Complementarias e extraescolares

O ALUMNADO DE 1º e 2º BACHARELATO DO IES MARTAGUISELA ASISTIU A UNHA CHARLA SOBRE O PROGRAMA DE OCIO ALTERNATIVO DO CONCELLO DO BARCO

O pasado xoves, día 30 de marzo de 2023, o alumnado de 1º e 2º BAC asistiron á presentación do programa de ocio alternativo que pon en marcha o concello do Barco de Valdeorras durante os meses de abril e maio a través da asociación Outonía S. Coop.

Ofrécennos actividades creativas e lúdicas moi diversas como escrita creativa, bordado de fotografías, fanzine, cociña, ilustración .... todas elas gratuítas e destinada para a mocidade entre os 16 e os 35 anos, aínda que tamén se poden inscribir otras idades.

Cómpre anotarse anticipadamente para a súa organización.

Fai clic aquí para acceder ao enlace do xornal "La Voz de Galicia".

 

Deixámosvos algunhas fotografías da charla (fai clic na imaxe).

O ALUMNADO DE 4º ESO DO IES MARTAGUISELA VISITOU A ADEGA COOPERATIVA JESÚS NAZARENO

Hoxe, 30 de marzo de 2023, o alumnado de 4°ESO visitou a adega cooperativa Jesús Nazareno acompañado polas profesoras de Física e Química, Carlota Álvarez e Sabela Quiroga. Puideron coñecer unha das tantas adegas que hai na nosa comarca de Valdeorras e puideron aprender máis sobre un dos sectores máis importantes da zona como é o vitivinícola. 

Nesta saída explicáronlle todo o proceso de elaboración do viño, dende principio a fin, dende o traballo da propia vide ata o embotellado e posterior distribución. Puidemos visitar as instalacións onde se fai todo o proceso produtivo dende que chega a uva á cooperativa ata que saen os palés coas caixas de viño para a súa comercialización. 

Ademais, visitaron o laboratorio onde puideron aprender máis sobre todos os procesos biolóxicos e químicos que interveñen na elaboración, así como os mecanismos de análise que se realizan para comprobar a calidade dos diferentes viños. 

Queremos darlle as grazas a Paco Cao, o enólogo da adega, polo seu tempo e amabilidade e por ensinarnos as instalacións da cooperativa.

Deixámosvos algunhas fotografías da visita á adega Jesús Nazareno.

O ALUMNADO DE 3º E 4º ESO DO IES MARTAGUISELA VÉN DE PARTICIPAR NO CONCURSO DE ORATORIA IMPROVISADA INTERCENTROS

Ao longo dos últimos días, o alumnado de 3º e 4º ESO traballou a oratoria improvisada para participar nun concurso que estamos a organizar en conxunto con outros dous centros educativos: o IES Río Cabe de Monforte de Lemos e o IES Xograr Afonso Gómez de Sarria.

O mércores, día 29 de marzo, os finalistas de cada unha das aulas de 3º e de 4º ESO disputaron a semifinal no Salón de Actos do IES Martaguisela.

Os gañadores son:

Jesús Iann Codesido Isla (3º ESO A)

Mario Álvarez Vega (4º ESO A)

Mario Prada Rodríguez (3º ESO B)

Parabéns a todos e a todas as participantes e, dun xeito especial, aos gañadores desta fase do concurso!!

IMOS A POLA SEGUINTE!!!

O vindeiro xoves, día 13 de abril de 2023 será a fase FINAL DO I CONCURSO ORATORIA IMPROVISADA INTERCENTROS no IES Río Cabe de Monforte, onde o noso alumnado se retará, en dúas quendas alternas de intervención, aos/ás gañadores/-as dos outros dous centros educativos: IES Río Cabe de Monforte de Lemos e o IES Xograr Afonso Gómez de Sarria.

Deixámosvos algunhas fotografías da actividade.

O ALUMNADO DE 1º BAC DO IES MARTAGUISELA VISITOU O HOSPITAL DO BARCO DE VALDEORRAS

O día 27 de marzo o alumnado de 1º BAC de Anatomía Aplicada en compañía das súas profesoras Carmen Gamarra e Elena Mondelo visitaron o Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras.

Recibiunos a Doutora Postigo no salón de actos para darnos unha breve explicación do funcionamento xeral dos servizos do hospital.

A primeira parada foi no laboratorio de Microbioloxía donde puidemos observar diferentes cultivos de microorganismos en placa de Petri. A continuación dirixímosnos ao sector de Hematoloxía onde nos ensinaron o banco de doazón de sangue. Seguidamente, no zona de extracción puidemos ver como a un dos nosos alumnos lle fixeron a proba para averiguar o seu grupo sanguíneo.

Chegamos a un gran laboratorio onde a Dra. Postigo nos brindou unha interesante explicación sobre todas as máquinas do servizo de Hematoloxía dos que se obteñen os hemogramas.

Para rematar a nosa visita, o Doutor Rodríguez, médico patólogo e xefe do servizo de Anatomía Patolóxica, procedeu mediante unha inspiradora charla a animar o alumnado a dirixir os seus estudos cara calquera das ramas biosanitarias, xustificando unha enorme demanda da profesión. Chegado o momento de descubrir o que tapaban uns anacos de papel sobre a mesa de necropsias, todos quedamos sorprendidos cando nos mostrou dous antigos fetos de catro e sete meses doados á ciencia, resultado de dous abortos por problemas durante o embarazo. Tamén vimos mostras parafinadas de tecidos e tumores xa preparadas para biopsiar.

Despedímonos do noso hospital moi agradecidos polo trato recibido e por toda a información e ánimos que recibiron os nosos alumnos e alumnas que xa teñen as miras dirixidas a formar parte deste equipo de grandes profesionais que coidan de todos nós.

O ALUMNADO DE 2º BAC DA MATERIA DE XEOGRAFÍA E HISTORIA DE GALICIA VÉN DE REMATAR O OBRADOIRO DE ARQUEOLOXÍA

Ao longo destas semanas o alumnado da materia de Xeografía e Historia de Galicia de 2° BAC levou a cabo un obradoiro de arqueoloxía co que puideron familiarizarse coas técnicas de excavación e documentación propias desta disciplina.

Con esta actividade pretendíase que o alumnado comprendese como se constrúe o coñecemento histórico que estuda na aula e se concienciara da importancia de coidar e conservar o noso patrimonio.

Grazas ao traballo do seu profesor, Aitor Freán Campo, o alumnado mostrou interese e coidado á hora de ir descubrindo e atopando os restos arqueolóxicos que o docente foi agochando entre as diferentes unidades estratigráficas.

Deixámosvos algunhas fotografías da actividade (fai clic aquí).

O ALUMNADO DE 1º ESO DO IES MARTAGUISELA PARTICIPOU NO ENCONTRO LITERARIO CON MANUEL FONTEMOURA

O pasado luns, día 20 de marzo, o alumnado de 1º ESO participou no encontro literario con Manuel Fontemoura para falar do libro A nena do vestido de flores, lectura que a rapazada tiña realizado previamente.

A protagonista desta historia é Dania Vitoria, unha nena de once anos que ademais de ter dous ollos, dúas pernas, dous brazos, unha cabeza,... coma calquera de nós, ten un Trastorno de Espectro Autista, o que lle permitiu ao alumnado achegarse ás persoas que presentan esta síndrome.

Trátase dunha novela tenra e chea de vitalidade que nos presenta unha nena cunha grande imaxinación  para quen todos os días teñen a súa propia aventura.

O alumnado aproveitou a ocasión para preguntarlle ao seu autor sobre as motivacións que o levaron a escribir esta historia.

Manuel Fontemoura compartiu unha sesión de xeito individual en cada clase e a última hora da xornada todo o alumnado de 1º ESO A, B e C asistiu á recreación dunha historia inventada onde os protagonistas foron os propios alumnos e alumnas.

Deixámosvos algunhas fotografías (fai clic aquí).

O ALUMNADO DE 2º BAC DO IES MARTAGUISELA PARTICIPA NA VIAXE DE FIN DE CICLO A LONDRES (16-19 DE MARZO DE 2023)

DÍA 1: 16 de marzo

O xoves, día 16 de marzo, o alumnado de 2º BAC emprendía viaxe cara a Santiago de Compostela para posteriormente tomar o avión cara a Londres en compañía da profesora de Inglés, Rose Marie Deus Seijo, da profesora de Química, Sabela Quiroga Fernández e do profesor de Xeografía e Historia, Aitor Freán Campo.

