Complementarias e extraescolares

DOUS ALUMNOS DE 3º ESO FIXERON UNHA GRAN ACTUACIÓN NA OLIMPIADA INFORMÁTICA GALEGA QUE SE CELEROU O DÍA 10 DE FEBREIRO NA CORUÑA

Mario Prada e Miguel Palmer participaron o pasado venres, día 10 de febreiro, na Olimpíada Informática que se celebrou na Facultade de Enxeñería Informática da Universidade da Coruña.

Despois de que o ano pasado se presentasen por primeira vez animados pola súa profesora de Matemáticas, Cristina, tanto Miguel Palmer como Mario Prada aseguran que o seu obxectivo é aprender algo máis sobre a linguaxe programática, pero, sobre todo, pasalo ben e divertirse como o ano pasado.

Este venres Mario Prada Rodríguez foi o primeiro clasificado entre o alumnado da ESO e o quinto na listaxe xeral entre todos os/as participantes. Miguel tamén fixo un gran papel ainda que non se clasificou.

Parabéns aos dous !!

Deixámosvos o enlace á nova da Región.

 

Tamén tedes este outro enlace á noticia.

O ALUMNADO DE 3º ESO ASISTIU A UNHA ACTUACIÓN DE JAVIER OTERO E A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

O ALUMNADO DE 3º ESO ASISTIU A UNHA ACTUACIÓN DE JAVIER OTERO E A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA NO AUDITORIO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA E VISITOU A CASA MUSEO DE ROSALÍA DE CASTRO EN PADRÓN

Durante a xornada do venres, día 3 de febreiro, o alumnado de 3º ESO xunto cos profesores: Marta Cortés, Moncho Iglesias e Aitor Freán, desprazouse a Santiago de Compostela para asistir, pola mañá, no Auditorio de Galicia á actuación de Javier Otero, pianista e artista experimental, que xunto coa Real Filharmonía de Galicia presentaron o seu último traballo, Xogo de Espellos.

Trátase dunha aposta pola estética actual, con influencias da natureza e da vida cotiá, xa que son músicas electrónica e de orquestra creadas para piano. Javier Otero empregou temas dos seus anteriores discos para establecer un diálogo entre a orquestra e a música electrónica a través do piano, utilizando bases rítmicas electrónicas que xunto coa orquestra conseguiron sons moi novidosos.

Xa pola tarde, e despois de percorrer as rúas compostelás e a Praza do Obradoiro, achegáronse á Casa-Museo Rosalía de Castro en Padrón, o que lle permitiu coñecer a figura e a obra da escritora galega, que será estudada na aula con maior profundidade.

Deixámosvos algunhas fotografías da visita compostelá.

Fai clic aquí ou na imaxe para ver máis fotos.

OBRADOIROS E ÁS MESAS REDONDA DA USC DENTRO DO PROGRAMA USC CAMIÑA

O ALUMNADO DE 2º BAC ASISTIU AOS OBRADOIROS E ÁS MESAS REDONDA DA USC DENTRO DO PROGRAMA USC CAMIÑA 

O alumnado de 2º BAC asistiu na mañá do xoves, día 26 de xaneiro de 2023, aos diferentes obradoiros e stands informativos que a USC organizou no pavillón de Calabagueiros. Alí puideron observar varios talleres de robótica, dos que vos deixamos un vídeo. 

Ademais asistiu ás charlas sobre as titulacións de Tecnoloxía, Ciencias e Ciencias da Saúde que se celebraron no IES Lauro Olmo e ás de Ciencias Sociais e Humanidades levadas a cabo no noso centro educativo. Alén disto, o profesorado da USC tamén lles explicou os distintos servizos que ofrecen e por último, aclararon as dúbidas sobre as Probas ABAU e o acceso á Universidade.

Deixámosvos fotografías de diferentes momentos das actividades.

Fai clic aquí ou na imaxe para ver máis fotos.

