Skip to Content

Actividades Complementarias e Extraescolares

STEMbach - Charla do doutor Andrés Soage: Intelixencia artificial e outras prácticas

Na sesión desta semana de STEMB visitounos o Dr Enxeñeiro Manuel Andrés Soage, que nos falou das posibilidades do hidróxeno como almacen de enerxía, e comprobamos a enerxía das explosións do hidróxeno cunha práctica in situ, de como aprenden as máquinas a imitar o noso comportamento, botando unha partida a "pedra-papel-tesoiras" cunha intelixencia artificial e da simulación de comportamentos celulares con modelos matemáticos de pautas sinxelas, observando como se moven sobre unha matriz 2D ou 3D "células dixitais artificiais".

Actividade Expresión Artística 4ºESO

O día 15 de maio Nina Hernández, da productora audiovisual Portocabo, veu ao centro a falar do seu traballo ao alumnado de Expresión Artística de 4ºESO.

Tamén vimos a curtametraxe 'Elas, productoras executivas' para visualizar a presenza da muller no audiovisual galego.

Correlingua 2024

O Correlingua é unha iniciativa normalizadora que leva desde o ano 2006 levando a centos de centros educativos a dar pasos pola defensa e promoción do uso da nosa lingua.

 

O pasado 10 de maio un par de grupos de 1ºESO, xunto co alumnado de PDC e seis profesoras fixemos unha andaina polo paseo marítimo da Coruña para rematar nunha grande festa ao pé da Torre de Hércules. O día foi solleiro e espléndido, o que permitiu que gozásemos tanto do paseo como da compañía doutros centros educativos da  contorna, coincidindo ademais con alumnado de outros CEIP de Oleiros, de especial interese para o alumnado que desfrutou en compartir actividade con irmáns ou amigos que un ano atrás acudían con eles e elas ao mesmo cole.

 

Tinta de Calamar

Co gallo da celebración do día das letras galegas os grupos de 2º e 4º da ESO acudiron a biblioteca Rialeda para ter unha parolada con Ramiro Neira, marabilloso comunicador que falou de Luísa Villalta poeta, pero tamén violinista, ensaísta, dramaturga e, sobre todo, mestra.

Coa figura de Luísa docente, quixo Ramiro reflexionar con eles sobre a importancia de ler e de aprender a entender o que lemos, reflexionou sobre a posibilidade de que a educación implique compartir, pero chamoulles ademais a atención sobre o feito de  que non se pode compartir se non partimos dun respecto polos noso iguais e polos nosos docentes.

 É unha fortuna que Ramiro Neira coñecese persoalmente a Luísa Villalta  por pertencer el ao grupo de teatro Sardiña. Rememorou vivencias persoais e escolleu libros da autora que están na biblioteca municipal, entre eles un que é unha homenaxe do alumnado que tivo Villalta no IES de Sada. Porque Ramiro en todo momento destacou a faceta docente de Luísa Villalta na que traballou os valores da liberdade e do respecto ás ideas.

 Varios alumnos e alumnas leron fragmentos destes libros sobre o amor polo  galego, a defensa do ensino público, a importancia da formación... para comentalos.E como non podía ser doutro xeito, rematamos cun poema da autora homenaxeada.

PARTICIPACIÓN NO XXVIII DÍA DA CIENCIA NA RÚA

Un grupo de alumnado e profesorado do IES Miraflores participou o pasado sábado, 4 de maio, no vixésimo oitavo Día da Ciencia na Rúa, celebrado no parque de Santa Margarida. Os departamentos de Física e Química e Matemáticas presentaron os seus traballos e o alumnado foi o encargado de explicar aos visitantes en que consistían.

Aqueles e aquelas que visitaron a nosa haima puideron construír dende poliedros a tensegridades, así como montar mosaicos ou comprender como funciona unha porta lóxica. Tamén se fixeron esferificacións e ata un volcán de escuma.
Agradecemos a todo o alumnado que nos acompañou esa mañá e agardamos volver para a próxima edición.

Aprendemos na Natureza (O Courel) - Bioloxía 1º de bacharelato

Os pasados días participamos co alumnado de 1º Bacharelato na actividade “Aprendemos na Natureza”. Visitamos o museo xeolóxico de Quiroga guiados por Moncho, coñecemos as microreservas de orquídeas na compañía de Marcos, camiñamos a Devesa da Rogueira, xunto a Fran, Brais e Jero e desfrutamos da sabrosa cociña de Maribel e Dolores. Durante 3 días convivimos, coñecemos algo da súa flora e fauna así como da historia, cultura e das xentes da Serra do Courel: Parque Natural, XA!

Concuros de postres franceses 2024

Un ano máis o concurso de postres franceses celebrado o venres 3 de maio foiun éxito rotundo! Parabéns aos grupos participantes e ás vencedoras:

Primeiro premio: Carolina Trincado e Lucía Meiriño de 3ºESO-B co seu Gàteau aux carottes

Segundo premio, compartido ao acadar a mesma puntuación os dous grupos:

Lucía Tojeiro e Silvia MArtínez de 3ºESO-B co seu Blanche Neige

Alba Abuín e Nina Tchofo de 3ºESO-B coa súa Bûche de Noel

A VI CARREIRA DA LUZ IES MIRAFLORES RECADA 6.000€ PARA A ASOCIACIÓN PANGONO PANGONO

Unhas 400 persoas de todas as idades participaron na carreira popular que por sexto ano consecutivo impulsou o IES Miraflores e que se coñece xa como “Carreira da Luz” .

