PLANTANDO NO HORTO ESCOLAR

Aproveitando a xornada de Acompañamento Entre Iguais, o alumnado de 2º de primaria e 6º de educación infantil comezou a plantar cebolas no horto. Uns e unhas auténticos e auténticas xardineiros e xardineiras!!

APRENDENDO SURFING NA PRAIA

Onte comezaron na praia de Razo as actividades de surf na praia englobadas no proxecto "Aprende a través do Surfing". 

Hoxe tocoulle o turno ao alumnado de quinto de E.Primaria que participou ao longo de toda a mañá nunha xornada de convivencia, onde os nenos/as tiveron a oportunidade de desfrutar do surf, coñecer a cultura oceánica  e experimentar todos os valores do surfing.

As proximas sesións, se as condicións metereolóxicas e das mareas o permiten, serán nas datas seguintes:

  • Mércores 8 de Maio: 4º E. Primaria.
  • Xoves 9 de Maio: 3º E. Primaria.
  • Venres 10 de Maio: 2º E. Primaria. 
  • Luns 13 de Maio: 1º E. Primaria.
 
 
 
 

STOP ACOSO

Velaiquí os recursos que o equipo TICS elaborou para traballar sobre o acoso escolar e provocar dinámicas de reflexión entre o alumnado. Se pinchades nas imaxes, atoparedes contos, xogos e distintas tarefas de concienciación.

Botádelle un ollo!

Tamén estivemos realizando xogos de roles arredor de dinámicas que simulaban o acoso físico e o social, poñéndonos no punto de vista da outra persoa e identificando situacións potencialmente perigosas.

 

Tamén saímos ao patio todos xuntos lucindo as nosas pulseiras violetas en sinal de protesta e de unión.


 

IX TORNEO DE BÁDMINTON DA CRISTINA

Os alumnos/as de 5º e 6º de E.Primaria comezaron esta semana  o IX Torneo de Bádminton da Cristina. 

Ao longo das próximas semanas celebraranse todos os partidos durante os recreos.

Moita sorte a todos/as!

 

SÓ UN CAPÍTULO MÁIS!

Os nenos e nenas de 4º de EP decoraron a porta da aula coas súas lecturas favoritas!!! 

 

Fantásticos os marcapáxinas que elaboraron os/as alumnos/as de segundo para conmemorar o Día do Libro! 

 

No noso cole as actividades ao longo da Semana do Libro foron moi variadas. Os/as nenos/as de sexto de primaria e tres anos organizaron un acompañamento lector. 

Mentres, os nosos compañeiros e compañeiras do segundo ciclo e de quinto de primaria acudiron á biblioteca Rego da Balsa a unha sesión de contacontos. Tamén visitaron a exposición de materiais elaborados polos diferentes coles da contorna.

 Os compañeiros e compañeiras de 6º de educación infantil tamén se animaron a ir á Biblioteca Rego da Balsa. Daba xenio velos disfrutando da sesión de contacontos e da exposición!

A MAXIA DA CRISTINA

Para conmemorar a Semana do Libro na biblioteca Rego da Balsa, o CEIP Plurilingüe A Cristina quixo poñer o seu gran de area organizando unha exposición que leva por título "A maxia da Cristina". O alumnado de 1º de primaria puxo a súa voz a unha historia de meigas. Só tendes que presionar no pulsador para escoitala pero... Moito ollo! Porque se non prestades atención, podedes saltarvos algunha parte. Seguide a secuencia!

Cando o corazón e o cerebro conectan... Tamén se produce maxia! Fixádevos no vestido desta Menina porque amosa historias relacionadas coas emocións que nos evocan algúns dos cadros máis pintorescos. Buscade na súa saia a ver que atopades!

 

Que bonita é, non sí?

Pero a exposición esconde máis sorpresas. Arte, disfraces e a maxia que nos produce ler o noso libro favorito.

Animádevos a visitar "A Maxia da Cristina"!!!!

 

APRENDEMOS SURFING NO COLE

Remataron as sesións da primeira parte do proxecto " Aprende a través do Surfing", que se desenvolveron no noso colexio ao longo do mércores e  xoves desta semana.

Queremos agradecer a Martín e a escola de surf Boaola, a súa absoluta disponibildade e a maneira de transmitir con tanta ilusión e entusiasmo a súa forma de vida.

Moitas grazas!  

VISITA DE PERE TOBARUELA

No día de hoxe recibimos a visita de Pere Tobaruela, autor do libro "Formigas: misión Camiño de Santiago". Nunha sesión moi amena debatimos sobre as lendas e como as historias de transmisión oral poden ser utilizadas na historia en beneficio duns ou doutros.

Tamén comentamos aqueles aspectos que nos resultaron máis chamativos á hora de repasar o camiño que os discípulos do apóstolo percorreron para traer os seus restos a Compostela.

O ambiente foi moi distendido e agradecemos a Pere a súa simpatía e atención.

