Skip to Content

Biblioteca

III Feira TecnoCienciArte: luns 10 de xuño

O luns 10 de xuño celebraremos a terceira edición da Feira da Ciencia, da Tecnoloxía e da Arte, Tecnocienciarte. 

Terá horario de mañá e de tarde. Todo o alumnado do centro visitará os distintos postos e tamén o farán estudantes de 6º de Educación Primaria. 

Pola tarde, estará aberta ás familias que queiran achegarse ao centro para ver os traballos e proxectos desenvolvidos este curso.  

A feira contará este ano con 24 postos nos que se poderá participar en scape rooms, kahoots, escoitar a exposición de diferentes traballos ou mesmo saír cun novo peiteado ou con algún agasallo. 

O plano da feira será o seguinte: 

 

 

 

Letras galegas 2024: Luísa Villalta

O alumnado de 4º ESO de Proxecto competencial elaborou este curso a exposición de carteis das Letras galegas, dedicadas a Luísa Villalta. 

Podedes encontrar máis información sobre Luísa Villalta no Portal da Lingua. Alí podedes acceder a outras exposicións de carteis sobre a autora. 

II Día da literatura caboverdiana

Imos celebrar o IIº Día da literatura caboverdiana coa lectura continuada de "Siriaco e Mister Charles" de Joaquim Arena, novela galardoada co premio Oceanos. 
 
O martes 21 e mércores 22 de maio de 18:00 a 19:00h haberá sesións de animación á lectura da obra. 
 
O martes 11 de xuño terá lugar a lectura continuada na biblioteca do IES Perdouro .

Encontro literario con María Reimóndez

O martes 14 de maio María Reimóndez conversará co alumnado de 2º de ESO sobre a obra Furia.

 

 

Presentación da charla formativa aberta: "As altas capacidades"

Programamos unha ponencia sobre as altas capacidades. Olalla Méndez Arias, orientadora, axudaranos a coñecer e comprender mellor as altas capacidades para contribuír ao desenvolvemento intelectual, social e emocional dos nosos adolescentes. Saberemos como detectar as altas capacidades, como evolucionan e como atendelas ao longo da vida.

Conferencia aberta a todas as familias de adolescentes ou preadolescentes. É preciso anotarse chamando ao 982 87 01 02. 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca do IES Perdouro.

Mércores 08/05/2024 ás 18h30

 
Accede á presentación AQUÍ

Encontro e Ruta literaria con Lois Pérez

O xoves 09 de maio teremos a Lois Pérez na biblioteca para conversar co alumnado de 1º de ESO sobre a obra A Tribo do mar. 

Logo fará unha pequena ruta ata o pavillón Vista Alegre con alumnado de 4º ESO PDC e co alumnado do club de lectura do IES Monte Castelo.

 

Rúa da Microrrede - Exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña

 

O martes 7 de maio, ás 17h00 inaugúrase a exposición anual da Microrrede de Bibliotecas Escolares PLAMBE da Mariña á que pertencemos. 

As obras que aí se presentan brinda unha pequena homenaxe a Ibañez, humorista gráfico creador de Mortadelo e Filemón.

O cartel é obra da alumna de 2º de bach de Arte do IES Monte Castelo, Laura González Freire que agradecemos por brindarnos a portada que abre as portas ao noso traballo colaborativo. 

A exposición conta con 20 cadros e dun cómic artístico colaborativo, un por cada biblioteca da Microrrede, e poderá verse no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18h a 20h do 7 ao 10 de maio de 2024.

Accede o programa AQUÍ.

