Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Actividades curso 2023-2024

MANUSCRITO ARS COQUENDI

Sabedes o que significan as siglas DEP, mocosas e mocosos?! Ou o mesmo, RIP, na nobre lingua latina?  “Descansa en paz!”. Si, iso mesmo, EN PAZ! Pois así estaba eu durmindo apraciblemente ata que sentín o balbordo destes seres tolos, a buligar polo soto da miña derradeira morada. Ah, ah, desculpade que non me teña presentado aínda: chámome Fidel do Camposanto Pequeno. A que veñen eses risos? Ben, xa estou afeito. Levaba toda a vida aturando con esa herdanza patronímica pero, agora no Alén onde estou, lévoos con fachenda. Son o espírito dun vello conserxe deste instituto, un chisco rosmón, seica, pero non tanto, xa que a rapazada daquel entón púxome o alcume de Pequeniño, nun aceno agarimoso.

Pois resulta que antigamente algunhas das aulas do andar superior do edificio histórico cumprían o servizo de vivendas para os conserxes. De feito, algunha delas conserva o resto da “mirilla” ou ollo de pez da porta. Cheguei dunha aldea moi cativa, chamada Pedralba, na provincia de Ourense, e comecei a traballar neste instituto sendo eu un mozo; ao principio facía de mandadeiro. Como non tiña vivenda de meu, deixáronme albergarme nun cuarto da parte superior, e alí vivín feliz trinta e cinco anos, ata que, por desgraza, caín a rolos pola escaleira de mármore de Carrara e abrín a cabeza. E alí quedei. Pero non quixen marchar así, de súpeto. E decidín quedar “doutro xeito”. Agora son unha alma en pena que segue a coidar e a custodiar os obxectos que atesoura este vello inmoble.

Pois nestas estaba, cando por mor da “brillante” idea dunha profesora de Lingua e Literatura Galega, Teresa Pastor Novo, o alumnado de 1º ESO A e D deste curso 2023- 2024, foron de excursión polo instituto, guiados polas curiosidades que ten agochadas o noso emblemático centro. Así, non puido ter peor proposta esta docente sabichona que pescudar o soto, coa finalidade de descubrir algo. E alí, oculta entre teas de araña e diversos trebellos, os rapaces e rapazas ficaron abraiados diante dunha misteriosa caixa negra onde se podía ler, con letras sanguiñentas: ARS COQUENDI. Ao abrila, o feitizo que sentiron non puido ser maior, xa que contiña un manuscrito realizado por alumnado de hai máis dun século, con moitas receitas elaboradas cos ingredientes máis noxentos posibles, “saborentos” manxares do mundo do Alén. 

O meu gusto compilatorio e miña paixón pola tradición dos vellos códices medievais fixo que gardase con paciencia cada unha destas receitas e darlle forma de libro que, para min, é o meu tesouro. Ao parecer, unha antiga profesora mandáralles facer un traballo, consistente en inventar pratos imposibles de comer no mundo dos vivos. A verdade é que para min son unha excelente axuda agora, que estou no inframundo, porque nunca se me deu ben a cociña e agora fago estas sabedeiras receitas. Mais do que sempre gocei foi da lectura; fun e son un auténtico rato de biblioteca. Eu lera hai tempo un curioso libro, De re coquinaria, do escritor latino Marco Gavio Apicio, considerado o primeiro tratado sobre gastronomía, que serviu e aínda serve de guía para moitos dos escritores e cociñeiros posteriores. 

E así, aproveitando os meus coñecementos bibliográficos, decidín titular este receitario conservado Ars coquendi, que traducido do latín significa “A arte culinaria ou a arte de cociñar”. E, por último, gardeino nunha caixa negra, para que non acabase sendo manxar dos ratos, que o olen todo. Mais non foron ratos ........ Peor!!!!!!A sabichona da profesora e mais o seu alumnado colleron o meu tesouro e levárono para expoñer nunha vitrina, para dar a coñecer a todo o alumnado o marabilloso achádego atopado. Ah, pero antes de marchar do soto, agarrei un mociño polo brazo e díxenlle: “Agardo que me devolvades a miña alfaia; de non ser así, virá o meu espírito para facervos trasnadas”. O cativo fuxiu a fume de carozo, mentres a miña gargallada se mesturaba co timbre da fin da clase.

