Skip to Content

contador gratis para blog

blogue deadmin

Rumba das apertas – Magín Blanco e o Cole de Cea

Non hai mellor receita para se sentir ben que recibir unha aperta. Así entendemos nós a Paz: coidarse, quererse e darse aloumiños. Para todas aquelas persoas que estes días máis precisan unha aperta, aquí vai a nosa. Da man do benquerido Magín Blanco.

Esta é a nosa versión en imaxes da súa "Rumba das apertas" que apareceu no disco "A nena e o grilo" publicado no 2010. Coas voces do propio Magín Blanco e máis de Guadi Galego, Ugía Pedreira e Uxía Senlle. Doutor, doutor, recéiteme apertas, xornadas de portas abertas, raios de sol de porcelana, facer o que me veña en gana. E tamén quero unha pandeireta, que as miñas mans sexan dúas pombas e que repartan aloumiños os debuxos que fan as sombras.

Doutor, doutor, recéiteme apertas, xornadas de portas abertas, raios de sol de porcelana, facer o que me veña en gana. Doutor, que teño frío, e as apertas non dan chegado; meu amor foi lavar ao río e o río baixa conxelado. Hoxe na lama non hai ninguén, andamos todos de etiqueta, agás a miña nena da alma, que anda a pasear en bicicleta por unha illa azul e branca, chea de flores e bolboretas, onde as cancións toman un folgo cando ninguén as interpreta. Doutor, doutor, recéiteme apertas, xornadas de portas abertas, raios de sol de porcelana, facer o que me veña en gana.

Por entre as silveiras - Mauro Palmou

Unha sincera homenaxe dende o Cole de Cea ao disco "Galicia canta ao neno" gravado no 1978 por Fuxan os ventos onde aparece esta e outras panxoliñas imprescindibles do nadal galego.

Mauro Palmou pon voz e pandeireta a este canto tradicional.

O Himno da Vida - L’hymne de la vie

O Himno da Vida é a versión elaborada polo alumnado da ESO do Cole de Cea da canción francesa "L’hymne de la vie" interpretada por Kids United e publicada no 2019. A canción orixinal, "Les mondes engloutis", está escrita polo violinista, compositor e director de orquestra rumano Vladimir Cosma en 1985 e interpretada polo grupo Mini Star para a serie de animación homónima. Os marabillosos planos aéreos son do fotógrafo Víctor Barro. http://fotosconletra.com/ Grazas!!

Lettre

Toi, enfant de la Terre, écoute-moi Toi qui as le secret de la joie Toi, qui connais les rêves porteurs d'espoir Va, recommence notre histoire Oh vous, enfants de lumière suivez-moi Vous qui connaissez notre passé Pars, enfant de la Terre sauve de l'oubli Les mondes engloutis Suis l'hymne de la vie Le plus beau reste à faire Enfant pars et vole avec nous Pour sauver notre Terre Enfant, suis, l'hymne de la vie Le plus beau reste à faire Sois les forêts, le ciel, les océans Écoute le message que porte le vent Va vaincre la misère, la faim, le froid Tu gagneras tous les combats Oh toi, enfant de la Terre n'oublie pas Dis-moi que demain elle revivra Sois le soleil qui viendra dans la nuit Pour nous sauver la vie

O Cole de Cea - Non nos pecharán

Unha homenaxe musical a todo o profesorado e alumnado galego. Polo seu esforzo e responsabilidade durante a pandemia. Este virus non vai poder con nós. Non nos pecharán! A canción é unha versión do espiritual afroamericano "I shall not be moved" ou "We shall not be moved" gravado por primeira vez en 1929 por Blind Roosevelt Graves e tamén por Charley Patton e popularizada por múltiples artistas como Pete Seeger ou The Seekers. A canción tamén é moi coñecida grazas á serie "Verano Azul" na que se interpretou unha versión "No nos moverán". Nesta ocasión o alumnado de 6º de primaria escribiu a letra sobre unha idea da profe Mercedes. As voces e imaxe son do alumnado de 5º de primaria: Uxía, Sara, Paula, Noelia, Christian, Rabab, Ainara, Maio, Daniel, Daniela, Samuel, Iria, Carolina, María Elena, Breogán e Nuria.

Saúdo do novo equipo directivo


Prezado alumnado, familias, profesorado e persoal do
Cole de Cea:
 
Este curso 2021-22 comeza cun novo equipo directivo que amosa o seu desexo e entusiasmo por estar á altura das circunstancias e seguir adiante co labor desenvolvido polo anterior equipo.
 
Sabemos que hai moitos retos por superar pero, apoiados pola comunidade educativa, seguiremos convivindo coa realidade que nos fai vivir a pandemia e proxectar unha ESCOLA DIFERENTE da que estabamos afeitos. Non obstante, aprendemos do ano pasado que a nosa misión é navegar por estas novas circunstancias transformando as dificultades en posibilidades e dar a luz novas rutinas que melloren o noso pequeno mundo.
 
