Bibliocabe

Mil grúas pola Paz

O 30 de xaneiro,  toda a comunidade educativa do Rio Cabe  quixemos mostrar o noso unánime desexo de Paz. Dende a Biblioteca e o Programa TEI (Titoría entre Iguais), propúxosenos facer mil grúas de origami, xa que, segundo reza unha antiga lenda xaponesa, quen consiga facer mil grúas conseguirá que o seu maior desexo se faga realidade. Pois ben,  coa  axuda de todos, o reto conseguiuse e superouse, xa que se fixeron 1400!!

Moitas grazas a todos os que colaborastes, en especial a Flor e Xurxo,  que traballaron arreo colocando, dirixindo e animando a alumnado e profesorado nunha marabillosa labor conxunta.

Tivemos voluntarios tamén para formar a palabra PAZ no chan. Grazas a todos eles

Queremos agradecer  a colaboración de Alejandro García Rodríguez, de 2º BAC por elaborar un precioso cartel para conmemorar este día.

O noso Samaín

O alumnado de 1º de ESO e o da asignatura de Valores de 2º ESO  participou o pasado mércores 30 de outubro na actividade     “O noso Samaín: Historias á luz do lume” , promovida pola biblioteca do centro eambientada para a ocasión.  A contacontos  Teresa Grau, membro da “Red Internacional de Cuentacuentos” foi a encargada da representación de varias historias que encandilaron  e “aterrorizaron” aos máis pequenos.

"Qué puede contarnos la genética forense: CSI Verdades y mentiras. Charla de Victoria Lareu Huidobro

O xoves 28 contamos no Río Cabe cunha invitada excepcional: a Catedrática de Mediciña legal e Directora do Instituto de Ciencias Forenses da USC Victoria Lareu Huidobro.

Cunha charla titulada: Qué puede contarnos la genética forense: “CSI verdades y mentiras” o interese que despertou o tema provocou numerosas cuestións que ó alumnado se lle ían plantexando ó longo dunha amena e moi didáctica exposición.

Desde a súa experiencia como investigadora punteira no ámbito da xenética forense desgranou casos prácticos cos que se enfrentan diariamente ou cos que colaborou o seu equipo interdisciplinar: a análise do ADN leva, por exemplo, á identificación de vítimas tras catástrofes ou atentados, a probas de verificación para resolver delitos ou crimes, polo que a colaboración da ciencia co axuda de novas tecnoloxías é clave para axudar a resolver moitos casos do ámbito xudicial.

Hoxe tivemos unha clase práctica de xenética que foi de grande interese para todos. A actividade foi organizada dende a Biblioteca do centro co obxecto de homenaxear a mulleres extraordinarias, neste caso do ámbito científico.

"POETÍZATE NO RÍO CABE"

Hoxe a poesía inundou o noso instituto

Para conmemorar o Día Mundial da Poesía, o IES Río Cabe organizou o concurso de recitado que leva por título "Poetízate", facéndolle un guiño á antoloxía poética de Fran Alonso. Durante o recreo alumnado de distintos cursos recitou algúns versos célebres en linguas diversas: castelán, galego, chinés..., sen esquecer textos de elaboración propia.
Neste recital tivo un oco moi especial a poesía composta por autoras, xa que a actividade se enmarca dentro da programación do bloque temático "Palabras de Muller" que se desenvolve durante a segunda avaliación dentro de Donas de Si (Plan Proxecta) e constituíu a primeira fase da V edición do Concurso escolar de recitado poético "Rosalía sempre viva" para o que se clasificaron as seguintes alumnas:
 
Categoría da ESO:
- África Coba Albo (1º ESO B)
- Zeltia Pérez Barrientos (2º ESO B)
 
Categoría de Bacharelato:
- Sandra Rodríguez Macía (1º BAC A)
- Lucía Rodríguez Abellano (1º BAC B)
 
A fase final terá lugar o sábado 6 de abril na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei.
 