 

© Ma Teresa Pastor Novo (microrrelato)

© Ma Teresa Pastor Novo (curtametraxe)

GAÑADORES DOS CONCURSOS DE NADAL

Gañadores do concurso de decoración de aulal, 1º ESO D

Gañadores do concurso de árbores de Nadal, 2º ESO C

Máis fotos no enlace

Probas de Certificación en Lingua Inglesa Trinity 2023-24

 

 

 

 

 

TRINITY EXAMS 

PROBA ORAL (Speaking and Listening)

LUGAR: IES Plurilingüe Eusebio da Guarda
DATA: 6, 7, 8 de febreiro  de 2024 en horario a determinar para cada alumno/a

PROBA ESCRITA (Reading and Writing)

LUGAR: IES Plurilíngüe Eusebio da Guarda
DATA: 28 de febreiro de 2024
HORA DE ACCESO AO CENTRO: 15:00 horas
HORA DO EXAME: de 16:00 a 18:00 horas

O alumnado matriculado nas probas ten a súa disposición a AULA VIRTUAL do IESP Eusebio da Guarda "TRINITY COLLEGE EXAMS" con información sobre as diferentes probas.

O horario de atención para posibles dúbidas será os mércores no primeiro recreo no Departamento de Inglés. Tamén se pode acudir ao respectivo profesorado de Inglés

Mª José Pereira Vázquez

Coordinadora

2024: ANO VILLALTINO, ANO AVEGOSO!

Comeza o 2024, un ano especialmente máxico por ser o elixido pola Real Academia Galega para honrar a figura de Luísa Villalta o vindeiro 17 de maio, no Día das Letras Galegas Esta esgrevia escritora coruñesa recreou con magnífica mestría e agarimo cada recuncho do seu berce herculino.

Foi poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, tradutora, violinista e, tamén me atrevo a afirmar, unha espléndida filósofa. O seu anceio por esculcar cada recuncho expresivo, o desexo de ser suxeito sempre, non obxecto, a súa creación prolífica vese reflectida nas distintas expresións escritas que nos deixou coma valiosísimo legado. Ese afán de vivir/crear ás alancadas queda reflectido nas súas fermosas palabras, que constitúen un de tantos poemas da miña predilección:

  SON, somos, seremos unha vibración convulsa,

certidume tremulante, aspereza,

torsións que fan de nós un timbre irrepetíbel,

sonido sinónimo de nós.

   Xovens de imediato vellos nas fronteiras

esperamos do mar algun regreso,

no ruído dos pasos que inequivocamente se desvían,

como cabalos, sobre tantos fólios galopados

sen encontrar nen temor xa baixo os cascos,

estamos sempre a ponto de nacer,

de rebentar o noso útero perpétuo. 

O pasado 8 de maio de 2023, coma unha sorte de agoiro, neste centro a súa figura foi merecente dun sentido recoñecemento, ao ser antiga alumna que pisou estes vetustos corredores, graduándose no curso 1973/74. Pois este ano 2024, Luísa, como dixen naquel acto dunha fermosa xornada de primavera, cal os misioneros xesuítas que tiñan que espallar o evanxeo, nós temos de predicar as túas palabras, temos a misión de que cheguen a cada recuncho, xeración tras xeración porque, collendo o pensamento do escritor Doménico Cieri Estrada:

“A poesía non ten tempo; o que a le, rescátaa, faina presente e logo regresa á súa eternidade”. E eu engado que, por extensión, a túa escrita múltiple ficará con nós para sempre.

