Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

ROTEIRO CORUÑES DO REXURDIMENTO 1º BACH

Para acceder a todas as fotos da actividade pinchar no enlace

Nesta primavera o alumnado de 1º de Bacharelato participa nos roteiros didácticos organizados polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, destinados a coñecer mellor a nosa cidade e a súa importancia na época do Rexurdimento galego. Acompañado polo profesorado que guía a explicación dos diferentes lugares emblemáticos, o alumnado participa co recitado de poemas dos escritores e escritoras conmemorados no percurso do roteiro.

Primeiramente visitamos o edificio onde viviu Eduardo Pondal na rúa Xoana de Vega, a casa da escritora Francisca Herrera Garrido, veciña de Rosalía de Castro, que morou xunto a Manuel Murguía e familia nesa mesma rúa do Príncipe, o teatro que leva o nome da poeta na rúa Rego da Auga, e a Real Academia Galega que presidiu Manuel Murguía, situada no mesmo edificio que a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.

Tamén recorremos o fermoso Xardín de San Carlos para vermos o sepulcro de Sir John Moore e ler un anaco do poema que Rosalía creou na súa honra, e que tamén se pode ler esculpido no muro da terraza desde a cal podemos contemplar a espectacular vista sobre a dársena coruñesa.

Finalizamos o paseo nos Xardíns de Méndez Núñez, deténdonos primeiro fronte á monumental escultura de Asorey dedicada a Curros Enríquez, explicando o seu simbolismo e a finalidade funeraria coa cal foi construído este monumento.

Por último, despedimos o roteiro diante da estatua de Pondal, o autor da letra do himno galego, coas pernas cansas, a mente chea de novos coñecementos e unha nova perspectiva da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas



page | by Dr. Radut