De forma paralela, en colaboración coa biblioteca realizouse unha exposición bibliográfica de obras significativas deste xénero.
 
 
 
 
Ademais, o alumnado tivo a ocasión de gozar de anuncios poéticos recortables, onde podían facerse coa referencia bibliográfica da que foron extraídos os textos e, como podedes apreciar nas fotos, tivo moito éxito.
 
 
 Hoxe esa linguaxe universal que é a poesía, máis que nunca, fíxose nosa.

Charla de Carmen García Rodeja e Miguel Bugliot: "Galegos e españois en Mauthausen, unha historia non recoñecida"

Este venres 8 no Salón de actos do centro os alumnos de 1º e 2º de BAC asistiron a unha charla impartida por Carmen García Rodeja (investigadora da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica) e Miguel Bugliot, sobriño do deportado a Mauthausen Manuel Barreiro Bugliot,

O acto enmárcase nas actividades organizadas pola Biblioteca con motivo da Exposición "F. Boix fotógrafo de Mauthausen" (que estará no noso centro ata o venres 15). A charla levou por título: "Galegos e españois en Mauthausen".

Os poñentes acercáronnos ó tema das deportacións de españois a campos de concentración, centráronse na necesidade de recuperar a memoria histórica das persoas que foron represaliadas ou perderon a vida sen que, en moitos casos, os familiares teñan a oportunidade de enterrar dignamente os seus restos e homenaxear o seu recordo.

Miguel Bugliot tamén leu varias emotivas cartas de familares das vítimas que naquel momento dan unha visión moi real da dor que lles tocou vivir, pola guerra,  carencias, medo e o sofremento que provocou a ausencia inxustificada dos seres queridos, por causas de intolerancia e marxinación do que simplemente pensa distinto ou se lle considera inferior por algunha razón.

Esta Asociación traballa de modo altruísta para que as familias podan recuperar os restos dos seus, que ás veces acabaron en fosas comúns ou non están aínda localizados.É importante non esquecer episodios cercanos do noso pasado que moitas veces están silenciados no inxusto olvido.

Rapaces e profesores plantexaron moitas cuestións e reflexións tras unha interesada e atenta escoita de todo o público presente. 

EXPOSICIÓN SOBRE F. BOIX, FOTÓGRAFO DE MAUTHAUSEN

Desde o mércores 6 ata o venres 15 está na entrada do centro unha interesantísima Exposición, organizada pola Biblioteca, que trata sobre a figura de Boix, fotógrafo de Mauthausen, que documentou coa súa testemuña gráfica o sucedido nos campos de concentración nazis, o exterminio masivo, o traballo forzado...por medio de fotografías que sacaron á luz os horrores do campo de concentración de Mauthausen.

Todos os alumnos do IES Río Cabe están tendo a oportunidade estes días (acompañados por varios profesores que presentan a exposición) de facer un percorrido, a través dos paneis, por unha parte da historia que non convén esquecer: o horror dos campos de exterminio e a recuperación da memoria de miles de exiliados españoles e galegos que foron deportados entre 1939 e 1945.

O venres 8 Carmen García Rodeja, investigadora para a recuperación da Memoria histórica, e Miguel Bugliot (sobriño dun deportado a Mauthausen -Manuel Barreiro Bugliot) darán unha charla, ás 13:15, no salón de actos do centro. A Conferencia leva por título: "Galegos e españois en Mauthausen, unha historia non recoñecida".

Invitamos a visitar a exposición a todo o público en xeral.

Os alumnos do Ciclo de Turismo farán o luns unha visita guiada ás 18:00 para o alumnado de Bacharelato de Adultos e ciclo de fútbol. Unha segunda visita (para a ESA) será ás 18:40.

BO NADAL.

A anterior é a felicitación de Nadal coa que, desde  a Comunidade educativa, felicitamos o Nadal e  Aninovo.

Foi a postal gañadora do concurso convocado dende o Departamento de Plástica e a Biblioteca do centro. O deseño, sobre o logo do Río Cabe,  realizouno a alumna de 4ºC Nina González López. 

