Conversa con Loly Lago, coordinadora das actividades da Biblioteca do IES de Fene e Xefa de estudos

Por: A. Orozco M. Suárez  (Equipa web do IES de Fene)

  
Fagamos memoria  co catecismo de Ripalda “Deus premia os bos e castiga os malos…..” . que lle parece?  Son os premios unha bendición de Deus?  É un castigo  optar a eles e non conseguilos?

Non creo que sexa un premio de Deus para quen  gaña nin un castigo aos que perden porque,  sabemos o que son os premios. Ás veces non é o mellor o que gaña,  senón o que máis lle gusta  ao  xurado

Conta  que  pasou co premio de Boas Prácticas,  a primeira vez que se presentaron viñeron coas mans baleiras e a segunda foi a vencida, acadan o segundo premio do Estado Español polo traballo desenvolvido  na biblioteca escolar o Segrel do Penedo,  a biblioteca do IES de Fene.

Cal é o segredo? O segredo é traballar e estar no momento oportuno.  É o momento.... Que se venda ben?...Tamén, que se venda…, pero ollo! Refírome a que cómpre saber contar ben todo o que se fai.

A satisfacción polo premios non está exenta  de certa amargura, debido á falta de apoio da Administración.

Quero incidir en que este premio é un recoñecemento, pero desde a Administración educativa só se nos apoia verbalmente,  no último encontro de Bibliotecas Escolares que están no Plan Mellora o Sr Conselleiro de Educación pronuncia un  discurso no que di  que as bibliotecas escolares galegas somos un referente – porque é verdade- pero,  onde está un documento que recoñeza iso que o Sr Conselleiro di que facemos tan ben? . Creo que desde as institucións non se apoian, de feito  está prevista a supresión de prazas de asesores de biblioteca nos CFR… Sí, hai un plan de mellora e  cunha dotación económica, hai  subvencións para clubs de lectura de secundaria, de primaria non. Hai cartos, pero non todo son cartos.

Institucionalmente, para o centro, ser premiado é  positivo e máis  cando o premio goza de prestixio,   por suposto…  que efecto, cre vostede que  teñen os premios nas melloras  sobre o aprender dos estudantes?

Pois eles  tamén se dan de conta de que isto é un recoñecemento, porque aí tamén está o seu traballo, é dicir, isto non tería sentido se o profesorado e os estudiantes  non lle sacaran proveito. Esta biblioteca é un centro de recursos e  os alumnos  ven como hai unha recompensa para o traballo ben feito, recoñécese a importancia do esforzo, e eu creo que transmitir a cultura do esforzo é interesante, é importantísima, fundamental.

Contan do escritor chileno Roberto Bolaño que cando se estableceu en Barcelona, á parte de traballar en diversos oficios,  concorreu a moitos premios literarios, case en calquera concello que se convocase. Eran premios alimenticios, tal como deixara dito Buñuel dalgunha das súas películas,  sacaba cartos e despois escribía o que a el lle gustaba. Para el os premios eran un medio. Para vostede  ou para a biblioteca, os premios son un medio?

Son un medio para facer visible o traballo, por eso a Universidade de Málaga nos elixe para unha investigación que está levando adiante sobre os usos das TIC nos centros non universitarios  entre catro centros de todo o Estado. Entón eu creo que, vaia, se vai vendo o que se está facendo, e se a nivel Galicia, o IES de Fene é coñecido polo traballo que estamos a desenvolver, fóra parece que está a ocorrer o mesmo.

Un premio para un equipo lévanos necesariamente a pensar como se articula ese traballo en equipo.....

Eu  creo que é un premio para o centro, o equipo é moi importante, pero hai moitísima xente que non pertence ao equipo, traballando, que está funcionando.   Non o digo  por ser politicamente correcta, eu digo o que penso: é  un recoñecemento ao traballo do profesorado deste centro, evidentemente do alumnado e  dos  pais.  Non o sinto como un premio para o grupo da biblioteca como tal, non.

Pero si hai un equipo que  ten a súa complexidade, no que  haberá que repartir xogo a todo o mundo. Quen se encarga de repartir aí o xogo?