NAVEGA CON RUMBO

Este luns o alumnado de 5º e 6º nivel de primaria recibiu a visita de Carlos, enxeñeiro informático e ponente das charlas "Navega con Rumbo". Participamos nun coloquio moi interesante sobre a seguridade e o uso responsable da internet. Falamos sobre a importancia das contrasinais e tamén como diferenciar as fake news das novas que sí ocorren realmente.

 

Excursión o Aquarium Finisterrae

O último día antes das vacacións de Semana Santa, o alumnado de 1º e 2º de primaria visitaron o Aquarium Finisterrae en A Coruña. 

Foi un día cheo de diversión! 

Ver como alimentaban o tiburón Gastón e as focas, aprender sobre o dano que fai o lixo nas nosas praias, ver peixes exóticos, medusas e polbos! 

Aprenderon un montón e disfrutaron todos xuntos!! 

 

 

APRENDE A TRAVÉS DO SURFING 2024

 

Un ano máis, o noso centro participará no proxecto"Aprende a través do Surfing".

O mércores e xoves desta semana, dous monitores da escola de surf "Boaola", desenvolverán  unhas sesións de iniciación ao surfing aos alumnos/as de todos os cursos de Educación Primaria.
 
Estas sesións terán continuidade cunhas xornadas de convivencia no mes de maio na praia de Razo onde os nenos/as terán a oportunidade de desfrutar dun bautismo de surf, coñecer a cultura oceánica  e experimentar todos os valores do surfing.

FINAIS DA IV LIGA ESCOLAR DE BALONCESTO 3X3

 

 

 

O luns e o venres terán lugar no recreo as finais da IV Liga escolar de baloncesto 3x3, organizadas polo Basket Xiria, coa intención de facer uns recreos máis saudables e entretidos.

Nela participou o alumnado de 3º ,4º ,5º e 6º de E.Primaria.

Queremos aproveitar, para darlle as grazas ao Basket Xiria pola súa colaboración no desenvolvemento deste torneo.
 

Moitas grazas!

BRILLANTE PAPEL DA CRISTINA NO CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS ESCOLAR

Os/as dezaseis atletas que representaron ao noso centro no Campionato Provincial de campo a través escolar celebrado esta mañá no circuito Virxe do Loreto de Porto do Son ,tiveron unha sobresaínte actuación.


A nivel individual e por equipos os resultados foron  os seguintes:

JULIA

CAMPIONA PROVINCIAL ALEVÍN FEMININO

 

EQUIPO ALEVÍN FEMININO

(Luna, Ana,Victoria, Paula,Julia e Claudia)

SUBCAMPIÓN PROVINCIAL

 

EQUIPO BENXAMÍN MASCULINO

(Alex,Thiago,Hugo,Adrián,Gael e Mateo)

MEDALLA DE BRONCE



Tamén destacar a participación a nivel individual de Sara, Marta,Enzo e Lucía, que realizaron un gran papel.

 

MARTA E SARA 

BENXAMÍN FEMININO

 

ENZO 

ALEVÍN MASCULINO

 

LUCÍA 

INFANTIL FEMININO

 

 RESULTADOS CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS ESOLAR

Noraboa e moitas grazas a todos/as polo voso esforzo e comportamento!

Con este campionato ponse punto final  á tempada de campo a través por este curso, que en liñas xerais, pódese considerar de sobresaínte, xa que, o noso centro estivo presente por undécima vez consecutiva no Campionato Provincial.

Quero darlle as grazas a todos/as os nenos/as que participaron esta tempada nas dúas Fases, polo seu esforzo e comportamento, e animarvos, a seguir esforzándovos para intentar mellorar día.

Agradecer tamén ás familias, a súa inestimable colaboración durante toda a mañá.

Moitas grazas!

CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS ESCOLAR

 

Marta, Sara, Adrián, Hugo, Gael, Thiago,Álex,Mateo,Enzo, Julia,Luna,Claudia,Ana, Paula,Victoria e Lucía alumnos/as de 2º,3º,5º e 6º de E.Primaria, representarán ao noso centro no Campionato Provincial de campo a través escolar, que se celebrará este próximo venres, no circuito Virxe do Loreto de Porto do Son.

Todos/as chegan moi ilusionados á proba, aínda que conscientes da dificultade que entraña, xa que, neste campionato, tomarán parte os mellores atletas da provincia que se clasificaron nas fases intercomarcais da Coruña, Ferrol, Santiago e Noia.
 
Moita sorte a todos/as!!!

PUBLICACIÓN DA LISTAXE PROVISIONAL DE ADMITIDOS E NON ADMITIDOS PARA O CURSO 2024/25.

Dende o día de hoxe están a vosa disposición as listaxes provisionais de admitidos e non admitidos para o curso 2024/25 dos cursos: 4º nivel de educación infantil, 2º nivel de educación primaria, 3º nivel de educación primaria e 5º nivel de educación primaria, no hall do centro.

Ante esta listaxe, poderase formular reclamación, no prazo de 5 días hábiles contados a partires do día de hoxe, perante o Consello Escolar.

Distribuir contido