Orientación

27.IV.2016 Encontro no Aguiar de Correspondentes Xuvenís de Betanzos co galo do Día Europeo da Información Xuvenil

 

Betanzos (A Coruña), 27 de abril de 2016.-

Un total de 18 mozos e mozas, coordinados por 4 docentes, participan este ano en Betanzos no programa Correspondentes Xuvenís 3.0, unha iniciativa da Consellería de Política Social que consiste en formar unha rede de mozos e mozas que teñen o papel de “antenas” informativas para difundir nos seus centros de ensino programas e información de interese xuvenil. Todos eles son estudantes dos IES Francisco Aguilar e As Mariñas e do CPR Nuestra Señora del Carmen- Atocha. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe nunha xuntanza con estes correspondentes co galo da celebración este venres do Día Europeo da Información Xuvenil.

 

Cecilia Vázquez agradeceu o seu traballo voluntario e resaltou que “a dinamización da información dentro do sistema educativo está considerada un eixo fundamental para ter redes de información xuvenil verdadeiramente operativas”. A directora xeral tamén lembrou que “esta é unha iniciativa de educación non formal que fomenta a participación xuvenil, ao tempo que o correspondente adquire valores como a solidariedade, o liderado e habilidades comunicativas e sociais”.

 

No total galego, no programa Correspondentes xuvenís 3.0 participan neste curso escolar 482 mozos e mozas, estudantes do segundo ciclo da ESO, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional. Está presente en 67 centros da comunidade galega, dos que 63 son institutos de secundaria, 3 residencias xuvenís e o Centro Residencial Docente de Vigo. Esta iniciativa, experimentou un aumento de participación con respecto aos datos do curso pasado, na que se implicaran 383 alumnos dun total de 62 centros educativos.

Os alumnos correspondentes reciben información de xeito periódico, así como un boletín informativo semanal e outro material de interese que se elabora no Centro coordinador de información xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta publicación contén todos aqueles temas que poden ser de interese para os mozos e mozas como bolsas de axudas, ofertas de traballo, recursos e dirección de interese, aloxamentos xuvenís ou ocio e tempo libre.

Unha vez recollida a información, o correspondente a difunde entre os seus compañeiros a través de diferentes medios como taboleiros no propio centro educativo, blogues ou redes sociais. Os correspondentes son “mediadores” de información xuvenil entre iguais, o que redunda nunha mellor acollida por parte dos compañeiros, ao sentirse máis identificados coa temática cando non é un adulto que o informa.

 

Correspondentes xuvenís 3.0 tamén dá visibilidade ás actuación xeradas polo propio centro coma certames, concursos ou viaxes, e todas elas poden ser exemplos de boas prácticas a seguir por outros centros ou entidades xuvenís. 

 

http://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/4561/directora-xeral-xuventude-participa-nun-encontro-cos-mozos-mozas-programa-correspondentes

Encontro dos Correspondentes 3.0 de Betanzos.

 

CECILIA VÁZQUEZ.  

Directora Xeral de Xuventude e Voluntariado

O mércores 27 de abril teremos a honra de reunir no noso instituto a todos os rapaces e rapazas dos tres centros de ensino secundario de Betanzos que participan no programa da Xunta de Galicia,  Correspondentes 3.0. Os correspondentes son rapaces e rapazas voluntarios que se encargan de difundir información de interese xuvenil entre os seus compañeiros por medio dos taboleiros de anuncios e cunha activa participación nas redes sociais.

 

O IES Francisco Aguiar participa por segundo ano neste programa e por iso é unha alegría recibir no noso Instituto aos correspondentes do IES As Mariñas e do Colexio de Atocha. Asemade visitaranos M. José, directora do Espazo Xove de Betanzos,  impulsora da nosa participación en correspondentes 3.0  e a máxima responsable destes programas na Xunta de Galicia, a betanceira,  e directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez. 

 

 

Xornada de orientación para alumnado de BAC e familias

Unha xornada cun sinxelo programa ( enlace) na que ex alumnos/as do IES Francisco Aguiar son os protagonistas orientando aos actuais estudantes de BAC e ás súas familias no complicado panorama ao que se enfrontan.  Velai o elenco!

