Skip to Content

Bioloxía e Xeoloxía

Departamento de Bioloxía e Xeoloxía

CAMIÑADA ORNITOLÓXICA

Compartimos con vós as fotografías da saída ornitolóxica para o avistamento de aves no Esteiro do Miño celebrada o pasado mes de febreiro. Nesta actividade participou alumnado de 1º de Bacharelato e foi organizada polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, Voz Natura e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. A nosa guía foi Lorena Franco Díaz de BIOPHILIA Axencia de Educación Ambiental (@biophilia_edamd).

II CONCURSO DE MERENDA SAUDABLE

O pasado 2 de marzo tivo lugar a segunda edición do concurso Merendas Saudables, organizado polo Grupo Innova Saúde en colaboración con Voz Natura, e que ten como obxectivo que o alumnado elabore merendas respectuosas coa saúde e co medio ambiente. O xurado determinou que a gañadora nesta edición fose a alumna de 1º ESO C Noa Paredes. Todas as merendas, porén, foron un exemplo de creatividade, polo que o resultado final estivo moi rifado. Parabéns ao alumnado participante e á vencedora!

ALUMNADO DE 1º DE ESO PERCORRE A CONTORNA

O pasado xoves 23 de febreiro o alumnado de 1º da ESO saíu a coñecer a súa vila e a súa contorna. Fixo paradas en edificios que contan a historia máis recente, coma o cemiterio da Guarda ou o Colexio dos Xesuítas e outras que lembran a nosa historia máis antiga coma as salinas romanas. Non faltou a camiñada polo senda litoral para coñecer a fauna e a flora que nos rodea. Finalizouse a visita cun xogo de pistas no Porto da Guarda no que o noso alumnado puxo en práctica todos os seus coñecementos sobre a vila.

VISITA AO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO DE COTOBADE

O pasado venres 3 de febreiro o alumnado de 4º da ESO visitou o observatorio astronómico de Cotobade. Guiados polos membros da Asociación Astronómica Sirio, puideron admirar espectaculares imaxes da Lúa como nunca antes a viran. Tamén descubriron a Venus, Marte e Xúpiter en todo o seu esplendor. Aprenderon a distinguir algunhas das constelacións que adornan o ceo nocturno e a orientarse segundo a posición da Estrela Polar. Grazas á pericia dos guías e aos medios técnicos empregados (punteiros láser sinalando as estrelas, prismáticos e telescopios de excelente calidade, cúpula orientable...) era moi fácil localizar os obxectos máis interesantes e entender as explicacións. Foi emocionante ver as famosas estrelas expostas na Rede no seu lugar no ceo, tan preto de nós...as xigantes Aldevarán e Pollux; a impresionante xigante vermella Betelgeuse, de cor alaranxada; e a tamén xigante Rigel, pero azul neste caso. O observatorio astronómico construíuse grazas a unha subvención da Xunta de Galicia e mantense polas aportacións dos visitantes que, coma nós, reservan cita para asistir a este impresionante espectáculo. Mil grazas aos membros de Sirio pola súa dedicación.

Distribuir contido


by Dr. Radut