Entre todos eh, non hai un que reparta máis ou menos, ás veces a elección do traballo faise por gustos e afeccións

 Non xorden tamén enfados, friccións o que a expresión castiza chama “pelusilla”?
   “Pelusilla”  creo que non.  Discusións,  friccións e  cabreos e “...se debe de facer así, eu creo que se debe... “ si, claro, claro que hai.

Saber escoitar  parécenos  dificilísimo. Nun traballo destes, haberá que saber escoitar moito non si?

Si si,  e ás veces oímos, non escoitamos. É  complicado non estamos acostumados a traballar en equipo, temos  a nosa illa, eu imparto a miña materia, e cando temos que “perder” un pouco do que eu quería para que entre o que quere o outro, iso costa, claro que costa.  Costa moitísimo, pero  creo que ese é o camiño.

Incluso pode haber enfados.... Houbo enfadados?  Non. Discusións moitas,  enfados non,  non. ¡ Que va, que va, que va!

Bibliotecas ideais.  Clubes de lectura. Vennos á memoria Groucho Marx:  “Eu nunca pertencería a un club que me admitise como socio”.  Damos por feito que admitirían a Groucho no club  pero sen contar a Groucho,  cantos socios ten este club?

A  frase é xenial porque el era xenial, e por suposto ¡quen nos dera telo no grupo!  Pero temos un club e para min é unha das experiencias  máis gratificantes e enriquecedora. Anécdotas, poderiamos contar… feixes de anécdotas.  Xente que comeza a ler con nós e a lectura convértese nun dos seu hobbys. Hai quen é bo lector/a e co club achégase a autores e obras que doutro xeito nunca tería lido, ou anímase a ler en galego.

Hai intelectuais aos que os clubs de lectura lles parecen anacrónicos, pero… cantos socios ten este club?

No club de lectura participan vinte pais, incluso, unha nai que marchou a vivir á Coruña participa a través do Facebook .  E logo tiñamos á avoa do club, unha alumna de adultos, que despois de asistir á inauguración da Biblioteca, e ver tantas personalidades, porque nunca tantas estiveron no centro,  cun grupo de mulleres veu aquí a preguntar se podía ser socia desta biblioteca aínda que non traballaba nin estudaba aquí.Despois matriculouse en adultos. Esta muller púxose enferma e tivo que deixalo, no Nadal escribiunos unha carta moi emotiva que nos fixo chorar. O problema témolo agora cos rapaces, nunca conseguimos pasar de dez, e sempre é o mesmo motivo, o transporte.

Houbo cambios de importancia nas biliotecas, agora  …

e perdón, non creo que sexa algo anacrónico un club de lectura, non estou nada de acordo. Temos que fomentar a lectura, a lectura crítica, a lectura en distintos soportes.  Marina, que a min é unha persoa que me encanta, di que para fomentar a lectura hai que fomentar a escritura.  Nós escribimos, aínda que sexa pequenos comentarios,  acostúmanse  a escribir e a que todo o mundo   lea o escrito  no blog da biblioteca  eu creo que iso é bo…

agora vaise ás  bibliotecas non só a ler ou estudar, senón a navegar na  internet, a ver películas , escoitar música. Tamén parece que as bibliotecas se transformaron nunha especie de parque temático, nun escaparate da industria cultural…

Non, non son  un parque temático, un parque temático é outra cousa…

pero son un escaparate da industria cultural 

Pódese  dicir:  por que nun club de lectura non se len clásicos e se le  o último best-seller?,  ás veces é importante para poder incluso simplemente opinar sobre ese best-seller. As bibliotecas escolares teñen  que ser bibliotecas híbridas,  non podería imaxinar unha biblioteca sen acceso a internet, por exemplo, nas que debe  estar presente a cultura impresa e a dixital.

Cal sería para vostede  o modelo de biblioteca ideal? Hai un modelo ou  non?