A iniciativa solidaria contou co apoio e patrocinio dunhas 30 empresas da comarca, así como do Concello de Oleiros.

 

 

Co fin de recadar fondos, promover un estilo de vida saudable e  fomentar a cooperación entre as persoas, o IES Miraflores organizou o pasado venres  26 de abril dita carreira popular, na que participaron máis de 400 corredores e corredoras de todas as idades.

En anos anteriores, “iluminouse” as vidas de rapaces e rapazas de Guinea Bissau, Nepal,Honduras Guatemala,o sur da India e o ano pasado recadouse para a UVI móbil do afamado cirurxián Diego González Rivas.

Este ano a recadación irá destinada íntegramente á Operación “Pangono, Pangono” que na linguaxe Chichewa,  podería traducirse como “pouco a pouco”.

 

 

Con este evento deportivo, pretendeuse “pouco a pouco” facer moito…e acadar esa meta solidaria para coas rapazas de Malawi.

Din que cada alancada que se dá nunha carreira é un grande paso para unha mellor versión como persoa.

A pesar de que a choiva non deu tregua, toda a comunidade educativa gozou ao máximo da xornada e uns  animados speakers alentaron en todo momento aos corredores/as.

Dende as 20h, o Polígono de Iñás (Oleiros) converteuse nunha  grande festa, onde non faltaron os postos de venda solidaria, inchables para a rapazada, doces caseiros e chocolate quentiño  para combater mellor a molladura e repoñerse do esforzo.

Con achega destes 6000 euros, conseguida grazas á xenerosidade de participantes e colaboradores, espérase  dotar á residencia de mozas estudantes Amai Maria da Área 49 de Lilongwe de Malawi dunha MiniVan propia para evitar así os numerosos accidentes de tráfico
e,principalmente, as habituais situacións de abuso sexual,  ás que se ven sometidas  as rapazas cando se desprazan a estudar á capital nas ateigadas minivans e matolas.

A MiniVan da Área 49 tamén poderá ser utilizada noutros centros dos que dispoñen as misioneiras en Malawi: o hospital de Mlale e o orfanato de Chezi.

A iniciativa solidaria contou, como en anos anteriores, co apoio incondicional do Concello de Oleiros e máis de 30 empresas e entidades varias:

ADF Fogar,Anpa Miguel Hernández, Asueto, Auditel, Concello de Oleiros, CR Sport Horses, Cruz y Mora, Deputación de A Coruña, Diude salón de belleza en Compostela, Estrella Galicia 0,0, Facies clínica dental y estética, Finca Míllara, Finca Montesqueiro, Fundación deporte galego, Fundación HBL,Galitelco informática, Librería Sisargas, Progando, Proquicel S.A, Higiene y mantenimiento, Sendeiro Deporte,Ocio y Aventura, Soledad Fuentes espacios de belleza, Supmera, Tarabela ropa y complementos, Toyota Material Handling, Vegalsa Eroski, Veolia,Viajes Sierra

Con respecto á clasificación, o menos importante da proba, queremos recordar que esta é unha carreira organizada e realizada por afeccionadas, sen máis pretensións que facer unha boa obra social, recadar fondos para a asociación e pasar un bo rato desfrutando dunha actividade deportiva. Sempre confiamos na boa fe dos participantes e aínda que levamos a proba coa maior seriedade que podemos, cometemos erros e seguramente as clasificacións non son tan precisas como nunha careira con medios electrónicos de control. Todo aquel participante que queira saber que posición ocupa dentro da súa categoría pode enviar un correo electrónico a carreiradaluz@iesmiraflores.gal.

Visita ao Museo de Belas Artes de A Coruña

O pasado 18 de abril o alumnado de 3ºESO realizou unha visita ao Museo de Belas Artes de A Coruña dentro do plan Proxecta.

VI CARREIRA DA LUZ IES MIRAFLORES. 26 DE ABRIL DE 2024 ÁS 20:00 HORAS

PREPARADOS/AS, LISTOS/AS... QUE VOLVE A CARREIRA DA LUZ!!

 

Para os/as que sodes novos/as no IES Miraflores, contarvos que a Carreira da luz é un proxecto, deseñado dende o centro no 2017, que pretende ser unha actividade deportiva, á vez que solidaria e de convivencia de toda a comunidade educativa, na que se involucre o maior número de persoas de todas as idades, e non só de Oleiros, senón tamén das localidades limítrofes.

 

Unha das máximas do IES Miraflores é educar en valores e inculcar boas prácticas como a participación en actividades deportivas e saudables, a cooperación ou a solidariedade con aquelas persoas que máis sofren de aí que, se hai a motivación de correr ou de colaborar, na medida das posibilidades de cada un/ha, por unha boa causa, sabendo que o teu esforzo vai contribuír a mellorar un pouco a vida das persoas, o éxito está garantido.

 

 

 

Nesta ocasión, a nosa colaboración irá para un proxecto en Malawi do que teredes toda a información en breve nesta web así que ide buscando participantes e colaboradores, calzando as vosas deportivas e vestindo a vosa camiseta solidaria que o venres, 26 de abril, ás 20:00 horas, levarase a cabo, no Polígono de Iñás, a VI edición da Carreira da luz!

 

Toda a información relativa á carreira pode consultarse no seguinte enlace

 

A inscrición pode realizarse no seguinte enlace. É importante recordar que é preciso subir un xustificante do ingreso bancario (fotografía ou pdf)

É necesario iniciar sesión cunha conta de Gmail para poder recibir o certificado de inscrición. En caso contrario a inscrición será efectiva pero non recibirá o correo de confirmación.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut