Curso 2008/09

Revista "Nós mesmos" 2008/09

Con motivo da impresión e difusión da revista cultural "Nós mesmos" publicada polo departamento de Normalización Lingüística e o centro, coa colaboración do equipo directivo e do alumnado, temos colgado na rede o nº 14 para que o podades descargar en formato pdf:

 

 


Correlíngua 2009

O 8 de maio celebrouse en Monforte por segunda vez o correlingua. O correlingua é unha carreira feita como xeito de reivindicar de forma lúdica o noso idioma. Esta idea remóntase á etapa da Transición, cando centos de persoas percorrían camiños e estradas reclamando que o idioma propio de Galicia ocupase o lugar  social que lle correspondía.
Estas carreiras pola lingua recuperounas nos anos 90 a Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración con diferentes entidades culturais. Dende o ano 2001 ata hoxe, conxuntamente coa CIG-Ensino e a AS-PG, estas carreiras pasan a ter unha nova entidade, con dimensión para toda Galicia e procurando implicar todos os centros de ensino. Preténdese ofrecer aos centros educativos unha actividade escolar que provoque a atención da rúa, nun ambiente festivo, que debe ser preparado ao longo do curso para culminar na celebración da carreira.
Na actualidade, grazas ao apoio da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da Dirección Xeral de reación e Difusión Cultural da Consellaría de Innovación, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da TVG, permiten ofrecer unha programación máis atractiva e uns premios máis rechamantes para os participantes nos diferentes concursos.

O IES "Río Cabe" participou cos alumnos do primeiro ciclo da ESO.

 

O programa seguido foi o seguinte:

  • 11.00 h. Chegada do alumnado e recepción. O punto de partida e chegada estivo na Praza de Góngora (San Vicente). Como nos queda moi cerca, subimos andando.
  • 11.15 h. Saída da carreira.
  • 11.15-11.30 h. Percorrido.
  • 12.00 h. Festa final. Lectura do manifesto. Actuación De CHÉVERE. Actuación musical.
  • 13.00h. Remate.

ITINERARIO

Saída de San Vicente. Baixada pola Régoa e pola Praza de España. Segue pola Rúa Cardeal deica á Compañía.

Cremos que os nosos alumnos disfrutaron desta carreira, que puideron compartir con alumnos doutros centros, non só de Monforte, tanto de primaria como de secundaria, senón tamén con rapaces de Quiroga, O Barco, Sarria, Chantada, O Saviñao, etc.

Entrevista a Fran Alonso

Fran Alonso, autor de Cartas de amor, estivo connosco para falarnos da súa obra. Esta foi a obra elixida para ler e comentar no Club de Lectura da Biblioteca do centro. Os alumnos de 3º da ESO, xunto coa responsable do Equipo de Normalización Lingüística, prepararon e fixeron esta entrevista.

 

 

 

 

Onde naceu?

—Nacín en Vigo, aínda que aos poucos días de nacer marchei para a aldea de meu pai, en Crecente, que é onde vivín os primeiros anos da miña vida.

 Que recordos ten da etapa infantil?

—En xeral, excelentes lembranzas, teño. A verdade é que creo que a miña infancia foi feliz, libre, especialmente alí. A miña infancia tamén está ligada ao mar, porque a familia de miña nai vivía do mar, en Baiona. Logo, a partir dos seis anos fun á escola en Vigo, onde medrei, aínda que meu pai levábanos todos os venres para a aldea. Teño moito peores lembranzas da adolescencia, pois aqueles anos –os da Transición, unha vez morto Franco–, lémbroos como anos tristes, confusos.

 

Que quería ser de maior?

Desde neno tiven claro que quería ser escritor. Ignoro as razóns, pois na miña casa non había nada que me vencellase coa literatura e coa escrita, pero sempre quixen ser escritor. Por iso me considero un escritor vocacional.

 

Foi un bon estudante?

—Fun un estudante difícil, que se rebelou contra un sistema de ensino que obrigaba (moito naqueles tempos) a memorizar e non favorecía o razoamento, a dialéctica, a creatividade, nin a lectura. Daquela, rebelábame contra aquela situación. Sempre odiei memorizar (entre outras cousas porque nunca tiven boa memoria) e como me negaba, convertinme nun mal estudante, que suspendía. En terceiro de BUP abandonei os estudos durante un tempo, independiceime (aínda que sempre mantiven excelentes relacións cos meus pais, que nunca deixaron de apoiarme), e logo retomeinos con outra forza, con outras convicións, pero co mesmo sentido crítico.

 

Que estudou? A que se dedica ademais de ser escritor?

Na Universidade, licencieime en Filoloxía Galego-Portuguesa, aínda que a miña intención era estudar xornalismo, pero daquela non había en Galicia esa titulación. Ademais de ser escritor, ao rematar a carreira comecei a traballar no xornalismo  e uns anos despois entrei no mundo editorial, que é o ámbito no que traballo agora e no que levo 17 anos.

 

 

Que destacaría da profesión de escritor?

Que esixe un esforzo creativo moi grande e unha enorme capacidade para concentrarte no teu traballo, para crear, para inventar, para visionar. Ás veces, cando tamén te dedicas a outras cousas, é dificil conseguilo, pero resulta moi difícil vivir exclusivamente da literatura. Logo, cando publicas os teus libros, adoita ser moi gratificante.

 

No conto Ilegal a protagonista senagalesa ve Galicia como un país desangrado, de fantasmas, sen nenos. Porén, é en Galicia onde nace o seu fillo e onde queda a vivir. Ve vostede nos inmigrantes unha posible salvación para esta Galicia avellentada?

Eu creo que, por enriba de calquera outra circunstancia, os inmigrantes son persoas humanas, con dereitos coma as demais persoas, que foxen da miseria ou dos conflitos dos seus países, como é lóxico, pois ninguén quere vivir ameazado ou en condicións miserables. Logo, por suposto, Galicia precisa inimigrantes porque é un país envellecido, cunha pirámide de poboación invertida. En calquera caso, a protagonista ve Galicia como a vin eu cando fixen o camiño de Santiago, atravesando constantemente lugares despobados, fantasmais.

 

No conto Desde as terras a guerra de Irak aparece relatada por unha cooperante prisioneira que chega a solidarizarse coas esixencias dos seus captores, que opina vostede da actual situación de Irak?

 A actual situación de Irak é produto de todo o que pasou alí; é dicir dunha invasión que Estados Unidos e Europa (España tamén participou) levaron a cabo sobre un país soberano que era Irak, impoñendo a súa forza e a súa lei. Iso é unha forma de ditadura militar internacional.

 

 —Por que elixiu o formato de cartas ou correo electrónico para expresar as angustias das mulleres protagonistas do libro?

Porque o xénero epistolar (que así se chama o das cartas) me permitía adoptar un ton confensional, íntimo, a través do que as protagonistas puidesen expresar os seus sentimentos, porque, en teoría, a privacidade da carta garante a sinceridade.

 

 Algún dos contos  basease nalgunha experiencia real?

A ficción nunca é a realidade, é unha recreación da realidade. Os escritores escribimos a partir da experiencia pero tamén da observación e, sobre todo, da documentación. Hai situacións nos relatos que eu vivín moi directamente, como é o caso de “Sáhara, améndoa amarga”, pois aínda que o relato continúa a ser ficción, presenta unha situación real que da que eu fun testemuña en diversas ocasións.

 

 

  No conto Confesión trata un tema distinto, a soidade e medo dunha rapaza que se sente diferente. Cal é a finalidade deste conto de contexto tan distinto?

A nivel persoal, a miña finalidade sempre é escribir boa literatura (a mellor que eu sexa capaz de escribir) contando cousas que paguen a pena contar. E este caso é un deses que paga a pena contar. E moito. Con este relato quería facer visibles outras realidades dentro do amor, da relación de parella. E, sobre todo, realidades que aínda non son socialmente aceptadas, como é o caso da homosexualidade, pero que no fondo teñen que ver coa defensa das liberdades individuais e cos lexítimos dereitos das persoas.

 

Por que son sempre mulleres as protagonistas?

Inicialmente foi algo fortuíto, non premeditado, pero cando levaba a metade do libro escrita decateime de que todas as protagonistas eran mulleres e que non podía ser casual. Así que decidín levar até o final esa circunstancia, converténdoa nunha

característica do libro. ¿Por que non podía ser casual? Porque é evidente que as mulleres sempre son as que viven e sufren as peores condicións, en calquera circunstancia.

 

En Améndoa amarga a protagonista soña coa liberdade e cun amor imposible, que futuro lle ve vostede a tantas mulleres que tamén viven contra a súa vontade nun ambiente de represión?

—En realidade, no caso de “Sáhara, améndoa amarga”, a falta de liberdade da protagonista non se debe tanto a cuestións de xénero como ás circunstancias históricas e políticas que está a vivir, co seu país invadido e ocupado por outro (O Sáhara Occidental ocupado por Marrocos). En calquera caso, en todos os países do mundo (nuns bastante máis que noutros) queda moito por facer para conseguir un ambiente de liberdade e de igualdade para a muller con respecto ao home. Ademais, trátase dunha causa que non ten volta atrás se queremos que o  mundo avance, que o ser humano camiñe cara a construción dun mundo xusto e equitativo.

 

Cando e por que xurdiu a idea de Cartas de amor?

En realidade xurdiu a raíz dunha viaxe que fixen a Cabo Verde e das circustancias que vivín naquel país. Iso foi o que desencadenou o primeiro relato. A partir de aí naceu a idea do libro e foi medrando aos poucos.

 

 O conto de Belinha recorda un pouco ás mulleres galegas que tamén viron como os seus homes emigraron e ás veces tampouco volveron. Cre que é semellante a situación?

En boa medida o é. Cabo Verde é un país de emigrantes, igual que o foi Galicia, e iso crea unha dinámicas sociais moi semellantes, que teñen correlación. De todos os xeitos, a situación de Cabo Verde é moito máis dura que a galega. Pero, sen dúbida, pódense establecer moitos paralelismos.

 

Saraievo, Cabo Verde, Sahara, Montevideo… estivo vostede nestes países?

Non en todos, pero si na maioría dos que aparecen no libro. Cando escribo, gústame facelo a partir de realidades que coñezo ou que, cando menos, son quen de intuír. Nese sentido, creo que teño un sentido intuitivo moi grande.

 

A quen vai dirixido o libro, a adultos ou a mozos?

A quen queira lelo, desde logo. Pero eu quixen publicalo nunha colección para mozos e mozas.

 

 —En que libro está traballando agora?

Pois agora teño rematado un libro de poemas titulado Transición, un álbum infantil,  e estou  escribindo (moi aos poucos) un libro de relatos.

 

 Díganos un hobby

A lectura. Andar en bicicleta.

 

Cal é a súa música preferida?

Son bastante aberto e gústanme moitos estilos. Por suposto, a música galega (Os Diplomáticos, Dios Ke Te Crew, As garotas, Lamatumbá, Uxía, etc), máis o pop e o rock que o folc. E logo, gústanme moitas cousas: o hip hop, músicos como Silvio Rodríguez, clásicos como Jacques Brel, o rock poético e transgresor de Extremoduro, grandes grupos como Pink Floyd, músicos como Amaral, moitos africanos (Ismael Lo, Youssou N'Dour, Cesárea Évora... etc).

 

Un agasallo importante.

A amizade.

 

Un consello para os alumnos.

Sede sempre vós mesmos.

 

 —Un desexo.

Un mundo xusto.

 

 Unha experiencia lectora.

A da aprendizaxe da miña filla, descubrindo o poder das letras e das palabras.

 

  —Un animal.

O elefante

 

 —Unha árbore.

A cerdeira.

 

Unha canción.

Tantas! Ojalá, de Silvio Rodríguez.

 

 —Unha cor.

O amarelo.

 

 —Unha comida.

Robaliza ao sal.

 

 —Un conto tradicional.

Hänsel e Gretel, porque mo contaban de neno no Colexio Alemán.

 

Un instrumento musical.

O acordeón e a guitarra eléctrica.

 

 —Un libro.

Imposible quedarme con un. ¡Foron tantos os que me impactaron!

 

 —Un lugar.

O mundo.

 

 —Un nome.

Os das miñas fillas, que están na dedicatoria de Cartas de amor.

 

 —Unha película

Léolo.


Excursion a Lugo

Os alumnos de 3º da ESO realizaron unha excursión a Lugo organizada polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística, o 25 de marzo.

