Complementarias e extraescolares

O ALUMNADO DE 3º ESO DO IES MARTAGUISELA REALIZOU UNHA RUTA DE SENDEIRISMO POLA ZONA DO RÍO FARELOS EN ARCOS O DÍA 04 DE MAIO DE 2023

O alumnado de 3º ESO do IES Martaguisela realizou este xoves, día 04 de maio, unha ruta de sendeirismo duns 14 Km de distancia pola zona do río Farelos en Arcos e aproveitaron para visitar a aldea de Córgomo, lugar de nacemento de Florencio Delgado Gurriarán.  Os profesores acompañantes foron David Ramos, Álex Caruncho e Sabela Quiroga.

Foi unha xornada na que ademais de pasalo ben e gozar da natureza o alumnado aproveitou para realizar actividade física e mesmo bailar, tal como podemos ver nalgún vídeo.

Esta actividade enmárcase dentro do Plan Proxecta de Proxectos de Vida Activa e Deportiva (PVAD)

Deixámosvos máis fotografías da xornada.

O ALUMNADO DE 1º ESO DO IES MARTAGUISELA REALIZOU UNHA RUTA DE SENDEIRISMO POLA ZONA DE XAGOAZA O DÍA 03 DE MAIO DE 2023

O alumnado de 1º ESO do IES Martaguisela realizou este mércores, día 03 de maio, unha ruta de sendeirismo duns 12 Km de distancia pola zona de Xagoaza.  Os profesores acompañantes foron David Ramos, Álex Caruncho e Andrea Méndez.

Á primeira hora da mañá comezaron a andaina no IES Martaguisela en dirección ao Castro para posteriormente coller a ruta cara ao monasterio de Xagoaza. A ruta realizada foi dunha distancia aproximada aos 12 km, con forte pendente ao inicio mais que o alumnado soubo resolver sen complicacións.

A medida que ían avanzando realizaron paradas para ir explicando cómo camiñar en determinadas zonas e tendo en conta unha correcta hidratación para evitar desfalecementos  debido á calor abafante de hoxe.

No mosteiro fixeron algún descanso para repoñer forzas e así poder continuar descendendo cara ao instituto de novo. Alén da ruta, amenizaron o percorrido cun xogo que mantiña ocupada a toda a tropa.

Foi, sen lugar a dúbida, unha boa xornada de actividade física, de natureza e de diversión.

Deixámosvos máis fotografía da xornada.

O ALUMNADO DE 3º E 4º ESO REALIZOU UNHA VISITA CULTURAL A ASTORGA O XOVES, DÍA 27 DE ABRIL DE 2023

O alumnado de 3º e 4º ESO do IES Martaguisela realizou este xoves, día 27 de abril, unha visita cultural a Astorga organizada polo departamento de Relixión e acompañados dos profesores Miguel Martínez e Aitor Freán.

Pola mañá realizaron un roteiro no que foron descubrindo os restos máis salientables da Astorga romana: domus, muralla, termas, mosaicos e cloaca. Alén disto visitaron o Museo Romano e participaron nun pequeno obradoiro no que tiñan que ir pescudando e atopando restos do legado romano da cidade.

Despois de xantaren, visitaron a Catedral, subiron ao seu campanario, coñeceron os obxectos máis salientables do museo catedralicio e despedíronse vendo o Palacio Episcopal de Gaudí.

Deixámosvos máis fotografía da xornada.

O ALUMNADO DE 3º ESO C RESULTOU GAÑADOR NA FASE FINAL GALEGA CELEBRADA O LUNS, DÍA 24 DE ABRIL, EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

O alumnado de 3º ESO C do IES Martaguisela resultou gañador da Fase Final Galega do XXXI RALLY MATEMÁTICO na súa categoría que se celebrou o luns, día 24 de abril, na Facultade de Química de Santiago de Compostela.

Parabéns ao equipo formado por Xoel Fernández Jones, Fernando López Braz, Eva López García, Nerea López García, Xiana Pungín Estévez, Ander Quintáns Guerra, Mariamne Tamerón Andreu e Lucas Valcarce Fernández e á súa profesoraBelén Lombardía Rodríguez. Tamén os acompañou a profesora Ana Suárez Gamarra.