Esta é, pois, a nosa misión: facer que as túas palabras sexan inmorredoiras. Perde coidado, Luísa, que “o silencio non vai dicir a última palabra”. Este é o teu ano.

Avegoso 2024, Ano Villaltino!!!!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

Joyeux Noël !

Acceso a todas as fotos no  enlace
O departamento de Francés organizou o tradicional concurso de "cartes de Noël”. As gañadoras desta edición foron as alumnas de 1º de ESO : Claudia Vilá Veiga (1ºA), Daniela Aguiar Bautista (1ºA) e Celia Martínez Añón (1ºB) Ademais concedéronse catro accésit para as postais de Romina López Entrambasaguas (1ºD), Julia Isasi Vega (1ºD), Carolina Lázaro Pérez (1ºD) e María Antonella Justo Escobar (1ºB) .... Todas recibiron un pequeno agasallo para recompensar o seu esforzo.Parabéns polos bonitos traballos de todo o alumnado da ESO. Felices festas e os nosos mellores desexos para o ano 2024 !

Concurso Tarxeta de Nadal 2023

Acceso a todas as fotos no seguinte enlace

Este pasado luns 18 de decembro tivo lugar a entrega do premio da tarxeta de Nadal 2023, consistente nunha tarxeta agasallo de 20 €, para gastar na FNAC. O traballo galardoado foi realizado pola alumna de 1o Bach A Inés Castro Lojo, quen presentou unha proposta moi creativa, á maneira dunha colaxe. Cómpre dicir que a idea estivo moi acaída co ano que está a piques de rematar, posto que a figura do ilustre pintor Pablo Picasso ocupou un lugar sobranceiro, ao conmemorarse hogano o 50 aniversario do seu pasamento. Deste xeito, a postal mostra símbolos emblemáticos da nosa cidade, entre os que destacan a Torre de Hércules, o único faro romano queaínda se atopa en funcionamento; o noso instituto, inserido nun firmamento callado de estrelas e, non podía ser menos, o noso veciño máis agarimoso e asemade bravo: o mar de Riazor. Pois aboiando nesas augas, escúlcase a figura do artista cubista e ao seu carón unha foca que, significativamente, viste unha camiseta de raias, prenda fetiche do vestiario deste xenio do pincel. Moi ben traída esta idea por parte da nosa benquerida alumna Inés, porque as collages foron unha das manifestacións artísticas deste movemento de vangarda, empregadas en distintas artes, nomeadamente na pintura e na poesía, con Guillaume Apollinaire á cabeza.

Respecto do poema que acompaña a ilustración, o EDLG quixo botar man da poesía social, da que temos excelsos representantes na nosa literatura. Así, esta postal leva tamén un poema escollido adrede Nenos dun rancho de Caracas, pertencente ao libro Viaxe ao país dos ananos, do poeta Celso Emilio Ferreiro. Este ano, aparcamos as panxoliñas tradicionais, para darlle paso á denuncia do que está a acontecer. Porque tamén é Nadal en Gaza, Ucraína, Serra Leoa, Birmania, O Sahel, Birmania, .... e tantas e tantas batallas particulares que libran cada día homes e mulleres por razón da súa cor de pel, condición sexual, etc. Ende mal, estamos a vivir nestes momentos diversos conflitos bélicos e temos de derrubar os muros de todas as fronteiras, razas, crenzas, .... E vivir nun mundo de paz, harmonía e esperanza. Desgraciadamente as nenas e nenos son as vítimas máis vulnerables, polo que non nos cabe máis que confiar na esperanza, en que elas e eles sexan a semente para cambiar esta situación no futuro. A poesía é unha poderosa arma para condenar inxustizas. E esta é unha lacra sangrante, coma a cor de fondo da postal, elixida a mantenta, o vermello, cunha dobre intencionalidade: asociamos grande cantidade de adornos do Nadal con esta cor, pero tamén o EDLG quixo renderlles unha particular homenaxe ás persoas que perderon e están a perder a vida cando fracasan as palabras. Tal e como expresamos na tarxeta, todo o EDLG quérevos desexar unha morea de luz, paz a mancheas e pétrea saúde para percorrer este camiño novo. AVEGOSO 2024!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