 

 

 

 

 

  

O obxectivo desta saída foi ver a exposición As nosas palabras, os nosos mundos.

 

 

 

 

Fixemos un percorrido pola historia do galego, organizado en sete áreas con paneis gráficos, vitrinas con obxectos orixinais, imaxes, módulos sonoros e multimedia.

 

 

 

Na exposición proponse un percorrido polo mundo das linguas e da comunicación a través dun dos idiomas que conforman a diversidade lingüística do noso planeta: o galego.

 

 

 

Como derradeira actividade, disfrutamos dunha sesión de dobraxe, realizada por unha profesional deste mundo. Tamén un grupo de alumnos tiveron a oportunidade de dobrar a algúns personaxes dunha coñecida serie de debuxos animados.

 

 

 

 

 

 


 

Concurso de adiviñas

O día 15 de xaneiro de 2009 remataba o prazo para a entrega duns traballos sobre adiviñas, que logo, entrarían en fase de concurso. O concurso estaba dirixido cara ao alumnado de ESO.

Os gañadores foron:

  • 1º premio por valor de 60 euros: Paz López- Vizcaíno Rubio.
  • 2º premio por valor de 40 euros: Carlos Súñer Díaz.


Proxección da película PRADOLONGO. Os alumnos opinan

O día 30 de xaneiro os alumnos de 3º e 4º da ESO asistiron á proxección da película Pradolongo.

Estas son algunhas das súas impresións sobre a película.  

“Na miña opinión a película estivo relativamente ben. Nalgunhas escenas mostraba como é a vida no campo e o traballo neste, e tamén a diferenta que hai entre vivir e traballar no campo a facelo na vila. Tamén nos amosa os extremos a que pode chegar a xente para conseguir o que quere. Non me gustou nada como Armando se aproveitaba da xente e de como faltaba ás súas promesas.

En troques, gustoume a personalidade de Martiño, de como se esforzaba para que non lle quitasen o que máis quería, os seus prados, Pradolongo, o prado onde xogaba cos seus amigos, Armando e Raquel, cando eran pequenos. A última escena pode danar a sensibilidade dalgúns espectadores. Non entendín o fin educativo da película, pero penso que deberiamos facer máis saídas ao cine co instituto.” 

Sandra Pérez Rodríguez   

“A min a película gustoume xa que mesturaba a vida e o traballo do campo coa vida dos ricos empresarios. A película amosa como é Galicia, algunhas paisaxes da nosa terra, a variante do traballo, etc. Tamén nos fala dos problemas da xuventude, os seus estudos e amoríos, puntos nos que se basea a película, segundo o meu punto de vista. Os rapaces protagonistas acaban de facer os exames de selectividade e teñen por diante todo o verán, no que van xurdindo diferentes amoríos.

O fin educativo da película non o entendín moi ben. Pero opino que hai que facer máis saídas ao cine.” 

Alba Rodríguez Real

 

“A película gustoume moito. Nela vese como un rapaz xove que ten dezaoito anos loita para non perder os recordos da súa infancia cos seus amigos Armando e Raquel. Isto foi o que máis me gustou.” 

Diego Vázquez Oliveira

 

“A película estivo bastante ben. A verdade é que me gustou. Nela vimos reflectida a dor dun mozo de dezaoito anos, chamado Martiño, ao saber que ía perder o lugar no que medrara na compañía dos seus mellores amigos, Armando e Raquel. A pesar do seu esforzo, non puido evitar perder Pradolongo.

Pódese dicir que isto foi o que non me gustou da película. Pero, polo menos, conseguiu quedar con Raquel, a súa mellor amiga e a súa namorada. O máis bonito foi o final, cando Raquel ía marchar a Italia con Armando e de súpeto díxolle que non marchaba e foi buscar a Martiño. El estaba á beira dun lago e os dous tiráronse espidos á auga. Pero digo eu que non facía falta tirarse á auga sen nada, non si?” 

Alba Seijas Lorenzo

 

“En xeral gustoume moito a película, aínda que non entendín moi ben o argumento principal. Non sei se a intención da película era que remataran xuntos Raquel e Martiño, ou amosarnos como é a xuventude que estamos a vivir, ou as intencións que teñen os adolescentes ou os proxectos de futuro diferentes que ten a xente nesas idades. O que máis me gustou e me chamou moito a atención foi ver a madurez e a fidelidade ás súas ideas que caracterizaba a Martiño.

En ningún momento lle interesou a proposta de vender as súas terras ao pai de Armando. O personaxe de Raquel non estivo mal, pero debería corrixir o de deixarse levar polos encantos de Armando e, xa que dicía que se sentía tan ben coa amizade que disfrutaba cos dous, ao final acabou liándose con ambos e isto non me pareceu de todo ben.

Síntoo, pero teño que comentar isto: a última escena estivo ben no papel romántico da película e iso, pero o de despois… non sei… quizais estivo un pouco fóra de lugar, pero é o que hai. En resumo, gustoume moitísimo!!!"

Bárbara Mascaró Muñoz

 

“A película en xeral non me gustou moito. O argumento, sobre unha familia con problemas económicos que lle quería sacar partido ás terras vendéndoas e a historia detres amigos, era un pouco pobre.O que máis me gustou foi a historia amorosa dos tres amigos. Aínda que tiña algunhas escenas “innecesarias”. O que menos me gustou foi o conflito entre os dous irmáns por venderen as terras ou non vendérenas e facer unha explotación ecolóxica”.

Fernando López Rodríguez  

 

“Pradolongo é unha película que non me gustou moito en verdade. O argumento pareceume un pouco frouxo e os actores non había un bo. A esta película danlle máis categoría da que ten. O único que me gustou é que as paisaxes son moi hermosas. En resumo: nunca na miña vida vira unha película tan mala e aburrida, espero que non fagan unha segunda parte!” 

Irene Álvarez Vázquez

 

“Eu creo que foi unha película moi interesante e educativa, mostra o esforzo que se debe facer para conseguir o que se desexa. Tamén é unha película romántica, con diversas escenas de amor entre Raquel e os dous rapaces, aínda que a máis bonita é a de Raquel con Martiño.