Esta edición foi a que maior participación tivo en Galicia dende que existe o certame.

O premio consiste nunha viaxe de tres días en Madrid que gozarán a finais do mes de xuño.

Despois de recibir o galardón, visitaron o Observatorio astrofísico, pasearon polas rúas compostelás e visitaron a Praza do Obradoiro e a Catedral. 

PARABÉNS, MOZAS E MOZOS!!

Fai clic na imaxe para ver máis.

O ALUMNADO DE 4º ESO e 1º BAC DE FÍSICA E QUÍMICA ASISTIU Á CHARLA QUE IMPARTIU ISIDRO GONZÁLEZ CABALLERO, INVESTIGADOR DO GRUPO DE FÍSICA EXPERIMENTAL DE PARTÍCULAS DA UNIVERSIDADE DE OVIEDO

Hoxe, 24 de abril,  visitounos Isidro González Caballero investigador do Grupo de Física Experimental de Partículas da Universidade de Oviedo que traballa no ICTEA (Instituto de Ciencias e Tecnoloxías Espaciales de Asturias). 

 A charla estaba dirixida ao alumnado de Física e Química de 4° ESO e de 1° Bacharelato na que puidemos aprender máis sobre as partículas das que estamos compostos nós e todo o universo.

 Por outro lado, permitiunos descubrir o CERN (Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire), centro ubicado en Xenebra, Suíza. Neste centro atópanse diversos laboratorios e máquinas nas que se investiga sobre a física de partículas, tamén chamada física de altas enerxías. Entre estas máquinas podemos atopar o aceledor de partículas máis grande do mundo dunhas dimensións de 27 km de circunferencia, ubicado a unha profundidade de 175 m baixo terra e a unha temperatura de -271,3°C.

 En resumo, puidemos coñecer un pouco sobre a rama da física que estuda as partículas máis pequenas do universo, as investigacións máis recentes nese eido así como algunhas das aplicacións prácticas que ten esta rama da física no noso día a día. Algunhas tan importantes e usadas diariamente como as páxinas webs, entre outras. 

 Dende o IES Martaguisela querémoslle agradecer a Isidro a súa visita e exposición e a Martín Fernández Gil, alumno de 1º BAC, quen realizou o primeiro contacto con este investigador.

Aquí tedes algunhas fotografías.

O ALUMNADO DE 3º ESO C FOI SELECCIONADO PARA A FASE FINAL GALEGA QUE SE CELEBRARÁ O VINDEIRO LUNS, DÍA 24 DE ABRIL, EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

 

O alumnado de 3º ESO C do IES Martaguisela que participou no XXXI Rally Matemático 2023 o pasado 11 de abril resultou seleccionado para participar na Fase Final Galega que se celebrará en Compostela, na Facultade de Química, o vindeiro luns, día 24 de abril de 2023.

 

Os membros do equipo son:

  • Xoel Fernández Jones
  • Fernando López Braz
  • Eva López García
  • Nerea López García
  • Xiana Pungín Estévez
  • Ander Quintáns Guerra
  • Mariamne Tamerón Andreu
  • Lucas Valcarce Fernández

Belén Lombardía Rodríguez e Ana Suárez Gamarra serán as dúas profesoras que os acompañarán a Compostela.

PARABÉNS!!

Desexámosvos moita sorte!!

Deixámosvos unhas imaxes.

O ALUMNADO DE 4º ESO DO IES MARTAGUISELA GOZA DA EXCURSIÓN DE FIN DE CICLO POR TERRAS CATALÁS (17-21 DE ABRIL DE 2023)

DÍA 1: 17 de abril

O luns, día 17 de abril, o alumnado de 4º ESO emprendía viaxe cara a Costa Dourada en compañía da profesora de Física e Química, Carlota Álvarez Álvarez e dos profesores de Educación Física, David Ramos Espada e Álex Caruncho García.

Ao chegaren a Salou cara ás 18:00h e descargaren as maletas no hotel, gozaron da praia e deron un paseo pola cidade.

Deixámosvos algunhas fotografías.

DÍA 2: 18 de abril

O martes desprazáronse ata Barcelona para coñecela. Pola mañá visitaron, cunha guía turística local, os lugares máis emblemáticos de Barcelona como son a Sagrada Familia. O percorrido durou unhas dúas horas nas que tiveron ocasión de descubrir a importancia da obra de diversos artistas modernistas e o gran legado de Gaudí.

Xa pola tarde, regresaron a Salou con tempo libre antes da cea.

Deixámosvos algunhas fotografías.

DÍA 3: 19 de abril

O mércores pola mañá tocou visitar as instalacións do CAMP NOU e desfrutar do Museo e das vistas privilexiadas ao estadio de fútbol.

Xantaron na Vila Olímpica e, pola tarde, visitaron o COSMOCAIXA, Museo da Ciencia, onde puideron observar o universo dende o Big Bang ata os últimos avances científicos, entre outras cousas. 

Pola noitiña, despois de pasar o día por Barcelona, regresaron a Salou con tempo libre antes da cea. 

Mañá espéraos un día cheo de diversión no parque de PortAventura. 

Envíannos estas fotografías que compartimos.

 

DÍA 4: 20 de abril

O xoves, durante todo o día, viviron unha gran xornada en PortAventura. Gozaron de emocionantes atraccións nas que desfrutaron dun gran parque temático e dunha boa temperatura. Pasaron polas diferentes zonas representativas do noso planeta: China, Polinesia, México, o salvaxe oeste,...

Ao pechar PortAventura, aproveitaron para ir á praia e pasear antes da cea.

Mañá toca recoller as maletas e emprender a viaxe de volta.

Envíannos estas fotografías que compartimos.

DÍA 5: 21 de abril

O venres, e último día de excursión a Barcelona, tocou recoller os cuartos do hotel, facer as maletas e emprender a viaxe de volta cara ao Barco de Valdeorras.

Boa viaxe!!

Cara ás 21:00h do venres, día 21 de abril, a expedición do alumnado xunto cos profesores que estiveron durante toda a semana por terras catalás chegaban ao seu destino, o IES Martaguisela.

Segundo os docentes David Ramos, Álex Caruncho e Carlota Álvarez o comportamento do alumnado foi marabilloso e exemplar, así que queremos felicitalos pola súa conduta.

Parabéns e benvid@s á casa!!!

 Compartimos estas fotografías

 

O ALUMNADO DE 3º E 4º ESO DO IES MARTAGUISELA VÉN DE PARTICIPAR NO CONCURSO DE ORATORIA IMPROVISADA INTERCENTROS EN MONFORTE DE LEMOS

Despois da Fase Local do I CONCURSO DE ORATORIA IMPROVISADA INTERCENTROS que se desenvolveu no noso centro educativo durante o mes de marzo, os tres alumnos gañadores (Jesús Iann Codesido Isla de 3º ESO A; Mario Álvarez Vega, 4º ESO A e Mario Prada Rodríguez de 3º ESO B) acompañados do resto de alumnado finalista e as profesoras Carmen Gamarra e Pilar López desprazáronse ata Monforte de Lemos o xoves, día 13 de abril de 2023, para disputar a fase final cos finalistas do IES Río Cabe e o Xograr Afonso Gómez de Sarria.

Neste concurso participamos na categoría de 3º e 4º ESO.

 

A rapazada debía falar un minuto sobre unha palabra escollida ao chou dunha preselección. As intervencións foron extraordinarias e mostraron unha gran calidade. O xurado, formado por unha docente de cada un dos tres centros, tivo un labor difícil para seleccionar os gañadores.

O acto rematou cunha actuación musical en directo por parte dun profesor e unha alumna do IES Río Cabe que nos deleitaron coa canción, Tempestades de Sal, de Sés e coa entrega de diplomas e agasallos aos finalistas e premios aos tres alumnos que mellor puntuación acadaron neste orixinal dó lingüístico.

