Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

EXCURSIÓN DO CLUB DE LECTURA “LIBROS ABERTOS“

O pasado 7 de xuño o alumnado de diversos cursos do Club de Lectura Libros Abertos participou nunha excursión para coñecer a zona natural das fragas do Eume e algúns dos seus monumentos máis senlleiros, cos profesores/as Manuel Varela, Sabela Prieto e Dulce Fernández. A visita centrouse en dous puntos que articularon as actividades dos clubs ao longo do curso:

-O mundo natural e Charles Darwin.

-O mundo cultural e a literatura medieval.

A primeira parada foi na Torre dos Andrade, unha atalaia que servía de punto de vixilancia de toda a contorna dos dominios do señorío de Andrade. A seguir achegámonos ao Mosteiro de Monfero onde realizamos unha sesión de intercambio de experiencias co club de lectura do CPI Virxe da Cela, cuxos membros e a profesora Paula Cadaveira López nos explicaron tamén a historia do mosteiro. Así mesmo, rendemos homenaxe á obra neotrobadoresca de Xosé María Álvarez Blázquez titulada Cancioeiro de Monfero cun recital poético no interior do mosteiro.

Máis tarde realizamos un breve roteiro polas fragas do Eume, polo que fomos observando en directo a súa fauna e flora, ata chegarmos ao Miradoiro da Carbueira. Desde ese punto privilexiado puidemos contemplar a grandiosidade do río Eume en sinuosa travesía polas fragas, antes de emprender o camiño de volta.

Non faltaron as anécdotas e as molladuras para amenizar a saída, xa que a choiva quixo acompañarnos durante boa parte da xornada; mais iso non nos impediu quedar coa agradable sensación dos bos momentos compartidos e o desexo de repetir a experiencia no Club de Lectura o curso que vén.

Héctor Boedo Pena 1º bach F

Dulce Fdz. Graña, coordinadora dos Clubs de lectura

https://librosabertos.blogspot.com/2023/06/excursion-por-terras-do-eume-e-os-seus.html



page | by Dr. Radut