Outra cousa importante que observamos nesta reprodución é o valor da amizade e o esforzo necesario para sacarmos adiante os estudos. Na miña opinión o esforzo de Martiño por defender o que quere, Pradolongo, é admirable. O que máis me sorprendeu foi que a película estivese en galego, xa que hai moi poucas, e isto non debería ser así.

Tamén me sorprendeu moito a decisión dos pais de Martiño, traizoando en certo modo ao seu fillo por diñeiro, ademais da traizón dos seus propios veciños que xa lle tiñan dada a súa palabra, e esta é o máis importante que ten unha persoa. Realmente esta foi unha película de traizóns. Temos que lembrar tamén a de Armando, que rompendo a súa promesa, liouse con Raquel, cando anteriormente acordaran que sería coma unha irmá para eles.

Porén, o que fixo a empresa da lousa foi unha mala actuación, xa que o seu obxectivo era gañar diñeiro, destruíndo o medio rural.Resumindo: gustoume moito!" 

Diego Pérez Rodríguez


 

 

Excursión a Santiago

 

O Equipo de Normalización Lingüística organizou unha excursión a Santiago de Compostela o 18 de decembro de 2008.

Estas son algunhas das impresións dos alumnos de 3º de ESO.

"Primeiro collemos o autobús ás 8:45 con rumbo a Santiago de Compostela. Chegamos a Santiago ás 10:00 e fomos camiñando ata a catedral. Unha vez alí un guía levounos ata un comedor e explicounos que os adornos ían diminuíndo de dereita a esquerda porque isto significaba onde se debía sentar a xente segundo a clase social á que pertencía. Despois fomos ata a tribuna que dá á catedra. Explicounos que dende que fora descuberta a tumba do Apóstolo Santiago chegaban peregrinos de todas as partes do mundo e que noutras épocas durmían alí, mesmo os reis. Logo subimos aos tellados e alí explicounos que a catedral tiña catro tipos de estilos: románico, gótico, barroco e renacentista. Nunha das torres están as campás que serven para anunciar a misa e as festas. Noutra non hai campás pero hai un tastarastá que se usaba en Semana Santa. Noutra había un reloxo cunha campá para dar as horas. Daquela o que indicaba a categoría social era a cheminea das casas, canto máis grande era máis alta era tamén a categoría social dos donos.

Unha das prazas máis famosas é a do Obradoiro e recibe ese nome porque alí estaba o gremio dos obradoiros. Tamén a praza das Praterías, chamada así porque alí estaba o gremio dos prateiros..

Nos tellados había un estraño lavadoiro cunha cruz, a Cruz dos Farrapos. O lavadoiro era un recipiente onde queimaban as roupas os peregrinos que eran porteadores de enfermedades e mal olor, iso era para eles un modo de purificación.

Despois da visita á catedral fomos ao Parlamento.  No Parlamento asistimos a unha parte da sesión na cal trataban temas agrícolas. Logo fomos ver as salas de reunión de cada partido político, a biblioteca, unha exposición de pintura...

Logo da visita ao Parlamento, fomos á Area Central a comer. Tivemos unha hora libre para comer. De alí saímos para o Pazo de Oca.

No Pazo de Oca vimos os xardíns, un estanque, o paseo dos olmos... "

Ramón Losada Topacio


"O día 18 partimos cara a Santiago os meus compañeiros e eu coa miña profesora de Lingua Galega. Nada máis chegar á cidade, dirixímonos á catedral para facer unha visita guiada polas súas inmediacións, incluso polos tellados. O guía íanos indicando as principias características (materiais, estilos...).

A continuación tomamos rumbo ao Parlamento, cunha visita tamén guiada. Estivemos en varias cámaras e asistimos a un debate parlamentario moi interesante.

Seguidamente era o turno para comer.

Despois o noso rumbo tornou cara ao Pazo de Oca, un lugar que me resultou moi interesante onde puidemos ver ríos, árbores...

Finalmente, era a hora de volver para a casa. ¡Foi a mellor viaxe da miña vida!

Diego Pérez Rodríguez

 

 

Saímos á mañá cedo de Monforte. A viaxe no autobús foi divertida. Fomos falando e contando chistes.

Chegamos a Santiago e o primeiro que fixemos foi buscar a Catedral. Levaránnos á sala de ceremonias e estivemos falando das figuras que se formaban nos capiteis das columnas. Despois subimos e estivemos no lugar onde durmían antigamente os peregrinos que chegaban a Santiago. Ao redor hai coma un paseo que se fixo para que os peregrinos visen a catedral sen molestar á xente que asistía á misa. Os tellados gustáronme moito, pero ía moito frío.  Estivemos falando das torres da catedral e tamén vimos o lugar no que os peregrinos queimaban as súas roupas vellas que levaran postas durante todo o camiño.

Despois fomos ao Parlamento. O primeiro foi pasar polo detector de metais. Estivemos no pleno que se estaba a celebrar. Escoitamos a dúas mulleres que falaban do sector leiteiro, das cuotas e de presupostos. Fomos á biblioteca, á que só ten acceso xente que traballa alí. Tamén vimos outras salas.

Collemos o autobús para ir ao centro comercial. Alí comemos. Logo volvemos ao autobús para dirixirnos ao Pazo de Oca. Todo era moi bonito, moi verde. Había un estanque cunha pequena barca. Dentro estaba un ganso e fóra outros. Brenda empezou a facerlle a "competencia", todos rimos.

Paseino moi ben. Oxalá que haxa máis excursións durante o curso.

Sandra Pérez Rodríguez

 

(....) Despois de ver os tellados da catedral, deixáronnos uns minutiños para andar por Santiago. Nese tempo fomos a unha pastalaría onde compramos uns croisants, moi ricos por certo. E despois démoslle unha moeda a un mimo. Fíxonos moita graza porque abriu a espada que tiña, e poñía: "GRAZAS".

No Parlamento estivemos nun debate sobre o leite. Logo ensináronnos as salas nas que se reúnen os partidos. Tamén vimos a biblioteca, que me pareceu moi grande.

No percorrido que fixemos polos xardíns do Pazo de Oca vimos un lago moi bonito, no que había parrulos e un ganso. O ganso estaba enriza dunha barca e estiven falando con el. Contoume unha anécdota moi interesante. Tamén me impresionaron as figuras de mirto, feitas a man.

No bus todos regresamos cansos, pero aínda así seguimos sacando fotos.

A ver, cando repetimos?

