Iniciar sesión

Secretaría virtual

Bioloxía-Xeoloxía

O "booktrailer" da biodiversidade

Durante estas últimas semanas na materia de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de ESO (grupos A e B) estivemos traballando o tema da clasificación dos seres vivos, empregando como referencia o sistema dos 5 reinos de Whittaker (modificados). Aínda que se trate dun modelo superado, supón quizais a forma máis simple de achegarnos á comprensión de biodiversidade.

Estudamos as características de cada reino e buscamos especies que nos servisen de exemplo, tentando dar preferencia ás especies máis próximas; as propias de Galicia. Con todo, temos tamén representantes, por exemplo, de fauna exótica. Este traballo serviunos tamén para aprender a escribir correctamente os nomes específicos, e incluso aprender algúns nomes vernáculos grazas á gran ferramenta que para nós foi A Chave.gal.

Antón Justo, de 1º A, fixo o booktrailer que compartimos aquí con vós (facede clic na foto):

As bacterias, ¿falan unhas coas outras?

Onte mércores tivo lugar, na biblioteca do noso instituto, unha charla para alumnado de Bioloxía e Xeoloxía e Anatomía Aplicada de primeiro de bacharelato, co título ¿Como se comunican as bacterias?

A ponente foi a profesora Ana María Otero Casal, microbióloga da Universidade de Santiago de Compostela, a quen agradecémoslle o moito, e sorprendente, que aprendimos.

Unha clase diferente

Hoxe trasladamos a clase de Bioloxía e Xeoloxía de 3º de ESO ao Salón de Actos do instituto. Alí puidemos gozar dunha interesante conferencia sobre o papel da nutrición e o exercicio no desenvolvemento do cerebro, impartida por Carlos Spuch Calvar (a quen lle agradecemos a súa presenza) biólogo e investigador no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

 

Grande actuación na Olimpiada de Xeoloxía

"O pasado mércores 12 de febreiro, 8 alumnas e alumnos de primeiro de bacharelato de ciencias participaron na fase territorial da XI Olimpiada de Xeoloxía que foi celebrada, de forma simultánea, en cinco sedes por toda Galicia. En Vigo a cita foi na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade.

Unha das nosas alumnas, Sabela González Alcántara, foi a segunda clasificada nesta sede, o que lle da o pase para participar, xunto co resto do alumnado clasificado de Galicia, na fase nacional, que se celebrará o vindeiro 28 de marzo en Cuenca. Temos que destacar que Sabela xa fora gañadora, na edición anterior, do accésit para o alumnado de cuarto de ESO. Parabéns a Sabela e a todos os participantes, que amosaron unha grande implicación e entusiasmo no estudo das Ciencias da Terra."

 

MINEROU

Recordade que vos informabamos de que íamos ter unha exposición de minerais no noso centro. Pois deixámosvos un par de imaxes da mesma, que interesou tanto ao alumnado como ao profesorado do IES.

Parabéns á comisión organizadora!

MINEROU

Este venres 31 de xaneiro, durante o primeiro e o segundo recreo, poderemos desfrutar dunha mostra exclusiva de minerais e rochas nas instalacións do noso IES.

O comité organizador, formado por alumnado de 1º de ESO, convida a toda a comunidade educativa a desfrutar do evento, que terá lugar na Ágora, onde amosarán exemplares das súas coleccións.

Charla augas residuais

Hoxe tivo lugar no noso centro a charla temática "Augas residuais, refugallo ou ouro negro?", ofrecida pola Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela.

A ponente foi a profesora do Grao de Enxeñería Química, Anuska Mosquera Corral.

Asistiron os alumnos de primeiro de bacharellato de Bioloxía e Xeoloxía e os de Anatomía Aplicada, ademais dos de segundo de bacharelato de Bioloxía.

Na busca de cogomelos

O pasado día 23, alumnado de primeiro da ESO realizou unha ruta micolóxica polo Monte Da Madroa da man da Mancomunidade de Montes de Teis. Aproveitaron para sacar unhas estupendas fotografías de cogomelos, coas que se poderá participar nun concurso de fotografía (por certo, as bases están na páxina web do centro).

No seguinte víedeo tedes unha escolma do que se foron atopando os participantes.

Concurso fotografía micolóxica

 

Aquí tedes as bases do concurso fotográfico sobre a ruta micolóxica.

 

Comprendendo a evolución

O Departamento de Bioloxía e Xeoloxía particioa co alumnado de 1º ESO, por segundo ano consecutivo, nunha experiencia de innovación docente en colaboración coa Universidade de Vigo e co Centro de Investigaçao em Biodiversidade e Recursos Genéticos de Porto, baixo a dirección do profesor de xenética e evolución da Facultade de Bioloxía, Emilio Rolán e a colaboración do doutorando Juan Gefael. A actividade consta de dúas sesións nas que, de forma lúdica con xogos especialmente deseñados, o alumnado tratará de adquirir coñecementos sobre evolución. Un cuestionario finalconfirmará o grao de aprendizaxe.

Así mesmo, toda a experiencia estará dispoñible para a comunidade educativa na plataforma de ensino UP2U (https://learn.up2university.eugrazas á colaboración do investigador da Escola de Enxeñería da Telecomunicación Iván Otero (iotero.webs.uvigo.es), como parte do seu traballo de coordinación do Piloto España, neste proxecto Europeo.

Distribuir contido