Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

María Josefa Wonenburger Planells

María Josefa Wonenburger Planells

María Josefa Wonenburger Planells, Doutora Honoris Causa pola UDC, alumna que fora do Instituto Eusebio da Guarda, é homenaxeada polo Concello da Coruña cunha rúa que a partir de agora leva o seu nome.

No acto de inauguración, celebrado o pasado martes, 14 de outubro, estaba presente o Rexedor da cidade herculina, o Reitor Magnífico da Universidade da Coruña, o Reitor anterior, baixo cuxo mandato fora nomeada a insigne coruñesa Doutora Honoris Causa, diversos membros da corporación municipal, as profesoras da UDC que tomaran parte activa no proceso do doutoramento, a irmá da homenaxeada, un membro da familia Wonenburger que tomou no seu momento a palabra para relembrar á doutora e complementar a información previamente ofrecida polo señor alcalde, e estaba presente unha servidora como membro da Dirección do instituto en que Dona María Josefa cursara o bacharelato.

Entre o público asistente achábase, ademais, a catedrática de matemáticas xubilada do noso centro, a lucense Dª Mercedes Sampayo Yáñez, quen gozou da amizade da homenaxeada. Co gallo de redactar a súa entrada para a ‘Enciclopedia Gallega’, a señora Sampayo traba comunicación coa matemática coruñesa. Pódese dicir que á nosa querida colega lle debemos en certa medida o achegamento de María Josefa Wonenburger a círculos próximos ás matemáticas en Galicia, como o colectivo ‘Agapema’, ou a círculos máis entrañables aínda: por exemplo, cando Lugo acolle un concurso de matemáticas para escolares, a “Muralla Matemática 2004”, un concurso organizado por Agapema mais o Concello de Lugo, dedicado –en parte nuclear grazas á Mercedes Sampayo- ao sabio lugués Vázquez Queipo por coincidir ese ano co segundo centenario do seu nacemento, a catedrática do Eusebio da Guarda, Mercedes Sampayo viaxa a Lugo acompañada de Dª Celia Quiroga, bisneta de Vázquez Queipo, e de Dª María J. Wonenburger (máis información no artigo no Progreso do 11 de febreiro do 2004).

Recordemos igualmente que nos actos conmemorativos dos 120 anos de existencia do Instituto ‘Eusebio da Guarda’, celebrados o 1 de outubro do 2010, Mercedes exerceu de cicerone no emotivo reencontro de dúas ex alumnas co seu querido instituto, especie de volta á adolescencia feliz. Viña acompañada de Irene Valiño (outra honra na inacabable historia do Eusebio) e de María Josefa. Naquela inesquecible xeira, Mercedes fora presentando a María a todos cantos tivemos a sorte de estar alí presentes.

(Na foto aparecen Amparo Wonenburger e Ana Dorotea Tarrío, vicerreitora da UDC cando se nomeou Doutora H.C. á matemática coruñesa)

Esta é unha cidade afortunada en moitos sentidos. Relembraba o alcalde acertadamente canto ilustre ser humano estudou no noso Instituto… Relembrou tamén un par de datos fermosísimos sobre a homenaxeada. Dicía María Josefa: “Teño tendencia a ser feliz”, e “Podo dicir que vivín como sempre soñei que quería vivir” [este último enunciado non é literal, é paráfrase].

Unha servidora achegouse a Dª Amparo Wonenburger para pedirlle permiso para fotografala. “Parécese vostede moito á súa irmá”. A estas palabras contestou: “Foron moitos anos vivindo xuntas, algo se me contaxiou” [nova paráfrase, bastante aproximada, traduzo ao galego as súas amables palabras]. Tamén amosou un certo orgullo e satisfacción ao dicirme “Eu tamén fun alumna do Eusebio da Guarda”. 

Todos estamos de acordo, creo. O lugar onde estudamos o bacharelato é un lugar amado. Salvo excepcións, que sempre as hai. Que siga presidindo o mar de Orzán por moito tempo este noso Instituto!

 

Mª Rosario Soto Arias, vicedirectora.

 



blog | by Dr. Radut