 

- Salvador Naya Vicerreitor e  Prof. Matemáticas da UDC

- Victoriano Rdguez. Prof. de Ciclo Superior FP

 

- Inés Barbeito Matemáticas/Máster Estatística USC

- Lucas Longueira Física/Máster Estatística USC

- Critina Babío/Leticia Iglesias Química USC/UDC

- Paula Ramos Medicina USC

- Fátima Gómez Fisioterapia UDC

- Patricia Novo Enfermería UDC

- Verónica Caínzos Ciencias do Mar UVigo

- Alvaro Couto Tecnoloxía  da Enxeñería Civil UDC

- L. Miramontes Naútica e Transporte Marítimo UDC

- Manuel del Río Informática UDC

- Marta Seijo Comunicación  Audiovisual UVigo

- Catuxa Gómez/Laura Antón Maxisterio(primaria)UDC

- Icía Rodríguez Xornalismo USC

- Elaine Monteagudo Dobre Grao  Inglés e Galego-Portugués UDC

- Berta Otero Información  e Documentación UDC

- Lucía Díaz Tradución e I. UVIgo

- Lucía Arias ADE UDC

- David Martínez Piloto Comercial e ADE(ABS)

- Paula Pedreira Dereito UDC

- Andrea Montero Educación Social UDC

- Érika  Psicoloxía UDC

- Sara Fraga Historia USC

- Lidia Gómez Graos en Galego e Español USC

- Ana Acción CS Xoieiría EASD Mestre Mateo

 

- César de Andrés Xestión Hotelera USC

 

Grazas pola colaboración e por seguirvos sentindo parte do Aguiar

Xoves 21 de xaneiro. Charla de Orientación para 2º BAC.

     O xoves 21 de xaneiro  o profesor Pedro M. Rey Suárez dirixirase ao alumnado de 2º BAC do noso instituto nunha charla de orientación sobre a universidade e sobre a nova etapa que se abre para eles unha vez rematada a do ensino secundario.

     A actividade, organizada polo Departamento de Orientación do noso instituto, que dirixe Amparo Mejuto,  contará coa presenza de Pedro M. Rey Suárez, profesor de "Fundamentos da análise Económica"  na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela

 

Charla de orientación para 2º BAC

Un ano máis o Departamento de Orientación, que dirixe Amparo Mejuto, e o Ciclo Superior de Xestión de Espazos Comerciais a través do seu profesor Victoriano Rodríguez,  reuniranse nunha charla informativa co alumnado dos catro grupos de 2º BAC do IES Francisco Aguiar. 

O obxecto desta charla é informar ao alumnado sobre aspectos básicos de orientación para abordar os vindeiros meses cheos de importantes decisións:

  • como será a proba de selectividade,
  • que outras saídas se plantexan como alternativa a ela,
  • como deseñar o plan de estudos logo do bacharelato,
  • as alternativas no mundo universitario,
  • as saídas que se propoñen dende a formación profesional....

 

O xoves 3 de decembro ás 11.45 no Salón de Actos terá lugar o encontro que agardamos sexa de grande utilidade para o noso alumnado.

Correspondentes Xuvenís no Aguiar. Crónica e valoración dunha experiencia.

 

Comezou o curso 2014-2015 coa visita de María José, traballadora no Espazo Xove de Betanzos. Propoñía iniciar un proxecto de información xuvenil colaborando ambas institucións: Espazo Xove e IES Francisco Aguiar. O resultado foi o inicio dun proxecto de creación dunha "antena informativa" que se acolleu ao Plan Proxecta baixo o título:  INFORMA-TE

Eran moitas as razóns que xustificaban a necesidade dunha antena informativa no IES Francisco Aguiar:

  1. O xove para participar necesita coñecer os seus dereitos, as posibilidades que a sociedade lle ofrece, os recursos que ten para elo, etc.

  2. O xove atópase nunha etapa de formación personal na que ten que tomar un gran número de decisións fundamentais

  3. O emprego axeitado do seu tempo libre pode ser moi importante para o seu enriquecimento e desenvolvemento persoal.

  4. Hai moitos proxectos e programas europeos nos que a mocidade pode participar. Neste sentido, a información é un factor clave para a igualdade de oportunidades.