2º DE BACHARELATO EN UNITOUR

 
Un ano máis o alumnado de 2° de Bacharelato visitou UNITOUR, a feira das universidades en Palexco, acompañados dos seus titores, a coordinadora de Bacharelato e a orientadora.
Este ano presentáronse máis de corenta postos de información de centros universitarios, de formación e residencias de Galicia e outras cidades españolas. Un dos temas de maior interés foron as notas de corte dos anos anteriores.
O noso alumnado viviu unha experiencia informativa de gran axuda para a elección do seu futuro profesional.
 
Beni Vidal, coordinadora de Bacharelato.

4º ESO E CORUÑEANDO POLOS MUSEOS DA CIDADE

Acceso a todas as fotos no seguinte enlace

O alumnado de 4º ESO E realizou nestas últimas semanas do trimestre unha serie de visitas aos museos da cidade, dentro do proxecto Coruñeando que se desenvolve este curso no noso centro desde a biblioteca.

Para comezar, coñeceron a exposición Encontros na Casa Museo Casares Quiroga, onde desfrutaron da visita guiada do fotógrafo Gustavo García Roig, a quen lle realizaron unha interesante entrevista. Posteriormente participaron nun obradoiro co poeta François Davo relacionando os poemas e as fotografías que integran a exposición.

Visitaron tamén a Casa Museo Picasso, e para rematar, o xoves 21 irán ao Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón.

Estas actividades serán publicadas en breve no xornal Coruñeando, realizado polo alumnado de 4º ESO E, que desexa a toda a comunidade escolar unhas felices festas!

Acceso ao blog do club de lectura

Dulce Fernández Graña

"CoRuÑeaNDo"

Na campaña da Biblioteca deste curso quixemos dar cabida  a cidade da Coruña no amplio sentido da palabra. "CoRuÑeaNDo" responde a esas pequenas investigacións promovidas desde a nosa Biblioteca. A árbore fai un percorrido por boa parte de barrios e rúas. Agradecemos ao alumnado de 4º A a súa implicación, sobre todo a Pilar, Carmen, Lola e Inés. "Bo Nadal"

VISITA Á EXPOSICIÓN HELMUT NEWTON

Hoxe venres 15 de decembro o alumnado de 2ºB e C de Bacharelato da materia de libre configuración visitou coa súa profesora Beni Vidal a exposición promovida pola Fundación MOP, creada por Ortega, do fotógrafo HELMUT NEWTON.

O alumnado contemplou a selección de fotografías de moda e lifestyle que conforma a exposición, que é unha boa mostra da linguaxe visual audaz, empoderadora e sen complexos característica de Newton. Entre as fotografías exhibidas puidemos contemplar os icónicos espidos e os inesquecibles retratos de personaxes como Andy Warhol, David Bowie, Margaret Tatcher, Charlotte Rampling, Naomi Campbell, karl Lagerfeld…”O seu gran acto revolucionario foi cambiar por completo a forma en que as mulleres eran retratadas nas páxinas das cabeceiras de moda…”, comentou Ortega sobre o fotógrafo, considerado un dos máis importantes do século XX.

Acceso a todas as fotos da visita no seguinte enlace

A AECC propón aos adolescentes evitar o cancro

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Carta de agradecemento

Artigos publicados: pinchar en  El Ideal gallego e pinchar en COPE

 

 

24N: NON MÁIS TITULARES !

Pincha en FOTOS , VIDEO , Cartel 24N , Póster VEN DE LARANXA!

