Actividades e Concursos

Encontro literario con Bernardo Atxaga

O vindeiro martes 5 de decembro contaremos coa visita de toda unha celebridade da literatura: Bernardo Atxaga.

   

Emoción - ARTE

Seguimos avanzando no noso proxecto interdisciplinar a partir da arte coordinado dende a Biblioteca Ramiro Fonte. Neste caso a vertente EMOCIÓN - ARTE,  

O alumnado cuestionouse: que sinto? como me atopo? que quero expresar? 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Emoción-ARTE: A arte da paz

A biblioteca quere saud-arte

          Tal como explicamos no claustro de principio de curso, a biblioteca propón, para a mellora da competencia de comprensión e expresión lectora do noso alumnado o desenvolvemento dun proxecto baseado na observación e reflexión sobre obras de arte (Escribir con arte)e a súa plasmación despois por escrito, sexa en traballos de investigación, creación, recreación, interpretación... Para iso propoñemos de entrada a contemplación desas láminas que desde hoxe están expostas no vestíbulo do instituto que poden servir para este propósito.

Coñece a túa biblioteca

   

 

 

Como cada novo curso, recibimos desde o xoves 21 de setembro ao alumnado novo no centro, isto é, os primeiros de ESO e tamén os primeiros de Bacharelato, porque nestes últimos son minoría os rapaces do propio instituto e maioría os que veñen de fóra.

Día Europeo das Linguas - Día da Tradución

          

Hoxe venres 29 de setembro quixemos festexar a diversidade lingüística aproveitando dúas efemérides:

O martes desta semana, o día 26 de setembro, celebrouse o Día Europeo das Linguas. Moitas delas sonnos coñecidas porque son as nosas propias; outras estudámolas, outras escoitámolas con frecuencia e outras se cadra non tanto.

A diversidade lingüística é un riquísimo patrimonio que temos que coñecer e debemos contribuír a conservar e transmitir. 

A outra efeméride: mañá día 30 de setembro celébrase o Día Internacional da Tradución, recordando a San Xerome, tradutor da Biblia ao latín, no século V.

Nesta data, 30 de setembro, preténdese salientar a importancia do labor profesional dos tradutores como facilitadores da comunicación entre os pobos.

Un grupo de membros da comunidade do IES Castelao deron lectura a un texto en distintas linguas. O texto é unha das cantigas de Martin Codax.

Martín Codax foi un trobador do século XIII, seguramente orixinario de Vigo, porque fai moitas referencias ao mar de Vigo nos seus poemas.

O texto lido foi a cantiga número sete de Martín Codax, en doce linguas diferentes:

Alexandre Faria, de 2º Bac E, no galego-portugués orixinal

Javier Lamas e Darlington Osayuki, de 1º ESO-A, en inglés

Ainhoa Rodríguez, profesora de LCL, en italiano

Isaac Elcorobarrutia, de 2º ESO-C, en éuscaro

Sara Sounni, de 4º C,  en árabe

Iván Hernández, de 4º C, en catalán

Nerea Tudose, de 1º ESO-C, en romanés

Fatoumata Djitte, de 1º Bac-E, en ruso

Mencía Jorge, de 2º Bac-E, en latín

Aitana Avendaño, de 1º Bac-E, en xaponés

Alejandro Alonso, de 2º Bac-E, en grego

Gloria Quicler, profesora de LCL, en serbocroata.

A lectura fíxose desde o vestíbulo e transmitiuse polos novos altofalantes; parte do alumnado asistiu desde os corredores que dan abaixo e o resto desde as aulas.

Foron uns minutos de comuñón na diversidade, abofé!

  

 

...

Escritora novel no instituto

          O pasado mércores 31 de maio na biblioteca o grupo de 1º de ESO-C tivo ocasión de coñecer en persoa a María Corredera Pardo, alumna de 2º ESO A, que vén de publicar na editorial Letra Minúscula a súa primeira obra, La maravillosa isla de Zafira, unha noveliña de fantasía na que presenta un marabilloso mundo poboado por catro reinos (ninfas, fadas, gnomos e trolls) que se ve atacado polos bárbaros. Incorpora tamén elementos propios da literatura tradicional como é a narración oral ou a figura da avoa, que non podía faltar. Todo ilustrado pola propia autora!

          Fermosas descricións, sorprendentes neoloxismos... para presentarnos este mundo creado por María para entretemento duns lectores que agardamos xa pola súa seguinte historia.

          O alumnado que asistiu á presentación coñeceu de primeira man o proceso de creación, durante os paseos pola aldea na pandemia, as súas preferencias, o proceso de publicación, as dificultades ás que se enfrontou... formulándolle cantas preguntas se lles ocorreron.

          Desexamos e augurámoslle  a María un futuro prometedor e moi gratificante facendo o que tanto lle gusta!

          Parabéns!!

Enigmas resoltos!

          Unha trintena de rapaces, tanto de diúrno coma de adultos, interesáronse na resolución dos enigmas que formulamos desde a biblioteca ao longo dos meses de abril e maio arredor de cuestións de libros e autoras: Días de Libros, polo Día do Libro Infantil e Xuvenil e mais polo Día do Libro, e Non pases palabra!, co gallo do Día das Letras Galegas.

          Nun sorteo entre os acertantes, resultaron acredores a cadanseu vale de 25€ para... libros (como non!) as seguintes persoas:

 

  • Adrián Ballesteros González, de 1º ESO C
  • Mencía Jorge Cabaleiro, de 1º BAC E
  • Jorge Sueiro Lago, de IV ESA

A Biblioteca coas Letras Galegas

          Como cada 17 de Maio, procuramos facer ambiente de festa para o día grande das Letras. Tanto no interior da biblioteca coma na entrada desta e igualmente no vestíbulo do centro podemos ver libros, imaxes e rótulos que fan referencia a esta celebración, que cumpre neste ano xa sesenta, pois deu comezo en 1963, ano do centenario de Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

          Carteis dos que anunciaban as primeiras celebracións ata as máis recentes, breves explicacións dos homenaxeados de cada ano ata o 2022 -de Rosalía a Delgado Gurriarán-, a bibliografía de e sobre Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas nesta ocasión...

          Participade nesta festa das nosas Letras da maneira que sexa: mirando, coñecendo, contando, escribindo, lendo...

Álbum: Curso 2022/2023 -> A Biblioteca coas letras galegas

Concurso Ilustrando a Castelao

          Despois da votación levada a cabo á vista dos traballos expostos, o xurado decidiu emitir o seguinte ditame:

. Na categoría de 1º e 2º ESO o traballo premiado foi o de SIMÓN PÉREZ SOTO, de 2º ESO-C

  Obtivo un accésit AURORA GASPAR IGLESIAS, de 1º ESO-C.

. Na categoría de 4º ESO recibiu o premio o traballo de ANTÍA ÁLVAREZ PILLADO

  Foi acredor a un accésit o de BREIXO MERINO GÓMEZ.

          Moitos parabéns !!

Fai voar a POESÍA

     Con este título desenvolvemos o 21 de marzo, DÍA DA POESÍA, unha actividade que consistiu niso, nin máis nin menos.

     Á volta do recreo lanzamos avións de papel con poemas impresos neles desde o primeiro andar, dirixidos ao alumnado que regresaba ás clases.

     Con sorpresa, recibíronos, recolléronos, léronos... Foi outra maneira de facer chegar a poesía nese Día: voando.

     Podedes ver un pequeno vídeo do "lanzamento":

Distribuir contido