Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Celebración da Festa das Candeas ou da Candeloria 2024

Acceso a todas as fotos no ENLACE

Acceso aos premios: Debuxo 1, Haiku 1, Haiku 2, Brétema debuxo

O pasado 2 de febreiro celebrouse a Festa da Candeloria, tamén chamada Festa das Candeas, que ademais da beizón das velas, simboliza a Festa do Amor.

Así pois, hai poucos anos na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, concretamente na capela do Rosario, celebrábase na misa da mañá o casamento de dúas pombas que se ceibaban ao remate do acto relixioso. O carácter amoroso dese día estase a esquecer pasando a doce días máis tarde, é dicir, por San Valentiño, por influxo do consumismo comercial.

E tamén nalgúns lugares de Galicia, festéxase ese día a chamada Festa do Pote, como no concello de Verín (Ourense) onde pode haber na mesa cachucha, ovos, cabrito, tortilla, vitela, fideos con azucre, roscas, churros, figos, roscóns, arroz con xarope, noces, laranxas e bica de rixóns co cal á festa anterior tamén se lle engade unha celebración gastronómica.

Por estes motivos expostos, cómpre recuperar vellas tradicións de noso que ás veces poden chegar a desaparecer e que constitúen sen ningunha dúbida unha parte fundamental da nosa identidade cultural. Hogano, e dada a dimensión da efeméride, o Día das Letras Galegas está adicado á escritora coruñesa e antiga alumna deste instituto Luísa Villalta. Por esta razón, o EDLG decidiu que a festividade do Amor deste ano fose un tributo cara a esta esgrevia muller. Así, organizou un concurso diversificado en dúas categorías: a primeira, consistente nun debuxo de Luísa Villalta na Coruña e lema de amor á nosa cidade, dado o inmenso amor de Villalta pola súa Matria- A Coruña, facendo do seu berce un emotivo canto de amor, nomeadamente no seu poemario En concreto, (2004),

A segunda das categorías foi para subliñar a excelsa mestría de Villalta pola poesía, unha maneira de reflectir a vida, que é o mesmo que dicir a vida mesma, tal como o expresou ela nuns versos do seu poemario Ruído (1995): “Acabarei por facer do poema a biografía, /atar os días a xeito de tercetos encadeados/ e espertar-lle ao mundo que si, que é posíbel/ viver como vive a poesía, voar de aquí a alá/ nalgo tan sutil e ao mismo tempo tan exacto”.

Facendo pois unha xuntanza entre o Amor e a poética villaltina, o EDLG convocou, ademais un concurso de haikus de amor, en lembranza deste tipo de poemas que tamén cultivara a autora en “Sete haikus”, aparecidos no xornal El Correo Gallego o 4 de abril de 1985, que a día de hoxe non pasaron a editarse nun libro. O concurso consistiu na elaboración de haikus sobre o amor, como sentimento cara a outra persoa que nos atrae. Cada participante puido presentar tantos haikus como desexou.

Hai flores de Tempo/ no xardín./ Mais, se as corto,/ desaparecen. Luísa Villalta, As palabras ingrávidas (2020)

Así, antes das vacacións de Semana Santa fóronlles entregados os premios da Candeloria 2024 aos

seguintes alumnos e alumnas:

Categoría: Debuxo de Luísa e mais lema de amor á Coruña:

- 1º premio Claudia Vilá Veiga (1º ESO A): Mar de Riazor e Torre de Hércules; lema: “Ela é a brétema que acariña A Coruña”. (Tarxeta agasallo de 20 € para gastar na Fnac)

- Pola calidade do debuxo presentado, o xurado acordou outorgarlle un accésit ao traballo do alumno de Francisco Ríos García (1º BACH F): Instituto Eusebio da Guarda con verbas de Luísa Villalta: “Ler palabras vivas de poetas mortos”. (Tarxeta agasallo de 15 € para gastar na Fnac)

Categoría: Elaboración de haikus de amor:

- Carmen Eiroa Martínez (4º ESO A): Almorzo romántico para dúas persoas en Sanbrandán Lunch (15 €)

- Aleksandr Mkrtychyan (4º ESO C): Almorzo romántico para dúas persoas en Sanbrandán Lunch (15 €)

Nas fotografías adxuntas a esta reseña, o alumnado gañador aparece xunto coas súas profesoras de Lingua Galega e Literatura, Beni Vidal Tomé (1º Bach F), Victoria Sánchez Regueiro (4º ESO A e C) e Teresa Pastor Novo (1º ESO A).

O EDLG quere agradecerlles a todo o alumnado e profesorado participante o seu traballo e esforzo,alentando a continuidade ás nosas tradicións e costumes.

Teresa Pastor Novo

(coordinadora do EDLG)



page | by Dr. Radut