Concerto de Germán Díaz para os alumnos de 3º ciclo de primaria

Este venres, día 7, os/as alumnos/as de terceiro ciclo de primaria voltamos do entroido con moi boas vibracións.

Poderemos gozar dun concerto moi interesante de Germán Díaz, un dos máis prestixiosos zanfonistas que existen na actualidade. Germán é un xove músico revolucionario que dota todas as súas creacións dunha incrible orixinalidade, sensibilidade e universalidade. Tamén se trata dun artista multidisciplinar, que crea o seu propio universo seguindo camiños intransitados e que moitas veces van moito mais alá do musical. O seu estilo musical é inclasificable e totalmente ecléctico: dende a música de raíz, pasando polo jazz, a música experimental etc.  Todos estes elementos fan da experiencia de escoitar e ver a Germán no escenario un momento irrepetible, como irrepetible é o artista.

Nesta ocasión poderemos escoitar unha das súas últimas creacións: O método cardiofónico.  A continuación deixámosvos un video para abrirdes o apetito e saberdes un pouquiño máis do que imos escoitar.

 

Novas Radiomiñocanas

Atención!

Xa estamos de novo con vós e co 3º programa de Radiomiñoca. Non deixedes de escoitar os novos contidos que vos temos preparados para esta ocasión.

Accedede ao noso blog e escoitade o último podcast.

E ti, aínda non nos escoitas?

Pois xa o sabes: Se deveces por converterte nun anélido intraterrestre de primeira, radiomiñoca é a túa canle de conexión.

Viaxes a Madrid e Londres

Xa sabemos o número premiado no sorteo de San Valentín, organizado polo alumnado de ESO para recadar fondos para as viaxes a Madrid e a Londres que están organizando.

9339

O premio é unha noite nun spa, para dúas persoas.

A nosa felicitación para os afortunados!

Facendo queixo

O alumnado do 1º Ciclo de E.P. elaborou un queixo fresco coa axuda de Carmen, a nai do noso compañeiro Héctor.

Tomade boa nota de como o podedes facer nas vosas casas!

Ingredientes:

-5 litros de leite

-2 culleriñas de calleiro (fermento natural que podedes encontrar na farmacia)

-Unhas areas de sal

Preparación:

-Collemos o leite, a ser posible que sexa de vaca acabada de muxir.

-Botámoslle as areas de sal e o fermento natural.

-Nun par de horas, se xa está o leite callado, revolvemos ata que quede esmiuzado. Logo, imos sacando o soro.

-Botamos nun escorrdoiro e, ao cabo dunha hora, dámoslle a volta. Aínda vai seguir saíndo soro.

-Deixamos na neveira e... ao día seguinte xa o podemos zampar!

        

Segunda entrega de Radio Miñoca!

Xa podedes escoitar unha nova entrega de Radiomiñoca na nosa web. Temos unha nova e intensa entrevista que tocará na vosa fibra sensible, unha mesa redonda na que puxemos moito amor, novas e sorprendentes seccións -ademais das xa coñecidas-... que completarán un programa só apto para animais do subsolo.

A comunidade miñocá non deixa de medrar e cada día somos máis.

E ti? Aínda non formas parte dela? 


(Imaxe tomada durante a gravación do programa)

30/01/2014. Día da Paz

 


Celebramos o Día da Paz. Lemos un manifesto, cantamos unha canción, fixemos unha "latucada", construímos un arco da vella e unha pomba... Todo pola Paz!

 

 


Nace Radio Miñoca

Por fin Radio Miñoca sae á luz despois dunha longa espera. Son moitos os que estaban agardando este momento. A gran expectación que se creou en torno a esta nova andaina será satisfeita nesta primeira entrega que comeza xa pisando forte.

Quéreste facer radiomiñocano-a? Pon a orella e escoita este programa inaugural con seccións de entretemento, música a esgalla, múltiples invitados e unha entrevista de alcance ao noso alcalde.

Accede á nosa web, coñécenos, escóitanos e afíliate á nova comunidade de radiomiñocanos que emerxe con forza dende a beira da marisma.

Rastrillo solidario

En Nadal o alumnado de 4º A ESO montou un rastrillo solidario no cole. A recadación é para axudar as familias necesitadas da nosa vila.
Grazas a todos-as os que axudastes mercando e colaborando!


Distribuir contido