Un ano máis, o EDLG organizou un acto para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que, por coincidir hogano en sábado, foi adiado para o venres 24. Para tal causa, este equipo artellou a protesta collendo como recurso o xornal, e en concreto, a súa sección de sucesos. Desgraciadamente é raro o día en que, ao abrir un, non atopemos noticias desta vileza, de aí que case se podería crear unha nova sección: violencia contra a Muller. Con certeza, cada unha destas noticias debería ocupar a totalidade da primeira páxina, dado que así a importancia da ubicación sería absolutamente proporcional á condena unánime e ás medidas gobernamentais máis contundentes para garantir a súa punibilidade. Pola contra, estas pésimas noticias forman parte dunha simple sección; nin sequera son, como se dixo antes, unha soa sección dun xornal. A forza dun titular é evidente: o titular é a primeira impresión, e quizais a única, que causa nun posible lector. Sen un titular ou un título de entrada que convirta un curioso nun lector, o resto das palabras estarían de máis. Porén, un titular pode conseguir algo máis que simplemente captar a atención; pode comunicar unha mensaxe completa a un público indesexable, que actúe cun corportamento lamentablemente imitativo. Nesta ocasión o lema foi: Non máis titulares! Así, nun acto coordinado polas profesoras e integrantes do EDLG Minia Prego, Beatriz Sixto e Beni Vidal, o alumnado foi entrando no Salón de Actos, e representantes de todas as clases de ESO e BACH, ademais de profesorado do centro, leron titulares de prensa sobre violencia contra a muller, co obxectivo de denunciar máis alto, se cabe, esta lacra da nosa sociedade. Para significar ese día, fixérono de xeito ininterrumpido, ao longo dos dous recreos. O feito de sacrificar o seu tempo de lecer en aras dunha boa causa, fai que a Educación con maiúsculas teña sentido, ao no estar circunscrita soamente ás diversas materias académicas. O profesorado titor acompañou os seus grupos. Ende ben, entre as claves para loitar contra a violencia cara ás mulleres e avanzar na prevención, nós, como docentes, temos unha poderosa arma: a de poderlle inculcar á mocidade unha actitude reflexiva e activa ante os problemas máis acuciantes que temos na nosa sociedade e non permitirlles “mirar para o outro lado”, porque neste tema, non hai outro lado: só a condena unánime contra a violencia.

Moitas grazas a todo o alumnado e profesorado que arrimou o ombreiro nesta loita pintada de laranxa, a cor de optimismo e esperanza institucionalizada pola ONU para esta conmemoración.

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Dende que no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e Desenvolvemento, novembro pasou a ser para nós o Mes da Ciencia. En consonacia con isto, desde hai 11 anos o profesorado de Galicia celebra o 4 de novembro o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida coma calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.

Proba disto, dentro das variadas actividades do Club de Ciencia, cómpre destacar a que fixo o alumnado de 1º ESO, en colaboración co EDLG e coordinada polas profesoras de Física e Química Desi Cerqueiro e Minia Prego Cabeza, esta membro tamén deste equipo. O dito traballo serviu para coñecer o método científico. Na primeira parte da tarefa, leron e mais comentaron un texto sobre a vacina da varíola e de como esta foi levada a América, nunha expedición de nenas e nenos orfos, que partiu da Coruña. A seguir, a rapazada propuxo hipóteses sobre a caída libre de corpos. E para rematar, experimentaron con globos, coa fin de comprobar as ditas hipóteses.

Por outra banda, e tamén dentro desta efeméride do mes da ciencia en galego, o Departamento de Lingua Galega e Literatura quixo tamén sumarse a esta conmemoración. Así, baixo a supervisión da súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo, o alumnado de 1º ESO A e D traballou asemade ambas disciplinas (Lingua e Ciencia) e elaboraron decálogos sobre boas intencións medioambientais. Con esta actividade puxeron en práctica o estudado sobre a elaboración dun texto instrutivo, melloraron a súa competencia escrita e, por suposto, reflexionaron sobre o coidado do Medio Ambiente.

