Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

CHARLA CO ESCRITOR FUCO PAZ

Acceso a todas as fotos no ENLACE

“Non deixes de crer que as palabras e as poesías si poden cambiar o mundo”. (Walt Whitman)

Hoxe, 24 de abril, tivemos a honra de contar coa presenza do profesor e escritor Fuco Paz Souto, autor do libro O xantar dos remeiros, obra que foi obxecto de lectura para o alumnado de 1º Bach, B e E; ademais, tamén asistiu a este relatorio a rapazada dos grupos D e F. Convidado polo EDLG polo seu compromiso inmorredoiro coa nosa lingua, este profesor dos de “Raza”, quen exerceu a docencia durante case toda a súa vida, impartindo a materia de Lingua Galega e Literatura, ofreceu unha interesante charla sobre os personaxes da obra referenciada, cunha descrición moi informativa, co obxecto de que o alumnado puidese contextualizar as intervencións dos mesmos, feitas ao xeito de poemas con anécdota, isto é, poemas que nos contan algo. Nun exercicio de xentileza e humildade infindo, impartiulles aos mozos e mozas un obradoiro de escrita poética creativa, nunha atmosfera cordial e lúdica, onde o alumnado amosou grandes dotes para a poesía. Por isto, achegoulle á rapazada un libro marabillosamente ecléctico, ao conxugar no mesmo poesía, cun verso directo, espido de artificio e sincero ata medula (tomando emprestadas as palabras que o seu fillo, David Paz Lafuente, profesor de Galego na EOI da Coruña, lle escribira nun fermoso e sentido limiar nun dos seus libros, e que tamén estivo neste encontro literario); para o teatro, cunhas atinadas anotacións dignas dunha cámara cinematográfica; e, por suposto, para unha prosa farturenta, que vai dende os aspectos biográficos dos personaxes do cadro, referencias históricas, toponímicas, patronímicas, ... ata saborentos pratos da cociña francesa.

O escritor tamén lles contou simpáticas anécdotas da súa vida; referencias de tristes acontecementos históricos que recolle o seu libro e que, ende mal, continúan hoxe en día coa aparencia de guerras, enmascaradas en auténticos xenocidios; e curiosidades pictóricas e culinarias, nunha amálgama de saberes, que resultou ben amena. A súa sabedoría non ten prezo, falando en termos metafóricos e reais, porque sempre nos agasalla con agarimosas visitas de balde. 

Moitas grazas, profesor Fuco Paz Souto, por traernos a sinxeleza das terras chairegas dos seus devanceiros e o recendo da cascarilla engulida no Monelos do seu berce. 

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)



page | by Dr. Radut