A importancia da comunicación cos fillos e fillas

Nais e pais do alumnado de 3º ESO participan nas charlas impartidas polo Concello dentro do Programa "Máis que un teito" sobre a importancia do diálogo e a comunicación cos fillos e fillas e as estratexias máis axeitadas nestas idades. 

As veces non é sinxelo que os fillos e as fillas comuniquen as súas inquedanzas no eido familiar, e é moi importante favorecer o diálogo e a comunicación, que se sintan seguros e apoiados. 

Álbum: Curso 2023/2024 -> A comunicación cos fillos e fillas

Primeiros resultados de Polos Creativos

A maquinaria de Polos Creativos está en marcha. O alumnado está pasando pola aula para descubrir como funcionan os aparellos que temos. Aquí vai unha mostra dos resultados que obtiveron. 

Co gallo do 8m, elaboraron chaveiros feministas coa máquina de impresión 3D. Coa cortadora láser fixeron uns recortes de madeira cun QR inserido para achegar información. 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Produtos de Polos Creativos

Conferencia do Programa Cívico-tributario

O alumnado de Economía de 4º da ESO e 1º de BACH asistiu a unha conferencia, encadrada no Programa Cívico-tributario que realiza a Axencia Tributaria, onde se intenta concienciar o alumnado da importancia da tributación e a responsabilidade que teñen os cidadáns para contribuír e desfrutar dos bens públicos. 

Además, houbo tempo para todo. Mediante xogos e exemplos de maneira moi didáctica aprenderon canto paga un cidadán medio e a onde van os nosos impostos, sen esquecer de analizar a fraude fiscal. 

Gañadores do concurso de haikus ilustrados sobre a primavera

Temos gañadores do concurso literario de Haikus ilustrados sobre a primavera.
Foron moitas as composicións recibidas e todas elas de gran calidade. O xurado non tivo unha escolla doada. Con todo, o seu fallo foi o seguinte:

CATEGORÍA 1º, 2º e 3º da ESO: Iago Lema García (3º ESO B)

CATEGORÍA 4º ESO, 1º e 2º de BACH: Mencía Jorge Cabaleiro (2º BACH E)

Moitos parabéns! E que viva a poesía!

Álbum: Curso 2023/2024 -> Concurso de haikus ilustrados sobre a primavera

21 de marzo. Día da poesía

O 21 de marzo festéxase o Día da poesía. No IES Castelao non deixamos pasar a oportunidade para achegármonos a este xénero. Dende a Biblioteca Ramiro Fonte, en colaboración co departamento de Educación Plástica, decidimos liberar poemas para que voen entre o noso alumnado. 

No recibidor, unha gaiola agardaba ser aberta para ceibar versos para, deseguido, ser recitados. En ambos os dous recreos tanto o profesorado coma o alumnado achegouse ata o micrófono para dar voz a composicións de grandes poetas da nosa terra. 

Ademais, gran parte do alumnado decidiu participar no concurso de Haikus. Están todos expostos para darlle a benvida á primavera e que toda a comunidade educativa os poida ler. Temos moitos poetas no centro!

Álbum: Curso 2023/2024 -> 21 de marzo. Día da poesía

Excursión á neve - San Isidro - 1º Bacharelato

Do 4 ao 8 de marzo, o alumnado de 1º de Bacharelato desfrutou duns días na neve, en San Isidro. O tempo acompañounos e puideron esquiar os cinco días. Acompañados das profesoras de Alejandra e Sandra, viviron unha experiencia que non esquecerán endexamais. 

 

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Excursión á neve - San Isidro 1º BACH

Concerto da Real Filharmónica de Galicia

Desfrutando da música clásica en directo! Alumnado de 3°, 4° e 1° de bacharelato asistiron ao concerto da Real Fillharmonía de Galicia o 7 de marzo ás 20:00 no Teatro A fundación. Unha experiencia para repetir!

Álbum: Curso 2023/2024 -> Concerto da Real Filharmónica de Galicia

Formación Polos Creativos: docencia en máquinas

O profesorado do IES Castelao xa está inmerso nas formacións de Polos Creativos. Neste mes de abril celebrouse a sesión de docencia de máquinas. Sergio Mejuto achegouse ata as nosas instalacións para instruírnos no manexo da cortadora láser e da impresora 3D. 

 

Parlamento Xove 2024

Parlamento Xove é un programa da Xunta de Galicia baseado nunha formación e competición na que os diversos equipos inscritos investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización, tanto ‘a favor’ como ‘en contra’.

Nesta edición o IES Castelao participou na categoría de Bacharelato. Alejandro, Sergio, Roi e Xoel constituíron o grupo para debater arredor da pregunta formulada: Os Estados deben tomar medidas para limitar o desenvolvemento da intelixencia artificial?

Álbum: Curso 2023/2024 -> Parlamento Xove

Club de lectura: comentamos a obra Teño 14 anos e non é unha boa nova

O club de lectura A pé de obra reuniuse para debater arredor do libro ‘Teño 14 anos e non é unha boa nova, de Jo Witek e tradución de Antía Veres .

Onde sucede a historia? Podería acontencer no noso país algo así? Está baseada en feitos reais? Foron algunhas das preguntas que intentaron responder. Tamén compartiron as sensacións experimentadas durante a lectura: anguria, emoción, ansiedade, pranto, felicidade… Todas as persoas coincidiron en que a medida que afondaban na historia de Efi máis empatizaban con ela, até o punto de sentila moi próxima.

Esta novela serve para non apagar o debate sobre os matrimonios concertados e na falla de liberdade das mulleres. Sen dúbida, un libro esperanzador.

 

Distribuir contido