Os gañadores nas diferentes categorías foron:

Categoría 1º e 2º de ESO:

Marc López Celeiro (IES Xograr Afonso Gómez)

Icía Veiga López (IES Xograr Afonso Gómez)

Paula Bouso González (IES Río Cabe)

Categoría 3º e 4º de ESO:

Demetrio González Álvarez (IES Río Cabe)

Mario Prada Rodríguez (IES Martaguisela)

Anxo Sobrado Rodríguez (IES Xograr Afonso Gómez)

Categoría 1º e 2º de BAC

Carlos Vilariño Romero (IES Xograr Afonso Gómez)

Mauro Díaz Gayoso (IES Xograr Afonso Gómez)

Héctor Rosende Núñez (IES Río Cabe)

Foi un día moi completo xa que ademais de participar no concurso, realizamos unha visita guiada polo Monforte medieval e histórico (conxunto arquitectónico de San Vicente do Pino, a Torre da Homenaxe, o Parador Nacional, a igrexa e o Pazo Condal, onde Sandra Mallo e India López de 4º ESO nos contaron a lenda da Coroa de Lume, paseamos polas rúas da xudería, Praza de España, Colexio de Nosa Señora da Antigua, Ponte Medieval) con parada na antiga librería Xistral, poñendo así en valor a figura do poeta Manuel María (que estaban estudando algúns mozos).

Xa chegado o mediodía, convidáronnos a un xantar de confraternidade no propio comedor do IES Río Cabe e, finalmente, realizamos unha visita ao Mirador do Duque, que nos permitiu descubrir a beleza desta fermosa paisaxe dos canóns do Sil.

Agora cómpre seguir traballando a oratoria improvisada de cara á seguinte edición deste concurso.

Foi unha xornada formidable e dende o IES Martaguisela queremos agradecer a excelente organización por parte do IES Río Cabe, especialmente a Paula Martínez, coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística, e a extraordinaria acollida por parte de toda a comunidade educativa do IES Río Cabe.

Deixámosvos algunhas fotografías da actividade.

ALUMNADO DOS CATRO NIVEIS DA ESO PARTICIPOU NA XXXI EDICIÓN DO RALLY MATEMÁTICO

Co Patrocinio da Xunta de Galicia, celebrouse este XXXI Rally Matemático 2023.

Está destinado aos estudantes dos seguintes cursos: 1º, 2º, 3º ou 4º de Matemáticas da ESO; en grupos de 8 alumnos e alumnas (pertencentes á mesma clase), agás que participe toda a clase e non sexa posible que todos os grupos sexan de 8 participantes.

Os premios serán semellantes aos desenvolvidos nos últimos 31 anos. Libros para os 3 primeiros grupos clasificados e a viaxe correspondente para o equipo gañador de cada curso. Os detalles da viaxe ultimaranse co profesorado dos equipos gañadores.

Os obxectivos son:

  • Promover a ciencia e as matemáticas entre os estudantes.
  • Demostrar que non están reservados para unha elite, que son atractivos e accesibles para todos.
  • Propiciar a resolución colaborativa de problemas.

Deixámosvos algunhas imaxes (fai clic aquí ou na imaxe).

O ALUMNADO DE 1º e 2º BACHARELATO DO IES MARTAGUISELA ASISTIU A UNHA CHARLA CON DAVID GÓMEZ

O pasado xoves, día 30 de marzo de 2023, o alumnado de 1º e 2º BAC participou nunha videoconferencia con David Gómez, ex-alumno do IES Martaguisela que na actualidade traballa de consultor nunha empresa que consegue principalmente finanaciamento para institutos de investigación, farmacéuticas, empresas biotecnolóxicas, etc.

David Gómez despois de estudar o Bacharelato no IES Martaguisela estudou Biomedicina na Universidade de Barcelona e posteriormente realizou un máster en Administración de empresas enfocado ao sector sanitario na Universidade de Utrecht (Países Baixos).

Queremos agradecerlle a David Gómez o seu tempo, a súa dedicación e a súa amabilidade por ter compartido con nós a súa experiencia e responderlle todas as preguntas do alumnado e que serán publicadas na revista Saldoira, que o Equipo de Dinamización Lingüística elabora todos os anos.

Deixámosvos algunhas fotografías da videoconferencia (fai clic aquí ou na imaxe).

Powered by Drupal - Design by artinet