Eu si que creo que hai un modelo. No ano  2006, nas xornadas de bibliotecas escolares celebradas en Salamanca,  organizadas pola fundación Germán Sánchez  Ruipérez, que non é un concello de tres al cuarto, ás  que eu asistín e nas que disfrutei moitísimo asumíronse  as conclusións dos primeiros encontros de bibliotecas escolares de Madrid do ano 97. Hai  un modelo,  e hai organizacións internacionais que falan dese modelo. Creo que un modelo ideal de biblioteca, e a ver, enténdanme  eh, vai por onde está indo a nosa, unha biblioteca híbrida. Como   dicía antes, que sexa unha biblioteca híbrida, na que estea presente a cultura dixital e impresa.  Un centro de recursos do profesorado para traballar e acceder a información,  e tamén un centro onde no seu  tempo de lecer os rapaces poidan utilizar  internet,  ler a prensa ou ler un cómic.

Con todo isto,  Groucho Marx tería que cambiar   a frase e dicir  que “nunca pertencería a un club que o admitise como socio, agás o club de lectura do Penedo”

(risas) Agás  esta, iso é, esta sería unha biblioteca ideal que todos deberiamos asumila como tal.

Na  UE estase a facer unha investigación sobre educación, realmente isto partiu de Harward , un dos que dirixe esta investigación é  profesor catalán Ramón Flecha, e propoñen  lecturas dialóxicas,  non son exactamente os clubes de lectura, nunha conferencia que pronunciou recentemente afirmou que  nunca propoñería para ler novelas como  “El perfume”. Comezan por un clásico como a  “Metamorfose” de Kafka, nestes tipos de lecturas non hai un coordinador, todas as opinións son válidas.Na lectura dialóxica, non hai un que sabe máis e un que sabe menos. Empezan por clásicos, porque din que a única posibilidade de ler cousas interesantes é ler literatura clásica…

Nós  propoñemos de todo, porque os gustos son moi dispares, e  é un xeito tamén de facer  lectura crítica.

Pero hai cousas que cómpre probar e incluso probalas máis dunha vez, cando algo non gusta  pode ser porque non se teña  probado  o suficiente, hai que probar…

….. Claro, hai gustos dispares,  por exemplo con  “Memorias dun neno labrego”, eu cheguei coa última edición que está ilustrada por Xaquín Marín, que me parece fermosísima, e comezamos a falar un pouquiño de que ía, e sen estar proposto no club de lectura  houbo rapaces que dixeron, “eu quero levalo” . Ou con  “O neno do pixama a raias”, a min en principio non me parecía un libro para ler nenos de 12 anos, pero eles insistiron en que deberían lela,  e foi  a xustificación para facer un traballo á parte e achegarnos  á segunda guerra mundial e aos campos de concentración. Agora, por exemplo, temos pensado ler o que escribiu Carlos de Castro “A casa da lanterna” trata da  posguerra, dos fuxidos na zona de Pontedeume e Barallobre.  Os nenos que están no club de lectura, non todos teñen moi claro de que vai a nosa guerra civil, quen eran os fuxidos,  o que era o fielato...  Pois agora van facer un traballo de documentación e preguntar a pais,  avós,  veciños, amigos, que lles conten experiencias, que lles  falen  da guerra civil. E imos  ter  unha xuntanza co autor, os dous clubs de lectura. Eu creo que é importante, non é só vir e ler, é algo máis, facelos críticos, sobre todo.

Nas lecturas  dialóxicas, que non son exactamente iso, cada persoa escolle un parágrafo dun libro, na tertulia di o que escolleu, o sentido que ten, e todo o mundo participa, participan avós, participan alumnos,  xente de todo tipo, son   interclasistas  e interculturais.

Fixemos esas lecturas  cos nenos  o día da literatura infantil e xuvenil, o 2 de abril. As bibliotecas dos centros públicos de Ferrolterra,  participamos nun  proxecto encol de Xoán Farias.  Un proxecto que fixo o CEIP de Pazos,  en Serantes onde nacera,   a súa biblioteca leva precisamente por iso o nome de  “biblioteca de Xoán Farias. Leron  os rapaces e logo cada un,  como quixo e cando quixo,  elixiu un parágrafo que lle producise algún sentimento, o que fose. Cando veu Xabier Docampo, eles fixeron unha primeira lectura deses parágrafos  explicando que sentimento lles provocara e por que.

Utilizades os clásicos no club de lectura, utilizades moitos libros?

