Dinamización Lingüística

O NOSO PROXECTO TEATRAL " A LITERATURA GALEGA Á ESCENA" PRIMEIRO PREMIO EN INNOVACIÓN EDUCATIVA

 

O esforzo de todo o curso tivo recoñecemento pois o

noso proxecto teatral " A literatura galega á

escena" recibiu o Primeiro Premio de

Innovación Educativa en Dinamización

Lingüística obtendo a consideración de excelente.

Así se resolveu na convocatoria de participación nos

proxectos de Innovación Educativa en Dinamización

Lingüística para os centros docentes de titularidade

pública da Consellería de Cultura,

Educación,Formación profesional e Universidades

durante o curso académico 2022/23.

           Parabéns aos  participantes!

Estamos moi contentos polo premio ao traballo

desenvolvido nunha actividade tan completa coma a

do teatro que axuda ao desenvolvemento integral do

alumnado como persoa, procura a destreza  en

comunicación verbal, mellora a coordinación e a

capacidade de expresión, así como potencia a

creatividade e a imaxinación, ademais de fomentar a

capacidade de traballo en equipo e mesmo activa a

superación e a colaboración co resto dos

participantes.

Podedes seguir a representación das nosas

obras  nas RRSS do noso centro!

  

 

 

 

O ALUMNADO DE 4º ESO DO IES MARTAGUISELA GAÑOU O CONCURSO DUN PODCAST SOBRE A FIGURA DE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO NA CATEGORÍA DE 15 MINUTOS

O alumnado de 4º ESO do IES Martaguisela participou no concurso das Letras Galegas Don Paco en liña organizado pola Concellería de Cultura do concello do Barco de Valdeorras e este xoves, día 18 de maio, no Teatro Lauro Olmo asistiron á gala de entrega de premios acompañados da profesora de Música, Marta Cortés.

O grupo gañador está formado por India López Arias, Sandra Mallo Sastre, Borja González Paradelo, Natalia Teresa Brasa Díaz, María Carrillo de la Fuente e Rebecca María Martínez Ferrari.

 

O premio consistíu nunha viaxe a Lourenzá, terra natal do homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2023, don Francisco Fernández del Riego.

 

FESTIVAL DAS LETRAS. FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO, TECEDOR DE REDES.

Como todos os anos todos os centros educativos da contorna, xuntamos esforzos para organizar actividades co gallo da Semana das Letras Galegas. Ademais da colaboración co Concello a través dunha exposición no Paseo do Malecón, tamén o fixemos, unha vez máis, co Centro Comercial Aberto do Barco de Valdeorras, asociación, esta última, que agrupa a establecementos comerciais diversos da vila. Conseguimos así a maior difusión das nosas iniciativas.

         A proposta centrouse no traballo do alumnado que se destinou á cidadanía e que se expuxo a través de dúas canles: os escaparates do Centro Comercial Aberto, coa correspondencia de Fernández del Riego decoradas polo alumnado e as árbores do Paseo do Malecón onde penduramos nunha rede xigante todos os homenaxeados no día das letras e as súas biografías.

Parabéns ao traballo intenso dos equipos durante todo o curso e a este novo éxito para difundir as nosas iniciativas!

 

 

 Presentación da campaña na prensa.

 

Cartas de Fernández del Riego deseñadas polo alumnado de Artes coa axuda do seu profesor Carlos Matos.

QUE DIRÍA ROSALÍA?

Para a semana do 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, realizamos actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra de Rosalía, un verso foi suficiente para participar nun vídeo onde toda a comunidade do Martaguisela  recitou e lembrou á nosa poeta máis universal. Este vídeo, xa sabedes, está nas nosas RRSS e na páxina web do centro. Tamén se fixo una exposición imaxinando o que diría Rosalía de Castro ante as inxustizas e desgrazas que nos asolan na actualidade. Unha pequena mostra do  marabilloso resultado:

   

   

CALIGRAMAS EN GALEGO. DÍA DA POESÍA. O POEMA DO DÍA.

O alumnado de 4º de ESO desta vez encargouse de crear poemas en forma de caligrama, o poema debe ser inédito, de colleita propia, e o deseño tamén. Estes poemas quedarán expostos na entrada do centro xunto co "poema do día", isto é, cada Departamento deberá encargarse de poñer cada día un poema no taboleiro da entrada do centro.