Brenda Cerviño Quiroga

 

Non vimos o interior do Pazo de Oca, pero o máis destacado son os seus inmensos e hermosos xardíns. Fomos percorrendo, xunto coas profesoras, e vendo fonte, un labirinto ao que non puidemos entrar. O que máis me gustou foi un lago cunha pasarela. Alí había uns gansos cos que unha compañeira mantivo unha longa conversa.

Alba Rodríguez Real.

 

A  verdade é que creo que nesta excursión todos o pasamos moi pero que moi ben. Supoño que repetiremos, non?

Alba Seijas Lorenzo


Un momento! Imos contar un conto!

 

UN  MOMENTO!  IMOS  CONTAR  UN  CONTO

Relaxación, comodidade e atención son os tres ingredientes esenciais que un precisa para elevarse ó mundo dos soños a través dun conto. Esta mesma sensación experimentámola os alumnos de 2º de B.A.C. do I.E.S. Río Cabe o pasado luns 10 pola tarde na biblioteca do centro nun espectáculo de contacontos realizado pola parella Tropa de trapo.

Na biblioteca, durante a primeira hora das dúas que duraba o espectáculo, a luz diminuíu nun ton laranxa, cálido, e Brais e Marta, ou Tropa de trapo, cos seus marabillosos relatos e historias converteron o espazo nun lugar afastado da realidade, envolto por miles de sensacións e pensamentos que recollía o aire do ambiente. As nosas emocións aumentaban co acompañamento instrumental que Brais realizaba cando Marta nos contaba as súas fermosas historias procedentes de oriente.

Durante a primeira parte da actividade, a parella relatou historias de diversa temática combinando diferentes culturas coma a árabe ou a galega. Os seus contos estiveron cheos de tenrura e amor, pero en todos se percibía certa tristura e melancolía. Outros, ademais disto, mostraban un forte realismo rebaixados cun toque de humor.

Na segunda hora que durou o espectáculo, os alumnos dividímonos en dous grupos, quedando deste modo uns na biblioteca con Brais e os demais noutra aula con Marta. Nesta segunda parte, o contacontos converteuse nunha especie de taller no que aprendemos  cousas como a importancia de mirar a unha persoa, ou en como deixar voar a nosa imaxinación para crear o noso propio conto de maneira espontánea.

Tras rematar o actividade, chea de curiosidade, tiven que acercarme á parella e preguntarlles acerca do seu interesante traballo coma creadores de soños.

Pregunta- Tropa de trapo... por que ese nome?

Resposta (dos dous)- Bueno, escollemos este nome porque co feito de contar historias ós demais  identificabámonos con eses bonecos de trapo que tempo atrás persoas coma nós, e incluso avós e pais, empregaban á hora de contarlles xogando un conto ós máis pequenos. Co noso alcume quixemos recoller unha das moitas cousas cheas de valores que hoxe en día xa non importan.

P- Como parella de contacontos, cando e como comeza a vosa historia?

R- (Rin) Buff... é un longo relato iso. Pois resumindo, todo empezou en Santiago, hai tres anos. Marta viña cun grupo de xente catalá a Santiago para aprender acerca deste mundo da interpretación e dos xogos cos contos. Alí coñeceume, e xunto co resto das persoas comezamos a actuar na rúa e a facer espectáculos. Logo xa se foi reducindo o grupo ata que finalmente, Marta e máis eu decidimos formar o noso propio número. Escollemos os nosos propios contos e logo engadimos o tema da música, e así ata agora.

P-  Falando da música, a vosa paixón por esta e polo feito de contar historias de onde vén?

Marta- En canto ó último, eu penso que é algo que tivemos dende sempre, o feito de que nos guste transmitir unha ensinanza a través da narración dun conto facendo este tipo de espectáculos é algo que nace contigo. En canto á música, iso é máis ben cousa de Brais... (Ri) 

Brais- (Ri) Si, bueno... tocar instrumentos, interpreta-la música é unha actividade na que sempre estiven activo; gústame moito. Os instrumentos, ademais, como dixemos ó comezo do espectáculo, fabriqueinos eu mesmo a partir da reciclaxe, de obxectos que aparentemente nos servían para nada. Como puideches ver, na nosa actuación empreguei, por exemplo, o caixón flamenco, feito a partir de anacos vellos de madeira. Debo recoñecer que isto de construír instrumentos débese a que nunca puiden parar quieto, sempre tiven que andar a argallar algo... (rin).

P-   Como parella de contacontos, como funciona o voso traballo? Chámanvos?  Ofrecédesvos?

R- Ofrecémonos. Nós o que facemos é contactar pola nosa propia iniciativa con diversos colexios e demais centros de ensinanza, mostrámoslles o noso proxecto e logo, co decidido actuamos ou non. Principalmente chamamos a centros para adolescentes e adultos, xa que o noso número está feito para este tipo de público.

P- Falando agora do voso espectáculo, en relación cos contos, como os preparades? Son vosos ou recollidos?

R- Pois de todo un pouco. A maioría dos relatos dos nosos números son elaborados por nós pero a partir duns poucos cachiños de historias da vida real. Son contos que están recollidos a partir das moitas viaxes que realizamos e das moitas xentes que coñecemos e nos marcaron. Como mostra deste feito, o espectáculo de hoxe, como xa dixemos ó comezo da actividade, estivo dedicado a unha señora que coñecemos cando de súpeto a roda do coche no que iamos de viaxe pinchou, quedando atrancados entre Melide e Palas de Rei. Chovía moito, así que a muller convidounos a entrar na súa casa e a partir desa visita, sacamos diversidade de contos.

P- Entón, canto tempo vos pode levar elaborar un número?

R- Pois este en concreto levounos un ano aproximadamente. Leva moito traballo e tempo compoñer os contos, aínda que non só é iso, o acompañamento instrumental tamén hai que preparalo e coordinalo xunto coas historias no momento de realizar os espectáculos.

P- Que esperades obter, ou que buscades do voso labor?

B-O noso obxectivo non é senón didáctico. Buscabamos a maneira de transmitir uns valores, e que mellor maneira de facelo que mediante os contos a través da ensinanza. Buscamos principalmente darlles ós rapaces os valores da escoita, da fala... do respecto e convivencia entre culturas... 

