Actividades e Concursos

Lecturas de Nadal

          Novamente podemos gozar da lectura en diferentes momentos. Nesta ocasión textos relacionados co tempo frío de inverno e as celebracións de Nadal. Co alumnado de 1º da ESO fixémolo en vésperas das vacacións con textos clásicos de Dickens, Andersen, Bradbury, Fernández Paz...

Álbum: Curso 2022/2023 -> Lecturas de Nadal

Premios do VII Concurso de Microrrelatos Fantásticos e de Terror

          Deserta a modalidade de ESO, concédense  dous premios na modalidade de Bacharelato ás seguintes alumnas:


Mencía Jorge Cabaleiro, de 1º Bac-E. por Reto sepulcral


Noelia Carollo Abelaira, de 2º Bac-C, por Pingas

Cordiais felicitacións e ánimo para continuar polo camiño das Letras.

Premio do concurso "Descubre a táboa periódica"

          Entre a vintena de participantes no concurso para celebrar o Mes da Ciencia na Biblioteca houbo que sortear entre os seis acertantes sen erro de ningún tipo.

          Velaquí tedes a gañadora, Yusra El Hariri El Ouriaghli, de 2º ESO-B:

 

           Parabéns a todos os participantes e especiais para a gañadora!!

Novembro, mes da Ciencia: "Descubre a táboa periódica"

          Este mes celébranse moitas actividades arredor da CIENCIA en todas as bibliotecas, como podedes ver no taboleiro informativo da biblioteca, por se vos cobiza asistir a algunha delas.

          Desde a biblioteca do noso instituto expoñemos no vestíbulo algúns libros relacionados coa temática así como o Manifesto desta edición: "O deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica", centrado na vacina da varíola no que tanta presenza tivo a nosa terra a través da expedición na que viaxou Isabel Zendal.

          Tamén aproveitamos para convocar un concurso que, hai xa tempo, organizara a nosa querida compañeira Isabel Acuña, que marchou o curso pasado, a quen recordamos e coa que seguimos aprendendo. 

          Animádevos a descubrir os elementos da táboa periódica agochados nos anagramas que se propoñen. Podedes gañar un vale de 25€  para libros ou material escolar.

          Ata o 25 de novembro!!

          Hai tempo!!

Club de Lectura "A pé de obra"

O 16 DE XANEIRO DE 2023, ÁS 19:O0 HORAS, CELEBRAREMOS a primeira sesión dO CLUB DE LECTURA COA VISITA De xesús fraga, CON QUEN MANTEREMOS UN DIÁLOGO SOBRE virtudes (E misterios), novela gañadora do premio nacional de narrativa, premio blanco amor de novela e PREMIO DA CRÍTICA GALICIA.

 

Nota: cO GRUPO XA EXISTENTE SEGUIREMOS EN CONTACTO POR CORREO ELECTRÓNICO E, SE desexades darvos de alta no club, enviade un correo electrónico  a  bibliotecaramirofonte@gmail.com

Concurso de tradución: PREMIO

      

          Neste curso que iniciamos un pouco ás présas, convocamos un ano máis o Concurso de Tradución.

          Na modalidade de Bacharelato queda deserto.

          Na modalidade de ESO, entre os máis de corenta participantes resultou gañadora, con pleno de acertos e sen erros de ningún tipo (nin ortográficos nin lingüísticos nin tipográficos), Ruth  Iglesias González de 3º C.

          Moitos parabéns a todos os participantes e, por suposto, á gañadora!!  

Día das Escritoras

Para celebrar o Día das Escritoras, este ano o 17 de outubro, no vestíbulo do instituto colocamos un papel en branco no que se puido escribir o nome dunha delas, coa finalidade de darlles, dalgunha maneira, visibilidade.

 Por outra banda, desenvolvemos na biblioteca dúas sesións de lecturas (con 4º A e 4º C) de textos dos seleccionados pola comisaria do Día nesta edición, Carmen Domingo. Trataban arredor da guerra: o papel da muller nela ou a visión que ofrece. Pódense ler todos na páxina de bibliotecas escolares

Podedes ver imaxes…

Álbum: Curso 2022/2023 -> Día das escritoras

Coñece a túa biblioteca

          De acordo con este calendario o alumnado de 1º da ESO puido coñecer a nosa biblioteca e recibir  in situ información do seu funcionamento. Foi a primeiros deste mes de outubro.

            Desde aquela tamén está dispoñible nesta páxina web a Guía da Biblioteca 2022/2023 para todos aqueles que precisen consultar algunha cuestión relacionada con ela.

          E, se non, xa sabedes onde está!

Concurso de tradución

O día 26 de setembro celébrase desde 2001 o DÍA EUROPEO DAS LINGUAS, establecido para preservar a riqueza da diversidade lingüística de Europa e potenciar a súa aprendizaxe.

O día 30 de setembro homenaxéase a san Xerome, patrón dos tradutores, no DÍA INTERNACIONAL DA TRADUCIÓN, coa fin de facer ver a importancia destes profesionais nun mundo cada vez máis globalizado.

Combinando as datas, propoñémosvos que vos fagades investigadores-tradutores por un breve tempo e participedes no CONCURSO da nosa biblioteca.

Aproveitamos tamén para homenaxear ao escritor Javier Marías quen, na súa derradeira columna de “La zona fantasma”,  reivindicaba precisamente o traballo dos tradutores.

Hai dúas modalidades, unha para ESO (1º a 3º) e outra para 4º e BAC.

O prazo de entrega remata o 11 de outubro.

ANÍMATE!!

 Concurso ESO

Concurso 4º / BAC

 

Distribuir contido