Con estes traballos, ao empregar a nosa lingua, alumnado e profesorado cumpriron unha das maiores arelas do Seminario de Estudos Galegos (1923), cal foi a de que todas as ciencias se estudasen na nosa lingua propia, o galego.

ACTIVIDADES CICLO TURISMO

1. CHARLA COLOQUIO: As claves de Organización de Eventos

Os alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Axencias de viaxes organizaron a charla-coloquio: As claves da organización de eventos. A xornada, enmarcada dentro das actividades desenvolvidas pola Aula de Emprendemento comezou leer máis
 
2. CHARLA NA AULA DO REPRESENTANTE DA EMPRESA WE GALICIA
 
David Don visitou, o venres 27 de outubro, ao grupo de segundo de guías para falarnos  da súa traxectoria profesional e da dinámica de traballo da súa empresa de guías de turismo.

VISITA GUIADA POLO CENTRO

 
Mais imaxes no seguinte enlace
 
O pasado mércores 25 de outubro, os alumnos de segundo de guías realizaron unha visita guiada polo centro aos alumnos de primeiro dos ciclos de Axencias e Guías. Sen dúbida conseguiuse recibir e acoller aos novos alumnos traballando na valorización, prestixio e recoñecemento do noso instituto.
Esta visita non sería posible sen a previa axuda da Directora, Isabel Ruso, que uns días antes, e coa  pasión e devoción polo centro que lle caracteriza, mostrou e explicou todos os rincóns aos alumnos. 

FOTOHISTORIAS DO MAGOSTO

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

IIº CONCURSO DE FOTOHISTORIAS DO MAGOSTO 2023: “Entre a vendima e a castañeira”

O luns 13 de novembro o xurado resolveu o alumnado gañador do IIº Concurso de Fotohistorias do Magosto 2023 “Entre a vendima e castañeira”, organizado polo EDLG. O xurado estivo composto por membros do dito equipo. Así, tal e como aparecía recollido nas bases, concedéronse dous premios para aqueles mellores microrrelatos, os cales achegaron historias orixinais e inéditas, que tiñan como pano de fondo a festividade do Magosto, acompañadas de cadansúas fotografías, tamén de autoría propia. Deste xeito, resultaron gañadores os seguintes traballos: co

1º premio, consistente nunha tarxeta agasallo de 20 € para gastar na FNAC, para o alumno Nicolás Rodríguez Vázquez (1º Bach F), autor d ́Un magosto moi especial; e 2º premio, dotado cun lote de libros en lingua galega, para a alumna Laura Casais Antelo (1º Bach F), autora d ́A maxia do Magosto.

A entrega de premios tivo lugar este xoves 16 de novembro ás 12:10 h no 1º andar do edificio histórico, diante do taboleiro con todos os traballos presentados. As persoas encargadas de entregar os galardóns foron as alumnas Vera Blanco Pérez (2º ESO A) e Ariana Crego Romero (2º ESO D), integrantes do EDLG, quen aproveitaron o momento para darlles aos premiados uns colares de zonchos, moi acaídos neste mes de Santos ou de San Martiño.

Sen ningunha dúbida, somos un feixe de lembranzas, que percibimos polos cinco sentidos: vista, gusto, olfacto, tacto e oído. Así, o EDLG quixo destacar este costume tan de noso, para que non se perda e poidan gozar del as xeracións que piden paso no camiño ás alancadas.