M- Ademais, referido a este último, como dixemos ó principio da actividade, Brais é galego e eu son catalá, de modo que as nosas propias vivencias xa reflicten o noso propósito. No noso caso, do mesmo modo que as nosas culturas conviven, a galega e a catalá, mediante os contos de Brais, de tradición galega, e os meu, de orixe árabe, establécese unha especie de comunicación entre ambas culturas.

P- Para finalizar, tedes un novo proxecto?

R- Si. O noso próximo espectáculo recollerá contos chamados sen medo, sobre a liberdade. Nel temos pensado facer algo máis profundo: a liberdade dende moitos puntos de vista. Ademais, ó igual que fixemos con este, nos nosos próximos espectáculos procuramos renovarnos ó máximo e contar experiencias novas.

-Grazas por todo e esperamos que volvades pronto.

R- A vós. Ata sempre. 

María  Rodríguez  Carballo  I.E.S. Río Cabe


Obra de teatro "O club da calceta". Os alumnos opinan

O día 5 de Novembro, alumnos de 1º e 2º de Bacharelato deste centro asistiron á representación teatral "O club da calceta" de María Raimóndez. Aquí tedes algunhas opinións dos alumnos que asistiron ao acto:

“A obra recibe o seu nome porque seis mulleres forman un club de calceta. Cada unha destas mulleres fai un soliloquio sobre o tema. A primeira xa está farta de que a traten do modo en que a tratan. Outra, despois de moito aguantar o machismo dos seus xefes, estoupa e dille catro cousas ben ditas. A muller máis vella fala de que tampouco hai respecto na igrexa. Outra, que é prostituta, fala da pouca dignidade das súas compañeiras de traballo. En xeral, estas mulleres din que todos os homes as consideran “cachos de carne” e isto fai que adopten posturas máis feministas que se ven reflectadas nas palabras que saen das súas bocas”.

Javier Vázquez
“Na miña opinión O club da calceta resultoume un pouco aburrida. Comezou sendo entretida, pero chega a un punto onde acaba resultando pesada. Na miña opinión a obra resultaría moito máis amena se, en lugar de facer cada personaxe un monólogo contando o que lle acontece a cada unha, fixesen un diálogo entre elas. En canto á interpretación, pareceume moi boa. Nótase que as actrices teñen experiencia e dá a sensación de que están a contar a súa propia historia. Porén, hai ocasións en que non se entende todo o que din, xa que falan demasiado rápido e mesmo demasiado baixo”.
Lucía Díaz

 

O club da calceta é unha obra feminista, na que seis mulleres, coa escusa dunha xuntanza para calcetar, se unen e intercambian as súas experiencias e opinións. Na obra cada muller expón a súa vida e o motivo polo que chegou a formar parte do club.

Matilde é unha muller tradicional que vive para a súa familia. Pode ver a súa tía Davinia, que leva morta xa hai moito tempo. Na súa casa nunca lle falaron dela, cando preguntaba dicíanlle que era mellor que non soubese nada. A súa tía foi quen a animou a ir ao club da calceta para que fixese algo por si mesma, para que se divertise.

Anxos é militante dun partido político. É unha revolucionaria que busca a igualdade de ambos sexos, está moi cabreada con todos os homes en xeral porque a consideran inferior a eles.

Rebeca é unha muller fermosa que está farta de ser considerada pola súa beleza e non pola súa inteligencia. O seu home púxose os cornos coa súa xefa.

Elvira é a organizadora do club. Toda a súa vida estivo a cargo dunha igrexa. O seu soño é converterse nunha cura.

Nanda está coxa, o que lle ocasionou numerosos problemas e burlas ao longo da súa vida, sobre todo quéixase do servizo de autobuses e di que a ela lle gustaría converterse en condutora de autobús.

Luz é unha puta. Non tivo oportunidade de elixir outra vida, xa que a súa nai é a súa xefa e con 14 anos xa a puxo a traballar. Non lle parece ben que queiran considerar o seu “traballo” como outro calquera e que sexa un “traballo digno” porque ela sabe que non é así. Agora, como todas as compañeiras do club da calceta, pode evadirse un pouco da súa vida nas reunións que fan.

Pareceume que a obra empeza dunha forma moi forte, pero logo vai decaendo coas intérpretes finais. Ademais, faltoume unha reunión do club onde todas as participantes intercambiasen as súas ideas e as puxesen en común. Tamén me gustaría que houbese unha conclusión sobre o que lle pasou á tía Davinia”.

Lorena Saavedra

 

“É unha obra que trata un tema interesante, aínda que o seu punto de vista é moi radical. Ao principio non asociei á muller que facía os labores da casa e que falaba coa súa tía defunta co tema a tratar. Pero en canto empezaron a falar as outras mulleres, deime de conta do motivo polo que fixeran o club da calceta. Aquí cada unha expoñía o seu punto de vista na relación que tiñan cos homes, e todas elas eran radicalmente feministas. Non me gustou o modo en que tratan aos homes, xa que se pisa moito a nosa imaxe”.

Brais Olmo

 

 

 


“O pasado mércores, xunto co resto dos meus compañeiros de bacharelato, puiden asistir, grazas a unha actividade organizada polo centro, a unha representación teatral no edificio Multiusos. Tratábase dunha adaptación para teatro da novela O club da calceta da escritora lucense María Reimóndez.

A obra cóntanos a través das propias protagonistas a historia de cada unha das seis mulleres que acoden a un club de calceta. Nun espazo moi sinxelo pero acolledor, o club da calceta ao que acoden as seis mulleres protagonistas convérsese nun refuxio para elas, no que cada unha pode amosarse tal e como é, sen medo ningún. Todas son comprendidas sen importar idade nin condición social. O que importa é que estas mulleres neste lugar son libres das ataduras dun mundo gobernado por homes, dunha vida condicionada por unha sociedade machista que só lles ofrece discriminación, acoso e violencia.

A obra móstranos a seis mulleres totalmente diferentes en canto á personalidade: tímida, divertida, seria, decidida, bromista, dura, tranquila… Pero todas cun punto en común: son loitadoras, mulleres que se resisten a seguir vivindo inxustamente e que non se cansan de facelo. Mulleres que reivindican os seus dereitos, tan simples como pode ocorrer co feito de ser respectadas, valoradas no seu traballo polo seu esforzo e non coma un obxecto, que a lei as ampare de verdade e non como unha práctica mal establecida… Neste senso, se tivese que escoller a unha de entre todas as protagonistas, creo que me quedaría con Luz, a prostituta. Esta muller cóntanos, cunha fortaleza incrible, a súa desgarradora e crua historia, unha historia que comeza mal xa dende a súa infancia, triste e abandonada, sen cariño nin amor. Por sorte, Luz atopa calor e paz nun club de calceta, un lugar no que é tratada con dignidade e respecto, un lugar no que non ten medo.