Lemos moitos libros no club de lectura, un ou dous ao mes os rapaces e dous os adultos. Agora estamos con “Memorias dun neno labrego” . A min paréceme que é é un dos que ninguén deberíaperderse… estiven con Neira Vilas, porque tivemos a sorte de que clausurou os encontros de bibliotecas escolares, teño que dicir que nos emocionou, rimos, choramos, para min foi un pracer. Esa mente lúcida, ese home marabilloso, dicíanos que o libro fora escrito para maiores, pero como Balbino era un neno, hoxe considérase que a narrativa galega para nenos empezou con el... o límite entre a literatura xuvenil e para adultos!

Ler máis ou ler mellor? Hai un tipo de lectura que é comparable á comida rápida, produce graxa, como  Harry Potter ou incluso Ken Follet e temos as  grandes obras de literatura universal, nas que están os mitos de: Don Juan, Celestina,  Hamlet,  Ulises, Mme Bovarie . Con que te quedarías?

 E por que hai que excluír?. Penso que se debe ler máis e ler mellor.. 

é escoller un ou dous destes mitos…

“a quien quieres más a papá o a mamá?”…  é que non podo eh, é como cando dicimos, que libros salvariades?

Ademais hai que ler máis, ler mellor e en todo tipo de soportes, todo tipo de lecturas. Eu teño un amigo ao que lle encanta a fotografía, que lle encantan as novas tecnoloxías, non lle gusta ler novelas  pero  está lendo, hai moitos tipos de lectores e moito tipo de lecturas… repito, ler máis e mellor, e os clásicos sempre, o que pasa é que os clásicos están nos itinerarios de literatura galega e literatura castelá, son as “obrigatorias” nos coles e aos rapaces iso non lles motiva moito.

Xa sabemos que non vai dicir que mito da literatura ten elixido,  todos temos algún mito, algún referente, nisto non é vostede  sincera...

Haberá máis sorte se lle falamos de literatura infantil e xuvenil,? Probamos? Por exemplo....Os crimes da rúa Morgue, de Poe, O principiño de Saint-Exupéry ?,  Robinson Crusoe de Daniel Defoe? Ou quizais Alicia no Pais das Marabillas de Lewis Caroll?....Toda literatura clásica. Que libro lle recomendarías a un neno ou unha nena de 13 ou 14 anos?

.. Alicia no país de las marabillas…. Que vos  podo....?.  Merquei onte, ...que pena, non o trouxen..., para o meu santo  o último que acaba de saír de  Alicia no País das marabillas, que é unha preciosidade é  que é para morrer… E do principiño...?, que dicir!

É  evidente que demos de cheo na diana, a respecto da literatura infantil e xuvenil con Alicia. Aínda que están cun proxecto encol das Aventuras de Huckelberry Finn  debido ao centenario de Mark Twain e a que no instituto durante este curso está como axudante para impartir aulas de lingua inglesa,  un profesor de historia,  dos EEUU,
.... estamos traballando a historia dos Estados Unidos, entón, aí está. Pero,  é que  o que merquei de Alicia  é unha beleza, e no club dos rapaces traballamos moito o álbum ilustrado por Rebecca Deutremer (Edelvives)

Este curso non so houbo premios para a biblioteca, tamén houbo un premio extraordinario de Bacharelato, neste caso é normal que todos nos queiramos sentir premiados,  á parte do propio alumno, o equipo directivo do instituto, os profesores do alumno. Pola contra ninguén se quere facer responsable do fracaso, os alumnos bótanlles a culpa aos profesores, estes din que os alumnos estudan pouco, e as familias din que os profesores esixen moito..... “entre todos la mataron y ella sola se murió”, non di así o refrán?

E tanto no éxitos coma nos fracasos  todos teñen parte de razón....

Claro, todos vemos o que nós facemos para que ese fracaso non exista, ou o que traballamos para que exista ese éxito, pero non vemos a outra parte porque é moi complicado poñerse no lugar do outro, incluso o que para algún é éxito para outro pode ser un fracaso e disto temos exemplos aquí, algún alumno brillante que non pode ir á universidade cursar a carreira que quere, e ten que cursar outra. Desde o meu punto de vista non fracasou, pero el seguro que pensa o contrario.

Hai  consenso social acerca do éxito escolar e do fracaso escolar,  temos que basearnos nese consenso que existe, existe o fracaso, existe o éxito e hai unha responsabilidade compartida tanto nun caso como no outro......

