Skip to Content

Dinamización lingüística

Charla-concerto de Lydia Botana

O martes, 20 de novembro, o alumnado de 1º e 2º da ESO vai participar nunha charla-concerto de Lydia Botana.Esta saída  forma parte da participación do centro no programa Falamos do Concello da Coruña, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística.  Esta actividade musical pretende pór de manifesto o valor e riqueza do plurilingüismo. 

Lydia Botana é unha artista multiinstrumentista que formou parte de varias agrupacións musicais. Na actualidade realiza colaboracións con músicos de gran importancia dentro do panorama.  Ten un proxecto persoal, Bolboreta, de música mestiza onde se fusionan xéneros musicais para falar do mundo que nos rodea. 

No blog de música galega, O son das ondas,  que xestiona o EDL do centro pódese  escoitar a súa música. Aquí tes o enlace https://osondasondas.blogspot.com/search/label/Lydia%20Botana%20%28Bolboreta%29

 

Premio Narración Curta Concello de Curtis

O Concello de Curtis convoca  o XIV Premio de Narración. Este ano  preséntase como un reto literario:  unha narración con vacas, un tren e... zombis

BASES

Xogos Florais María Pita 2018

Xa están convocados os Xogos Florais María Pita deste ano. O lema elixido para estes XXVII Xogos Florais é “Con ciencia fronte a todo”.

BASES

Cine en galego

Na fraga de Cecebre cando os homes non están as árbores conversan entre elas, cantan, falan cos animais, ...

O próximo 29 proxectarase no centro, dentro do programa Cine en Galego, esta  película de animación producida no 2001 por Dygra Films, O bosque animado foi un fito na súa época ao ser unha obra de animación totalemente creada por computador e dunha calidade excepcional,merecedora de moitos galardóns dentro e fóra das nosas fronteiras. Trátase dun filme basado na novela de Wenceslao Fernández Flórez.

A película proxectarase con subtítulos en inglés.

O programa Cine en Galego é unha iniciativa dos departamentos de Inglés, Lingua Galega e do  Equipo de Dinamización Lingüistica  do centro que busca achegar ao público máis novo ao noso cine, á nosa lingua e desarmar algúns do prexuízos lingüísticos que aínda pexan o galego. Esta actividade desenvolverase o último luns de cada mes.

 

 

De Vacas

 

O 30 de Outubro oo alumnado de 3º da ESO do IES David Buján vai asistir ao Fórum da Coruña a un concerto-coloquio con De Vacas, un dos grupos que máis está soando actualmente dentro do panorama musical galego. A actividade é de balde.

A actividade forma parte do programa de Dinamización Lingüística "Falamos" desenvolvido polo Concello de A Coruña, que pretende  darlle á mocidade unha visión  útil e moderna da lingua galega, así como  eliminar prexuízos lingüísticos.
 En próximas datas o resto do alumnado terá tamén a ocasión de ir a outro concerto de música galega.
 
DE VACAS
 
O grupo  foi o gañador, na IV edición dos Premios Martín Códax, da categoría de Coros e Grupos Vocais.
O grupo está composto por Laura Romero (cantante do grupo de música infantil galega "A Gramola Gominola"), Faia Díaz e Inés Salvado, acompañadas á guitarra por Guillerme Fernández, membro fundador do grupo Berrogüetto e colabora noutros proxectos paralelos con Xabier Díaz, Espido, Guadi Galego. 

O  grupo fai versións de  temas moi coñecidos ("Gagnam Style", do rapeiro PSY, "Despacito" de Luis Fonsi,  " De noche y de día" de Enrique Iglesias, "Soy yo" de Marta  Sánchez, " El taxi" de Pitbulll, ...)  o que contribúe a difundir a lingua galega aproveitando a oportunidade que ofrece a música coñecida. De feito, as súas versións, como a do "Despacito"  titulada "Amodiño", leva xa máis de 500.000 visualizacións no Youtube.
O Departemento de Lingua Galega e mais o de Convivencia elaboraron  unha ficha.  Búscase a reflexión sobre os estereotipos de xénero  na música.

Concursos do Samaín

Como xa é tradición, por estas datas o Equipo da Biblioteca, o Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización convocan unha serie de concursos coa de potenciar e revalorizar o emprego da lingua galega como código de comunicación e fomentar o coñecemnto das nosas tradicións e cultura.

Achégate ao blog do EDL.

 

Ao teatro

 
O día 18 e 19 de outubro @s alumn@s de  4º, 1º e 2º de bacharelato van asistir á representación teatral que Chévere fai no Ágora para escolares. A actividade é de balde e está  organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.  Cómpre  dar a noraboa á inicitiva que procura promover a nosa lingua e promocionar o teatro galego. 
 
Eroski Paraíso é a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro no ano 2014. A obra comeza cando Alexandra, estudante de cine, volve á súa vila natal para gravar un documental sobre a súa familia. O seus pais coñecéronse  na sala de festas O Paraíso de Muros, que co tempo acabou converténdose nun supermercado onde agora traballa a súa nai, Eva.  O seu pai, Antonio, aínda vive nas Canarias, onde tiveron que emigran cando Alexandra era moi pequena. 
Eroski Paraíso é o título que lle puxo Alexandra á súa película, que é  un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.
O Departamento de Lingua Galega creou unha ficha para que o alumnado reflexione sobre algúns dos temas tratados: a migración, o desarraigo, as drogas, o feísmo, o consumismo, ...
 

8 de outubro. Día da Ciencia en Galicia

Todos os 8 de outubro, data que comemora o nacemento de Benito Xerónimo Feixoo,  Galicia celébra o Día da Ciencia en Galicia.

 
Este ano está dedicado a Domingo Fontán Rodríguez, que pasou á historia por ser o autor  do primeiro mapa realizado na penísula ibérica con rigor científico: A Carta Xeométrica de Galicia, mapa que non queda descalificado pola tecnoloxía satelital actual.
Os traballos de Fontán, que lle levaron máis de 20 anos, comezounos moi preto do noso centro: no pazo de Sobrecarreira, aquí en Sigrás.
 
No centro difundimos  a súa figura e obra e tivemos ocasión de  comprobar a rica información histórica) que a carta contén ( 6000 topónimos e 3700 localidades) a súa carta.
Nas actividades participaron  os departamentos de Lingua Galega, Xeografía e Historia e Matemáticas

26 de setembro. Día Europeo das Linguas

 

O centro celebrou esta efemérides cunha presentación elaborada polo EDL  que se expuxo  na entrada  do centro e mais un concurso

Os gañadores do concurso foron:

Iria Añón Esmorís

Andrés Recuna Aranda

Fotos

 

Anuario 2017-18

Tamén podes descargalo aquí en .pdf

Distribuir contido


by Dr. Radut