Na miña opinión, a autora obríganos a tomar un descanso para pensar e reflexionar acerca da situación da muller, que quizais aquí non sexa tan terrible, pero o bo e extraordinario que ten O club da calceta é que representa o universal dendo o particular, pois acolle a seis mulleres de xeracións e posición social diferentes, que poderían perfectamente corresponderse con seis mulleres da vida real de calquera parte do mundo e que, do mesmo xeito que na obra, loitan día a día por conseguiren a vida que realmente merecen, xa sexa na India ou en Sudamérica, pois malia se pense todo o contrario, aínda queda moito por facer”.

María

“A obra gustoume en xeral, mais ao final fíxoseme moi lenta e un pouco aburrida pola longa duración do derradeiro discurso da prostituta. Porén, os outros monólogos parecéronme interesantes e entretidos, sobre toda o da velliña Elvira”.

Pablo Figueiras

“A obra non me gustou moito. Ao principio estivo ben, pero o que non me gustou foi que non houbese un final onde estivesen todas xuntas. Tamén se me fixo bastante longa a parte onde falaba cada unha. Sería mellor que falasen menos por separado e logo, como xa dicen, houbese outra parte onde charlasen todas xuntas. Eu cambiaría o final”.

Ana María Vázquez

“Esta obra de teatro, baseada na novela de María Reimóndez, cóntanos a historia de varias mulleres, da súa vida baixo o xugo dunha sociedade machista, que as controla e que lles tenta impoñer uns límites polo feito de seren mulleres. Unhas, coma Anxos, defenden os seus dereitos e rebélanse contra a oposición da sociedade, e outras, coma Rebeca, aceptan o sino que esta sociedade lles marcou. Pero todas elas atopan unha saída aos seus males na figura da tía Davinia, a tía avoa de Matilde, unha muller doutro tempo que se rebelou contra a sociedade do momento para reclamar xustiza para as mulleres.

A min gustoume moito esta obra de teatro e só lle atopei unha tara: un final aberto que nos deixa sen saber o que aconteceu con estas mulleres e mais coa tía Davinia.

Pareceume unha obra totalmente realista, que nos amosa unhas situacións que, por desgraza, se dan na sociedade actual, a cal aínda conserva bastante o carácter machista de séculos anteriores. A pesar de que aínda queda moito camiño por andar para rematar co machismo, as mulleres fomos conseguindo acadar a liberdade e deshacernos de falsos prexuízos nos que foron educadas as xeracións de mulleres anteriores a nós. A revolución que nada nin ninguén logrará deter nunca.

Moitos dirán que son unha feminista por expresar isto, e non se trabucan o máis mínimo, pois eu defendo a IGUALDADE entre homes e mulleres, e non a superioridade de uns sobre os outros”.

Xoana Soutelo

 

“Pensei que esta obra sería diferente. Gustoume máis do que pensaba.

As protagonistas parecéronme moi reais, moi cercanas. Todos temos unha curmá, que se mata a traballar e non ten tempo para ela, unha veciña que na idade adulta deixou de lado os seus ideais, unha amiga á que o seu mozo a engana e non é valorada no seu traballo por ser muller e, ademais, guapa. E quen paseando pola rúa non viu a unha persoa discapacitada tendo dificultades para levar unha vida normal? A señora que limpa a igrexa da nosa parroquia, a prostituta que saíu no telexornal por ser maltratada…

Quedei con ganas de ver a relación que tiñan entre elas, os consellos que se darían… Porque a obra foi na súa maioría monólogos de cada protagonista. Tamén me pareceu interesante a figura da tía Davinia, aínda que saíu bastante pouco”.

Alba Martínez

 

 

 


“Gustoume moito o comezo en que Matilde canta cun sorriso na boca, contaxioume a súa alegría. É tamén abraiante cando entra a súa tía cantando con esa voz grave e rechamante tan característica da ópera. Cando comeza a contarnos a súa vida, era coma se estivese vivindo eu o relato en primeira persoa. Expresábase tan ben que te metías de cheo na historia.Tras recoller o anuncio do clube da calceta, todos descubrimos o porqué do título.

Fixéronme moita graza os intercambios que fixeron para cambiar dunha historia a outra, sobre todo a vestimenta, que reflicte o modo de ser de cada unha. Respecto á intención da obra, estou de acordo coa visión da autora nalgún aspecto e noutros difiro.

Todos sabemos que a existencia dunha discriminación cara á muller é real, que aínda perdura nestes tempos, por moito que pareza incrible, e malia os moitos ou poucos esforzos que se realizan para minguar esta situación.

Creo que estes problemas non se solucionan con folgas ou quedando calados por medo o que poida ocorrer. Cunha folga unha serie de persoas dan a entender a súa opinión cun intento de cambio das normas, ao seu criterio, para mellor. Acaso debemos pensar que o que di a maioría ten que ser o correcto? Ou somos nós tolos por discrepar? Así é como xorden as diferentas do día a día, así xorden as guerras, así nos países ditatoriais morre xente a diario polo feito de expresárense libremente, así o mundo vira cara a un futuro peor… É por isto existe o machismo hoxe no mundo, polo feito de que os homes non recoñecen que as mulleres poidan ser tan ou máis boas ca eles.

Por poñer un exemplo, Rebeca sentíase acosada polo entrevistador de traballo. Cren vostedes que a solución está na rebelión de todas as mulleres afectadas por este tipo de inxustiza?

Outro exemplo é o párroco de Elvira. El non acepta dende a súa visión machista que o home dunha das súas feligresas fose capaz de pegarlle á muller, no canto de tentar descubrir a verdade.

Na miña opinión, este tema dá moito que falar e recapacitar. E sendo home atrévome a dicirlle aos machistas que poden criticar ás mulleres cando e cantas veces queiran, pero sabendo que sen elas non serían nada".