XVIII OBRADOIRO DE XOGOS POPULARES E TRADICIONAIS DO CENTRO DE CULTURA POPULAR XAQUÍN LORENZO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

O ALUMNADO DE 3º ESO PARTICIPOU NO XVIII OBRADOIRO DE XOGOS POPULARES E TRADICIONAIS DO CENTRO DE CULTURA POPULAR XAQUÍN LORENZO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Grazas a Lito do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense,  o alumnado de 3º ESO tivo ocasión de participar no XVIII Obradoiro de Xogos Populares e Tradicionais o pasado luns, día 30 de xaneiro.

En tres quendas de dúas sesións o alumnado coñeceu algo máis sobre a billarda e os bolos, ademais de levar a cabo exercicios de concentración. 

Deixámosvos a información que nos traslada o CCP Xaquín Lorenzo sobre estes xogos populares.

Aínda que había un xeito de xogar preferente, en cada zona convivían varias modalidades de billarda, algunhas comúns ó resto da provincia, outras propias dese lugar.

Precísase para xogar de dous elementos: o palán e a billarda.

 

O palán é un pau longo, de entre 50 e 80 centímetros, este punto variaba segundo os gustos do xogador, e cun grosor en torno aos dous centímetros, o importante aquí é que se poida suxeitar comodamente coa man.

A billarda é un pau curto, de entre 14 e 17 centímetros de lonxitude, e aproximadamente un centímetro de grosor; como é habitual en todos os xogos, as medidas van depender dos gustos dos e das xogadoras.

No obradoiro, foron dúas as modalidades escollidas para xogar: a billarda de Penaguda e a billarda de Castro Caldelas.

Billarda de Penaguda:

Ríscase unha raia no chan, sobre a que se colocaba un palán sobrante.

Despois decídese quen comeza xogando, quen é o rei. Para iso dende a raia lanzan a billarda, e o que máis lonxe chegue é o que comeza.

O rei coloca a súa billarda no traveseiro e canéaa, tentando mandala o máis lonxe posible, para iso conta só cun intento. Dende onde chegue, o outro xogador colle a billarda coa man e tíraa contra o traveseiro. Se lle dá, convértese no rei. Se non lle dá, segue o mesmo xogador de rei anotándose un tanto.

A partida é a 11, 21, 31, 41... tantos, dependendo o número de tantos do número de xogadores que estean esperando a xogar. Quen chegue á puntuación pactada é o que gaña, quedando de rei na seguinte partida.

 

Billarda de Castro Caldelas:

Ríscase unha raia no chan onde se pousa a billarda.

Despois determínase a orde de lanzamento dos xogadores. Escóllese algo que estea a certa distancia da raia, unha pedra, unha árbore... Unha vez que tiran todos, a proximidade ao obxecto elixido marca a orde de lanzamento.

Quen ten a man, coloca a billarda na raia e canéaa, tentando que chegue o máis lonxe posíbel. Para iso dispón de tres intentos para conseguir elevar a billarda e zouparlle no ar, de non conseguilo perde a man e pasa o seguinte a tirar. O outro xogador, o que defende, colócase no lugar onde caeu a billarda, xogando por el e polos que están a espera para xogar.

O rei situado ó pé da raia aposta o número de paláns que pensa que hai dende a raia ata onde caeu a billarda. Esta aposta, para ser gañada, ten que ser igual ou inferior ao número de paláns reais.

O que defende, pensa que hai o número de paláns apostados polo rei, dállos, converténdose nos tantos acadados na man. A continuación o rei sae do xogo ata que lle volva tocar, o que defende pasa a ser rei, e ao xogador que lle tocara, que estivera esperando para entrar a xogar, pasa a ser o que defende.

O que defende, pensa que non hai o número de paláns apostados, manda contar o rei. Se os hai pasan a ser tantos do rei, pero senón pasan a ser os puntos acadados tanto polo que defende como polos que están a esperar a xogar. De non crer a aposta, quen conta é o rei.