 Levo neste oficio  24 anos, que non son dous, e a miña experiencia dime  que a familia é fundamental, e non estou dicindo que o fracaso estea sendo só da familia, a familia é fundamental. Se a familia  fomenta hábitos de traballo, se fomenta a cultura do esforzo co  seu  exemplo temos moito conseguido. “Se ti les, eles len” , é verdade. Se nas casas entra prensa, se os pais len  aínda que sexa sobre fotografía; se len, os rapaces tenden a ler.  Esa cultura do traballo e do esforzo, o gusto pola lectura,  ten que ser inculcada na casa.

Ocorre que como somos humanos sempre culpamos ao outro do fracaso, lembramos  aquilo de “xa sabes que Pepe tivo un accidente, pero  o culpable era o outro”, e o outro era un poste....

Exactamente, eu ía pola rúa e cruzóuseme  un poste

  A xefatura de estudos, que tería moito que facer neste campo ?

A dirección ten moito que facer nun centro, aquí me parece que non debemos ser illas, eu creo que a xefatura de estudos tería que estar aí, diante, intentando que os cambios de metodoloxía ou os que supoñan melloras no traballo diario  se produzan no centro, pero ás veces, .. mordemos en óso eh, é dicir, pode dicir moito a xefatura de estudios, pero logo a xefatura de estudos… entendédeme ben,.. non ten  armas,  se vostede non quere, a xefatura de estudos, non pode facer nada…

Nós temos unha teoría, seguramente equivocada, pénsamos que, a xefa de estudos, o director deben estar onde se fala dos problemas, corredores, sala de profesores..

“ é que estás pouco na sala de profesores, é que non vas tomar café nos recreos á cafetería”, dise iso pero é que claro, na hora dos recreos, eu teño que estar no despacho, porque é cando os alumnos  e os profesores  están libres,  no recreo, e veñen aquí cos  problemas ou cuestións que se lles presentan.  É  así, é literal, isto que fago aquí (ollar pola ventá os rapaces que están xogando nas pistas) eu fágoo tódolos recreos, hai dous profesores aí fóra, pero eu estou aquí, mirando os rapaces que están xogando

Hai profesores  que botan de menos tamén,  que haxa unha xefa de estudos que ande polos corredores  e de vez en cando poña orde cando algún alumno o necesita.

En cambio os rapaces sempre din o contrario, é que sempre nos tes que vir a berrar, ademais hai moi pouco tempo para andar polos corredores e non só para andar polos corredores, hai moi pouco tempo para os profesores que queren levar adiante proxectos, para preparar actividades porque a nosa Administración non nolo permite, cada vez somos menos, malia estar implicados cada ano en máis proxectos

Se falamos de adaptacións curriculares, estamos falando dunha forma encuberta de segregación? Débese adaptar o currículo ou transformar a realidade para que os estudantes poidan seguir co  currículo sen problemas?

Eu creo que hai que adaptar o currículo , e adaptalo ás necesidades dos rapaces, “novos tempos, novos medios, adaptación dos currículos”

entón é unha segregación porque os “malos”....

non, non están segregados porque non están separados, é que se non adaptamos os programas aos que teñen  menos capacidades....

…e a de non  transformar o currículo, non rebaixar ,  traballar de outra maneira, modificar o punto de vista dos alumnos, así  eles poden seguir o establecido nos currículos, non rebaixar o coñecemento....

non eu non  dicía eso, eu dicía adaptación, pero iso que supón? Que necesitamos medios,  profesorado de apoio....

os  PCPIs  ou a diversificación curricular agochan un fracaso …

iso xa o sabemos, estamos totalmente de acordo.  Eu non me refería aos  PCPIs, estou a pensar nun primeiro da ESO no que hai  nenos con necesidades educativas especiais e  soamente temos profesor de apoio nas linguas.

