Actividades e Concursos

Sorteo entre os lectores do 1º trimestre

 

           No sorteo celebrado o mércores 19 de xaneiro entre os lectores da biblioteca do primeiro trimestre deste curso, resultou afortunada co vale de 25€ para libros a alumna de 1º ESO D Iris Santana Cacabelos.

           Parabéns e a seguir lendo e devolvendo os libros en prazo!

 

Lecturas de Nadal

      Volvemos despedir o ano, como faciamos antes de empezar a pandemia, con Lecturas de Nadal na Biblioteca, segundo o calendario que se inclúe arriba.

     Para ambientarnos, penduramos do teito da nosa biblioteca libros relacionados dalgunha maneira con este tempo, coma se fosen folerpas literarias: así de suxestivamente as denominou unha das asistentes de 1º da ESO.

    Desexamos que todas as persoas relacionadas co Instituto pasen unhas BOAS FESTAS!

Teteiras na biblioteca

     Desde o curso 2019-2020 grazas á iniciativa do departamento de Educación Plástica e Visual temos ocasión de contemplar exposicións de debuxos do alumnado nas mesas da biblioteca.

     Neste momento pódese ver unha dedicada a TETEIRAS, do alumnado de 2º de bacharelato.

     Quen a queira ver, que vaia axiña porque logo vén a seguinte, xa chama á porta...

Álbum: Curso 2021/2022 -> Teteiras na biblioteca

Primeira sesión do Club de Lectura (alumnado) e a Biblioteca co 25N

O equipo da biblioteca "Ramiro Fonte" do IES Castelao botou a andar o Club de Lectura para o alumnado na súa primeira sesión na que, alén das presentacións e unha explicación sobre as actividades e os obxectivos a desenvolver ao longo deste curso, charlamos sobre Xela Arias, ex-alumna do centro e protagonista do Día das Letras Galegas 2021,  e  centrámonos no seu libro Non te amola! Ao final lemos, conxuntamente, un relato incluído nel sobre as perspectivas de futuro da protagonista.

Ao mesmo tempo o equipo da biblioteca expuxo esta semana no corredor da biblioteca unha escolma de libros para reivindicar a relevancia do 25N.

Álbum: Curso 2021/2022 -> Primeira sesión do club de lectura

Club de Lectura IES Castelao

Texto: Club de Lectura IES Castelao

Bota a andar o Club de Lectura IES Castelao aberto ao persoal docente, persoal non docente, pais e nais do alumnado e alumnado que xa deixou o centro.

O primeiro libro escollido é a novela As malas mulleres, Premio Blanco-Amor de Novela, de Marilar Aleixandre, ex-directora do centro, que terá un encontro cos integrantes do Club para falar do libro o día 14 de febreiro de 2022, ás sete e media do serán, no Paraninfo Xela Arias (antigo Salón de Actos).
 Portada do libro, logo da librería e imaxe da autora
Antes, o 31 de xaneiro, á mesma hora, teremos unha reunión preparatoria para manter un coloquio antes da sesión presencial coa autora.
 
Contamos coa colaboración da libraría Cartabón -Rúa de Urzaiz, 125- que aplicará o máximo do desconto legal para as persoas que queiran adquirilo. Tamén a nosa biblioteca disporá dalgúns exemplares.
 
As persoas interesadas en formar parte do Club anotádevos mediante o seguinte formulario:

FORMULARIO DE INSCRICIÓN NO CLUB DE LECTURA IES CASTELAO

Os premios de tradución!

Ditame do premio de tradución

    O equipo da biblioteca Ramiro Fonte do IES Castelao acordou emitir o ditame que resolve o concurso organizado para celebrar tanto o Día Europeo das Linguas -que preserva a riqueza da diversidade lingüística de Europa e potencia a aprendizaxe de linguas- coma o Día Internacional da Tradución, que ten como obxectivo visibilizar a relevancia dos profesionais da tradución.

     Queremos antes de nada salientar a alta participación nas dúas modalidades do concurso, pois foron case cincuenta as propostas recibidas.


     Na modalidade da ESO resultou vencedor o cuestionario que subscribiu Daniela A. Madera Rivero (4º - B).

     Na modalidade de Bacharelato concédense dous galardóns ex aequo que corresponden a Noelia Carollo Abelaira (2º Bac-D), polas súas traballadas versións, e a Cristina Otero Costas (1º Bac-C), pola orixinalidade das linguas escollidas.

    Grazas a todo o alumnado por participar e ao profesorado que o animou.

    Animádevos a seguir facéndoo.

    Parabéns para as gañadoras!

Buscando a historia

          Animádevos a introducir, nesta arrepiante boca que nos brinda Chus Ferrín, o relato dunha historia que teredes que atopar previamente na cuadrícula dalgún dos carteis do vestíbulo:

Quen dixo medo? Lecturas na biblioteca

Arredor do 1º de novembro adoitamos ler na biblioteca relatos de terror. Fixémolo tamén este curso, como podedes ver nas imaxes.

Abrimos boca tamén, deste xeito, para que o alumnado se anime a participar no concurso de microrrelatos que axiña comezará.

Distribuir contido