Skip to Content

O CPI de Vedra e Vedra medra con Antonio Fraguas. LETRAS GALEGAS 2019

 

Alguén definiu con moi bo tino a don Antonio Fraguas Fraguas, autor elixido este ano para celebrar o Día das Letras Galegas, como "un notario da realidade, un coñecedor do seu pobo e un investigador incansable” (Antonio Fraguas, mestre da memoria Editorial Galaxia).

Se algún elemento define a cultura tradicional da comarca da Ulla é a celebración do Entroido dos xenerais.

Vedra medra quixo profundar neste ámbito e veu raballando ao longo deste curso cun obxectivo: reafirmar a tradición ullá promovendo actividades dentro e fóra das aulas. As actuacións que levamos a cabo foron diversas (obradoiros, exposicións e desfile) e convertéronse en mostras dun empoderamento simbólico tan necesario como urxente neste rural galego do século XXI.

O Entroido foi tamén un tema recorrente nas investigacións que A. Fraguas levou a cabo. Sabémolo tras rastrexar as súas publicacións desde o ano 1930 en que comezara coa análise do Entroido do sur de Cotobade ata 1994 en que O Museo do Pobo Galego sacara á luz o seu volume Do Entroido.

Antonio Fraguas coma outros escritores galegos achegáronse ao Entroido do Ulla nas súas investigacións e obras. Entre eles, destacamos canda o autor de Cotobade, o grande Xosé Neira Vilas, Xosé M.ª Castroviejo ou o mesmo Álvaro Cunqueiro.

O vídeo que lles amosamos é un resumo de todo o feito no CPI de Vedra arredor do Entroido tradicional ullán; concibímolo a xeito de homenaxe a don Antonio Fraguas quen nos serviu de guía e inspiración para deseñar esta liña de traballo e continuar aprendendo sobre Vedra a partir dun festexo popular propio.

Xulia Marqués

Coordinadora de Vedra medra

 



story | by Dr. Radut