Excursión a Gundivós e a Adegas Guímaro

O xoves catorce de Abril de 2016, o Ciclo Superior de guía, información e asistencia turísticas estivemos de visita polo Concello de Sober.

Asistimos a unha magnífica charla por parte de Pedro Rodríguez, propietario da Adega Guímaro, sobre os segredos e virtudes dos viños da Ribeira Sacra; ademais obsequiounos coa cata dos caldos que con tanto esmero elaboran.

Rematamos a visita a Sober na Reitoral de Gundivós, da man de Elías González, un dos derradeiros oleiros da comarca, que nos ensinou a rehabilitación do edificio do século XVIII, mentres nos falaba das potencialidades do mundo rural e artesán. Agasallounos ao fin coa elaboración dunha peza cerámica, dende o torno ao afumado, até dar a capa de pez; co que aprendimos as características únicas desta nosa cerámica.