Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Actividades curso 2023-2024

ACEITES MEDIEVAIS

O alumnado da materia de Latín de 1º F é o autor do traballo ACEITES MEDIEVAIS exposto no corredor do centro O alumnado traduciu os textos de receitas en Latín medieval de aceites esenciais presentes nos seguintes manuscritos:

  • Paris, Bibliothèque nationale de France,
  • lat. 11219 Uppsala,
  • Universitetsbiblioteket, C. 664 Città del Vaticano,
  • Biblioteca Apostolica Vaticana, Barberini lat. 160

e elaborou os aceites de loureiro, rosas, pexego ,lirio, noces... seguindo as receitas dos monxes medievais. 

O traballo foi codirixido pola profesora de Latín do centro Belén González  e a alumna de prácticas do Máster de profesorado Eva Antelo.

Departamento de Latín 

Roteiro galeguista 4º ESO

Acceso a todas as fotos no ENLACE

O alumnado de 4º ESO levou a cabo unha saída didáctica para coñecer os lugares emblemáticos da Coruña que tiveron importancia na historia do galeguismo. Repartidos en catro quendas, realizamos a visita entre marzo e abril. Acompañados por profesorado dos departamentos de Lingua Galega e Literatura (Vitoria Sánchez Regueiro, Mónica Lourido Santiso e Dulce Fernández Graña), Lingua Castelá e Literatura (Sabela Prieto ) e Economía (MaJosé Fojo), realizamos o percorrido a pé entre o instituto e a Cidade Vella, deténdonos nos lugares sinalados pola historia do galeguismo na cidade, nomeadamente o lugar de fundación da Editorial Nós na rúa Real, ou no local onde se fundou a primeira Irmandade da Fala en 1916 denominado “A Cova Céltica”, situada na rúa da Franxa. Continuamos pola Praza do Humor, onde se rende homenaxe aos nosos autores máis retranqueiros, e como non podía ser doutra maneira, saudamos a Risco, Castelao, Cunqueiro e o seu Gatipedro.

En cada parada o alumnado rendeu homenaxe á memoria dos escritores e escritoras homenaxeados/as lendo textos e recitando poemas, mentres os/as asistentes inmortalizabamos cada momento. A estatua que homenaxea a figura senlleira de María Pita, a casa onde viviron Rosalía de Castro e Manuel Murguía coa familia, e a de Francisca Herrera Garrido foron outros lugares onde rendemos homenaxe ás nosas sobranceiras figuras. Foi mágoa que ao Xardín de San Carlos onde está soterrado Sir John Moore non puidemos acceder por estar pechado temporalmente ao público.

Así mesmo, fixemos parada obrigada na Real Academia Galega e na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, na rúa Tabernas, onde esta vez quedamos ás portas sen podermos percorrer o interior do edificio, xa que se encontra en obras. Xa no camiño de volta, recitamos os últimos poemas nos xardíns de Méndez Núñez, ao pé do impoñente monumento de Asorey a Curros Enríquez, e diante da efixie do bardo Eduardo Pondal.

Chegamos ao instituto cos pés cansos mais o espírito enriquecido por unha nova percepción da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

Actividades do Club de Ciencia do Eusebio 2024

Toda a información da actividade no ENLACE

Formación Polos Creativos

Acceso a máis fotos no ENLACE

No mes de marzo leváronse a cabo no instituto dúas xornadas de formación no grupo de traballo Polos Creativos. Grazas ao material cedido temporalmente polo CFR da Coruña, o profesorado puido aprender o manexo tanto do equipo de radio como da máquina de coser. Previsiblemente, neste curso teremos ao dispor da comunidade educativa os nosos propios aparellos para poder levar a cabo os proxectos Corazóns Solidarios e Radio Escolar. 

Grupo de traballo Polos Creativos

Celebración da Festa das Candeas ou da Candeloria 2024

Acceso a todas as fotos no ENLACE

Acceso aos premios: Debuxo 1, Haiku 1, Haiku 2, Brétema debuxo

O pasado 2 de febreiro celebrouse a Festa da Candeloria, tamén chamada Festa das Candeas, que ademais da beizón das velas, simboliza a Festa do Amor.

Así pois, hai poucos anos na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, concretamente na capela do Rosario, celebrábase na misa da mañá o casamento de dúas pombas que se ceibaban ao remate do acto relixioso. O carácter amoroso dese día estase a esquecer pasando a doce días máis tarde, é dicir, por San Valentiño, por influxo do consumismo comercial.

E tamén nalgúns lugares de Galicia, festéxase ese día a chamada Festa do Pote, como no concello de Verín (Ourense) onde pode haber na mesa cachucha, ovos, cabrito, tortilla, vitela, fideos con azucre, roscas, churros, figos, roscóns, arroz con xarope, noces, laranxas e bica de rixóns co cal á festa anterior tamén se lle engade unha celebración gastronómica.

Por estes motivos expostos, cómpre recuperar vellas tradicións de noso que ás veces poden chegar a desaparecer e que constitúen sen ningunha dúbida unha parte fundamental da nosa identidade cultural. Hogano, e dada a dimensión da efeméride, o Día das Letras Galegas está adicado á escritora coruñesa e antiga alumna deste instituto Luísa Villalta. Por esta razón, o EDLG decidiu que a festividade do Amor deste ano fose un tributo cara a esta esgrevia muller. Así, organizou un concurso diversificado en dúas categorías: a primeira, consistente nun debuxo de Luísa Villalta na Coruña e lema de amor á nosa cidade, dado o inmenso amor de Villalta pola súa Matria- A Coruña, facendo do seu berce un emotivo canto de amor, nomeadamente no seu poemario En concreto, (2004),

A segunda das categorías foi para subliñar a excelsa mestría de Villalta pola poesía, unha maneira de reflectir a vida, que é o mesmo que dicir a vida mesma, tal como o expresou ela nuns versos do seu poemario Ruído (1995): “Acabarei por facer do poema a biografía, /atar os días a xeito de tercetos encadeados/ e espertar-lle ao mundo que si, que é posíbel/ viver como vive a poesía, voar de aquí a alá/ nalgo tan sutil e ao mismo tempo tan exacto”.

Facendo pois unha xuntanza entre o Amor e a poética villaltina, o EDLG convocou, ademais un concurso de haikus de amor, en lembranza deste tipo de poemas que tamén cultivara a autora en “Sete haikus”, aparecidos no xornal El Correo Gallego o 4 de abril de 1985, que a día de hoxe non pasaron a editarse nun libro. O concurso consistiu na elaboración de haikus sobre o amor, como sentimento cara a outra persoa que nos atrae. Cada participante puido presentar tantos haikus como desexou.

Hai flores de Tempo/ no xardín./ Mais, se as corto,/ desaparecen. Luísa Villalta, As palabras ingrávidas (2020)

Así, antes das vacacións de Semana Santa fóronlles entregados os premios da Candeloria 2024 aos

seguintes alumnos e alumnas:

Categoría: Debuxo de Luísa e mais lema de amor á Coruña:

- 1º premio Claudia Vilá Veiga (1º ESO A): Mar de Riazor e Torre de Hércules; lema: “Ela é a brétema que acariña A Coruña”. (Tarxeta agasallo de 20 € para gastar na Fnac)

- Pola calidade do debuxo presentado, o xurado acordou outorgarlle un accésit ao traballo do alumno de Francisco Ríos García (1º BACH F): Instituto Eusebio da Guarda con verbas de Luísa Villalta: “Ler palabras vivas de poetas mortos”. (Tarxeta agasallo de 15 € para gastar na Fnac)

Categoría: Elaboración de haikus de amor:

- Carmen Eiroa Martínez (4º ESO A): Almorzo romántico para dúas persoas en Sanbrandán Lunch (15 €)

- Aleksandr Mkrtychyan (4º ESO C): Almorzo romántico para dúas persoas en Sanbrandán Lunch (15 €)

Nas fotografías adxuntas a esta reseña, o alumnado gañador aparece xunto coas súas profesoras de Lingua Galega e Literatura, Beni Vidal Tomé (1º Bach F), Victoria Sánchez Regueiro (4º ESO A e C) e Teresa Pastor Novo (1º ESO A).

O EDLG quere agradecerlles a todo o alumnado e profesorado participante o seu traballo e esforzo,alentando a continuidade ás nosas tradicións e costumes.

Teresa Pastor Novo

(coordinadora do EDLG)

As familias coñecen a oferta de estudos superiores

ENLACE ao artigo publicado en La Voz de Galicia

Entrega premios entroido

Acceso a todas as fotos no ENLACE

Alumnado de 1º de ESO B, 3º de ESO B, 4º de ESO A e 2º Bac F acudiron esta semana a desfrutar do seu merecido chocolate con churros, premio por participar e gañar o concurso de disfraces do entroido, no que alumnado e profesorado vestíronse dos anos vinte. 

Ariana Crego Romero, 2ºESOD, Premio da Poesía

No Día Mundial da Poesía, Ariana Crego Romero (2º ESOD), leu o texto co que gaña o premio de poesía (nivel 1) no XIX Concurso Literario Rita Suárez Amado

Acto de homenaxe a Rita Suárez Amado 2024

Acceso a todas as fotos do acto no seguiente ENLACE

Día da Poesía no Eusebio

O Eusebio celebra o Día Mundial da Poesía coa lectura de poemas da nosa exalumna Luisa Villalta

Acceso ao audio do programa de radio no ENLACE

Acceso ao artigo publicado en "la Voz de Galicia" ENLACE

Viaxe ao CERN

ENLACE a máis fotos

Viaxe ao CERN do alumnado de Física de 2º de bacharelato

Día Mundial da Poesía 2024:Celso Emilio Ferreiro

Dende 1999 e aprobado pola UNESCO, o 21 de marzo, comezo do equinoccio da primavera, celébrase internacionalmente o "Día Mundial da Poesía", unha das artes máis antigas da humanidade. Con isto, o dito organismo entendeu a poesía como "o movemento social a prol do recoñecemento dos valores ancestrais, a tradición oral e a aceptación da palabra como elemento que socializa e estrutura as persoas. Ese movemento, que pode axudar os mozos a redescubrir valores esenciais, permítelles reflexionar sobre si mesmos”.

Así, hogano a RAG decidiu dedicarlle este día ao poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro. O berce natal (patria tamén de Curros Enríquez) xa prognosticaba que sería un dos máximos expoñentes da poesía social, do socialrealismo, unha expresión sen mirar para o outro lado e denunciando sen medo, malia as represalias, todo o que estaba a acontecer ao seu redor. Porén, soubo achegar outras vertentes poéticas, entre as que cómpre destacar a liña intimista, coa delicadeza dun vate namorado ata a eternidade da súa amada Moraima, ou reflectindo unha dor existencial, dunha dor da alma, desencantada co devir dos acontecementos vitais, marcados por uns xogos do destino. Alén disto, cómpre destacar a súa poesía satírica, cunha retórica corrosiva, escarnecedora, que lle serviu para, como se dun poema circular se tratase, unir a crítica social anteriormente nomeada co “humor de lima xorda”, como no seu día expresara Castelao. Adicado ás mozas e aos mozos, un futuro que xa é hoxe, velaí estas sabias palabras de Celso Emilio Ferreiro:

PRA MOCEDADE

Tedes que alcender un facho

de baril inconformismo.

Non, non, diredes decote

aos profesores de mitos,

que queren de contrabando

pasar por falsos paradisos.

 

Non, non, diredes arreo

aos que van no seu machiño

cabalgando moi contentos

entre nubes de outimismo.

Non, non, debedes decir

aos que minten por oficio.

 

A verdá, soio a verdá

da terra na que vivimos,

labrada en berros de lume,

nas cida en berce cativo.

A verdá, soio a verdá

da terra na que nascimos.

 Teresa Pastor Novo (coordinadora do EDLG)

Poemas de Celso Emilio Ferreiro, recitados e escollidos polas profesoras do Departamento de Lingua Galega e Literatura:

  •  “Pra Moraima, sempre”, de Onde o mundo se chama Celanova (1975): Beni Vidal Tomé (xefa do  Departamento).
  •  “Irmaus”, de Longa noite de pedra (1962): Beatriz González-Moro.
  •  “Muller”, d ́O soño sulagado (1954): Dulce Fernández Graña.
  •  “A leución”, de Viaxe ao país dos ananos (1968): Teresa Pastor Novo (coordinadora do EDLG).

Audios da lectura dos poemas: 

Celso Emilio Ferreiro no Día da Poesía

 

Función social da poesía 

A proposta temática do Día da Poesía, arredor da función social deste xénero, conecta coa tradición da literatura galega e tamén cun momento convulsivo a nivel global, marcado por dilemas éticos, bioéticos e conflitos bélicos nos que semella pertinente preguntarse de novo sobre “a potencia da palabra poética e a súa capacidade para erguerse como protesta e, tal vez, aspirar a mudar as cousas”, contextualiza María López-Sández (RAG). “A poesía como ferramenta serve para enfrontarnos ás nosas inquietudes existenciais pero tamén aos nosos desafíos colectivos. A palabra protesta sempre estivo aí, e na poesía galega quizais con máis razón, con voces tan potentes como as de Curros Enríquez, Ramón Cabanillas ou o propio Celso Emilio, porque a propia escolla da lingua implica xa un compromiso social de partida. Feliz Día da Poesía! DEPARTAMENTO DE LINGUA GALEGA E LITERATURA

 

Fotos do acto , pinchar no enlace

Acceso a todas as poesías no enlace

Audios da lectura das poesías: 

 

 

Día da Poesía nos Clubs de Lectura

O pasado 21 de marzo celebramos o Día da Poesía nos clubs de lectura do instituto. No club de 4º ESO estreamos a radio para gravar varios audiopoemas recitados e comentados polo alumnado. Gustavo Adolfo Bécquer e Álvaro Cunqueiro voaron nas ondas radiofónicas grazas ás voces de Noa, Aurora, Gerrard, Jhostin, Estela e Mara.

No club de lectura de bacharelato celebrámolo tamén cun recital poético na biblioteca a cargo do alumnado, acompañado da exposición dos libros escollidos. Esta vez foron os versos de Luz Pozo Garza, Pablo Neruda, Curros Enríquez, Manuel María, Rosalía de Castro e Ana Fernández os que encheron de sensacións sonoras a biblioteca nas voces de Noa, Carla, Silvina, Irene, Marta, Katia, Andrea, Natalii, Héctor, Sara e Yara.

Por outra banda, Beatriz, Samuel e Claudia de 2º bach D entrevistaron o poeta François Davo, profesor de Francés no noso instituto; François explicounos o que significa para el a poesía desde a súa propia experiencia, ensinounos algúns dos seus libros e recitou para nós un dos seus poemas.

Para acompañarnos na escoita, accedede ao noso blog desde estas ligazóns.

Feliz Día Internacional da Poesía por moitos anos!

Dulce Fernández Graña, Departamento de Lingua Galega e Literatura

Coordinadora dos Clubs de Lectura

Promesas en Ciencia no Eusebio e máis alumnado coruñés

Juan Brandariz do Eusebio da Guarda e Santiago Sánchez da Grande Obra de Atocha

Máis información nos seguintes artigos  en prensa:

ENCONTRO COA ESCRITORA ANA ALONSO

Este luns 11 de marzo houbo un encontro do alumnado de 2º de ESO coa escritora especialista en literatura xuvenil Ana Alonso para falarnos da súa novela Los tejados de París. A autora falou das estratexias á hora de compoñer novelas, das súas orixes como novelista e da súa traxectoria, respondendo tamén ás numerosas preguntas formuladas polos alumnos sobre todas estas cuestións e sobre algúns aspectos da trama da novela citada. O acto finalizou coa firma de exemplares da obra.

José Luis Gundín Vázquez                                                                                                                                    

2º de bacharelato na Ruta do Quijote

FEIRA DAS PROFESIÓNS NO EUSEBIO

CORRESPONDENTES XUVENÍS E CARNÉ XOVE

Máis fotos da actividade no enlace

O luns 26 e martes 27 de febreiro, os Correspondentes Xuvenís do noso centro colaboraron na difusión de información e material para a emisión do Carné Xove. Unha traballadora do Concello desprazouse ao noso centro o martes para que o alumnado que non tivese aínda o Carné Xove puidese solicitalo. Para facilitar e difundir esta actividade, o alumnado de 3º ESO E e 4º ESO E coordinados polas súas titoras Beatriz González-Moro e Dulce Fernández Graña, percorreron as aulas de ESO e Bacharelato para facilitaren información, repartir os impresos e resolver as posibles dúbidas. Os/as solicitantes menores de 14 anos precisan a autorización asinada das persoas responsables.

Desta maneira, o martes o alumnado interesado só tivo que entregar o impreso cuberto á traballadora do Concello para realizar a solicitude durante un dos recreos. O Carné Xove permite obter descontos en numerosas tendas e negocios ata os 26 anos. Dentro dunhas semanas repartiranse ao alumnado que os solicitou.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

OLIMPIADA DE BIOLOXIA

Juan Brandariz Castro segundo, Sofía Martínez Diz-Lois terceira. O Eusebio representará a Galicia na nacional por terceiro ano consecutivo.

Enlace ao artigo publicado en La Voz de Galicia

Enlace a máis fotos

Distribuir contido


by Dr. Radut