Skip to Content

A VI CARREIRA DA LUZ IES MIRAFLORES RECADA 6.000€ PARA A ASOCIACIÓN PANGONO PANGONO

Unhas 400 persoas de todas as idades participaron na carreira popular que por sexto ano consecutivo impulsou o IES Miraflores e que se coñece xa como “Carreira da Luz” .

A iniciativa solidaria contou co apoio e patrocinio dunhas 30 empresas da comarca, así como do Concello de Oleiros.

 

 

Co fin de recadar fondos, promover un estilo de vida saudable e  fomentar a cooperación entre as persoas, o IES Miraflores organizou o pasado venres  26 de abril dita carreira popular, na que participaron máis de 400 corredores e corredoras de todas as idades.

En anos anteriores, “iluminouse” as vidas de rapaces e rapazas de Guinea Bissau, Nepal,Honduras Guatemala,o sur da India e o ano pasado recadouse para a UVI móbil do afamado cirurxián Diego González Rivas.

Este ano a recadación irá destinada íntegramente á Operación “Pangono, Pangono” que na linguaxe Chichewa,  podería traducirse como “pouco a pouco”.

 

 

Con este evento deportivo, pretendeuse “pouco a pouco” facer moito…e acadar esa meta solidaria para coas rapazas de Malawi.

Din que cada alancada que se dá nunha carreira é un grande paso para unha mellor versión como persoa.

A pesar de que a choiva non deu tregua, toda a comunidade educativa gozou ao máximo da xornada e uns  animados speakers alentaron en todo momento aos corredores/as.

Dende as 20h, o Polígono de Iñás (Oleiros) converteuse nunha  grande festa, onde non faltaron os postos de venda solidaria, inchables para a rapazada, doces caseiros e chocolate quentiño  para combater mellor a molladura e repoñerse do esforzo.

Con achega destes 6000 euros, conseguida grazas á xenerosidade de participantes e colaboradores, espérase  dotar á residencia de mozas estudantes Amai Maria da Área 49 de Lilongwe de Malawi dunha MiniVan propia para evitar así os numerosos accidentes de tráfico
e,principalmente, as habituais situacións de abuso sexual,  ás que se ven sometidas  as rapazas cando se desprazan a estudar á capital nas ateigadas minivans e matolas.

A MiniVan da Área 49 tamén poderá ser utilizada noutros centros dos que dispoñen as misioneiras en Malawi: o hospital de Mlale e o orfanato de Chezi.

A iniciativa solidaria contou, como en anos anteriores, co apoio incondicional do Concello de Oleiros e máis de 30 empresas e entidades varias:

ADF Fogar,Anpa Miguel Hernández, Asueto, Auditel, Concello de Oleiros, CR Sport Horses, Cruz y Mora, Deputación de A Coruña, Diude salón de belleza en Compostela, Estrella Galicia 0,0, Facies clínica dental y estética, Finca Míllara, Finca Montesqueiro, Fundación deporte galego, Fundación HBL,Galitelco informática, Librería Sisargas, Progando, Proquicel S.A, Higiene y mantenimiento, Sendeiro Deporte,Ocio y Aventura, Soledad Fuentes espacios de belleza, Supmera, Tarabela ropa y complementos, Toyota Material Handling, Vegalsa Eroski, Veolia,Viajes Sierra

Con respecto á clasificación, o menos importante da proba, queremos recordar que esta é unha carreira organizada e realizada por afeccionadas, sen máis pretensións que facer unha boa obra social, recadar fondos para a asociación e pasar un bo rato desfrutando dunha actividade deportiva. Sempre confiamos na boa fe dos participantes e aínda que levamos a proba coa maior seriedade que podemos, cometemos erros e seguramente as clasificacións non son tan precisas como nunha careira con medios electrónicos de control. Todo aquel participante que queira saber que posición ocupa dentro da súa categoría pode enviar un correo electrónico a carreiradaluz@iesmiraflores.gal.



page | by Dr. Radut