Ao comezo do xogo establécese unha puntuación, por exemplo 100 tantos. Quen chegue a esa puntuación, estea ou non xogando, gaña.”

Bolos

Precísase unha bóla (de madeira dura e de un a tres quilos) e nove birlos.

 

Os birlos teñen entre 7-10cm. de altura e as bólas son esféricas, duns 15cm. de diámetro e, a diferenza doutras modalidades, non teñen buratos para suxeitalas.

O xogo practícase nun terreo chan e libre, no que se marca, a zona de lanzamento, o lugar de cada bolo, a liña de 10metros e a rebola. Aínda que non é imprescindible, cómpre que no extremo final do campo exista un obstáculo natural que pare os birlos, dado que é relativamente doado extravialos.

A primeira acción do xogo é o tiro, lánzase a bóla de arriba cara abaixo con moita forza, neste intre pódese adiantar un dos pés da liña de tiro.

 

A puntuación, dun xeito sintético, obtense do seguinte xeito:

  • Aqueles bolos derribados pero que non cheguen á liña de 10m obterán un punto.
  • Os que pasen da liña de 10m, dez puntos cada un (coa condición indispensable de que pase a bola tamén).

A segunda parte consiste na chamada ‘rebola’, que non é outra cousa que outra tirada desde a liña de 10m. Os birlos derrubados nesta tirada realizada do revés valen un punto cada un. Os xogadores/as que no primeiro tiro derruben algún bolo e a bóla pase da liña de 10m, teñen opción á rebola.

As partidas acórdanse a sesenta puntos normalmente, e gaña o/a xogador/a, que antes os acade. Pódense acordar, non obstante, a calquera outro número de puntos ou a un certo número de tiradas.

A Birolla

Este xogo consta de catro elementos que son: a cega (un cadrado feito de madeira), a birolla (un triángulo de madeira), nove bolos e unha bóla.

O primeiro en colocarse é a cega, a un paso desta, a birolla, a outro paso, os nove bolos (dependendo da zona teñen unha colocación ou outra) e a once pasos debuxarase a liña de lanzamento.

 

O lanzamento ten que ser paralelo o chan e o xogador ten que ter os pés por detrás da liña.

A finalidade do xogo é conseguir tirar a maior cantidade de pezas posible. Cada bolo vale un punto; a birolla, dez e a cega, vinte.

O resto dos xogadores contarán ata un número previamente pactado e por cada vez que o fagan se o xogador non ten colocados en pé todos os bolos se lle restará un punto dos obtidos nos seus lanzamentos.

Gañará o xogo quen máis puntos consiga.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos.

 

Viaxe a Londres de 1º de bacharelato 2023

 O alumnado de 1º de Bacharelato do IES Martaguisela participa na viaxe a Londres organizada polo Departamento de Inglés.

DÍA 1:

O domingo de madrugada, día 22 de xaneiro, o alumnado de 1º BAC emprendía viaxe cara á Coruña para posteriormente tomar o avión cara a Londres en compañía das profesoras de Inglés, Rose Marie Deus Seijo e Natalia Nogueira Basalo, e do profesor de Matemáticas na sección bilingüe, Manuel Barreiro Abeijón.

Ao chegaren a Londres e descargar as maletas no hotel, comezaron a descubrir a cidade.

 

DÍA 2:

Durante este segundo día de estancia en Londres o alumnado de 1º BAC xunto co profesorado visitaron os seguintes lugares:

A estación de King’s cross, realizaron a viaxe en metro ata Buckingham Palace, onde viron o cambio da garda; pasearon polo parque de Saint James, pasaron por Trafalgar Square e por 10 Downing Street (onde vive o Primeiro Ministro) e pola sede da Garda Real.

Achegáronse ata a ponte de Westminster e avistaron o Big Ben, a abadía de Westminster e as Houses of Parliament.

Pola tarde colleron un barco que os levou ata Tower Bridge, que cruzaron a pé. Viron os docks ou porto deportivo e a Torre de Londres por fóra. Desde aí foron ata a catedral de Saint Paul e posteriormente á zona de Covent Garden para cear.