 

A axuda do espazo Xove de Betanzos e os seus traballadores xunto coa activa e entusiasta participación dun grupo de catro alumnas de 1º de Bacharelato (Julia, Mar, Penélope, Eva) foi decisivo no desenvolvemento deste proxecto. Neste senso era fundamental facilitar as canles de comunicación entre o Espazo Xove, e os diversos participantes do IES Francisco Aguiar.

 

Ao remate dista experiencia quedou cumplido o dito obxectivo de crear no IES Francisco Aguiar unha canle de información que trasladase ao alumnado toda aquela oferta informativa que poidese ser de interese.

 Igualmente consideramos axeitadamente cumplidos os obxectivos específicos: que se referían achegar a información de xuventude.net aos compañeiros a traves das redes sociais e dos dous taboleiros instalados en senllos edificios do IES e procurar manter actualizada a información

 

     Quedou en cambio para convocatorias posteriores a instalación dunha pantalla informativa na entrada do IES. E sobre todo, traballar máis na dirección inversa á iniciada este ano: porque, se ben foi un curso intenso en canto ao tráfico de información dende as institucións ao alumnado, fica por completar este circuito facendo que as correspondentes poidan facer de canle para que as iniciativas e propostas do alumnado cheguen á Oficina de Información Xuvenil e ao Espazo Xove de Betanzos.

      Iniciamos as actividades cunha reunión informativa para poñer en marcha a antena informativa. Nela participaron:Borja Rubio Somoza, dinamizador da Rede Galega de Dinamizadores Xuvenís, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, quen axudou a orientar o proxecto e trazar liñas claves do mesmo, a traballadora do espazo Xove de Betanzos, as catro alumnas de 1º de Bacharelato que actuaron como correspondentes este curso, o Director do noso IES e os xefes dos departamentos de Orientación e de Actividades Complementarias e Extraescolares. Na susodita reunión o informador xuvenil informou sobre o que significa a antena xuvenil, as súas funcións e funcionamento e ofertou apoio continuado na tarefa

       A acción principal do noso proxecto centrouse en dar información sobre temas de interese para a xuventude, eventos, ocio, deportes... e servir de nexo de unión entre a xuventude e o/a informador/a xuvenil para captar as necesidades e programar actividades en función delas.

      O medio principal para facer chegar esta información foi a instalación de dous taboleiros de anuncios nos dous edificios de ESO e BAC do noso IES. Conforme pasou o tempo esta acción completouse cunha presenza nas redes que se materializou en senllas contas de facebook e twitter.

 - twitter: @espazoxovebetanzos

 - Facebook: https://www.facebook.com/espazoxovebetanzos?fref=ts

 A información xuvenil dos taboleiros de anuncios e das redes sociais, nútrese da página: http://xuventude.xunta.es/ e, máis concretamente de: http://xuventude.xunta.es/boletin-semanal.html

 Tamén, as correspondentes recibían semanalmente dende o Espazo Xove a información de canto lles poidese interesar pola súa idade, proveniente do Concello de Betanzos.

 

  

   Unha das acción que acadou maior repercusión foi a organización dunha xornada lúdico-formativa coincidente co último día do primeiro trimestre. Nela o equipo de correspondentes, profesorado e técnica de información xuvenil fixo unha oferta de lecer ao alumnado que foi moi ben valorada pola poboación escolar. Nela incluíanse obradoiros de DJ, grafitti, skate e zumba.  (http://www.edu.xunta.gal/centros/iesfranciscoaguiar/node/1455)

 

En colaboración co Espazo Xove o equipo de correspondentes colaborou coa recollida solidaria de tapóns de plástico. Iniciativa ista que se mantivo, con notable éxito durante todo o curso escolar instalando en ambos edificios un punto de recollida.

 Outra das accións importantes que se desenvolveron foi a realización dunha serie de charlas dirixidas a alumnos e alumnas de todos os grupos de 3º e 4º da ESO para informar de actividades organizadas pola susodita Direccción Xeral cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do ocio, do tempo libre, e a formación. Tiveron lugar o martes 3 de marzo e participaron nelas a responsable do Espazo Xoven de Betanzos ( Mª José), un técnico da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (dependente da Consellería de Traballo e Benestar), coa presenza de Cecilia Vázquez Suárez da mesma Consellería.

Igualmente recibíuse a visita no centro, do Director Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.

