Curso 2018/19
Recoñecemento académico
Recoñecemento académico
Catro alumnos do IES Río Cabe de Monforte de Lemos, Sofía Fouces, Alex Parada, Gloria Pérez e María Rodríguez, acompañados polas súas familias e polo director do centro, Carlos Parada González, recibiron o xoves día 4, en Santiago, o diploma acreditativo que a Universidade de Santiago de Compostela outorga aos estudantes de bacharelato de Galicia que acaden a puntuación de sobresaínte como nota de acceso á Universidade.
O acto, que tivo lugar no Pazo de Congresos e forma parte do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, estivo presidido pola reitor da mesma.
Nos distintos discursos púxose en valor o traballo e o esforzo diario do alumnado para acadar os seus obxectivos, o cal coincide plenamente coa filosofía educativa do noso centro.
Noraboa a todo o alumnado e comunidade educativa.
O alumnado de 1º BAC disfruta dun premio en Galipark
O mércores 26 o alumnado de 1º BAC viaxou a Padrón; visitou a casa de Rosalía de Castro e a continuación disfrutou dunha xornada moi completa en Galipark con propostas tan diversas como tirolina, tiro ó arco, pista de xeo, actividades acuáticas...
A viaxe foi o premio que acadaron polo traballo realizado por un compañeiro, Alejandro García, que resultou gañador dun concurso de carteis do día da muller.
Excursión a Roma do alumnado de 4º ESO
O martes 18 o alumnado de 4º ESO iniciou a súa viaxe de fin de curso a Roma. Na foto anterior vémolos coas familias antes de coller o bus que os trasladou a Santiago.
Hoxe, mércores 19, comezarán o percorrido cunha visita panorámica por toda a cidade, da que nos irán informando as profesoras Bea e Tania.
Podedes ver algunhas imaxes:
Esta é a crónica que Bea e Tania veñen de enviarnos:
O primeiro día na cidade de Roma foi intenso e variado.
Coas musas de Dona Emilia
O pasado venres 14 de xuño, alumnado e profesorado de nocturno do IES Río Cabe, desprazáronse ó concello de Lalín para aproximarse á figura de Emilia Pardo Bazán.
A actividade incluíu a visita á Fraga de Catasós e ó Pazo de Quiroga, no lugar de Quintela, onde a escritora pasou longas tempadas ó ser ambos propiedade da familia do seu home, José Quiroga Pérez de Deza. No paseo pola fraga, declarada Monumento Natural, puideron contemplar carballos centenarios e os castiñeiros coa maior taxa de crecemento de Europa, que alcanzan máis de 30 metros de altura e 5 de diámetro.
Remataron a excursión no Pazo de Liñares (parroquia de Prado), chamado pola Condesa de Pardo Bazán “El Palacio del Recuerdo”. Percorreron as instalacións deste singular edificio guiados por persoal de turismo do Concello de Lalín.
A excursión foi organizada por unha alumna do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas. e incluíu citas dalgún dos libros de Dona Emilia que ben puideron estar inspirados nestes lugares.
Queremos felicitar a dita alumna, Iria García, polo ameno da visita e a súa profesionalidade.
Graduación do alumnado de 4ºESO
O pasado venres 14 foi a Graduación do alumnado de 4ºESO. Con este simbólico acto despedimos o fin dunha etapa de ensino obrigatorio despois do que se poden escoller alternativas distintas.
Velaquí unha pequena mostra do que aconteceu ese día. Posteriormente iremos engadindo fotos á galería.
Festival musical
O venres 7 celebrouse no Salón de actos o tradicional festival musical de fin de curso, organizado pola profesora de música Eva Dios, no que participaron 2º, 3º, 4º ESO e 1º BAC. Foros 2 horas de música en directo nas que tamén tocou o grupo "Os caralludos do Cabe", formado por varios profesores e alumnos.
Grazas a todos pola vosa participación.
Andaina ó Caurel do alumnado de 1ºESO
O pasado luns o alumnado de 1ºESO fixo durante toda a xornada unha ruta de senderismo polo Caurel. O percorrido foi pola ruta Uxío Novoneyra
A actividade foi organizada polo departamento de Educación física.
Diplomas, premios varios... para celebrar o Día das Letras
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o martes 21 procedeuse á entrega dalgúns dos diferentes premios que se foron organizando ó longo do curso: Oratoria, disfraces de Entroido, diversos concursos convocados dende a Biblioteca e entrega de Diplomas ó esforzo académico. No evento estiveron presentes alumnado, profesorado, outros membros da comunidade educativa e familias.
Deixámosvos algúns dos momentos deste acto, que tamén poderedes ver próximamente na Galería de imaxes:
"Enfrontamentos coas tropas napoleónicas" e historia da nosa cidade
Nesta mañá de luns o alumnado de 1º BAC puido visualizar dende outra perspectiva algunhas zoas algo descoñecidas da nosa cidade.
Da man de Felipe Aira Pardo soubemos de múltiples detalles da historia monfortina: "1809: os franceses en Monforte" ten como obxectivo recordar os 3 asaltos sufridos na cidade por parte das tropas francesas. Con ese fío condutor, o noso guía foi desgranando episodios deses feitos históricos bastante descoñecidos para a poboación en xeral.
Tamén se fixo un percorrido polos lugares emblemáticos da zoa vella: rúas que coñeceron un esplendor hoxe perdido totalmente, restos da longa muralla derruídos... e todo salpicado con lendas, datos e detalles do noso pasado dignos de coñecer por un alumnado que viu hoxe Monforte dende outro punto de mira .
Ciclo Técnico deportivo en Fútbol na Mostra FP Lemos
Dentro da Mostra de FP, á que nos referimos noutra entrada, estaba o Ciclo de Técnico deportivo en Fútbol Nivel I, titulación necesaria para desenvolver a función de adestrador dun dos deportes con maior número de practicantes do país: O fútbol.
Os alumnos do centro foron encargados de orientar, explicar e divulgar en que consiste este ciclo, así como as saídas profesionais desta formación, ademais de levar a cabo varias actividades demostrando as habilidades, destrezas e coñecementos adquiridos durante o proceso formativo. Neste sentido realizaron pequenos retos de habilidades e destrezas co balón de fútbol, así como circuítos de condución e situacións de 1x1. En todas estas actividades os alumnos do ciclo ían dando pautas aos participantes da mostra de como mellorar a súa eficacia na realización das actividades.
A nivel xeral a experiencia é moi construtiva, xa que permite visualizar un dos ciclos formativos menos coñecidos da contorna, ademais de que só existen 3 centros públicos en Galicia que ofertan este tipo de formación.