Ao chegaren a Londres e descargaren as maletas no hotel, comezaron a descubrir a cidade.

DÍA 2: 17 de marzo

Durante este segundo día de estancia en Londres o alumnado de 2º BAC xunto co profesorado visitaron os seguintes lugares:

A estación de King’s cross, realizaron a viaxe en metro ata Buckingham Palace, onde viron o cambio da garda; pasearon polo parque de Saint James, pasaron por Trafalgar Square e por 10 Downing Street (onde vive o Primeiro Ministro) e pola sede da Garda Real.

Achegáronse ata a ponte de Westminster e avistaron o Big Ben, a abadía de Westminster e as Houses of Parliament.

Pola tarde colleron un barco que os levou ata Tower Bridge, que cruzaron a pé. Viron os docks ou porto deportivo e a Torre de Londres por fóra. Desde aí foron ata a catedral de Saint Paul e posteriormente á zona de Covent Garden para cear.

Pasaron un bo día.

Agora toca descansar para seguir descubrindo a cidade no día de mañá.

DÍA 3: 18 de marzo

Durante este terceiro día de estancia en Londres o alumnado de 2º BAC xunto co profesorado visitaron os seguintes lugares:

Portobello e Notting Hill. Pasearon por Kensington Gardens, onde viron o Albert Memorial e o Royal Albert Hall por fóra. Posteriormente achegáronse ata Harrod’s. Viaxaron en double decker bus ata Marble Arch e percorrreron a pé Oxford Street.

Agora toca descansar para aproveitar o último día de excursión.

DÍA 4: 19 de marzo

Xa chegamos á fin da estancia en Londres, así que toca facer as maletas e deixar o hotel, mais aínda lles queda visitar o British Museum antes de iniciar a viaxe de volta á casa. Ás 15:00h saíron cara ao aeroporto e ás 19:15h embarcaron dirección Santiago de Compostela e posteriormente en autobús cara ao Barco de Valdeorras.

Moi boa viaxe!

Deixámosvos fotografías da excursión.

O ALUMNADO DE 4º ESO E 1º BAC DO IES MARTAGUISELA PARTICIPOU NA CHARLA SOBRE AS FORZAS ARMADAS

O pasado martes, día 14 de marzo, o alumnado de 4º ESO e 1º BAC participou na charla informativa que dous membros das Forzas Armadas de Ferrol lles impartiron.

Nesta ocasión explicáronlles o que fan no seu día a día, como o levan a cabo e sobre todo o relacionado coa saída profesional que ofrecen.

Deixámosvos algunhas fotografías.

O ALUMNO GABRIEL FERNÁNDEZ CARRACEDO PARTICIPOU NO RECITADO POÉTICO ROSALÍA SEMPRE VIVA DA FUNDACIÓN MANUEL MARÍA

O pasado sábado, día 11 de marzo de 2023, o alumno Gabriel Fernández Carracedo de 3º ESO participou no concurso de recitado poético “Rosalía sempre viva” organizado pola Fundación Manuel María e celebrado na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei.

Este concurso ten como finalidade potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da obra de Rosalía e de Manuel María.

Deixámosvos algunhas fotografías da xornada e a intervención de Gabriel Fernández.

O ALUMNADO DE 2º ESO DO IES MARTAGUISELA PARTICIPOU NA 62ª EDICIÓN DO CONCURSO DE JÓVENES TALENTO DE RELATO CURTO

O pasado venres 10 de marzo algúns alumnos e alumnas de 2º de ESO participaron no “Concurso Jóvenes Talentos de Relato corto” promovido pola Fundación Coca-cola e animados pola súa profesora de Lingua Castelá, Pilar Rodríguez.

Nesta 62ª edición o alumnado participante tivo que elaborar un relato de non máis de 800 palabras, entre as que debían incluír as seis palabras que lles foron entregadas: astillas, corazones, mundo, mirada, labor e calle. 

O alumnado participante (concretamente Javier Cid, Laura Carracedo, Xiana González, Celia Martín e Ainara Rodríguez) tivo ocasión de gozar desta boa experiencia.

Desde o Martaguisela desexámoslles moita sorte!

Deixámosvos algunhas fotografías do momento previo ao comezo da súa escrita creativa.

Powered by Drupal - Design by artinet