O novo equipo directivo está formado por Carolina, como directora, Andrea como secretaria, Pablo como xefe de estudos de Primaria e Javier como xefe de estudos de Secundaria.
 
Un exemplo deste navegación foron as quendas de recreo e comedor escalonadas que seguiremos mantendo este curso. Outro exemplo foron os grupos de convivencia estables que conseguiron que entre alumnado e profesorado haxa unha relación máis estreita, case familiar. Este curso voltaremos a seguir coidándonos e para iso, entre outras cousas, manteremos os patios zonificados por cursos.
 
Seguiremos apoiando unha escola cada vez máis comprometida co respecto ao medio ambiente, á diversidade e que aposta polo desenvolvemento das nosas habilidades comunicativas e científicas. Así mesmo o noso proxecto educativo está asentado na idea de pór en valor O NOSO patrimonio social, cultural e humano.
Ademais, como xa sabedes, seguimos a ser un centro no que a inclusión é a nosa bandeira e seguirá sendo grazas ao traballo desenvolvido polo Departamento de Orientación e a Comisión de Convivencia e do que poderás coñecer máis detalles neste curso.
En breve enviaremos información sobre como está previsto este novo curso (entradas, saídas, horarios...), que será bastante similar ao curso pasado porque continuaremos co horario de entrada ás 9:30 e saída ás 16:40 luns e martes; e 15:50 mércores, xoves e venres.
 
Aquí comeza o #curso2122!
Unha aperta
O equipo directivo
CPI Virxe da Saleta

Xeografías Lectoras

 

Viaxa con nós a través dos libros coas Xeografías Lectoras da Biblioteca Ramón Caride.

Navega pola lista de reprodución para poder ver todos os vídeos.

 

Queremos ser o teu Cole!

COMO SOMOS

Somos o Cole de Cea un centro educativo innovador e aberto que aposta por un modelo de ensino que integra coñecementos, valores e destrezas en todos os ámbitos da vida persoal e social.

Nun entorno natural e con grupos reducidos que favorecen unha atención máis personalizada, especialmente das NEAE (Necesidades Específicas de Atención Educativa), e inclusiva cara un proceso de formación de persoas críticas, cooperativas, creativas e capaces de adaptarse a situacións novas.

No Cole de Cea levamos adiante unha práctica educativa que fomenta valores e actitudes que enriquecen as nosas relacións persoais tanto dentro da escolar como coa contorna.

AS NOSAS PRIORIDADES

A comunicación. Potenciar o desenvolvemento de todas as linguaxes: oral, escrita, musical, plástica, corporal e audiovisual.

A diversidade. De xeito directamente relacionado cos dereitos humanos: a coeducación, a educación para a paz e a interculturalidade.

A educación ambiental. Potenciar actitudes de respecto, reflexión e análise cara ao medio ambiente e de implicación no seu coidado e mellora.

A NOSA OFERTA EDUCATIVA

Somos un Centro Público Integrado: Infantil, Primaria e Secundaria. 

Contamos con amplas instalacións recentemente reformadas.

Ofrecemos servizo transporte escolar, comedor de xestión propia e acollida temperá con almorzos no cole. Contamos con aula de música, 2 aulas de informática, aula de inglés, laboratorio de ciencias, aula de plástica, aulas específicas de PT e AL e Departamento de Orientación, aula de tecnoloxía, ximnasio, pavillón e patio de infantil pechado con mobiliario específico e areeiro para os máis pequenos, ademais de 3 grandes zonas de patios. 

O QUE FACEMOS

Somos un cole lector grazas á nosa Biblioteca Ramón Caride, facemos e escoitamos radio con Radio Roxar, estamos orgullosos da nosa revista O Picurí, melloramos as nosas destrezas narrativas con Conto Contigo, somos unha fábrica de contos con Applícate o conto, impulsamos a nosa convivencia con Boas maneiras, facemos os deberes co medio con Reciclemos o noso futuro, tomamos consciencia da contorna con O Noso, abrazamos carballos nos nosos Baños de Bosque, somos unha escola titiriteira co proxecto Nas Nosas Mans, cultivamos alimentos e paciencia na nosa Horta Escolar, participamos en Olimpíadas Académicas de Historia ou Xeoloxía e en Rallyes Matemáticos, cantamos en Ourencanto e bailamos e trouleamos no Serán do Cole de Cea. No Samaín creamos Debuxos, Contos e Banda Deseñada; desenvolvemos as nosas capacidades STEM na Hora do Scratch. Neste curso 2020-2021 está en marcha o proxecto Coido de min – Coido de Tipara fomentar o coidado mútuo en tempos de pandemia. Somos moi de festivais, tanto no inverno como no entroido, e facemos deles unha nova oportunidade de aprendizaxe complementaria. E somos unha auténtica factoría cultural coas nosas producións audiovisuais e musicais.

E ademais de todo isto o alumnado do noso centro acada unha excelente preparación e grande porcentaxe de éxito en etapas posteriores: Bacharelato, ciclos de Grao Medio e Superior.

 

Emoceante


EMOCEANTE
foi un proxecto desenvolvido no Cole de Cea que recompilou materiais de nivel iniciación, relacionados coa intelixencia emocional e co
mindfulness, para aplicar nas aulas nas distintas etapas educativas do centro (INFANTIL, PRIMARIA e SECUNDARIA).

Como resultado deste traballo, realizáronse diversas actividades ao longo do curso académico (das que se elaboraron fichas didácticas) e a organización dunhas Xornadas das Emocións no colexio, con obradoiros para toda a comunidade educativa.

A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO COLE DE CEA

 

A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NO COLE DE CEA

 

O Cole de Cea, ao tratarse dun CPI (Centro Público Integrado), cunha oferta educativa que abrangue as etapas de Educación Infantil, Educación Primaria e E.S.O., conta cun moi amplo rango de idades (de 3 a 16-18 anos). Isto fai que a nosa programación teña que adaptarse ás necesidades concretas e moi diferentes do alumnado e ofrecer actividades con grande variedade e ampla flexibilidade. Ao tempo, temos tamén unha importante vantaxe que tentamos aproveitar permanentemente: o amplo rango de idades permite que o alumnado maior (o da E.S.O.) poda deseñar, elaborar e levar a cabo actividades para o resto.

O noso alumnado é consumidor cultural e nativo dixital. Cada día consome produtos como debuxos animados, videoclips, series, películas, xogos de mesa, ordenador ou consola... Estamos asistindo a un cambio moi profundo no que aumenta o tempo de ocio usando tabletas e móbiles. Aprenden a usar apps antes que a ler ou escribir. A escola non é allea a esta mudanza e nos últimos anos vemos como estas tecnoloxías están a entrar nas nosas aulas: miniportátiles, encerados dixitais, PCs, tablets… 

Por outro lado, a gran maioría do noso alumnado é galegofalante. O uso da nosa lingua no centro e no seu contexto inmediato está plenamente normalizado. A comunidade educativa colabora activa e permanentemente co labor que desenvolve o EDL, polo que o traballo de promoción da lingua non é visto como unha responsabilidade de tal ou cal individuo ou grupo concreto, senón como un traballo permanente, intimamente ligado ao noso labor docente e ao noso proxecto educativo, como centro de ensino.

Este é o contexto en que naceran iniciativas, como o APPLÍCATE O CONTO ou MISTERIO NO COLE DE CEA. Estes proxectos naceron de xeito natural, como ferramentas motivadoras para completar e desenvolver o traballo diario na aula. Tal vez, a utilización da nosa lingua en proxectos como estes sexa unha das súas maiores singularidades, xa que, infelizmente, o galego non é unha lingua moi empregada nos produtos deste tipo aos que o noso alumnado ten acceso. Estamos a ligar a nosa lingua ás novas tecnoloxías e a produtos adaptados a un alumnado nativo dixital. Pensamos que o potencial normalizador das ferramentas que empregamos (ou doutras semellantes) é enorme, e a súa utilización por parte do profesorado e do alumnado non é moi complicada. 

 

BREVE RELATO DOS ÚLTIMOS DEZ ANOS DE TRABALLO DO EDL:

Partimos dun momento traumático para toda comunidade educativa do Cole de Cea: o incendio das instalacións, que aconteceu a comezos de setembro de 2010, pouco antes de comezar o curso. Podemos dicir que foi un xeito de tocar fondo para moitos/as das/os que estábamos alí. A imaxe da biblioteca do cole cos libros cheos de feluxe e o cheiro a fume (que pode ser percibido aínda agora) nunca se apagará da nosa memoria. Outros acontecementos tristes, paralelos, anteriores e posteriores foron sumándose. Problemas que se acumulaban. A nosa moral estaba baixo mínimos e precisábase un revulsivo. As actividades extraescolares e complementarias foron ese revulsivo. Podemos marcar o inicio da recuperación da nosa enerxía cando lanzamos o lipdub “A LINGUA SABE A PAN”, que acadou unha cifra de visitas enorme e que nos encheu o correo de frases de apoio e parabéns. Desde ese momento, entendimos que a nosa programación de actividades extraescolares e complementarias (entre elas, as do EDL) era para nós moito máis que un anexo ao noso traballo na aula e fomos adaptándonos a esta filosofía de traballo, que ten funcionado ben, até hoxe. Na actualidade, o noso programa anual culmina a finais do mes de maio co SERÁN DO COLE DE CEA, uma festa aberta para toda a comunidade educativa, que está a ter moi boa acollida. 

Para rematar, no podemos esquecer que todas as iniciativas que ven desenvolvendo o EDL son posíbeis pola xenerosidade do colectivo docente e o apoio e participación da nosa comunidade escolar.

 

DE CARA AO FUTURO

O traballo de dinamización ou normalización que se fai na escola non é suficiente, segundo o noso punto de vista. É precisa unha implicación moito maior da sociedade e dos poderes públicos na recuperación e promoción da nosa lingua. Infelizmente, cada vez máis, os centros de ensino están a se converter no “último reduto” do galego. Nós pensamos que esta situación pode ser rectificada (en palabras de Carvalho Calero) cunha política lingüística digna de tal nome, que logre a complicidade da maioría social na defensa deste ben común tan valioso, chamado “lingua galega”. Temos, seguindo o dito polo ilustre profesor ferrolán, que explorar o camiño da lusofonía, poñendo en contacto o noso alumnado coa vertente internacional do galego e que vexan que, parafraseando a Castelao, a nosa lingua “florece” arredor do mundo.

E.D.L. do Cole de Cea

 

Artigo orixinal publicado no nº 78 da Revista Galega de Educación.

 

 

 

Novembro de concursos

Novembro é mes de concursos no Cole de Cea.
A Biblioteca Ramón Caride e o EDL do centro, en colaboración coa Radio Roxar convocan concursos de:  
- Contos
- Banda Deseñada
- Debuxo

Aquí tes as bases:

CONCURSO DE DEBUXO E BANDA DESEÑADA DE SAMAÍN 2020
● Categorías:
○ Infantil. Mellor Debuxo
○ Primaria e Secundaria. Mellor Banda Deseñada
● Pódese participar individualmente ou en grupos de até tres persoas. IMPORTANTE:
Para respectar o protocolo anti-COVID, a participación en grupo e colectiva
será sempre VIRTUAL, isto é, só por medios telemáticos (vídeoconferencia,
whatsapp, e-mail…).
● O prazo está aberto até o 30 de novembro.
● A Banda Deseñada debe ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo,
ou temas semellantes.
● O formato da banda deseñada será o seguinte:
○ Extensión: de 1 a 4 páxinas, tamaño A4 ou proporcional.
○ Técnica: libre, sobre papel de debuxo (non folios), tendo en conta que debe
permitir a súa lexibilidade, reprodución e impresión.
● Os traballos irán acompañados dos datos dos autores e o título da obra.
● Os traballos serán entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.
● Os traballos serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores.
● Non se admitirán obras que non sexan orixinais.
● As BDs que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no
lugar e data por determinar.

CONCURSO DE CONTOS DE SAMAÍN e CONTO CONTIGO ESPECIAL SAMAÍN 2020

O equipo da biblioteca RAMÓN CARIDE e o EDL do Cole de Cea organizan, como xa é tradicional, o CONTO CONTIGO ESPECIAL SAMAÍN.
Nesta edición de 2020, adaptamos o sistema de participación para respectar o protocolo anti-COVID. Deste xeito, convocamos o CONCURSO DE CONTOS DE SAMAÍN e adaptaremos as obras gañadoras para as converter en guións radiofónicos que posteriormente serán emitidos pola nosa radio escolar RADIO ROXAR dentro do proxecto CONTO CONTIGO.

BASES:
Pode participar todo o alumnado de Primaria e E.S.O.
O prazo de participación está aberto até o 16 de novembro.
A participación no concurso será INDIVIDUAL, EN GRUPO (máximo 3 compoñentes) ou COLECTIVA (unha obra por aula). IMPORTANTE: Para respectar o protocolo anti-COVID, a participación en grupo e colectiva será sempre VIRTUAL, isto é, só por medios telemáticos (vídeoconferencia, whatsapp, e-mail…).
Os traballos deberán ter un tema relacionado co SAMAÍN, o misterio, o medo, ou temas semellantes.Os traballos irán acompañados dos datos dos autores e o título da obra.
Os traballos serán enviados por correo electrónico a ticscea@gmail.com ou entregados ao titor/a ou a membros do E.D.L.
Non se admitirán obras que non sexan orixinais.
As obras que cumpran os requisitos de participación exporanse e/ou publicaranse no lugar e data por determinar.
As obras gañadoras serán adaptadas para as converter en guións radiofónicos que posteriormente serán emitidos pola nosa radio escolar RADIO ROXAR dentro do proxecto CONTO CONTIGO.

Distribuir contido


by Dr. Radut