Skip to Content

blogue deadmin

Participación no fondo solidario de libros de texto e axudas para o material do curso 2018-2019.

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR

 De acordo coa Orde do 9 de maio de 2018 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar para o curso 2018-2019, abriu o prazo de presentación de solicitudes, que poderá ser:

  • Preferiblemente por vía electrónica, a través da sede electrónica (https://sede.xunta.gal), cubrindo o formulario na aplicación Fondolibros.

  • Ou presencialmente no colexio ou en calquera rexistro.

PRAZO: ATA O 22 de XUÑO

 A documentación necesaria a entregar:

  • Solicitude (Anexo I) e Anexo II debidamente cuberta e asinada polos pais ou/e nais.

  • Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables.

  • Certificado de grao de discapacidade, de ser o caso.

  • Documentación xustificativa no caso de situación de violencia de xénero.

  • Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou inhabilitada.

  • Certificado de convivencia, no caso de proxenitores sen DNI ou NIE.

No caso de denegar a comprobación telemática dos datos, será preciso adxuntar a información requirida na solicitude.

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da convocatoria e o tratamento dos datos de carácter persoal conforme á lexislación vixente.

Requisitos e obrigas

  • Devolver os libros de texto do curso 2017-2018 antes do 22 de xuño. Exclúese 1º e 2º de EP.

  • Conservar en bo estadoos librosde texto e o material reutilizable adquirido coas axudas no curso escolar 2018-2019.

  • Destinar os vales que se vos entreguen para adquirir os libros de texto e material escolar.

  • Non superar o límite de renda per cápita de 9.000€

  • Enmendar, de ser o caso, os erros detectados na solicitude ou achegar a documentación que falte no prazo establecido.

 Contía das axudas para Alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e ESO.

  • Alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400€: 6 libros.

  • Alumnado con renda per cápita entre 5.400 e 9.000€: 4 libros.

Contía das axudas para Alumnado de 1º e 2º de Primaria

  • Alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400€: correspóndenlle 170€

  • Alumnado con renda per cápita entre 5.400€ a 9.000€: correspóndenlle 90€

Axudas para adquisición de material escolar para alumnado de Primaria e ESO.

Renda per cápita igual ou inferior a 5.400€. Axuda de 50€.

Para calquera outra dúbida podedes consultar a Orde antes citada ou pórvos en contacto co centro.

 Un saúdo,  A Responsable de centro

Horario de xuño

 

Estimadas familias:

Lembrámosvos de que, ao igual que en anos anteriores, a partir deste venres 1 de xuño e ata o remate das clases, iniciaremos a xornada continua, polo que o horario de clases do alumnado será de 9:00h a 14:00h.

 O servizo de comedor vai incluído neste horario.

Un saúdo,

A Responsable do centro.

 

 

 

Aprendemos hábitos de vida saudable

O martes 22 recibimos unha charla sobre os hábitos necesarios para ser mozos e mozas saudables. Algunhas das recomendacións que nos deron foron comer de todo, vixiando os excesos de azucres e graxas e aprendimos como comer equilibradamente. Tamén nos aconsellaron durmir entre 8 e 10h diarias, facer deporte e relacionarnos cos nosos compañeiros e compañeiras. Xogamos uns xogos relacionados coa temática, e por portarnos tan ben déronnos uns agasallos moi chulos. 

 

Celebración do Día das Letras Galegas

O pasado mércores 16 de maio celebramos no colexio o Día das Letra Galegas que este ano conmemora á escritora Mª Victoria Moreno Márquez. Para iso, os rapaces e rapazas agrupáronse en 3 grupos e tiveron que resolver varias probas sobre a vida da autora para poder coñecela un pouco mellor. Despois, elaboramos un mural tamén sobre ela, o cal represetaba unha das obras da autora: "Mar adiante". Aprendimos un montón e puidemos coñecer un pouco máis a Mª Victoria, quen sendo estremeña, namorouse de Galicia e da súa fala, sendo un gran exemplo para nós. 


O Salgueiriño Estudante e as flores por vir

A semana pasada, aproveitando o bo tempo e os inicios da primavera, plantamos, coa axuda do mestre de Relixión, a árbore que nos enviou a Deputación de Ourense para conmemorar o día da Árbore e a Auga. A árbore é un salgueiro que se chama Camilo Séptimo, xa que os rapaces e rapazas decidiron chamalo así. Confiamos en que as súas raíces sexan teimudas e consiga crecer moito para dar sombra nos veráns. 

Tamén, aproveitando que estivemos aprendendo xardinería cultivamos uns rosais de cores diferentes para decorar un pouco a fachada do colexio e uns bulbos que esperamos que florezan pronto para gabarnos de ter mans verdes.

Velaí tendes algunhas fotos.