Pasaron un bo día.

Agora toca descansar para seguir descubrindo a cidade no día de mañá.

 

DÍA 3:

Durante este terceiro día de estancia en Londres o alumnado de 1º BAC xunto co profesorado visitaron os seguintes lugares:

Camden Town, Portobello e Notting Hill. Pasearon por Kensington Gardens, onde viron o Albert Memorial e o Royal Albert Hall por fóra. Posteriormente achegáronse ata Harrod’s. Viaxaron en double decker bus ata Marble Arch e percorrreron a pé Oxford Street.

Pasaron un bo día.

Agora toca descansar para aproveitar o último día de excursión.

 

CUARTO E ÚLTIMO DÍA:

Xa chegamos á fin da estancia en Londres, así que toca facer as maletas e deixar o hotel, mais aínda lles queda visitar o British Museum antes de iniciar a viaxe de volta á casa. Ás 12:45h saíron cara ao aeroporto e ás 17:20h embarcaron dirección á Coruña e posteriormente en autobús cara ao Barco de Valdeorras.

Moi boa viaxe!

Deixámosvos vídeos e algunhas fotos dende Londres.

Facendo clic no enlace ou na imaxe poderédes ver todas as fotos e vídeos de cada día.

Plan Director para a convivencia. (BAC)

No IES Martaguisela continuamos co Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus entornos da Garda Civil.

Dentro do programa do Plan Director da Garda Civil, o día 19 de xaneiro o alumnado de 1º e 2º BAC asistiu á charla “Violencia sobre a muller e explotación sexual en entornos de prostitución” que lles impartiron o axente, don Aser Moreiro, especialista da EMUME (Equipo de Muller e Menores creado en 1995 para prestar atención personalizada ás vítimas durante a intervención policial) e Raquel Fernández, Educadora Social da Asociación ALUMAR (trátase dun proxecto de Cáritas de Ourense que ten como obxectivo fundamental acompañar e apoiar as mulleres que se atopan en contextos de prostitución, trata ou explotación sexual. Ademais pretender sensibilizar a sociedade para que coñeza a realidade dos contextos de prostitución e vulnerabilidade nos que se atopan as mulleres, ademais de realizar un labor de prevención e educación). Tamén estivo presente a Sra. Inspectora do Plan Director, dona Pilar Barandela.

En primeiro lugar, interveu Aser Moreiro, un garda civil que leva 29 anos dedicado a investigar delitos relacionados coa trata de persoas e coa prostitución. Comezou cun exemplo moi gráfico sobre unha das formas nas que este tipo de redes recrutan rapazas: buscan influencers nas redes sociais e prométenlles unha fin de semana de festas e luxo. A realidade é que acaban secuestradas durante varios meses sendo violadas por innumerables clientes.

O garda civil expuxo outras formas de captar rapazas, algunhas en países de África ou América e outras aquí en Europa. Tamén falou de redes de pederastia e de prostitución masculina, deixando moi claro que os consumidores de calquera destes tipos de prostitución ou pornografía son homes nun 95% dos casos.

Alén disto explicou a situación na que se ven as mulleres atrapadas en redes de trata de persoas, contraendo supostas débedas que nunca rematan de pagar e ameazadas polos seus captores. Contoulles que as redes de tráfico de drogas están intimamente relacionadas con este negocio, xa que moitas mulleres teñen que recorrer ao abuso de substancias para poder levar a situación na que se atopan. Ao mesmo tempo, os proxenetas encárganse de proporcionarlles as drogas para que así dependan deles.

Falou do negocio da pornografía e da situación na que se atopan as mulleres que se dedican a isto, destacando que arredor dos 25 anos xa se consideran “estropeadas” e como, para poder aforrar durante os anos que traballan, teñen que gravar moitísimas películas.

