Skip to Content

OBRADOIRO DE REGUEIFAS

 

Os alumnos/as de 3º da ESO do IES do Miraflores desfrutaron o pasado venres 22 de marzo dunha sesión de regueifas impartida por Lupe Blanco.

Durante 90 minutos, as mozas e mozos compuxeron unha serie de versos seguindo a estrutura da regueifa, que consiste nunha disputa dialéctica na que a improvisación, a imaxinación e a rima son as protagonistas. Para rematar, cada un dos grupos cantou as súas regueifas diante dos compañeiros e compañeiras, seguindo as pautas ofrecidas pola reputada regueifeira carballesa.

Mediante esta iniciativa, organizada polo Concello de Oleiros e o Equipo de Dinamización do instituto pretendeuse incentivar o uso oral da lingua galega e outorgarlle á mocidade ferramentas discursivas a través da improvisación oral, ao tempo que se poñía en valor a lingua. Achegouse ao alumnado á estrutura tradicional da regueifa e inicióuselles nos mecanismos de canto, versificación e escollas léxicas.

Durante os obradoiros a rapazada traballou e puxo en práctica conceptos como son a rima, a métrica, a estrofa, a melodía... Ademais, de achegar e revitalizar a tradición galega de improvisación oral , tamén se favoreceu o diálogo e a liberdade discursiva, fíxose fincapé na motivación e no reforzo positivo co obxectivo de que o alumnado non dubidase en expresarse en público, nun ambiente de confianza e distendido.

A experiencia foi, xa que logo, moi positiva.



story | by Dr. Radut