Skip to Content

Complementarias

En 1º de bacharelato... Preparados para o salto!

Hoxe 22 de abril, dentro da liña de actuación Desenvolvemento de habilidades empresariais do plan  Eduemprende da Consellería de Educación, no que participamos, o alumnado de 1º de bacharelato da materia de Economía puido desfrutar dunha motivadora charla.

Carlota Sánchez Puga, coordinadora da área de Educación Superior de Afundación, transmitiunos a importancia da educación financeira e os efectos da transformación dixital na sociedade e na xestión das nosas finanzas personais, destacando especialmente a importancia da ciberseguridade.

Debemos estar ben preparados neste mundo tan cambiante!

Imaxe da charla Beatriz López

Inspiradora charla nas Xornadas de Orientación do IES Xoán Montes

Hoxe, 17 de abril, nas Xornadas de Orientación que para 4º de ESO se organizan desde  Orientación no noso centro, puidemos desfrutar dunha charla realmente motivadora.

María Losada Burgo, exalumna do centro, músico que toca o fagot e vive diso en Amsterdam, contounos non so toda a súa experiencia vital senón a forma na que se enfrentou e se enfrenta a todas as decisións. Leccións inspiradoras para un público que escoitou en absoluto silenzo, mostra de que o seu relato e a súa forma de comunicalo nos fascinou. 

Saír da zona de confort, perseguir os soños, buscar o equilibrio entre o traballo e o cuidado a un mesmo, apoiarse nos amigos, innovar... todo isto e moito máis tivo cabida nese tempo, que soubo a pouco, e que nos fixo admirar a súa perseverancia e optimismo.

Agradecemos inmensamente que compartises connosco tanto... es unha gran referente para todos!

Actualización! No arquivo adxunto pode verse un resumo da charla que María tivo a amabilidade de prepararnos,  xa que non puido verse no seu día, e tampouco puido mandárnola como presentación. Grazas de novo!

Charla de María Losada Burgo. Imaxe de Beatriz López

Dinamización da exposición "Enredadas no cambio"

O venres 12 de abril unha monitora da ONG Taller de Solidaridade achegou a parte do alumnado a exposición de Enredadas no cambio que temos temporalmente no centro.

Reflexionaron sobre o emprendemento e a súa relación co concepto de éxito empresarial, e trataron a importancia do empoderamento feminino e de ter referentes deste xénero. 

Dinamización Enredadas no cambio Imaxes Beatriz López

CONCURSO DE RECICLAXE

Ao longo do mes de abril e a primeira quincena de maio levarase a cabo no centro un concurso de reciclaxe co obxectivo de concienciar á comunidade educativa da necesidade e posibilidade dunha escola máis limpa e ecolóxica. 

Os cursos participantes da ESO terán que ir superando retos semanais para acadar puntos. A clase que cumpra o desafío con maior implicación recibirá un premio polo esforzo. Aínda que sen dúbida o premio é colectivo por camiñar cara a hábitos máis coidadosos co noso planeta.

cartel ECO

Entusiasta participación no Concurso de Educación Financeira

Hoxe 4 de abril por primeira vez o alumnado de 4º da ESO, da materia Economía e Emprendemento, participou no Concurso de Educación Financeira, e foi a primeira vez que tamén participa o noso centro.

O evento estivo organizado pola Fundación Junior Achievement e pola AEB. Asociación Española de Banca. A experiencia foi agridoce porque houbo problemas para a conexión telemática, moita espera para o comezo e tamén falta de seriedade nalgúns participantes. Tivemos que usar a clase doutro profesor, ao que agradecemos a colaboración.

Non gañaron pero o importante foi que se esmeraron en aprender, que practicaron e mesmo adicaron o recreo anterior a seguir preparándose para tentar quedar en boa posición. De feito, de máis de 500 participantes algún dos alumnos cregou ao posto 56, o que non está nada mal, e o que estivo xenial foi o compromiso de moitos estudantes en prepararse e tentar facer as cousas o mellor posible, iso si que enriquece e proporciona aprendizaxes de moito valor así que... noraboa polo traballo!

 

Concurso de Educación Financeira Imaxe de Beatriz López CC BY-SA

Xornada de orientación para o alumnado de 4º da ESO

Hoxe 3 de abril o alumnado de 4º da ESO, xunto coas titoras e a orientadora do centro, fomos ao salón de actos do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, á primeira das xornadas de orientación que terán lugar este curso os mércores na hora de titoría.

Natalia e Noemí, exalumnas do noso centro, explicáronnos todo o proceso que seguiron na elección do ciclo actual que cursan, o Ciclo Medio de Atención ás persoas en situación de dependencia.

O seu obxectivo é estudar o grado de maestra, para iso, en vez de acceder desde o bacharelato optaron por facer un ciclo medio, despois terán que facer un ciclo superior, neste caso o de Educación infantil e por último o grado. Parece que colleron un treito máis longo, pero tendo claro os seus obxectivos están satisfeitas pois gústalles o ensino práctico que reciben e que lles dará un título de técnico en atención a persoas en situación de dependencia, permítelles facer prácticas no segundo curso e incluso ir a estudar 3 meses a Malta. 

As dificultades técnicas impediron que puidesemos visionar a presentación tan traballada que prepararon, pero iso non desmereceu a súa esmerada e completa explicación.

Moitas grazas por achegarnos a vosa experiencia!

Fotografías de Beatriz López CC BY-SA

A Global Money Week no IES Xoán Montes

Obradoiros, avaliacións con kahoots, comentarios, debates, premios para o alumnado máis involucrado... E próxima participación en concursos de educación financieira.

A educación é poder!

Imaxes das actividades esta semana en todos os cursos, Economía e Emprendemento e Formación e Orientación Persoal e Profesional de 4º da ESO, Economía de 1º de bacharelato e Empresa e Deseño de Modelos de Negocio de 2º de bacharelato.

 

Global Money Week do 18 ao 24 de marzo

A Global Money Week é unha campaña anual mundial de concienciación sobre a importancia de que os xoves adquiran unhas nocións financeiras desde pequenos e de que vaian desenvolvendo os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para tomar unhas decisións financeiras sólidas. Está organizada pola Rede Internacional de Educación Financeira da OCDE (OCDE/INFE), na que participa o Plan de Educación Financeira – Finanzas para todos (Banco de España, CNMV, y Ministerio de Economía, Comercio y Empresa).

Este ano celébrase baixo o lema Protexe o teu diñeiro, asegura o teu futuro (en inglés Protect your money, secure your future).

Esta semana, para participar nesta iniciativa, desenvolvimos o xoves 21 de marzo un obradoiro co mesmo lema co alumnado de Economía e emprendemento de 4º da ESO. En Empresa e Deseño de Modelos de Negocio de 2º de bacharelato, en Formación e Orientación Persoal e Profesional de 4º da ESO e en Economía de 1º de bacharelato o venres 22 de marzo estivemos tamén avaliando e afondando na educación financeira.

E ti... protexes o teu diñeiro?

 

Venres de Educación cívico tributaria

Onte venres 1 de marzo, tivemos a oportunidade de desfrutar de varias charlas impartidas por técnicos da Axencia tributaria.

O alumnado de Formación e orientación persoal e profesional e de Economía e emprendemento de 4º da ESO, e de Economía de 1º de bacharelato, puido coñecer a importancia do pago de impostos para a obtención de bens e servicios públicos, así como dos principais tipos de impostos. 

Para afondar pódese entrar na páxina de Educación cívica tributaria da Axencia tributaria e, lendo as bases, participar no concurso nacional para centros escolares. Participa!

 

 

Científicos o pitonisos? Como a Economía axuda a predecir o futuro.

Hoxe 29 de febreiro, tivemos a oportunidade de desfrutar dunha das charlas do programa A Ponte, da USC, que ademais de dar a coñecer os estudos de Grado ofrece información sobre o contexto investigador, social, cultural e espacial desa universidade.

Acompañounos Roberto Bande Ramudo, decano da facultade de ADE en Lugo, quen expuxo ao  alumnado de Economía e emprendemento de 4º da ESO e de Economía de 1º de bacharelato, o traballo dos economistas, e como grazas á utilización de modelos, que son simplificacións da realidade, podemos facer predicións.

Grazas Roberto, por compartir connosco os teus coñecementos e experiencia.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut