Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Roteiro galeguista 4º ESO

Acceso a todas as fotos no ENLACE

O alumnado de 4º ESO levou a cabo unha saída didáctica para coñecer os lugares emblemáticos da Coruña que tiveron importancia na historia do galeguismo. Repartidos en catro quendas, realizamos a visita entre marzo e abril. Acompañados por profesorado dos departamentos de Lingua Galega e Literatura (Vitoria Sánchez Regueiro, Mónica Lourido Santiso e Dulce Fernández Graña), Lingua Castelá e Literatura (Sabela Prieto ) e Economía (MaJosé Fojo), realizamos o percorrido a pé entre o instituto e a Cidade Vella, deténdonos nos lugares sinalados pola historia do galeguismo na cidade, nomeadamente o lugar de fundación da Editorial Nós na rúa Real, ou no local onde se fundou a primeira Irmandade da Fala en 1916 denominado “A Cova Céltica”, situada na rúa da Franxa. Continuamos pola Praza do Humor, onde se rende homenaxe aos nosos autores máis retranqueiros, e como non podía ser doutra maneira, saudamos a Risco, Castelao, Cunqueiro e o seu Gatipedro.

En cada parada o alumnado rendeu homenaxe á memoria dos escritores e escritoras homenaxeados/as lendo textos e recitando poemas, mentres os/as asistentes inmortalizabamos cada momento. A estatua que homenaxea a figura senlleira de María Pita, a casa onde viviron Rosalía de Castro e Manuel Murguía coa familia, e a de Francisca Herrera Garrido foron outros lugares onde rendemos homenaxe ás nosas sobranceiras figuras. Foi mágoa que ao Xardín de San Carlos onde está soterrado Sir John Moore non puidemos acceder por estar pechado temporalmente ao público.

Así mesmo, fixemos parada obrigada na Real Academia Galega e na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, na rúa Tabernas, onde esta vez quedamos ás portas sen podermos percorrer o interior do edificio, xa que se encontra en obras. Xa no camiño de volta, recitamos os últimos poemas nos xardíns de Méndez Núñez, ao pé do impoñente monumento de Asorey a Curros Enríquez, e diante da efixie do bardo Eduardo Pondal.

Chegamos ao instituto cos pés cansos mais o espírito enriquecido por unha nova percepción da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda



page | by Dr. Radut