En efecto, cando eu era pequena, a miña nai facía os colares de castañas cocidas con pelica (zonchos) para as súas catro fillas, o día 1 de novembro, festividade de Todos os Santos. Previamente, cocíaas con nébeda ou calaminta, unha planta moi presente en toda Galicia, que medra de xeito silvestre. Un recordo olfactivo era ese recendo, mestura de menta, anís e ourego, que se esparexía por toda a casa e que ficará para sempre na miña pituitaria. Unha vez cocidas e escorridas,

comezaba a ensarillalas cunha agulla grosa e cordel (ou tanza de pescar, unha das grandes afeccións do meu pai). Coma se dunha ourive se tratase, engadía unha a unha, ata crear aquela alfaia tan devecida por nós. Esa imaxe tampouco se borrará do meu maxín. Despois comprobaba a lonxitude axeitada do colar, e a morneza chegaba ao noso pescozo (e, a verdade, tamén o peso). Ata que despois se escoitaba a máxica oración: “Nenas, xa están os colares”. Despois saïamos á rúa coas nosas “xoias” e luciámolas con fachenda.

Di a tradición cristiá que cada castaña comida representa unha alma liberada do purgatorio. E que a rapazada ofrecíalle os zonchos á veciñanza que pasaba, co fin de ceibar o maior número de ánimas posibles. Segundo outras fontes, os colares de zonchos teñen a súa orixe nas celebracións celtas do Samain, e facíanse para llelos poñer ás nenas e nenos ao xeito de amuleto, coma protección contra os males espíritos. Sexa como for, na súa interpretación cristiá ou pagá, ás miñas irmás e a min o único que nos deleitaba era ese saborento manxar que iamos arrincando a dentadas ata deixar a pelica puída e o cordel baleiro.

É por iso que cómpre non esquecer este agarimoso costume dos colares ou rosarios de zonchos, coma un sinal da nosa identidade e coma respecto polos nosos devanceiros. Unha tradición de moita raizame outrora, que debemos conservar.

Outra proba máis disto témola na nosa grande Rosalía de Castro, a nosa Rosa das Rosas. A esgrevia poeta dicíalle á meniña gaiteira no comezo de Cantares Gallegos (1863) "Has de cantar, / que che hei de dar zonchos; / has de cantar, / que che hei de dar moitos...”.

Por último, o EDLG quere amosarlle o seu agradecemento a todo o alumnado participante polas súas fotohistorias e tamén polo entusiasmo amosado, que fago extensivo ao seu profesorado de Lingua Galega e Literatura, especialmente á profesora Beni Vidal Tomé, xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura, e profesora do alumnado premiado neste certame, por alentalo na participación no mesmo.

Moitas grazas e parabéns a todas e a todos!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

Charla coloquio e visita de catro guías oficias.

MARTES 24 DE OUTUBRO

No marco do proyecto do Aula de Emprendemento, iniciado este ano, celebrouse a primeira das actividades planificadas para fomentar o Emprendemento no alumnado.

Nesta ocasión, a actividade dirixiuse ao ciclo de Guías, Información e asistencia Turística.

Organizada en dos tramos, no primeiro, Guido Guía có o seu proxecto unipersoal e Cascarilleiros, Guías del Bierzo e 77 Turismo Betanzos, representados por Aida Aguiar, Noelia Corredera y Jose  A. Paz, participaron nunha charla coloquio cos alumnos do primeiro e segundo curso na que posibilitóuse o acercamento e coñecemento do perfil profesional do guía e a motivación e estímulo para que os nosos alumnos se embarquen proyectos Persoais na suavizante andadura profesional, segundo os pasos dos convidados á actividade. No segundo tramo, os guías organizaron unha visita pola cidade, dirixida aos alumnos do segundo curso, cara ao análise das distintas técnicas e enfoques empregados no desenvolvemento do servizo.

