Skip to Content

Somos Miraflores

Avda Miguel Hernández, 8. 15173- Oleiros (A Coruña).

Tno: 881 880 845. e-mail: ies.miraflores@edu.xunta.es

VI CARREIRA DA LUZ IES MIRAFLORES. 26 DE ABRIL DE 2024 ÁS 20:00 HORAS

PREPARADOS/AS, LISTOS/AS... QUE VOLVE A CARREIRA DA LUZ!!

 

Para os/as que sodes novos/as no IES Miraflores, contarvos que a Carreira da luz é un proxecto, deseñado dende o centro no 2017, que pretende ser unha actividade deportiva, á vez que solidaria e de convivencia de toda a comunidade educativa, na que se involucre o maior número de persoas de todas as idades, e non só de Oleiros, senón tamén das localidades limítrofes.

 

Unha das máximas do IES Miraflores é educar en valores e inculcar boas prácticas como a participación en actividades deportivas e saudables, a cooperación ou a solidariedade con aquelas persoas que máis sofren de aí que, se hai a motivación de correr ou de colaborar, na medida das posibilidades de cada un/ha, por unha boa causa, sabendo que o teu esforzo vai contribuír a mellorar un pouco a vida das persoas, o éxito está garantido.

 

 

 

Nesta ocasión, a nosa colaboración irá para un proxecto en Malawi do que teredes toda a información en breve nesta web así que ide buscando participantes e colaboradores, calzando as vosas deportivas e vestindo a vosa camiseta solidaria que o venres, 26 de abril, ás 20:00 horas, levarase a cabo, no Polígono de Iñás, a VI edición da Carreira da luz!

 

Toda a información relativa á carreira pode consultarse no seguinte enlace

 

A inscrición pode realizarse no seguinte enlace. É importante recordar que é preciso subir un xustificante do ingreso bancario (fotografía ou pdf)

É necesario iniciar sesión cunha conta de Gmail para poder recibir o certificado de inscrición. En caso contrario a inscrición será efectiva pero non recibirá o correo de confirmación.

 

PUBLICACIÓN DAS LISTAXES PROVISIONAIS ADMISIÓN ORDINARIA ALUMNADO 2024-2025

PUBLICACIÓN DAS LISTAXES PROVISIONAIS DO ALUMNADO ADMITIDO E NON ADMITIDO EN 1º E 2º ESO (por ser os postos escolares ofertados inferiores ao número de solicitudes de admisión): 25 DE ABRIL DE 2024

As familias poderán consultar dende o xoves, 25 de abril, ditas listaxes presencialmente no taboleiro de anuncios do centro ou por vía electrónica a través da aplicación informática admisionalumnado, sendo necesario para consultalas o certificado dixital ou Chave365.

Poderase formular reclamación a ditas listaxes provisionais no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación ante o Consello escolar. Estas reclamacións entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación da listaxe definitiva.

 

DATA DE PUBLICACIÓN DA LISTAXE DEFINITIVA DO ALUMNADO ADMITIDO E NON ADMITIDO: 15 DE MAIO DE 2024

As persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada a ditas listaxes ante a persoa titular da xefatura territorial no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. A resolución da persoa titular da xefatura territorial porá fin á vía administrativa e contra esta cabe interpor recurso potestativo de reposición ou recurso contencioso-administrativo.

III Feira científica Imaxina Coruña

O pasado sábado 13 de abril, un equipo de alumnado e profesorado do IES Miraflores representou ao noso instituto na III Feira científica Imaxina Coruña. A presentación do proxecto "Comportas lóxicas" tivo lugar nas instalacións da Domus xunto a outros 20 traballos. O alumnado que defendeu o proxecto explicou a visitantes e xurado en que consistía o funcionamento das comportas lóxicas utilizando unhas maquetas construídas por eles. A actividade rematou coa entrega de premios e un espectáculo científico a cargo de David Ballesteros que sorprendeu ao público con distintos experimentos en directo.

Intercambio Lycée René Cassin

Un ano máis o alumnado de francés de 3º ESO e 1º de bacharelato participou no intercambio cun instituto francés de Bayonne, do 14 ao 22 de marzo de 2024, e agora temos aquí esta semana, do 6 ao 13 de abril, Ao alumnado francés do Lycé René Cassin.