    

O ENTROIDO DE OURENSE: O MECO MANDA!

O entroido é unha data salientable na nosa provincia ourensá,  tradición popular e patrimonio cultural inmaterial, debemos contribuír á súa conservación, coñecemento e transmisión. O primeiro paso para poñelo en valor é a observación das características propias e das alleas.  Así que este curso, ademais das actividades propias deste tempo, cada aula preparou a orde diaria do famoso meco. Acompañou a estas ordes escritas nun papel e colgadas no meco un discurso ( coherente pero disparatado!) argumentando o por que desas ordes e o deber de todos de cumprilas sen protestar. Estamos no Entroido!

 

    

CARTAS DE DESAMOR A SAN VALENTÍN

 

A media laranxa e a alma xemelga.

O amor pode con todo e perdóao todo.

O amor doe.

Os polos opostos atráense.

O príncipe azul ou a princesa.

O amor eterno.

O primeiro amor márcate de por vida.

Os celos son un signo de amor.

O amor e o namoramento son o mesmo.

O cambio por amor.

O amor é posesión e exclusividade.

Animamos ao alumnado a escribirlle a San Valentín una breve carta explicando o prexuízo que estes  mitos afianzados na en crenzas populares, películas, libros, cancións… pode chegar a facer nas nosas relacións de parella. Cada alumno escolleu un mito para convencer a San Valentín de que só vale o namoramento libre de mitos románticos polos perigos que estes levan. Ao mesmo tempo proporán ideas ou solucións.

Grazas a este traballo, o alumnado pode coñecer os diferentes mitos, rexeitalos e construír relacións de parellas sas.

  

 

FRASES CÉLEBRES PARA A PAZ

O alumnado, futuro habitante do mundo con capacidade de decisión, debe estar concienciado e sensibilizado para axudar a crear un mundo mellor, sen inxustizas e  sen guerras. O recente conflito aberto de Ucraína segue a lembrarnos que o único que nos salvará será a educación e a tolerancia o entendemento e o respecto, por iso nunca deixamos pasar o  30 de xaneiro, Día da Paz, para facer a nosa aportación, e este ano, o noso Día da Paz  toma forma de  tarxetas con frases de persoeiros senlleiros sobre a PAZ e  en galego. Serán os alumnos de 2º, 3º e 4º de ESO  e os seus  titores os encargados este ano de darlle contido a este día.

      Estas tarxetas expuxéronse na entrada do centro o Día da Paz, xunto cuns paneis (feitos tamén polos alumnos e alumnas) informando dos conflitos bélicos que hai actualmente no mundo e as súas consecuencias.

25 NOVEMBRO. MATRIARCAS.

Para concienciar ao noso alumnado da importancia do “bo trato” entre sexos, alumnado, profesorado e toda a comunidade educativa, coordinados pola profesora de  Música, Marta Cortés, participaron nun vídeo musical onde cada un deles fixo a súa aportación cantando  a canción de Guadi Galego Matriarcas. Por outra banda e na aula transcribimos ao galego a letra de cancións con mensaxes contra a violencia machista.Coma sempre e máis ca nunca, o IES Martaguisela está coas vítimas chamando á mobilización e á visibilidade deste problema que, lonxe de rematar, vai en espantoso aumento, incidindo en sensibilizar á xente  nova ante a lacra que padecen miles de mulleres que sofren maltrato dentro e fóra do ámbito da parella. Este vídeo proxectarase na entrada do centro, decorado coa lembranza de cada unha das vítimas, podedes ver esta e outras actividades do día, coma sempre, na páxina do IES e nas e nas nosas RRSS.

A ÁRBORE DOS DESEXOS DO IES MARTAGUISELA

                                                                                                                Cal é o teu desexo para aninovo?

Este é o lema que presenta a actividade ao alumnado. Porque en galego soan mellor os  desexos para Nadal e  aninovo,  animamos  aos rapaces a preparar unhas bolas para a nosa árbore de Nadal con debuxos e unha frase ou texto en galego.  Aínda que as houbo moi decoradas non puideron competir coas árbores artesanais e personalizadas que a nosa Vicedirectora Pilar López elaborou con moito agarimo para cada estancia do centro. Encantáronnos! 

  

Powered by Drupal - Design by artinet