Sexta charla do ciclo ContandoCiencia

O ciclo ContandoCiencia chega ao seu fin este curso cunha charla do biólogo Xurxo Mariño. A Casa da Cultura de Fene acollerá o mércores 1 de xuño ás 19:30 a derradeira sesión que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. O protagonista desta sexta e derradeira charla será o doutor en Bioloxía e profesor da UDC Xurxo Mariño. A charla, que leva por título “Unha mirada á evolución da linguaxe”, terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Fene con entrada libre e de balde até completar o aforo.

Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) é biólogo e Doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC (1998), profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña (na actualidade en excedencia).

Especializado en neurofisioloxía, forma parte do grupo de investigación Neurocom da UDC, así como de varias sociedades científicas estatais e internacionais. Ten publicado traballos de investigación en revistas especializadas e colaborado co Massachusetts Institute of Technology (MIT), onde desenvolveu as súas investigacións de posdoutoramento.

O seu traballo de investigación en neurofisioloxía céntrase no estudo dos mecanismos sinápticos de distintas vías sensoriais a nivel talámico e pretalámico, na interacción tálamo cortical e no regulamento dos niveis de actividade encefálica global no ciclo sono-vixilia.
Paralelamente, ten desenvolvido software especializado de estimulación, rexistro e análise electrofisiolóxico, e colaborado no desenvolvemento de ferramentas estatísticas de análise.

Realiza múltiples actividades de divulgación do coñecemento científico, procurando ademais a interacción co mundo das humanidades