proxecta de Proxectos de Vida Activa e Deportiva (PVAD)

Deixámosvos máis fotografías da xornada.

Powered by Drupal - Design by artinet