MICRORREDE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DA MARIÑA 

  1. EEI SAN ROQUE (Viveiro)
  2. CEP LOIS TOBÍO (Viveiro)
  3. CEIP de CELEIRO (Celeiro-Viveiro)
  4. CEIP Plurilingüe de COVAS (Covas-Viveiro)
  5. CEIP Plurilingüe SANTA RITA (Galdo-Viveiro)
  6. CEIP O VICEDO
  7. CEIP Plurilingüe PEDRO CASELLES ROLLÁN (Xove)
  8. CEIP PENÍNSULA DA PAZ (San Cibrao)
  9. CEIP de CERVO (Cervo)
  10. CEIP Fondo Nois (Foz)
  11. CEIP Plurilngue SANTA MARÍA DO VALADOURO (Valadouro)
  12. CEIP Plurilingüe VISTA ALEGRE (Burela)
  13. CEIP GREGORIO SANZ (Ribadeo)
  14. IES MARÍA SARMIENTO (Viveiro)
  15. IES VILAR PONTE (Viveiro)
  16. IES ILLA DE SARÓN (Xove)
  17. IES MONTE CASTELO (Burela)
  18. IES PERDOURO (Burela)
  19. IES ALFOZ-VALADOURO
  20. EOI Luz Pozo (Viveiro)

 

Exposción Especial BD para a Microrrede

A Microrrede de Bibliotecas Escolares Plambe da Mariña rende este ano unha especial homenaxe a Francisco Ibañez. A exposición conxunta que se celebrará en Viveiro do 7 ao 10  de maio leva por título 13 rúa da Microrrede, coincidindo coa edición nº 13 da exposición.

No IES Perdouro, quixemos plasmar nunha viñeta os protagonistas da familia Trapisonda de Ibañez. Para iso, inspirámonos no traballo da artista galega de banda deseñada, Bea Lena, recén galardoada no Festival de BD de Angoulème coa súa obra Corpo de Cristo. Ela borda os seus debuxos en formato téxtil.
 
Un grupo de alumnado de 4º ESO confeccionou empregando a técnica das arpilleiras (cosendo a man e a máquina, bordando e pasando o ferro) os elementos que ían compoñer a viñeta de 95x75cm. Os retais foron doados por Arranxos a quen agradecemos moito a súa xenerosidade. En definitiva, fixemos un traballo cooperativo de custo cero. 

 

Tamén participamos cunha viñeta nunha tira cómica colaborativa, Supermariña e Martiño, entre os 20 centros que forman a Microrrede. O resultado final desta aventura poderá verse na exposición da Sala de Multiusos do Concello do Viveiro ou AQUÍ.

Podes ver a reportaxe de fotografía AQUÍ.  

Ademais, temos feitos uns xogos para medir os teus coñecementos en canto a personaxes de BD. Aceptas o reto? Adiante.

 

 XOGO 1 . Heroes e heroínas de BD

 

XOGO 2: Personaxe de BD francófonos

Vídeo resumo da I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia

A nosa coordinadora de Convivencia, Yolanda Fernández, preparou un vídeo coas mellores imaxes da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, uns días nos que quixemos reforzar a vosa conciencia emocional. Agardamos que estas imaxes vos transmitan emocións que gardedes como bos recordos. 

Podedes acceder a máis imaxes das distintas charlas e talleres: 

- Charla de resiliencia

- Taller de baile

- Taller de Imaxe Persoal

- Taller de teatro

- Taller de maxia

- Taller de comida saudable

- Charla coas familias: a comunicación cos adolescentes

- Recital de Lúa Mosquetera (pendente subir  fotos)

- Taller de cociña con sobras

- Taller de xabóns

- Taller de meditación

Día do Libro: Don Quixote da Lúa

Imos rematar o Día do Libro facendo unha humilde homenaxe ao noso cabaleiro andante máis universal e ao seu autor, a don Quixote da Mancha e a Cervantes. O alumnado de 1º de bacharelato leu os capítulos máis recoñecidos desta obra cume da literatura española e fixeron unha breve representación dos feitos que don Quixote e Sancho Panza viviron por todos aqueles lugares polos que pasaron.
 
En 3º de ESO, este mesmo alumnado imaxinara e creara uns Quixotes do s. XXI. Eses traballos gardáronse e, neste curso, no que ese alumnado está cursando 1º de bacharelato, recuperamos os Quixotes modernos, do noso século, e fixémoslles vivir as andanzas do Quixote de Cervantes. Eiquí vos amosamos o primeiro traballo presentado. 
 
Noelia Paz Blanco e Elena Pumares Dorado, alumnas de 1º BAC A, recrearon o capítulo do Quixote de Cervantes no que o escudeiro de don Quixote, Sancho Panza, envía unha carta e uns agasallos á súa dona, Teresa Panza, que quedara na aldea coa súa filla. Nesa carta, Sancho cóntalle á súa familia que xa é governador da súa tan ansiada ínsula, feito que non é máis ca unha argallada máis que lle fan os duques que os acolleron. 
 