 

 Para o desenvolvemento deste traballo contouse principalmente non tanto con grandes medios materiais como con persoas entregadas ao proxecto: A técnica de información xuvenil do espazo Xove de Betanzos, as catro alumnas responsables da antena de información xuvenil, que se amosaron en todo momento  moi dinámicas e con interese de estar informadas e transmitir a información, os Xefes dos Departamentos de Orientación e de Actividades Complementarias e Extraescolares e a activa dinamización do Director do IES. Este grupo reuníuse ao longo do curso cunha periodicidade aproximada dunha vez cada quince días.

 A antena xuvenil ocupou un espazo visible no primeiro andar de dous edificios do IES, o edificio de BAC e o da ESO. Neles instalouse un taboleiro de anuncios con toda a información de interese, procurando a maior visibilidade e que estivese permanentemente actualizada.

Engadiremos a isto o espazo na rede que supuxo acreación de contas en facebook e twitter

 

En suma, a posta en marcha da antena informativa resultou unha novidade moi ben acollida polo alumnado, especialmente polo de Bacharelato. Hai que valorar neste senso que se trata dun tramo de idade , en xeral, máís interesado neste tipo de información. A isto engadiremos o feito de que as correspondentes eran alumnas de bacharelato polo que se engadía ao interese da información a vinculación coas transmisoras da mesma.

 Foi frecuente ver alumnos e alumnas consultando os taboleiros e máis aínda eran frecuentes as preguntas ás correspondentes relativas a diversas informacións que aparecían nos mesmos. Tamén foi crecendo a consulta nas redes sociais ( facebook, twitter)

 Como indicabamos ao inicio destas liñas resta por completar o circuito facendo de canle das propostas do noso alumnado dirixidas cara as organizacións xuvenís. Posiblemente, xunto co mantemento da iniciativa e a súa maior extensión ao alumnado da ESO, iste sexa o principal reto para o vindeiro curso.

Polo de agora, agradecemento e  parabéns especiais para Julia, Mar, Penélope e Eva. Agardamos seguir contando convosco!

 

Segunda sesión do Obradoiro de Bebidas Saudables

Durante a mañá do martes 19 de maio, o alumnado de 4º da ESO poderá participar no Obradoiro de Bebidas Saudables. Iniciativa ista de tradición no noso instituto e  que pretende, sobre todo, unha reflexión sobre o modelo de lecer baseado no consumo de alcohol

IV Xornadas de Formación e Sensibilización sobre a Atención á Diversidade

Os próximos 29 e 30 de maio, na Aula de Cultura "Xulio Cuns" (Edificio Liceo)de Betanzos, celebraremos as IV Xornadas de Formación e Sensibilización sobre a Atención á Diversidade, dirixidas a docentes, pais e nais e interesados en xeral.

Enlace ao programa

O 30 de abril é a data límite de inscripción.

 

Quérote +. 1ª sesión de traballo. 8 de abril 2015

     Un ano máis, o IES Francisco Aguiar participa no Plan Proxecta da Xunta de Galicia. E concretamente no seu programa QUÉROTE +  de educación afectivo-sexual da mocidade.Desta volta farémolo pola modalidade que leva o título "socializando" .

     O traballo vai dirixido ao alumnado de 3º da ESO que traballará en tres sesións os temas de convivencia, uso das TIC's e fenómeno do botellón.

Plan Municipal de Prevención das Drogodependencias. Sesións con Juan Carlos Prados

Nestes días de remate do trimestre andamos atarefados no Aguiar con aspectos da formación do alumnado que, sen ser estrictamente curriculares, revisten unha importancia capital. Son, por tanto, un obxectivo importante do noso proxecto educativo.

Por esta razón cada ano o IES Francisco Aguiar participa no Plan Municipal de Prevención das Drogodependencias que se leva a cabo dende a Unidade de Prevención de Conductas Adictivas en colaboración coa Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Dende hai varios anos visítanos o psicólogo Juan Carlos Prados que realiza varias sesións con cada un dos grupos da ESO.

A primeira, que está a ter lugar nestes días ( 3º da ESO o mércores 25, 2º da ESO o martes 26, e 1º da ESO o venres 27), ten que ver coa xestión da emocións .  Á volta das vacacións no mes de abril, tratarase nunha nova sesión específicamente o tema das drogas.

 

 

Distribuir contido