Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Intercambio IES Eusebio da Guarda-Collège Irène Joliot-Curie

25 de outubro de 2022

Intercambio IES Eusebio da Guarda-Collège Irène Joliot-Curie


Os alumnos e alumnas do colexio Irène Joliot-Curie de Fontenilles, estiveron na nosa cidade este mes de outubro, do 15 ao 21, no primeiro encontro do intercambio que desde hai dez anos realizamos con este centro, só interrompido polos anos de pandemia. Trinta e tres alumnos e tres profesores gozaron da acollida das familias españolas e de numerosas actividades coordinadas polos membros do departamento de francés. Realizamos con eles dúas excursións : a última etapa do Camiño de Santiago e unha ruta marítimo fluvial entre Pontecesures e Vilanova de Arousa, onde foron recibidos polo seu alcalde e na que contamos coa colaboración do noso compañeiro Antonio Fondo, a quen agradecemos o seu labor de guía ao longo da xornada. Co alumnado do ciclo de Guía, información e asistencia turística pasearon pola a cidade, atentos ás súas explicacións. Tamén visitaron os museos científicos, o Aquarium Finisterrae, a Torre de Hércules, o Castelo de San Antón e a Casa Picasso. Por último, coñeceron a historia do noso centro da man da nosa directora, Isabel Ruso e como despedida, tivemos unha divertida e emotiva festa na sala Picasso, con actuacións dos alumnos e alumnas, á que acudiron convidadas as familias e que finalizou cun buffet ofrecido polas familias e servido polo alumnado do ciclo de Axencias de viaxe e xestión de eventos, na biblioteca do instituto.
As familias francesas agradecen a calorosa acollida e o bo trato que recibiron os seus fillos e fillas e xa nos esperan para o mes de marzo, cando terá lugar a segunda parte deste intercambio. Grazas a todas as persoas que fan posible esta enriquecedora experiencia!

intercambio francés     

 



blog | by Dr. Radut