Carlos Javier López 


Contacontos " A tropa do trapo". Os alumnos opinan

O pasado 10 de Novembro, alumnos de 2º de Bacharelato do instituto asistiron a un contacontos. Aquí tedes algunhas das súas opinións:

"A actividade do contacontos, que tivo lugar o pasado luns, pareceume moi interesante. A primeira parte estivo adicada á narración dunha serie de contos: galegos e africanos, concretamente de Arxelia e de Marrocos. Os contos galegos contóunolos o rapaz, que para min tiña a habilidade de transmitir moi ben o que contaba. Os contos do norte de África eran narrados pola rapaza, que non era galega, e que tiña tamén unha gran facilidade para contar. Os contos estaban acompañados por música, cousa que me gustou moito, porque para min a música é esencial na vida e, neste caso, axudaba moito á hora de situarnos no tempo e nos lugares. A música, ademais, daba intensidade ás accións e converteuse nun elemento de moita importancia na transmisión dos contos.

A segunda parte desta actividade consistía nun obradoiro no cal nos separaron en dous grupos para facer as actividades un pouco máis persoais. O obradoiro estaba composto por varias fases. Nun primeiro momento fixemos un exercicio de expresión corporal, no cal tiñamos que movernos coma se fósemos monicreques, despois expresarnos co corpo en diversas situacións: coma se tiñésemos frío, calor… A derradeira fase do obradoiro foi para min a máis creativa. Sentámonos no chan e fomos pasándonos un nobelo de la. O que lle tocaba o nobelo tiña que continuar o conto. Unha persoa comezaba o conto e posteriormente todos tiñamos que continualo, facendo así a nosa propia aportación.

Foi unha actividade moi creativa que me gustaría repetir".

Enid Lopez

 

 


“Esta actividade foi moi amena e moi interesante. Chamoume a atención que fora bilingüe, xa que esperaba que foran todos contos en galego. As historias estiveron moi ben contadas. A representación foi moi amena, xa que a música axudaba a imaxinar o ambiente, a situación. Uns eran instrumentos antigos e outros modernos.

O que máis me gustou foi o obradoiro. Penso que a actividade en conxunto debería durar máis tempo, especialmente o obradoiro. Pasámolo moi ben facendo de monicreques e logo contando a nosa propia historia, que, sendo moi sincera, carecía de sentido, pero para a ser a primeira vez non estivo tan mal.

Estaría moi ben repetir a experiencia".

Patricia Pérez

 


“A actividade estivo dividida en dous apartados: no primeiro contáronse contos de temática variada mentres que na segunda hora realizouse un obradoiro destinado a comprender as diferenzas entre teatro e contacontos, a mellorar a expresión corporal e exercitar a imaginación inventando un conto entre todos os participantes.

Valoro moi positivamente a actividade. Destaco a derradeira parte na que tiñamos que ir inventando fragmentos dunha historia para que os compañeiros a continuasen. Dábaselles a palabra a través dun fío de la.

Gustoume a cercanía dos contacontos e, por suposto, a súa excelente capacidade para narrar e utilizar instrumentos que axudaron a crear situación, con melodías moi adaptadas á parte do conto nas que se empreñaban.

Foi unha actividade relaxante e moi entretida".

Sonia Quiroga

 

 


“Para min, a actividade de contacontos resultou moi entretida, posto que ademais de escoitar historias, tivemos a oportunidade de participar no obradoiro que se realizou despois. Ao ser un grupo pequeno e coñecido, as actividades permitíronnos coñecer aspectos relacionados cos contacontos dun xeito ameno.

Tivemos a oportunidade de experimentar a importancia dunha mirada, de descubrir as diferentas entre os contacontos e o teatro, de coñecer que non é doado interpretar, de deixar voar a nosa imaginación co xogo do nobelo de la … Gustoume especialmente esta última actividade, xa que ademais de poñer en xogo a nosa creatividade era un “exemplo práctico” de que unha historia pertence a quen a conte e a quen a escoite, que todos rematamos “unidos” por un mesmo conto. Tamén era evidente que, malia as diversas opinións, podemos facer unha historia entre todos, aínda que este melloraría coa práctica. Respecto ás historias do principio, resultou interesante o acompañamento musical, porque axudaba a ambientarse e a deixarse levar polo conto”.

Soraya Mariño

 

 

 

“A actividade do contacontos pareceume espectacular, encantoume. Quizais inflúa que me gusta moito todo o relacionado con escoitar as historias que se conservan en boca doutros, e que nos transmiten a través da súa palabra.

Pareceume moi interesante: estes rapaces demostraron que só coa combinación da música e da súa palabra, podemos gozar de diferentes “obriñas de teatro” na nosa mente, e todo grazas a que provocan gromos de imaginación, elemento que considero esencial nunha persoa.

O obradoiro tamén me pareceu ben, en especial a última actividade na que tiñamos que tecer o noso propio conto e no que cada un de nós aportaba o seu fragmento co tamén propio toque persoal.

En resumo, foron as dúas horas mellor aproveitadas ata o momento no instituto”.

Katia

 

“Pareceume difícil improvisar e dirixirse ao público para captar tan ben a súa atención coma eles o fixeron. Precísase de moita práctica e de moito valor para conseguilo, polo que aínda se aprecia máis o seu labor.

Foi unha experiencia moi positiva, e foi pena non termos máis tempo para a sesión de contos e, sobre todo, para o obradoiro posterior”.

Xoana Soutelo


“O obradoiro foi moi divertido. Ao principio estabamos moi cohibidos. Ao comezar algunhas actividades parecíanos estar facendo o parvo, pero, en realidade, axudáronnos a soltarnos máis. A actividade do conto tamén me pareceu moi interesante, aínda que nos quedou un pouco mal, pois trataba duns insectos que morrían bastantes veces e despois resucitaban. Como foi o primeiro, tiñamos moita soltura pero se nos dese tempo a repetilo fariamolo mellor.

Paréceme que o traballo de contacontos non é fácil, pois hai que ser moi expresivo e transmitir todo o que se conta. Ademais, aínda que me lembro dos contos creo que non sabería contalos todos outra vez, por iso o seu traballo non me parece doado.

Como penso que nos gustou a todos e o pasamos bastante ben nestas actividades, deberían repetirse máis a miúdo”.

Alba Martínez

 


Distribuir contido