Actividades 2023/2024

Conferencia do Programa Cívico-tributario

O alumnado de Economía de 4º da ESO e 1º de BACH asistiu a unha conferencia, encadrada no Programa Cívico-tributario que realiza a Axencia Tributaria, onde se intenta concienciar o alumnado da importancia da tributación e a responsabilidade que teñen os cidadáns para contribuír e desfrutar dos bens públicos. 

Además, houbo tempo para todo. Mediante xogos e exemplos de maneira moi didáctica aprenderon canto paga un cidadán medio e a onde van os nosos impostos, sen esquecer de analizar a fraude fiscal. 

Gañadores do concurso de haikus ilustrados sobre a primavera

Temos gañadores do concurso literario de Haikus ilustrados sobre a primavera.
Foron moitas as composicións recibidas e todas elas de gran calidade. O xurado non tivo unha escolla doada. Con todo, o seu fallo foi o seguinte:

CATEGORÍA 1º, 2º e 3º da ESO: Iago Lema García (3º ESO B)

CATEGORÍA 4º ESO, 1º e 2º de BACH: Mencía Jorge Cabaleiro (2º BACH E)

Moitos parabéns! E que viva a poesía!

Álbum: Curso 2023/2024 -> Concurso de haikus ilustrados sobre a primavera

21 de marzo. Día da poesía

O 21 de marzo festéxase o Día da poesía. No IES Castelao non deixamos pasar a oportunidade para achegármonos a este xénero. Dende a Biblioteca Ramiro Fonte, en colaboración co departamento de Educación Plástica, decidimos liberar poemas para que voen entre o noso alumnado. 

No recibidor, unha gaiola agardaba ser aberta para ceibar versos para, deseguido, ser recitados. En ambos os dous recreos tanto o profesorado coma o alumnado achegouse ata o micrófono para dar voz a composicións de grandes poetas da nosa terra. 

Ademais, gran parte do alumnado decidiu participar no concurso de Haikus. Están todos expostos para darlle a benvida á primavera e que toda a comunidade educativa os poida ler. Temos moitos poetas no centro!

Álbum: Curso 2023/2024 -> 21 de marzo. Día da poesía

Excursión á neve - San Isidro - 1º Bacharelato

Do 4 ao 8 de marzo, o alumnado de 1º de Bacharelato desfrutou duns días na neve, en San Isidro. O tempo acompañounos e puideron esquiar os cinco días. Acompañados das profesoras de Alejandra e Sandra, viviron unha experiencia que non esquecerán endexamais. 

 

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Excursión á neve - San Isidro 1º BACH

Concerto da Real Filharmónica de Galicia

Desfrutando da música clásica en directo! Alumnado de 3°, 4° e 1° de bacharelato asistiron ao concerto da Real Fillharmonía de Galicia o 7 de marzo ás 20:00 no Teatro A fundación. Unha experiencia para repetir!

Álbum: Curso 2023/2024 -> Concerto da Real Filharmónica de Galicia

Formación Polos Creativos: docencia en máquinas

O profesorado do IES Castelao xa está inmerso nas formacións de Polos Creativos. Neste mes de abril celebrouse a sesión de docencia de máquinas. Sergio Mejuto achegouse ata as nosas instalacións para instruírnos no manexo da cortadora láser e da impresora 3D. 

 

Parlamento Xove 2024

Parlamento Xove é un programa da Xunta de Galicia baseado nunha formación e competición na que os diversos equipos inscritos investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización, tanto ‘a favor’ como ‘en contra’.

Nesta edición o IES Castelao participou na categoría de Bacharelato. Alejandro, Sergio, Roi e Xoel constituíron o grupo para debater arredor da pregunta formulada: Os Estados deben tomar medidas para limitar o desenvolvemento da intelixencia artificial?

Álbum: Curso 2023/2024 -> Parlamento Xove

Club de lectura: comentamos a obra Teño 14 anos e non é unha boa nova

O club de lectura A pé de obra reuniuse para debater arredor do libro ‘Teño 14 anos e non é unha boa nova, de Jo Witek e tradución de Antía Veres .

Onde sucede a historia? Podería acontencer no noso país algo así? Está baseada en feitos reais? Foron algunhas das preguntas que intentaron responder. Tamén compartiron as sensacións experimentadas durante a lectura: anguria, emoción, ansiedade, pranto, felicidade… Todas as persoas coincidiron en que a medida que afondaban na historia de Efi máis empatizaban con ela, até o punto de sentila moi próxima.

Esta novela serve para non apagar o debate sobre os matrimonios concertados e na falla de liberdade das mulleres. Sen dúbida, un libro esperanzador.

 

Conferencia de Antonio Giráldez: A orixe do conflito paslestino-israelí.

Hai uns día despedimos o noso profesor Antonio Giráldez. Logo de anos no ensino, chegoulle a tan merecida xubilación. Mais, para finalizar a súa etapa laboral agasallou á comunidade do IES Castelao cunha conferencia sobre as orixes do conflito palestino-israelí. 

Deixamos por aquí o vídeo da interesante charla que impartiu explicando cal é a orixe dun dos conflitos bélicos de máxima actualidade. Ademais, podedes consultar as fotografías da xornada e escoitar a entrevista que deu ao equipo da radio escolar. 

Foi un verdadeiro luxo contar cunha persoa tan polifacética: historiador, escritor, divulgador, profesor... e un dos fundadores do Instituto de Estudos vigueses. Grazas Antonio, pola túa dedicación! 

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Despedida Antonio Giráldez

Concurso de Haikus sobre a primavera

Dende a Biblioteca Ramiro Fonte, lanzamos o concurso de Haikus ilustrados sobre a primavera para festexar o vindeiro 21 de marzo, o Día  Mundial da poesía.

Ánimo, poetas! Buscade inspiración nas musas porque agardamos polos vosos versos. 

Lede as bases e achegade as vosas composicións ao correo electrónico: 

 bibliotecaramirofonte@gmail.com

 

Distribuir contido