Destacou que a OMS (Organización Mundial da Saúde) considera que o dano psicolóxico sufrido polas mulleres que se dedican á prostitución, incluso de forma “voluntaria” (tanto el como a traballadora social que o acompañaba consideran que tal voluntariedade non existe) é comparable a unha situación de escravitude e tortura.

Na segunda metade da charla foi Raquel Fernández, educadora social de ALUMAR, que traballa nunha asociación dedicada a axudar a mulleres que queren deixar a prostitución explicou que as contactan para que saiban que as poden axudar e que, se elas deciden dar o paso, proporciónanlles axuda psicolóxica, legal, loxística, para atopar traballo, etc.

Esta traballadora destacou a valentía destas mulleres, que deben romper cunha vida de abusos e adiccións e que afrontan danos psicolóxicos, ás veces, de por vida.

Os dous relatores resaltaron que tanto a industria da prostitución como a da pornografía existen porque hai unha demanda e que o seu obxectivo é que os rapaces e rapazas, antes de consumir calquera das dúas cousas, reflexionen acerca de todo o que hai detrás.

O alumnado participou atentamente da charla e formulou diferentes preguntas que foron respondidas adecuadamente á idade da rapazada.

Dende o IES Martaguisela queremos agradecer, unha vez máis, o labor de concienciación que se está a levar a cabo entre a alumnado dentro deste programa do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus entornos da Garda Civil.

 

Deixámosvos algunhas fotografías da sesión.

Facendo clic aquí ou na imaxe poderás ver máis fotos da actividade

Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus entornos da Garda Civil. (3º e 4º da ESO)

No IES Martaguisela continuamos co Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus entornos da Garda Civil

 

Seguimos co programa do Plan Director da Garda Civil, o día 12 de xaneiro o alumnado de 3º ESO asistiu á charla sobre violencia de xénero que lles impartiu a axente, dona Vanesa Domínguez Sousa, quen lles falou da necesidade de detectar mostras de violencia de xénero ás que, en moitas ocasións, non se lles presta atención como son: compartir coas parellas os contrasinais do móbil ou das redes sociais, determinados comportamentos como terlle que enviar fotografías persoais, manipulación, aillamento social, etc, xa que, segundo a relatora, o 80% das agresións sexuais que se producen en adolescentes están no grupo de amigos.

Vanesa Domínguez deulles a oportunidade de visionar varios vídeos de campañas publicitarias “Encuentra el amor verdadero” para exemplificar todo canto ía argumentando.

A rapazada realizou unha escoita activa de todos os vídeos e ao finalizar cada un deles ían comentando o que lles suxerían.

Deixámosvos os enlaces aos vídeos.

Querido papá. Trátase dunha curtametraxe dunha campaña norueguesa.

Encuentra el amor verdadero. Cap. 1, para ver as alertas que, ás veces, as/os nosas/-os amigas/-os nos fan ver.

Encuentra el amor verdadero. Cap. 3, para ver as formas de vestir.

Encuentra el amor verdadero. Cap. 4, para observar a manipulación nas relacións tóxicas.

Encuentra el amor verdadero. Capítulo 5, para ver a temáticas dos contrasinais.

Por outra banda, o axente, don Roberto Valente López, compartiu a sesión co alumnado de 4º ESO para tratar a ciberseguridade, onde falaron dos riscos da internet mal empregada e recalcou a importancia de subir fotografías e vídeos cando somos adolescentes e que unha vez que están na nube, xa non poden ser eliminadas, o que pode supor, cando somos adultos, graves consecuencias.

Para exemplificar isto, o alumnado visionou o vídeo Pim, pam, toma Lacasitos e a entrevista ao protagonista desta historia sendo adulto, para tomar conciencia da importancia e das consecuencias do que subimos á web.

A rapazada reflexionou sobre a importancia da protección de datos e cal é o motivo de que moitas redes sociais como WhatsApp, Facebook, Twitter, TikTok, etc non cobren por ser empregadas.

 

Todos estes vídeos foron tirados de Youtube.

 

Unha vez máis, dende o IES Martaguisela queremos agradecer o labor dos axentes da Garda Civil, dona Vanesa Domínguez Sousa e don Roberto Valente López, e o seu achegamento ao alumnado á hora de falar dos problemas de seguridade que lle afecta como colectivo. Ao finalizar as charlas repartiron bolígrafos entre a rapazada.

 

Deixámosvos algunhas fotografías das sesións.

Éstas e moitas outras fotos da actividade podédelas atopar facendo clic aquí ou nas imaxes.

GAÑADORES DAS TARXETAS DE NADAL

PARABÉNS ÁS GAÑADORAS E AOS GAÑADORES DAS TARXETAS DE NADAL

Queremos felicitar as gañadoras e os gañadores do CONCURSO DE TARXETAS DE NADAL que organizou o Equipo da Biblioteca e mais o de Dinamización de Lingua Galega e que segundo as bases son:

TARXETA GAÑADORA: Judith Rodríguez Consentino. 2º BAC B

CATEGORÍA 1º - 2º BAC: Andrea Burgos Jares. 1º BAC B

CATEGORÍA 3º - 4º ESO: Alicia Domínguez Cortés. 3º ESO A

CATEGORÍA 1º - 2º ESO: Omar Monsalve Negrón. 1º ESO A

Deixámosvos as tarxetas gañadoras.

Fai clic aquí para ver o resto das tarxetas gañadoras.

ACTIVIDADES DE NADAL

 

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA CELEBROU O NADAL CON DIFERENTES ACTIVIDADES

 

O alumnado do IES MARTAGUISELA celebrou o Nadal 2022 con diferentes actividades ao longo da última semana de clases antes das vacacións:

  • Descubriu a figura do Apalpador e comezou a elaborar nas aulas unhas particulares bólas de desexos para posteriormente decorar a entrada do instituto cunha grande árbore de Nadal e os despachos con bólas personalizadas.

 

  • En colaboración co Departamento de Artes Plásticas o alumnado participou no concurso de tarxetas de Nadal organizado pola Biblioteca e o Equipo de Dinamización de Lingua Galega. Mostrámosvos o resultado das tarxetas elaboradas polo alumnado e que durante os últimos días se instalaron na entrada do centro educativo.

 

  •  Por último, o venres, día 22 de decembro, durante as dúas últimas horas de clases, o alumnado participou no torneo de fútbol de Nadal organizado polo Departamento de Educación Física e o alumnado de 4º ESO, quen tamén se encargou de elaborar, xunto coas súas familias, suculentos pratos de comida e sobremesa que venderon entre a comunidade educativa co fin de recadar fondos para a excursión de fin de etapa.

A final do torneo disputouse entre o alumnado de 1º ESO B e o de 3º ESO D.

Foi un partido moi emocionante onde os de 3º ESO se impuxeron por 4 goles a 0.

 

Deixámosvos fotografías de diferentes momentos das actividades.

BOLAS DE DESEXOS CONCURSO DE TARXETAS DE NADAL TORNEO DE FUTBOL

 Podedes ver estas e moitas máis fotos das actividades facendo clic aquí.

CHARLA DA USC DENTRO DO PROGRAMA USC PONTE

O ALUMNADO DE 2º BAC ASISTIU Á CHARLA DA USC DENTRO DO PROGRAMA USC PONTE

O alumnado de 2º BAC asistiu na mañá do martes, día 20 de decembro, a unha charla impartida polo profesor da Facultade de Farmacia, don José Manuel Blanco Fernández.

O programa A ponte entre o Ensino Medio e a USC permítelle ao alumnado coñecer un pouco máis a Universidade de Santiago de Compostela: as súas titulacións, os servizos académicos, a oferta educativa, etc, e saber como se desenvolven as probas da ABAU.

Deixámosvos fotografías de diferentes momento das actividades.

Para ver máis fotos da actividade fai clic aquí ou na foto.

Powered by Drupal - Design by artinet