LUISA VILLALTA. A MÚSICA DO POEMA

Este venres 5 de abril tivemos a grande sorte de contar no IES Miraflores coa poeta Antía Otero, que impartiu un obradoiro de poesía ao alumnado de 1º de Bach.

A poesía serviu de eixo para traballar tamén a figura da escritora homenaxeada este ano nas Letras Galegas: Luisa Villalta.

Desbotar os prexuízos que se teñen deste xénero literario e tratar de achegalo á rapazada para que sexan quen de cultivalo foron as máximas da actividade.

Os versos foron agromando pouco a pouco do maxín do alumnado e a experiencia resultoulle moi enriquecedora.

A actividade estivo organizada polo Equipo de Dinamización e o Concello de Oleiros.

Mulleres artistas

O alumnado de Expresión Artística de 4ºESO realizou unha serie de traballos sobre mulleres artistas: Rita Cavallari, Schiaparelli, Sofía Coppola, Berthe Morisot, Frida Kahlo, etc.

Falando con Zenzar

Zënzar é unha banda de punk rock galega procedente de Meirama  e formada durante o outono do ano 1987.


Son a banda con máis anos de actividade en Galiza facendo rock en galego, polo que son alcumados a miúdo como "os padriños do rock galego".

O vocalista do grupo é o polifacético Xosé Bocixa  que estivo no noso centro acompañado de Paco Cerdeira 'Pacolas' e da ilustradora Laura Romero.

O alumnado de 2º ESO desfrutou o pasado 21 de marzo no salón de actos do instituto, non só das súas cancións senón tamén das súas experiencias ao longo da súa dilatada traxectoria.

A actividade estaba organizada polo Equipo de Dinamización do IES Miraflores e o Concello de Oleiros.

OBRADOIRO DE REGUEIFAS

 

Os alumnos/as de 3º da ESO do IES do Miraflores desfrutaron o pasado venres 22 de marzo dunha sesión de regueifas impartida por Lupe Blanco.

Durante 90 minutos, as mozas e mozos compuxeron unha serie de versos seguindo a estrutura da regueifa, que consiste nunha disputa dialéctica na que a improvisación, a imaxinación e a rima son as protagonistas. Para rematar, cada un dos grupos cantou as súas regueifas diante dos compañeiros e compañeiras, seguindo as pautas ofrecidas pola reputada regueifeira carballesa.

Mediante esta iniciativa, organizada polo Concello de Oleiros e o Equipo de Dinamización do instituto pretendeuse incentivar o uso oral da lingua galega e outorgarlle á mocidade ferramentas discursivas a través da improvisación oral, ao tempo que se poñía en valor a lingua. Achegouse ao alumnado á estrutura tradicional da regueifa e inicióuselles nos mecanismos de canto, versificación e escollas léxicas.

Durante os obradoiros a rapazada traballou e puxo en práctica conceptos como son a rima, a métrica, a estrofa, a melodía... Ademais, de achegar e revitalizar a tradición galega de improvisación oral , tamén se favoreceu o diálogo e a liberdade discursiva, fíxose fincapé na motivación e no reforzo positivo co obxectivo de que o alumnado non dubidase en expresarse en público, nun ambiente de confianza e distendido.

A experiencia foi, xa que logo, moi positiva.

Roteiro polo encoro de Cecebre (COAWA)

Antes das vacacións de Semana Santa, todo o alumnado de primeiro da ESO puido desfrutar dun roteiro ao aire libre polo encoro de Cecebre. Guiados por expertos, os estudantes puideron avistar unha ampla variedade de aves, observar a riqueza florística da zona e mesmo observar algúns dos seus habitantes máis ilustres.

Resolución definitiva Becas 23-24

No arquivo adxunto está a resolución definitiva da convocatoria de becas 23-24.

Na seguinte dirección pódense consultar as resolucións e listados:

https://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050130/ficha/050130-2023.html

 

O prazo de presentación de recurso de reposición iníciase o día 21 de marzo e remata o 22 de abril de 2024

Distribuir contido


by Dr. Radut