Actualmente hai propostas didácticas como “as comunidades de aprendizaxe”, en Cataluña funcionan e a Comunidade Europea financia un proxecto relacionado con esta propostas. A idea é simple, organízanse grupos na aula, os que máis saben axudan  aos que saben menos (todos se benefician), en cada grupo está un adulto (voluntario que dinamiza o grupo). Toda a comunidade se enriquece, o profesor xestiona a clase e as tarefas, isto empezou en Harward como experiencia de integración

iso sería marabilloso…

Se  propoñemos esta metodoloxía á dirección que diría? 

Non sei o que di a dirección,  eu digo onde hai que asinar e onde teño que pedir  os meus axudantes

ou sexa que está vostede  polas comunidades de aprendizaxe…….

Eu si, pero eu eh, a dirección non sei......

Para rematar falemos un pouco da materia que vostede imparte, nós pensamos que hai maldicións bíblicas  como a que Deus pronunciou ante  a Adán e Eva dicíndolles  que gañarían o pan coa suor da fronte....e disque tamén deixou dito  que os españois pasarían a vida aprendendo inglés  … iso é certo? …

Si, iso é verdade iso é unha maldición bíblica,  é un pouco asi pero o inglés está empezando a non ser unha asignatura pendente, e podo dicir que os nenos que están en seccións bilingües desde os 6 ou 8 anos asumen que o  inglés é como o galego, como o castelán e que hai que falalo.  Este ano eu estou comprobando que os rapaces de 1º de ESO comezan a velo como unha ferramenta máis, non o toman só como unha materia

É unha namorada das aulas virtuais, acaba de descubrir as posibilidades da plataforma Moodle con todo o seu potencial para o traballo de colaboración, e destaca a utilidade que teñen os chats, as wikis, ou os glosarios ou os foros que permite crear Moodle na ensinanza do Inglés

Cantas máis linguas se saiban mellor se aprenden, e mellor se aprende a seguinte …

Quere dicir quen ten máis facilidade para aprender inglés, para comunicarse en Picadilly en inglés un de Cacheiras ca un de Salamanca?…

Si, o de Cacheiras sempre se é bilingüe, eu creo que si, cantas mais linguas sabes, tes mais facilidade

Cal é o método máis recomendable?

Para min a inmersión na lingua, … e se queremos  aprendelo aquí? …non, cando digo  inmersión, non me refiro a irse a Inglaterra, que iso xa é..., un tempo alí e ves falando inglés. Non eu digo que   partindo da base adquirida ata o bacharelato débese  ler moito, escoitar moito, e se é posible  ir a unha clase de conversa. “Menos samba e máis traballar”, menos gramática e máis conversa

Cal é o seu referente como ensinante?, ten algún referente? 

Si, un  profesor  que nunca esquecerei, cun profesor de Matemáticas que me dou clase no bacharelato, don Ramón, que en 6º de bacharelato, un 7 de febreiro morreu dun cancro, nós saiamos da clase sabendo matemáticas, era extraordinario, non me acordo agora mesmo do apelido, don Ramón. Tamén teño outro referente, Jose M. González Reboredo, deume Historia en COU e o señor Fernandez Barja, foi profesor meu en Maxisterio, a mis eses tres… e ademais fixádevos... estoume dando conta agora mesmo, eran homes….

Tense arrepentido de algunha actuación como Xefa de Estudos?

Si,  un día chegou un pai aquí, que nos tiña a todos moi fartos e levanteille a voz, e iso si que me parece que nunca debería ter feito, estaba mantendo unha relación sumamente conflitiva con  profesores e  alumnos,  intentaba acusar a un rapaz de algo moi grave, entón eu púxenme tola, enfadeime moito, e si que  de eso me arrepinto.

Ás veces  cando a xente di neste despacho cousas e despois fóra vai con outro discurso, porque saben que o que se di aquí é sagrado para min,  arrepíntome de non  dicir, “sch, ti alí non dixeches iso”. Pero calo e prefíroo, non sería eu se o que aquí se fala, o contase fóra.
.
E para rematar esta entrevista que lle apetece dicir?

…para rematar? Pois, eu teño que dicir que estou moi a gusto neste centro, a pesar de que ás veces haxa algunha pequena trifulca,  estou orgullosa de como  traballamos.  Que o podiamos facer moitísimo mellor? Pois si.  Que teriamos que ir mais cara ao traballo en equipo ? si, que tiñamos que..

Ben, aquí rematamos

Pois moitas gracias