E na entrada do centro impresiona esta proposta da Biblioteca na que colaboraron alumnos, profesores e pais... ó decorar a man 262 CD´s  cunha mensaxe que configura unha grande árbore de bos desexos. 

Bo Nadal e Feliz Aninovo.

Viaxe coa alpinista Chus Lago na charla "Sobre huellas de gigantes"

 

O profesorado do centro e alumnado de 4º de ESO e 1ºBAC presenciou este venres, nun Salón de actos abarrotado, o relato apaixoante que nos regalou a alpinista Chus Lago. Cun silencio sobrecolledor cando se trata de adolescentes, escoitamos asombrados un relato de viaxes impresionantes que ía acompañado de música de fondo e imaxes moi ilustrativas das aventuras vividas por esta exploradora. Coas palabras engaiolantes de Chus viaxamos á Antartida, chegamos  á cima do Everest, paseamos por Laponia, imaxinamos desertos polares...pasamos verdadeiro frío, aprendemos o valor dos retos e tamén puidemos reflexionar sobre a posibilidade de cumplir soños imposibles e o significado da soidade e dos silencios en circunstancias extremas.

Todos quedamos impactados coa valentía desta muller pioneira, que nos anunciou con paixón o seu próximo reto, no que estárá acompañada por outras dúas mulleres coas que percorrerá Siberia.

En Bibliocabe podedes ler máis sobre o tema posto que co "lema Viaxeiras, intrépidas, exploradoras, aventureiras, ...: Mulleres!!", celebrarase o Día da Muller na Biblioteca durante todo o curso, motivo polo que tamén se colaborou coa presenza desta grande pioneira.. 

Agardamos escoitar  de novo a Chus Lago transmitindo tanto entusiasmo. 

Os alumnos de 4º ESO participaron na actividade do Concello "En negro contra a violencia" . No centro: "Nos teus zapatos nos seus zapatos" foi a proposta da Biblioteca

Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, o Concello de Monforte convocou a actividade: “Monforte en negro”, na que se propón vestir de loito en todo o Concello en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia. 

No marco desa proposta, hoxe, venres 23 de novembro, no Parque dos Condes ás 12:00 convocouse a alumnado de 6º de primaria e 4º de ESO de distintos centros para participar nun acto no que se leu un manifesto e, a continuación, propúxose a formación dunha cadea humana que bordeou o río Cabe de modo simbólico. Proporcionouse material para que todo o alumnado fose vestido de negro en sinal de loito.

Os nosos estudantes de 4º ESO participaron masivamente no acto, que non puido ser levado a cabo na súa totalidade por problemas climatolóxicos. Na seguinte imaxe recollemos algúns momentos da xornada:


E, no centro, co lema "Nos teus zapatos, nos seus zapatos" houbo unha orixinal e impactante chamada de atención preparada pola encargada da  Biblioteca , Flor, e polo profesor do equipo da Biblioteca e de Plástica, Bernardino, cos que colaboraron os alumnos. Poden verse os detalles na páxina de Bibliocabe.

Cando se cruza a porta do IES Río Cabe, ninguén queda indiferente.

 

""VIAXE A MÉXICO" na Biblioteca. Guías: alumnos do Ciclo Superior de Turismo.

O pasado luns, os alumnos de 1BAC "viaxaron" a México na nosa Biblioteca.

 

 

 

 

 

No Ciclo Superior de Turismo do centro quixeron colaborar activamente coas actividades deseñadas dende a Biblioteca (poden verse en Bibliocabe) e convertíronse, cunha magnífica caracterización e presentación, en guías que fixeron rir e disfrutar da experiencia a uns alumnos que se implicaron na actividade e saíron encantados da viaxe...

 

Selene, Rocío, Xoán, Sandra, Iria, Ramón e a profesora Sol foron os que prepararon esta fantástica viaxe.

 

Distribuir contido