Skip to Content

O IES Pintor Colmeiro, premiado por un proxecto de innovación educativa

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro acaba de gañar un Premio de Innovación Educativa cun proxecto sobre o consumo responsable, organizado polo Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade [ver publicación no DOG].

O traballo foi realizado polo alumnado de Tecnoloxía e de Imaxe e Son de 2º de Bacharelato do curso 2019/20, baixo a coordinación do docente Pablo Eiras.

A idea foi analizar a etiquetaxe de diferentes produtos de uso cotiá e fixarse en diferentes aspectos das mesmas que pasan desapercibidos, así como a darlle significado a outros. 

No traballo realizado, que ten formato de aplicación para o móbil, estudáronse diferentes tipos de etiquetas: téxtiles, tecnolóxicas, medioambientais, alimentos frescos, videoxogos, relacionadas coa orixe, etc. Así, por exemplo nas téxtiles, reciclaxe e videoxogos indícase o que significan eses símbolos que vemos habitualmente, pero que con frecuencia non sabemos moi ben o seu significado.

En alimentos frescos prestouse atención á etiquetaxe de ovos, pan galego, aceite de oliva, orixes protexidas, etc, vendo que hai bastante diversidade de produtos, e que ao mellor non estamos comprando o que pensabamos.

Nas tecnolóxicas prestouse atención á etiquetaxe de diferentes produtos; por exemplo, no apartado de pneumáticos, interpretando o que significan as letras que figuran nas etiquetas transformándoas en unidades reais, entendibles polos consumidores, como son a distancia de freado ou litros de combustible aforrados.  Así tamén no apartado de electrodomésticos, onde se fai a interpretación das letras e consumos que figuran na etiqueta, mesmo incorporando un link a un excel que che permite calcular e comparar o aforro que supón a compra dun electrodoméstico ou outro, simplemente introducindo os valores que figuran na etiqueta. 

O traballo pódese ver, en formato para o móbil, na seguinte ligazón: https://deluxe.123freeapps.com/5e37fed0789ab

Coidámonos, coidémonos

Lembramos que é necesario que as familias realicen diariamente unha avaliación dos síntomas da COVID-19 do alumnado. No caso de atopar síntomas compatibles, pregamos que actúen tal e como se indica no apartado 2A.2 do Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 publicado polas Consellerías de Educación e Sanidade: 

No caso de que se detectase sintomatoloxía compatible na casa, o alumnado non acudirá ao centro e el/ela ou a súa familia contactará inmediatamente co centro de saúde de referencia do alumno/a e con algunha das persoas membros do equipo COVID. Para a xustificación da ausencia, non será necesario ningún xustificante médico, abondará co comprobante dos/as pais/nais ou titores/as legais. As ausencias derivadas desta causa terán a consideración de xustificadas aos efectos do protocolo de prevención de absentismo escolar.

Plan de Adaptación á situación COVID 19

Publicamos unha versión actualizada do Plan de Adaptación á situación COVID 19 para o curso 2021-22. Este protocolo foi aprobado pola dirección do centro e remitido ao consello escolar para a súa valoración.

COVID-19. Documentación para o inicio de curso

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro está preparando o inicio de curso para que a volta ás clases se desenvolva coas máximas garantías de seguridade sanitaria. Todas as actuacións deseñadas con ese propósito recóllense no Plan de Adaptación á situación COVID 19, que en breve lle será presentado á comunidade educativa. Ofrecemos agora algúns documentos de traballo que consideramos de interese:

  • Enquisa epidemiolóxica. Este documento é unha guía para que as familias actúen en consecuencia. Non é preciso imprimila nin enviala.

Matrícula de ESO e bacharelato [2020/2021]

Prazo. Entre o 25 de xuño e o 9 de xullo de 2020.

Procedemento de entrega de documentación. Ofrecemos dúas posibilidades:

  • Presencial. Entre 9.30 h e 13.00 h.
  • Telemática. Toda a documentación poderá remitirse ao enderezo electrónico matricula@iespintorcolmeiro.org

Esta é a documentación que empregaremos para realizar a matrícula do alumnado que cursará ESO e bacharelato no 2020/21. Nota/ O impreso de matrícula de cada curso e o documento de consentimento do uso da imaxe son editables (pode cubrilos desde o seu dispositivo móbil).

Que documentos hai que entregar? Moi sinxelo:

O impreso de matrícula correspondente + consentimento do uso da imaxe + copia DNI/NIE do alumnado (só 1º ESO).

Nota/ Pode asinar os PDF sen necesidade de imprimilos, mesmo incorporando unha sinatura "manuscrita". Máis información nesta ligazón.

Aberto prazo de matrícula para o módulo IV da ESA

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro ten aberto o período de inscrición e matrícula para o alumnado que se incorpore ao módulo IV das ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas (ESA). Este trámite pode formalizarse entre os días 8 e 17 de xaneiro.

Nesta ligazón pode consultar as condicións de acceso ao devandito módulo e os cadros de equivalencias con outras ensinanzas do sistema educativo.

A actividade lectiva comezará o día 10 de febreiro.

Servizos mínimos para o 12 de decembro

As organizacións sindicais CIG, CC.OO., ANPE, UGT, STEG e CSI-F comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o persoal docente non universitario da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, e que se desenvolverá desde as 00.00 horas ás 24.00 horas do día 12 de decembro de 2019.

Publicamos a relación de persoal docente que atenderá os servizos mínimos, segundo o disposto na Orde do 28 de novembro de 2019 (DOG de 4 de decembro):

  • Susana Calvo Peña (Xefa de Estudos)
  • Xesús Fernández Sulleiro (Director)
  • Xosé Fuentes Rodríguez (Secretario)
  • Javier Mª López Rodríguez (Vicedirector)
  • F. Javier Poch Gutiérrez (X.E. Adultos/as)

Convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para libros de texto e material escolar [2019/20]

No DOG do día 20 de maio de 2019 publícase a ORDE do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/20.

O prazo para a presentación das solicitudes e da documentación complementaria comeza o 21 de maio e remata o 21 de xuño, ambos inclusive.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica nos formularios normalizados dispoñibles na aplicación informática fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O código do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro é o 36020350. Téñao en conta cando cubra a súa solicitude.

  •     Información na web da Consellería [aquí]
  •     Resumo da convocatoria [aquí]
  •     Modelo de solicitude (Anexos I e II) [aquí]

Avaliación final de 4º da ESO

O 3 de maio publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 16 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, (DXFPIE) pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación secundaria obrigatoria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2018/19.

Días máis tarde recibiuse no centro un escrito da DXFPIE no que se comunica que o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro resultou seleccionado para formar parte da mostra de centros participantes na avaliación final de educación secundaria obrigatoria da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2018/19.

A avaliación final de educación secundaria obrigatoria ten finalidade diagnóstica (artigo segundo da devandita Resolución do 16 de abril de 2019). En consecuencia, os seus resultados non terán efectos académicos para o alumnado.

A aplicación das probas realizarase os días 28 e 29 de maio de 2019.

 

Radio Colmeiro

O alumnado da ESA (Educación Secundaria de Persoas Adultas) participou nun obradoiro de radio. Compartimos o seu primeiro traballo.

Distribuir contido


by Dr. Radut