 

ARS COQUENDI

Para acceder a todas as fotos pinchar no ENLACE

Un achado moi valioso e acaído en tempos do Samaín: ARS COQUENDI

Sabiades que antigamente algunhas das aulas do andar superior do edificio histórico cumprían o servizo de vivendas para os conserxes? De feito, algunha delas conserva o resto da “mirilla” ou ollo de pez da porta. Con esta información que lle escoitaron á súa profesora de Lingua Galega e Literatura Teresa Pastor Novo, o alumnado de 1º ESO A e D, guiados polas curiosidades que ten agochadas este emblemático instituto, quixo pescudar o soto deste do mesmo, coa finalidade de descubrir algo. E alí, agochada entre teas de araña e diversos trebellos, os rapaces e rapazas ficaron abraiados diante dunha misteriosa caixa negra onde se podía ler, con letras sanguiñentas: ARS COQUENDI, a arte de cociñar, en lingua latina. Ao abrila, o feitizo non puido ser maior: contiña o que viría sendo un manuscrito realizado por alumnado de hai máis dun século, con moitas receitas elaboradas cos ingredientes máis noxentos posibles, “saborentos” manxares do mundo do Alén. Abofé o gusto compilatorio dalgún conserxe fixo conservar esta alfaia.

Obviamente, isto constitúe unha brincadeira para contextualizar esta actividade, bo pretexto para renderlle unha homenaxe ao Samaín. Logo da lectura nesta 1a avaliación do libro de Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta, o alumnado dos grupos antes nomeados tivo que inventar uns pratos imposibles de comer no mundo dos vivos. Así, quixemos sumarnos á temática da morte que, cun humor maxistral, recrea a nomeada autora viguesa, con divertidas aventuras do Inframundo, protagonizadas por uns personaxes moi peculiares e divertidos. Escarlatina, unha nena cociñeira falecida no século XIX, que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés, coprotagoniza esta historia xunto con Román, quen recibira polo seu aniversario un agasallo moi particular.

Polo libro desfilan larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos. Tecidas entre ellas, asistimos a múltiples peripecias, cun exquisito humor macabro. Como novidade hogano, quixemos engadir ese ficticio manuscrito antergo, que non é máis que o seu magnífico traballo, presentado nesa caixa negra sinistra, exposta nunha mesa sanguinolenta que recrea un xantar do Inframundo. A dita mostra pódese ver no primeiro andar do Edificio histórico, instalada un axeitado 31 de outubro (anunciando a noite do Samaín).

Quérolle agradecer a todo alumnado a implicación nesta celebración tan de noso, e a boa disposición das alumnas de 1º ESO D Adriana Corrochano Martínez e Carmen Segret Vázquez, por axudar na montaxe desta exposición, sacrificando o seu tempo de lecer. De igual xeito, fago extensiva a miña gratitude á profesora Belén González Aguiar, xefa do Departamento de Latín, pola súa asesoría lingüística na tradución do título deste manuscrito, ademais de suxerirnos a deleitosa lectura de De re coquinaria, do escritor latino Marco Gavio Apicio, considerado o primeiro tratado sobre gastronomía, e que serviu e aínda serve de guía para moitos dos escritores e cociñeiros posteriores.

O Samaín foi unha data moi gorentosa en actividades porque, ademais de desenvolver a expresión escrita e mais o humor con estes pratos, tamén puxeron a proba a súa expresión oral e elaboraron microrrelatos de terror; como se de contacontos reais se tratase, narraron e dramatizaron as súas grandes historias pequenas na propia aula, nunha atmosfera arrepiante, con efectos especiais e sustos incluídos. Bo traballo, rapazada!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

XIX Concurso literario Rita Suárez Amado

Para acceder ás bases do concurso pinchar no enlace

O oficio do guía de ruta

O martes 18 de outubro veu visitarnos e a dar unha charla sobre o oficio do guía, Yolanda González, antiga alumna, hoxe guía acompañante  e guía oficial de Galicia. Presta os seus servizos en Europamundo Viaxes, un dos Operadores de turismo máis importantes do sector e tamén colabora periodicamente con axencias de viaxes de Galicia.
Entre unha viaxe e outro, os alumnos tiveron a oportunidade de escoitar os seus consellos e recomendacións. Moitas grazas pola túa visita!

Distribuir contido


by Dr. Radut