Día do Libro

O pasado 23 de abril celebramos na Biblioteca do Concello o Día do Libro. Esta festividade, que conmemora a morte de Miguel de Cervantes de Saavedra e William Shakespeare, entre outros escritores famosos; serve para motivar a nenos e nenas a adquirir hábitos lectores e gozar da lectura. Para iso, na biblioteca escribimos nun mural qué é para nós un libro. 

Tamén contamos coa participación de pais e nais do alumnado, que nos leron algún conto ou libro. Asemade fixeron acto de presencia varias personalidades importantes, coma o alcalde do Concello de Beariz, Manuel Prado, quen nos honrou cun pouquiño do seu tempo e nos leu un relato de Rafael Dieste, co que puidemos reflexionar. 

Foi un día moi productivo e aprendemos varias moralexas a partir dos contos que nos leron.

Podedes ver algunhas fotos na seguinte presentación

 

 

Vacacións de Semana Santa

Estimadas familias:

Informámosvos de que do 26 de marzo ao 2 de abril, ambos incluídos, serán días non lectivos, polo que non haberá clases.

As clases retomaranse o día 3 de abril con normalidade.

 Recibide un cordial saúdo e pasade unha boa Semana Santa.

Día da auga e da árbore na Ínsua dos Poetas

O xoves 22 de marzo celebramos o Día da Árbore, da Auga e da Poesía, na Insua dos Poetas, preto do Carballiño.

Participamos oito centros educativos: IES nº 1, IES Manuel Chamoso Lamas, os CPR Colexio Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro, o CEIP Virxe da Pena da Sela do Irixo, e o CEIP Nosa Señora de Xuvencos - Boborás, e como centro convidado, o colexio CPR Santa María de Ourense. O acto foi organizado polo CEIP Nosa Sra de Xuvencos (Boborás), e contou coa asistencia de numerosas autoridades.

Cada centro elixiu unha palabra vencellada coa auga e despois realizou unha actividade relacionada coa mesma. Así, léronse textos dramatizados, cantáronse cancións e se realizaron coreografías.

A palabra que escollemos en Beariz foi PINGUIÑAS porque, aínda que son diminutas,coa súa constancia chegan a formar lagos, charcos e mesmo manantiais, e os galegos e galegas temos a mesma constancia que teñen as pinguiñas de auga.

Ao rematar as representacións, plantamos unha árbore fronte ao escenario da Ínsua dos Poetas, é un carballo americano que esperamos que medre moito nos vindeiros anos.

Estivo presente a TVG que retransmitiu en directo para o programa A Revista e tamén saímos no telexornal da TVG. Tendes máis abaixo un enlace ao telexornal do día 22/03/18 e algunhas fotos do evento.

No TELEXORNAL DO MEDIODÍA a partir do minuto 34:51 http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/telexornal-mediodia-3689670

Convivencia 2018

O mércores 21 de marzo fomos ata ao colexio de O Irixo para formar parte da Convivencia con outros centros da zona como o CEIP Nosa Señora de Xuvencos (Boborás) e o CEIP Plurilingüe Eulogio Gómez Franqueira de San Amaro. 

Déronnos unha calorosa benvida e fomos directamente ao asunto. Os rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de Primaria participaron no "torneo" de Fútbol Sala para o Deporte Escolar e, aínda que perderon o primeiro partido, gañaron dous. Temos uns xogadores de fútbol expertos.

Mentres tanto, o alumnado de Infatil participou nun contacontos e os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria formaron parte dunha actividade con gallo do día da Poesía. 

O bo tempo acompañounos e, apesares de ser un día un pouco fresco, o sol foi espléndido, permitíndonos xogar e xantar no patio. Despois formarmos parte da cadea humana para carrexar o penso recadado polos catro coles, a fin de entregarllo ás encargadas da Protectora de Animais do Carballiño (PACA). E, para rematar, bailamos a GLOBAL MUIÑEIRA todos xuntos. Quedounos xenial!!! Foi un día magnífico!!!

Aquí tendes un enlace a un vídeo sobre as actividades da Convivencia realizado polo CEIP Virxe da Pena da Sela (O Irixo).

https://drive.google.com/file/d/14svhx4gKACOZONfG9i5uaHRz_SQtC3O8/view 

 

Visitamos CastroDeza

O pasado martes 20 de marzo visitamos CastroDeza en Lalín onde aprendimos dun xeito interactivo, moderno e divertido un pouquiño máis sobre a cultura castrexa. Traballamos con barro e mesmo aprendemos a empregar unha fusaiola e o liño nun especie de tear. 

Pasámolo moi ben e desfrutamos moitísimo!!

Aquí tendes algunhas fotos da visita.

Distribuir contido


by Dr. Radut