Skip to Content

MATRÍCULA PARA O CURSO 2022/23

MATRÍCULA PARA
CURSO 2022-2023

PRAZO OFICIAL: Do 25 de xuño ao 10 de xullo (por coincidir ambas datas con fin de semana o prazo axustarase ao días 27 de xuño a 11 de xullo).

LUGAR DE RECOLLIDA DA DOCUMENTACIÓN: na Secretaría do centro en horario de atención de 09:00 horas a 14:00 horas de luns a venres a partir do luns día 27 de xuño. O alumnado actualmente matriculado no centro recibirá o sobre de matrícula xunto co boletín de cualificacións finais ese mesmo día.

*          *          *

DOCUMENTACIÓN NECESARIA:

A. ALUMNADO NOVO NO CENTRO:

  • impresos de matrícula cubertos e asinados polos dous proxenitores ou pola persoa responsable legal
  • 3 fotografías de tamaño carné co nome escrito na parte de atrás
  • fotocopia da última folla do historial académico (proposta de título), certificación académica ou boletín de cualificacións finais onde conste a promoción do/a alumno/a
  • fotocopia do DNI/NIE. Se non ten, copia do libro de familia onde esté inscrito o alumno/a
  • fotocopia da tarxeta da Seguridade Social (só alumnado de 1º e 2º ESO)
  • seguro escolar: abonar 1,12 € na secretaría no momento da matrícula (só alumnado de 3º, 4º ESO e de Bacharelato)

B. ALUMNADO QUE CONTINÚA NO CENTRO:

  • impresos de matrícula cubertos e sinados polos dous proxenitores ou pola persoa responsable legal
  • 1 fotografía recente de tamaño carné co nome escrito por detrás
  • boletín de cualificacions finais onde conste a promoción do/a alumno/a
  • carné escolar para o seu selado e sinatura (os duplicados, en caso de perda, deberán pagarse a 0,50 €)
  • seguro escolar: abonar 1,12 € na secretaría no momento da matrícula (só alumnado de 3º, 4º ESO e Bacharelato)

 

GRADUACIÓN. Promoción 2020-22

A PROMOCIÓN 2020-22 GRADÚASE
ACTO DE DESPEDIDA NO CENTRO ÁGORA

E agora, viaxeiro,
navega lonxe, busca, atopa... (W.W.)

081012
141618


   
Despois de dous anos limitados pola pandemia (que malhaxa!), o alumnado de 2º de Bacharelato do noso centro pode voltar á celebración por todo o alto do seu egreso. Motivo de felicidade sempre, todas as persoas que compoñen o IES Plurilingüe Elviña poñen o mellor de seu nesta feliz despedida que ten o seu aquel de maina morriña polo alumnado que, tras longos anos de afondamento nos saberes humanos, rompe a codia xa para emprender voos máis audaces nos estudos e na vida. Como é lei estudiantil, hai que miralo co seu aquel de alegre malenconía, mistura entre a tristura da despedida (pois profes e alumnos fomos familia por un tempo) e a ledicia polos deberes cumpridos.

Orla20-22

 

     Esta promoción, de rapaces e rapazas de xeneroso e nobre espírito, despediuse no centro Ágora en compaña de familiares, amigos e docentes (que tamén o son). Coa contribución do ben coñecido xornalista Pablo Portabales, quen aceptou adicarlles unhas verbas de alento para o futuro, o noso alumnado fecha o seu segundo curso de bacharelato (sempre o máis difícil) con honores.

   Compartimos con vós o contento, e tamén, cómpre dicilo, as inquedanzas e esperanzas cara ao porvir. Pero tede confianza. O mesmo esforzo que vos trouxo aquí, levaravos onde desexedes, e todo irá ben. Para nós, formades parte do mellor que pode recibir a sociedade da xuventude e do ensino: sodes e seredes sempre parte deste centro, este IES Elviña, que vos acolleu con cariño e que vos despide hoxe con orgulloVale!

*     *     *

LV Reseña
La Voz de Galicia
publicou hoxe na súa versión dixital unha entradiña
coa
información sobre a graduación do IES Elviña.
Deixamos o enlace de consulta clicando na imaxe.

 

BOLSAS NEAE

CONVOCATORIA DE BOLSAS NEAE
(Curso 22-23)

Becas


     Ven de publicarse no BOE a convocatoria anual para a solicitude de bolsas para alumnado con necesidades especiais de apoio educativo (NEAE). O prazo para a solicitude ábrese hoxe día 19 de maio de 2022 e remata do 30 de setembro de 2022.
     A solicitude realízase únicamente on line a través do servizo electrónico do Ministerio de educación, onde poden atopar toda a información necesaria da convocatoria.

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO 2022-23

FONDO SOLIDARIO
DE LIBROS DE TEXTO (ESO)

(Resumo)

Aberto prazo para a presentación de solicitudes de participación no
Fondo solidario de libros de texto para cursos de ESO (2021-2022)

Descargar información

*          *          *

PRAZOS
Presentación de solicitudes: do 19 de maio ao 22 de xuño
Devolución de libros do curso anterior: máximo ata o 22 de xuño
Publicación de listaxes provisionais: 11 de xullo
Prazo de reclamacións: 12-13 de xullo
Publicación de listaxes definitivas: 22 de xullo

LUGAR
na Secretaría do centro ou a través da sede electrónica da Consellería de Educación (con certificación dixital)

 

DOCUMENTACIÓN NECESARIA

  • Fotocopia do DNI ou NIE de todos os membros da unidade familiar para resolver posibles dúbidas nos datos dos formularios.
     
  • Documentación complementaria (a que lle corresponda a cada un):


a) Copia do libro de familia ou equivalente onde figuren todos os membros computables. No caso de que non haxa Libro de familia, que o pai e ani ou titor ou titores carezan de DNI e NIE, certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou de órgano equivalente do concello onde resida a familia.

b) En caso de separación ou divorcio, ademais deberán achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do menor. 

c) Certificación do grao de discapacidade do/a alumno/a ou calquera membro da familia, recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar.

e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en sitación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

 

IMPORTANTE: DEVOLUCIÓN DOS LIBROS DESTE CURSO

Este ano, a devolución dos libros deberá efectuarse obrigatoriamente antes do 22 de xuño nas datas que se habilitarán a tal fin a partir do día 9 de xuño e das que se informará ao alumnado proximamente.

PUBLICACIÓN DAS LISTAXES DEFINITIVAS DE ADMISIÓN

Listaxes definitivas de admisión para o curso 2022-2023

     Pasado o período de reclamación, e resoltas as reclamacións presentadas, infórmase de que as listaxes provisionais publicadas  en abril non sufriron ningunha modificación, co que adquiren a partir de hoxe 15 de maio carácter definitivo. As listaxes definitivas correspondentes quedarán publicadas de acordo coa normativa no taboleiro da secretaría ata o primeiro día de curso.

    As solicitudes presentadas fóra de prazo foron remitidas á Xefatura Territorial e serán resoltas polo servizo de inspección educativa.

   A partir do día 15 de maio, todas as admisións terán consideración de extraordinarias e deberán ser tramitadas a través do rexistro xeral da Xefatura Territorial

Distribuir contido


by Dr. Radut