Pero, Noelia e Elena foron máis aló do capítulo de Cervantes. O seu don Quixote, o seu Sancho Panza e a súa Teresa Panza viven no s. XXI. Trátase de don Quixote da Lúa, un Quixote creado e ilustrado por unha exalumna do centro, Shiva, ao que lle demos á palabra neste fermoso traballo. O vídeo é caseiro, pero o contido é marabilloso. A interpretación e a recreación de Noelia e Elena son magníficas. Non perdades detalle destas personaxes quixotescas adaptadas ao noso tempo, sen perder, en ningún momento, a esencia cervantina.
 
Mª José Andión Fontela - Profesora de Lingua e literatura castelá
 
 

Día do Libro 2024: A nosa vida en libros

O alumnado de 2º ESO preséntanos a súa vida en libros. Coa axuda da súa profesora de Lingua Castelá, Mª José Andión, elaboraron maquetas ou murais nos que colocaron nunha árbore os libros que influíron neles desde a súa máis tenra infancia ata a actualidade. Logo teñen que expoñer esas lecturas emocionantes aos seus compañeiros de clase. 

As árbores están expostas por distintos lugares do centro. Son unha preciosidade!

 

Convocatoria aberta! Certames literario e imaxe A.C. Os Matos

 Convocamos os Concursos anuais da Asociación Cultural Os Matos.

Buscamos os mellores traballos de poesía, relato curto e debuxo que exploren a temática das viaxes, das travesías tanto emocionais como físicas. Compartide a vosas experiencia ou botade a voar a vosa imaxinación.

Tedes ata o 20 de maio para participar. 

Entregaremos dous premios en cada categoría.

Lembra: en lingua galega. 

XVII Concurso literario     
    + de relato curto  
    + de poesía
 
XVI Concurso de Imaxe

Ver bases aquí.

 

Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°30.

Tedes ata o 20 de maio para participar. Lembra: en lingua galega.


 

 

 

Falan da Semana do Benestar e a Convivencia en Radio Cope

A raíz da primeira actividade da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, Ana Lestao (alumna de 4º ESO) e Yolanda Fernández (coordinadora de benestar e convivencia do IES Perdouro) foron entrevistadas en Radio Cope. 

 
AQUÍ tedes o enlace no que podedes escoitar a entrevista. Nela resumen a temática da charla de resiliencia da fisioterapeuta Raquel Marqués e informan sobre o resto de actividades preparadas para esta semana. 
 
Ben falado!

Charla formativa aberta para familias: "A comunicación cos adolescentes"

Contaremos coa psicóloga Nuria Revuelto Crespo para abordar a comunicación cos adolescentes. Esta actividade insírese no programa Lectura e Familias e tamén dentro da celebración da I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia do IES Perdouro. 
 
A especialista en Educación Emocional impartirá un obradoiro destinado a nais e pais para a adquisición de habilidades e competencias persoais e emocionais no ámbito familiar dos adolescentes co obxectivo de reducir os conflitos e mellorar a convivencia xestionando de forma apropiada as emocións negativas e aprendendo a xerar emocións positivas.

Aberta a todas as familias de adolescentes ou preadolescentes. É preciso anotarse chamando ao 982 87 01 02.

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca do IES Perdouro.

Mércores 10/04/2024 ás 18h30

 

I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia no IES Perdouro

Despois dunha traxectoria de varios cursos atendendo á Educación Emocional do alumnado, organízase a Iª Semana do Benestar Emocional e da Convivencia.

O IES Perdouro participa ademais no programa Educación Responsable e esta semana de actividades comparte obxectivos co programa anterior: 

1. Promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias.

2. Coñecer e comprender o que é a educación emocional, social e creativa. 

3. Utilizar a propia competencia emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e laboral. 

4. Incorporar na práctica educativa o desenvolvemento das competencias emocionais, sociais e creativas no alumnado. 

5. Contribuír á mellora do clima de convivencia no centro educativo e ao éxito escolar do seu alumnado.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut