Skip to Content

Dinamización lingüística

Correlingua 2024

O Correlingua é unha iniciativa normalizadora que leva desde o ano 2006 levando a centos de centros educativos a dar pasos pola defensa e promoción do uso da nosa lingua.

 

O pasado 10 de maio un par de grupos de 1ºESO, xunto co alumnado de PDC e seis profesoras fixemos unha andaina polo paseo marítimo da Coruña para rematar nunha grande festa ao pé da Torre de Hércules. O día foi solleiro e espléndido, o que permitiu que gozásemos tanto do paseo como da compañía doutros centros educativos da  contorna, coincidindo ademais con alumnado de outros CEIP de Oleiros, de especial interese para o alumnado que desfrutou en compartir actividade con irmáns ou amigos que un ano atrás acudían con eles e elas ao mesmo cole.

 

LOIS PÉREZ E A TRIBO DO MAR

O mércores 15 de maio o alumnado de 3º ESO C e D tivo o pracer de compartir unha hora co escritor lucense Lois Pérez, que xa nos visitara o curso pasado para conversar sobre A gruta da torre.

 

Nesta ocasión, a charla versaba sobre o seu libro  A tribo do mar Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

Unha aventura que mira as feridas do mundo e navega polas súas historias invisíbeis. Como unha tribo do mar.

Ademais de falar dos protagonistas da novela e dalgunha que outra vivencia de carácter persoal, adiantou tamén cal será o libro que sairá ao prelo nos vindeiros meses e que gañou recentemente o premio MarÍa Victoria Moreno de Literatura Infantil e Xuvenil : Cartas na escuridade, que el mesmo definiu como irmán de A tribo do mar.

A Actividade estaba organizada polo Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Miraflores.

LUISA VILLALTA. A MÚSICA DO POEMA

Este venres 5 de abril tivemos a grande sorte de contar no IES Miraflores coa poeta Antía Otero, que impartiu un obradoiro de poesía ao alumnado de 1º de Bach.

A poesía serviu de eixo para traballar tamén a figura da escritora homenaxeada este ano nas Letras Galegas: Luisa Villalta.

Desbotar os prexuízos que se teñen deste xénero literario e tratar de achegalo á rapazada para que sexan quen de cultivalo foron as máximas da actividade.

Os versos foron agromando pouco a pouco do maxín do alumnado e a experiencia resultoulle moi enriquecedora.

A actividade estivo organizada polo Equipo de Dinamización e o Concello de Oleiros.

OBRADOIRO DE REGUEIFAS

 

Os alumnos/as de 3º da ESO do IES do Miraflores desfrutaron o pasado venres 22 de marzo dunha sesión de regueifas impartida por Lupe Blanco.

Durante 90 minutos, as mozas e mozos compuxeron unha serie de versos seguindo a estrutura da regueifa, que consiste nunha disputa dialéctica na que a improvisación, a imaxinación e a rima son as protagonistas. Para rematar, cada un dos grupos cantou as súas regueifas diante dos compañeiros e compañeiras, seguindo as pautas ofrecidas pola reputada regueifeira carballesa.

Mediante esta iniciativa, organizada polo Concello de Oleiros e o Equipo de Dinamización do instituto pretendeuse incentivar o uso oral da lingua galega e outorgarlle á mocidade ferramentas discursivas a través da improvisación oral, ao tempo que se poñía en valor a lingua. Achegouse ao alumnado á estrutura tradicional da regueifa e inicióuselles nos mecanismos de canto, versificación e escollas léxicas.

Durante os obradoiros a rapazada traballou e puxo en práctica conceptos como son a rima, a métrica, a estrofa, a melodía... Ademais, de achegar e revitalizar a tradición galega de improvisación oral , tamén se favoreceu o diálogo e a liberdade discursiva, fíxose fincapé na motivación e no reforzo positivo co obxectivo de que o alumnado non dubidase en expresarse en público, nun ambiente de confianza e distendido.

A experiencia foi, xa que logo, moi positiva.

ANDREA MACEIRAS

O luns 20 d emaio ás 10:30h o alumnado de 3º ESO tivo a grande sorte de contar,unha vez máis,coa presenza da escritora Andrea Maceiras.

A rapazada puido preguntarlle polo seu libro A folla azul e polas tribos indíxenas do Amazonas que viviron alí desde o inicio dos tempos. Algunhas delas aínda manteñen relación coa civilización, mentres que outras decidiron permanecer voluntariamente ocultas no corazón da selva. Husu Aké, membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verde contoulles a súa historia e con ela visualizaron un mundo moi afastado para eles pero co que puideron sentirse solidarios.

A actividade estaba organizada polo Departamento de Lingua galega e o Equipo de Dinamización.

GAÑADOR DO CERTAME DESCUBRINDO OLEIROS

Parabéns!!!!!!

 

Categoría 5

Título: Amigos

Autor: Ignacio Márquez Ricoy

Centro de ensino: IES Miraflores (1º de bacharelato)

 

GAÑADORAS DO CONCURSO DE MARCAPÁXINAS. LETRAS GALEGAS 2024. LUISA VILLALTA

MENÚ MES DE MAIO

FALANDO A BOCA CHEA. MARÍA DA PONTRAGHA

 

 

O pasado 16 de abril o alumnado de 4º ESO do IES Miraflores desfrutou dunha sesión de contacontos da man de María da Pontragha.

Esta educadora e antropóloga, dende sempre mantivo un vínculo moi forte coa oralidade, tanto a través da música coma da palabra .

 No 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración bailando entre a recuperación e actualización das historias de vida  e tamén recollendo e adaptando contos populares e de tradición oral, poñendo sempre no centro o idioma e a cultura das xentes da aldea.

Conta para xente grande e miúda , soa ou acompañada e sempre co gusto e a seguranza de saberse parte do realismo máxico da Pontragha.

A rapazada participou de xeito moi activo e divertiuse con cada historia, falou dos máis vellos e do seu legado e motivou ao alumnado a crear coplas.

A actividade estaba  organizada polo Concello de Oleiros e o Equipo de Dinamización dentro do ciclo Falando a Boca Chea.

 

 

POÉTICAS GALEGAS

O xoves 11 de abril ás 10:30 horas o alumnado de 1º Bacharelato do IES Miraflores, asistíu nas Torres de Santa Cruz a un recital poético da man da actriz, filóloga, poeta, artista visual … Chus Álvarez.

 

Acompañada ao piano de Ángeles Dorrio fixeron un orixinal percorrido pola poesía galega feita por mulleres, ao longo da  historia.

 

Música e poesía fusionáronse maxistralmente para dar voz a escritoras valentes, independentes e carismáticas que cos seus versos plasmaron unha nova forma de concibir a poesía e de facerse escoitar.

 

A actividade estaba organizada polo Concello de Oleiros e o departamento de Lingua e Literatura galega do IES Miraflores.

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut