Skip to Content

Clubes de lectura

Visita a Santiago do alumnado do Club de Lectura

Alumnado do club de lectura en Santiago

Na foto que acompaña o texto vese ao alumnado do club de lectura IES de Valga. Os contempla a praza de Mazarelos, en Santiago. Como non podía ser menos, querían coñecer a facultade de Filosofía, que tanto lles gusta, ubicada en dita praza. Que tamén visitamos a praza do Obradoiro? pois si, e a catedral... en fin, o casco vello, fermoso, sen dúbida, pero ai!!! onde esté a facultade de Filosofía. Pasámolo moi ben.
Na foto, ademais dos alumn@s, están os acompañantes, Fran Godón, profesor de Lingua Galega no IES, e Víctor González que, por si non vos dérades conta, é profesor de filosofía

Clausura do Club de Lectura de adultos do IES Valga 2020-2021

O escritor Candido Duro cos asistentes ao Clube de Lectura

O escritor Cándido Duro Domínguez clausurou as actividades do club de lectura para adultos 2020-2021, foi na tarde do xoves 18 de xuño. Cándido Duro, poeta, estivo na Biblioteca do noso centro, nun encontro, por fin, presencial, para brindar polo seu poemario "Luz do abrente outonizo".

Nova sesión do Club de lectura do alumnado

Club de lectura alumnado 1º ESO

Na tarde do luns 12 de abril, o alumnado de 1º ESO do Club de lectura do alumnado da Biblioteca tivo unha nova xuntanza; nesta ocasión foi  para conversar sobre o libro "A caixiña dos rancores". de Héctor Cajaraville. En palabras do coordinador dos Clubs de lectura, o profesor Víctor González: "Aí os tedes, Nerea, Paula. Ánxela, Ana e Roi, alumnado todo el do IES de Valga, de primeiro da ESO, nada menos. Boa canteira temos. Están arredor da árbore, con "A caixiña dos rancores", o libro que nos convocou, nunha das súas ponlas. Que máis se pode pedir?, sol, natureza, cultura, amizade, xuventude...non falta de nada; e tamén houbo xantar. Seguro que máis de un que lea estas liñas estase xa arrepentindo de non terse apuntado cando podía facelo... Non me extraña. Que se poña na lista de espera para o ano que ven. Saúde"

O escritor Suso de Toro no Club de lectura de adultos

Encontro co escritor Suso de Toro no Club de lectura de adultos

O xoves 8 de abril e a través de videoconferencia, polas actuais circunstancias sanitarias, tivemos unha nova sesión do noso club de lectura de adultos. Nesta ocasión foi unha interesante, amena, divertida e participativa sesión virtual ccoa presenza do escritor Suso de Toro. O escritor compostelán disertou sobre a súa obra "Un señor elegante" e respondeu ás preguntas dos asistentes a esta sesión. En palabras do responsable do Club de Lectura de adultos do noso Centro, Víctor González: "Están todos rindo. Seguro que o están pasando moi ben". Dende o IES Valga agradecemos a participación de Suso de Toro no club de lectura. 

Xuntanza online do club de lectura de adultos este xoves 8 de abril

Suso de Toro no Clube de lectura de adultos

O xoves 8 de abril, terá lugar unha nova xuntanza do Club de Lectura de adultos do noso Centro. Será a partir das 16:30 horas, e debido ás actuais circunstancias sanitarias, farase de xeito online. Será este un encontro para conversar sobre a novela Un señor elegante  de Suso de Toro, o cal estará connosco nesta xuntanza.

En palabras do responsable do Club de Lectura de adultos do noso Centro, Víctor González:

"Non haberá café, nin doces, nin canapés; non haberá cansazo, tampouco aburrimento... . Non, non se trata dun "after hours" na Ibiza da xente guai, nin moito menos..., nin falta que fai. estamos en Valga, no IES, no club de lectura, e o lecer, a alegría, a ledicia e o sorriso están garantizados.
O 8 de abril, xoves, ás catro e media visítanos, ben certo que dun xeito virtual, Suso de Toro. Para que queremos máis! Falaremos amigablemente sobre o seu libro  Un señor elegante. Eu de vós non o perdería.
Non haberá café, nin doces, non pode habelos, pero seguro que pasaredes un anaco agradable e entretido, un bo momento, que, para os tempos que corren, tampouco parece pouca cousa. O enlace é a chave para entrar na sala persoal do Club... ata a cociña. Gardade, por favor, a distancia de seguridade".

Aquí deixamos o enlace para poder asisitir a esta máis que interesante sesión do noso Club de Lectura. Agardamos vosa presenza.

https://eduxunta.webex.com/meet/gonzalezzunigavictor

 

Distribuir contido


by Dr. Radut